Por Manuel Rodríguez Alonso
Laura no deserto
Antón Riveiro Coello
Galaxia, Vigo, 2011, 723 páxs.
Riveiro Coello consegue con esta novela de setecentas vinte e tres páxinas unha grande obra onde combina de xeito adecuado a polifanía de distintos narradores, así como espazos e tempos diferentes, logrando ademais manter o interese do lector ao longo de tantas páxinas ao saber botar man de recursos tomados da narrativa considerada culta mais tamén do folletín ou da narración popular, mesmo cinematográfica (relato rosa, relato das torturas nazis, suspense policial…), que, como os grandes autores, eleva da subliteratura á literatura de calidade.
A novela aparece articulada en catro libros ou partes. No primeiro libro (“A luz dos ausentes”) dous narradores en primeira persoa, Diana en Barcelona e Pablo na Pobra do Caramiñal, tratan de descifrar un pasado que se presenta como misterioso a partir da carta que envía en 1940 unha muller que, teoricamente, morrera en 1939, e da frase que oe Pablo do pai agonizante: Para a túa nai naciches morto. Dous recursos propios do folletín abren a lectura dunha obra tan longa, pero a gran literatura eleva á categoría de estéticos os recursos da subliteratura, como o folletín. E a fé, que Riveiro Coello vai logralo. Por medio destes dous narradores en contrapunto o novelista sitúa ao lector fronte ao vello mito de Edipo, da procura das orixes familiares agachadas polo destino ou por calquera outra causa. Un novo salto e un novo narrador en primeira persoa lévannos, neste primeiro libro, a Nova York. Un cuarto narrador, este en terceira persoa e tamén en Nova York, ponnos en contacto cunha muller que perdeu a memoria e que comeza a recuperala ao escoitar a unha limpadora de Rianxo cantar A Rianxeira.
Estes catro espazos e narradores, aparentemente inconexos e sen nada que ver entre eles, son presentados en contrapunto espacial, pois os catro están situados en 1982. No remate da obra confluirán. Mais iso xa o descubrirá o lector, que a través destes catro narradores diferentes vai comezando a entrar na vida dun feixe de personaxes que acabarán xuntándose no remate desta novela de máis de setecentas páxinas, sen que que decaia o interese na súa lectura.
Pero eses espazos e períodos temporais veranse ampliados, pois na investigación sobre Laura (a tía que procura Diana)-Máximo (o pai cuxa vida investiga o fillo Pablo) aparecerán novos escenarios como o Madrid da posguerra, os campos de concentración nazis, a Francia da Resistencia, a Cataluña republicana… Cada novo personaxe convértese pola súa parte nunha historia, que ilumina a vida de Diana-Máximo. E o novelista artella todo con harmonía, como un perfecto mecanismo de reloxaría.
A segunda parte da novela ou libro segundo, “A casa das sombras”, céntrase na reconstrución do pasado que Laura esqueceu. Neste caso alterna o relato en primeira persoa de Bob, o marido americano de Laura, e o da propia Laura, que trata de reconstruír o seu pasado, mais non conseguirá lembrar os corenta últimos anos da súa vida, a estancia no campo de concentración e mais a vida nos Estados Unidos. Ademais recuperará parte do seu pasado tras o encontro coa súa sobriña Diana.
A terceira parte ou libro terceiro, “O labirinto de Ingrid Steiner”, é realmente a novela que escribiu Laura, en segunda persoa autorreflexiva, sobre o seu calvario no campo de concentración nazi. É a literatura dentro da literatura, como no Quijote, o que lles dá máis verosimilitude ás outras partes da novela. Mesmo tamén se usan outros libros de escritores reais como os da militante comunista Mercedes Núñez. Este procedemento de raíz cervantina enche de realidade e verosimilitude as outras partes da novela.
O cuarta e derradeira parte ou libro da novela, “A viaxe de Penélope”, supón o reencontro de Laura co mundo da adolescencia-xuventude, Cataluña e mais a Pobra do Caramiñal. De novo o novelista volve aos narradores en primeira persoa (a propia Laura, Pablo, Diana) combinados en contrapunto.
Xa que logo, estamos ante unha extraordinaria novela con polifonía de voces (non só os diferentes narradores, senón tamén os personaxes que relatan as súas historias ou opinan sobre os actos doutros personaxes) e con múltiples espazos e tempos (os anos oitenta do pasado século, a época da República, a Guerra Civil e a inmediata posguerra, Nova York, A Pobra, Madrid, os campos nazis, as frontes de batalla da II Guerra Mundial…). Así mesmo o autor usa dos procedementos de diferentes subxéneros narrativos: a novela de aprendizaxe, a novela da memoria histórica, a narración parapolicial da captura de nazis fuxidos, a novela reportaxe (por exemplo, sobre os campos nazis ou o cárcere franquista de Ventas), a novela sentimental e lírica, a novela intelectual (sobre a personalidade ou os moitos personaxes cheos de inquietudes de todo tipo) ou mesmo o folletín, como acontece no propio desenlace. Incluso non falta a anagnórese da clásica novela bizantina. Resulta tamén un acerto a mestura de personaxes e feitos fantásticos con personaxes e feitos reais como o son Valle-Inclán, Victoriano García Martí, a loitadora comunista Mercedes Núñez ou o comandante Soutomaior, o fuxido e secuestrador do Santa María.
O novelista, ao longo destas máis de setecentas páxinas, combina dun xeito acaído a acción coa descrición, de maneira que casan perfectamente os tempos lentos cos tempos rápidos. Consegue manter en pé a atención do lector ao longo de tantas páxinas. A lingua é en xeral outro gran logro, con locucións galegas xenuínas e mesmo cunha atención e coidado polas escollas do estándar, que son de gabar (así emprega lentes, ´anteollos´, como feminino ou nada substantivo, como masculino). Destaca así mesmo no eido do estilo a plasticidade das descricións (por exemplo, das celebracións nazis ou da vida cotiá nos campos de concentración). Cómpre salientar a descrición das emocións e sentimentos que experimentan os personaxes. En todos os casos a capacidade lírica e mesmo metáforica do novelista é merecente de ser salientada.
Dito o dito sobre a lingua, comentaremos, non obstante, algúns erros ou desviacións do estándar máis por desexo de difundir este estándar ca por afán crítico. Confúndese a parella sono/soño na páxina 48, onde habería que empregar sono e non soño. Emprega con valor castelanista mimar no canto de dar mecos, aloumiñar (páx.86). Usa acuñar por cuñar: Acuñou o termo… (páx. 112) Do mesmo xeito aparecen regañar por rifar, berrar (páx. 119), reparto por repartición, repartimento (páx. 164), varón (páx. 208) por home, tirada (páx. 241) por tiraxe, soleado (páx. 408) por solleiro, remite (páx. 420) por remitente, despