Como é sabido, o pasado 2011 celebrouse o centenario do nacemento de Cunqueiro, onde os todólogos ou ominólogos falaron e falaron repetindo sempre os mesmos tópicos e dentro do política e culturamente correcto. Hoxe publicamos aquí un artigo de Rafael Chacón onde se analizan aspectos da tradución do Merlín ao castelán que non adoitan aparecer nas publicacións da cultura oficial onde sempre botan a mesma canción os mesmos de sempre…
MERLÍN Y FAMILIA. DIFICULTADES DE LECTURA
Por Rafael Chacón Calvar
Non lera Merlín y familia de Cunqueiro en castelán ata hai uns días, cando merquei as súas Obras literarias, I e II, na súa segunda edición de 2011, ano do centenario do escritor, publicadas pola Biblioteca Castro. A preparación e coidado dos textos corre a cargo de Xosé M.ª Dobarro Paz, da Universidade da Coruña, e os prólogos de cada un dos tomos son obra de Miguel González Somovilla, responsable de comunicacións da RAE, que está a preparar unha tese de doutoramento sobre o Cunqueiro xornalista. Aínda que nada se di, o tradutor é Cunqueiro, que xa non asinou como tal en 1957, que foi cando se publicou por primeira vez en castelán a obra na editorial AHR de Barcelona. Debemos entender que en castelán Cunqueiro é só autor, coma se a obra fose de novo escrita ou recreada neste idioma e non só traducida? Algo hai diso, porque o autor fai modificacións con respecto ao orixinal galego ás que ningún tradutor que non fose á vez autor se atrevería.
O caso foi estudado por algunhas autoras xa desde 1991 (Blanco Luisa: Algunos problemas de la traducción de Merlín y familia de A. Cunqueiro. Verba 15 (1991). Aí analízanse e póñense en evidencia os problemas de tradución como omisións de palabras ou parágrafos que aparecen en galego pero non en castelán, e ao revés, amplificacións do texto en castelán, adaptacións e malas traducións de galeguismos, emprego de falsos sinónimos de tradución, ambigüidades e imprecisións no uso dalgunhas palabras. Pero estes problemas afectan á correspondencia ou non entre orixinal e versión ou tradución, non á lexibilidade do texto de Cunqueiro en castelán.
Algo parecido di Rexina Rodríguez Vega en A tendencia á hipercorrección do escritor bilingüe. O caso das traduccións ó castelán de Álvaro Cunqueiro (en Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Alonso Montero. USC, 1999), onde engade aos posibles casos de ultracorrección os cambios de rexistro ao pasar dun idioma ao outro (do familiar ao vulgar, do coloquial ao estándar ou formal…). É difícil falar de ultracorreccións nestes casos, especialmente se a busca da ultracorrección é un uso marcadamente normativo e mesmo literaturizante da lingua de chegada como di a autora. En todo caso, seguen a ser problemas de correspondencia ou de correferencialidade entre unha lingua e a outra. Malia sinaleren algúns defectos, para estas autoras estes parecen ser soamente defectos de tradución, que non rebaixan a calidade literaria da obra. Na súa opinión, en Cunqueiro desaparece a oposición entre o orixinal e a versión, xa que o autor non traduce, reescribe a obra de acordo cos valores da comunidade receptora da lingua de chegada como di Mª do Cebreiro Rábade Vilas en Políticas e poéticas de segunda man. A espectralidade no proceso de traducción.
Parece, pois, que o que é nun principio se dá como defecto ao final non é senón un máis dos recursos creativos do autor. Non o dubido, ou si o dubido, pero en todo caso non quero enfrontarme coa obra de Cunqueiro a partir dalgúns dos múltiples problemas que supón unha tradución ou unha autotradución. Falarei como un simple lector que en ocasións ten algunha dificultade de lectura, e que aquí, nesta edición de Merlín y familia da Biblioteca Castro, como están prohibidas as notas tanto a rodapé como ao final do capítulo ou da obra, nada se pode aclarar, como tampouco se aclarou noutras edicións. Só me importará a coherencia interna do texto producido en castelán. Irei citando cada dificultade pola páxina en que se atopa nesta edición.
Aínda que se dan , ás veces, como erratas algúns casos son simplemente erros que habería que emendar. Así na páxina 29 dise: …un hilo que habéis de atarlo al limosnero. Non é limosnero, senón limonero como tradución do orixinal galego limoeiro. Na páxina 35 dise:…en el medio llevaba en dos tieras de la masa una cruz… Esas tieras son tiras, tal como indica o texto en galego.
Na páxina 36: aparece: Desperté en mi catre, y don Merlín estaba sentado en la ducha, a mi lado y me sonreía. No orixinal galego había un hucha, nunca ducha, que Cunqueiro traduce, e mal, en anteriores edicións polo castelán hucha cando en galego o seu significado é o de arca. Noutras ocasións en que aparece hucha no texto galego Cunqueiro xa traduce por arca (p.62, p.64), arca banquera (p.73) No caso que nos ocupa, esa hucha mal traducida por Cunqueiro transformouse agora nunha inesperada ducha e con Merlín sentado nela.
Na páxina 58 dise: …es muy parroquiano, salvo en los huertos. Este huertos debe ser un cuartos, referido a diñeiro como se escribe no orixinal galego. Na páxina 84 dise: No existía casa que el viejo hospital peregrino. Falta un más ou un otra entre existía e casa. O texto galego é: …non había outra casa que o hospital dos peleriños . Na páxina 87 dise: El río donde ahogó el ratón. Debe dicir se ahogó tal como aparece en galego, aínda que aquí o rato es unha ratiña: … o río onde se afogou a ratiña? Na páxina 91 dise: …la primera carlista…Debe ser carlistada tal como aparece en galego:…a pirmeira carlistada…
Outros problemas débense á elección por parte de Cunqueiro dalgúns termos ou frases casteláns como tradución ou versión dun orixinal galego, do que ás veces se afasta e bastante. Volvo dicir que non quero expoñelos desde a teoría da tradución ou das interferencias de dúas linguas en contacto, nin se traducen ben ou mal o galego, senón que as examinarei como un simple lector de castelán, que ás veces ten problemas con algunha palabra ou frase. Non me preocuparei por adiviñar o significado de cousas como triaca prepósita ou mixtura de soleo, nin tampouco de galeguismos crus como billa, amolecer ou palleta, xa que o autor os usa como trazo de estilo e para caracterizar a súa prosa. Referireime só a palabras ou frases que interfiran a compresión. Na presente edición da Biblioteca Castro, como non admite notas a rodapé nin ao final de capítulo ou da obra, non hai posibilidade ningunha de aclarar o significado destes
casos.
Na páxina 14 aparece charcos lodaneros que traduce un galego lamagueiras. Nin o DRAE ni ningún outro dicionario de español rexistran lodanero, pero Cunqueiro úsao porque lle parece que está motivada de forma clara a súa su relación con lodo, coma se fose un derivado. A palabra gústalle porque a usa en varios artigos máis referidos a ríos como o Jalón, o Carrión ou á lagoa de Antela, en Ourense. Tamén está lodanero na primeira páxina de El caballero, la muerte y el diablo, que seica estaba escrita xa en 1945, co que , se isto é así, a invención é vella. Cunqueiro prefire lodanero a enlodado, aínda que lle produza dúbidas ao lector que non acaba de ver a súa vinculación con lodo.
Na mesma páxina Cunqueiro escribe :…el trigo vallino y el centeno montañés… que traduce o galego trigo valeco i o centeo das chairas. Ningún dicionario de español recolle vallino ou vallina, que Cunqueiro usará noutras ocasións. Todo apunta a que vallina é unha forma dos dialectos romances occidentais que equivale a pequeño valle, pero hoxe é un arcaísmo. En galego é valiña, que soamente se conserva como topónimo. E valeco é unha forma inventada en castelán, cuxa relación con valle non é percibida por un lector non filólogo. Polo tanto, trigo valeco é un sintagma absolutamente opaco para un lector de castelán. A segunda parte da frase en galego, o centeo das chairas ten fácil tradución por el centeno de las llanuras ou de los llanos, pero Cunqueiro prefire traducir por centeno montañés, para opor o val á montaña.
Tamén nesa páxina aparece: …a las anchas sementeras, a los barbechos que huelgan las colinas antiguas, a los pastos del Rey… que traduce : ..as longas gándaras, as terras de folgado, as brañas de El Rei… Nada que opor se Cunqueiro quere substituír gándaras por anchas sementeras ou brañas por pastos. Está no seu dereito a cambiar o que queira en castelán, que para iso é o autor, aínda que tamén tradutor. Non obstante, non se entende en castelán barbechos que huelgan las colinas antiguas.. que quere traducir o estupendo galego de as terras de folgado. Folgado en galego significa en descanso, en folga (terra de labor), polo que abondaría en castelán con pór tierras de barbechos e non esa frase en que non se comprende iso de que os barbeitos folguen as colinas antiguas.
Na mesma páxina, un poco máis abaixo Cunqueiro escribe: …oía las batinadas del mazo de los herreros. Tampouco aparece en dicionario ningún este batinadas, que traduce o galego badeladas . Badeladas, ou mellor badaladas, refírese aos golpes que dá o badalo na campá. Badalo é, pois, badajo, en castelán. Cunqueiro, en galego, amplia o significado de badelada e fai que se refira ao ruído dos mazos do muíño. Inventa batinada, que parece querer ser un derivado do verbo batir, ou dun suposto *batinar, pero o lector de castelán non percibe esta motivación,. Axuda, á súa compresión, non obstante, que apareza ante o sintagma mazo de los herreros. En castelán, mellor que batinada sería batanada, derivado de batán que tamén está en galego.
Ao final desta páxina aparece : …(se ve)…las eras de centeno darse en ondas, como el mar, al amor de la brisa… en que eras de centeno traduce o galego centeeiras, que significa campos de centeo. O centeo, cando está na eira, xa está cortado e xa non pode ser obxecto da metáfora das ondas do mar como cando está no campo.
Na páxina 18 disé de Norés que é un can luntrero.. En ningún dicionario de castelán atopamos luntrero, que é outra invención de Cunqueiro para traducir o galego lontreiro, que os dicionarios non rexistran. Londra (no *lontra) e variantes (londre, lóndrega, londria, lóndriga, lundre, lundria…) significa en castelán nutria. A tradución sería pois perro de nutrias, que tamén traduce o francés chien de loutre e o inglés otterhound. O can de londras aparece como raza na Inglaterra de mediados do XIX. Desde alí puido traelo Merlín ás terras Miranda, pero en castelán dificilmente o entenderían se usase perro luntero para perro de nutrias.
Na páxina 27 aparece: Dos días y dos noches estuvo dama Caliela con el emperador contándole los partes secretos de Gazna y la puerta falsa de la ciudad. Non alcanzamos a ver qué pode ser iso de los partes secretos, como non sexan las puertas secretas. En galego tamén vai en masculino: …contándolle os parte secretos de Gazna…
Na páxina 28 dise que o camiño de Quita-e-Pon: …por estar en el canuto de hierro en el desván, se orinó y ahora no se suelta más de cuatro o cinco leguas. Ese orinó en galego era enferruxou. É dicir, encheuse de ferruxe, oxidouse; non se orinó.
Na páxina 19 e nas 31, 32 e 33 aparece un cornudo, que traduce o orixinal galego de escornaboi, que debe ser escornabois, co segundo elemento en plural. Escornabois ou vacaloura é nome galego do ciervo volante ou volador castelán. Non parece adecuado, nin un lector de castelán o entende, que a palabra cornudo se refira a este escaravello cuxos machos teñen grandes cornos. Non atopo nos dicionarios de castelán cornudo co significado de escornabois/vacaloura. Hai bufos e lagartos cornudos, pero os cornudos, así sen máis, son outra cosa.
Hai un castaña mayega na páxina 32 que traduce castaña maiola, que en galego vale polo castelán castaña pilonga. Non lle debeu de gustar esta combinación de castaña e pilonga a Cunqueiro, que a substituíu por castaña mayega. Non atopo mayega nos dicionarios de castelán, pero si volvemos a mirada ao Oriente de Galicia, vemos que alí mallega se aplica á malla do trigo ou do centeo nas eiras. En zonas de Asturias próximas a Galicia e con yeísmo, din, e escriben, mayega, que nada ten que ver coa castaña e si coa sega e a posterior malla, que en castelán é a trilla. Polo tanto, castaña mayega non traduce o galego castaña maiola, que é a castaña pilonga castelá. Mayega non é tradución de maiola, senón só imitación fonética.
Ese mesmo afán de querer conservar en castelán a fisionomía da palabra galega lévao a traducir o galego trafego que significa faena ou traballo obrigado polo castelán tráfico, circulación de vehículos, tránsito de persoas ou mercancías. A frase galega é: Era o meu trafego de cada día, e a castelá da páxina 33: Era mi tráfico de cada día.
Na páxina 39 aparece: … una nipota del gran emperador. Nipota, supomos que por amante, querida, barragana… non o rexistran os dicionarios casteláns. Parece estar relacionada con nepote ou nepotismo. En italiano nipota vale por sobriña ou por neta.
Na páxina 45 hai un sal prestigiado, que é un galeguismo en castelán, ya que sal nesta lingua é feminino. Traduce un orixinal galego sal de preste. Non logramos saber que pode significar este preste (en galego estándar sacerdote) e no texto castelán qué quere dicir sal prestigiado. O mesmo nos pasa na páxina 57 coa frase: Era vendedor de caramitas o agujas de marear, prospectos de la figura cata…. na que tampouco sabemos qué quere decir prospectos de la figura cata. En galego ese figura cata aparece entre comiñas, coma se tivese un significado ou un referente non usual, pero nada nos deixa entrever a que se refire en ningún dos dous idiomas.. Tamén na página 77 aparece un papel de espiritu de sen, que é unha medicina pero non sabemos cal poida ser.
Na páxina 55 di: Lady Tear dio un gran grito y cayó privada en el suelo donde fracasó, migas de plata y vidrio que ahora están ahí, en esa caja de mérito. Sorprende o uso do verbo fracasó neste caso e seguido sen máis de migas de plata y vidrio que non dependen del e si dalgún outro verbo que se omite. O verbo usado en galego é esnaquizou, que significa romper en anacos pequenos.
Na mesma páxina aparece: …y mosiu Vermeil embarcó en Génova con ambos cuerpos, y tardó siete días en llegar a Dover, que la dejó delante de Lisboa un viento flaco. Non sabemos a quen se refire ese la en la dejó. Se consultamos o orixinal galego vemos algunha diferenza e máis corrección gramatical. En primeiro lugar, en galego non tardan sete días, senón sete semanas en iren de Xénova a Dover e a causa é claramente a falta de vento … e tardou sete semás en chegar a Dover, que o pillou didiante de Lisboa un ventro fraco. En castelán ese estraño la dejó é en galego o pillou.
Na páxina 59 aparece. ..y hasta me durmiera alegre, medio ensoñando brincos con doña Ofelia. É galeguismo o uso de durmiera por dormí, non por había dormido, xa que esta forma do pluscuamperfecto de indicativo non aparece nunca na tradución ao castelán, e soamente aparecen as formas en –ra para galeguizar ou arcaizar a súa prosa en castelán. Pero é ese brincos o que ofrece confusión. En castelán non ten as connotacións eróticas que ten en galego, pois brincar, además de dar saltos, tamén significa facer cousas que entreteñen e divirten, xogar. Mellor que brincos, brincadeira que significa diversión, broma, pasatempo, xogo, e así tamén xogo amoroso ou erótico.
Na páxina 64 Cunqueiro escribe: ..surgió el silbido tan cerca que sentí la verga del aire en la nuca. Verga significa rama delgada e sin follas. Non entendemos a posible metáfora, a non ser que compare o golpe dado cunha verga (vergajazo) co golpe de aire na caluga.
Na mesma páxina dise: Bajó el cesto y acudió mi amo a levantarle la tapa. O suxeito dese bajó non pode ser unha terceira persoa, pois é Felipe de Amancia o que leva o cesto na mula e o que fala en primeira persoa. Polo tanto non é bajó, senón bajé, tal e como o corrobora o orixinal galego: baixei.
Noutras ocasións o erro está nalgún fallo gramatical que pasa do galego ao castelán como o que aparece na páx. 18:…le quitaba de mala gana el sombrero a los clérigos. Ese le deber pasar a les para que concorde con a los clérigos. En galego pasaba o mesmo: ..quitáballe de mala gana a pucha aos cregos, en que ese –lle enclítico debe pasar a –lles. Por outra banda, tanto a frase castelá coma a galega son ambiguas, pois ademais de que sexa o personaxe, José do Cairo, o que quita o sombreiro tamén se pode interpretar que llelo quita aos clérigos. O mesmo pasa na páxina 63: Tentado estuve de mandarle que me quitase la pamela como yo le quitaba a él la gorra o montera. Non quitan unha ou outro a pamela ou a gorra, senón que o anano do castelo debería descubrirse ao seu paso coma el, Felipe de Amancia, se descubría cando pasaba o anano.
Na páxina 36 está mal usado o pronome le na frase: …vi en el suelo, entre la hierba, la rosca de pan trigo pero no le toqué, na que se debe cambiar ese le toqué por la toqué, para evitar ese leísmo. O erro está xa no orixinal galego, no que Cunqueiro escribe…vin no chan, entre a herba, a rosca de pan trigo coa cruz, pro non lle toquei. Ese lle (castelán le) debe ser a (castelán la), para non cometer en galego un lleísmo que calca un leísmo castelán),
En ocasións falta a preposición a diante do complemento indirecto cando é obrigada. Por exemplo, na páxina 58: Compró el espejo Alsir, y lo vendió en Elsinor de Dania una condesita que vive en aquel castillo > ..a una condesita… No orixinal galego si aparece a preposición: Mercou o espello Alsir e vendeullo en Elsinor de Denia a unha condesiña… O mesmo na páxina 60 falta ante o CD de persoa: …para ver en su campo esa doña Ofelia > a esa doña Ofelia. Como no caso anterior, en galego está a preposición: …para ollar no seu campo a isa dona Ofelia.
Na páxina 75 aparece a frase: El demonio lo echaron, pero el señor de Saboya quedó muy blando… que traduce literalmente o galego O demo ben o botaron… no que si é correcto que non leve preposición. Polo tanto, en castelán debía quedar Al demonio lo echaron…
Algunhas veces o verbo reír aparece sen o pronome, cando é preciso. Na páxina 89 rexístrase : …comenzaron a reír de mi amo… que debe ser: …comenzaron a reírse de mi amo. No orixinal galego aparece reírse. O mesmo na mesma páxina na frase ¡No burléis! Tradución literal do gallego ¡Non bulredes!, na que tamén falta o pronome. Xa que logo, debe ser ¡No os burléis!
Cunqueiro, Álvaro: Merlín y familia en Obras literarias I y II. Biblioteca Castro. Madrid, 2011. (90 euros)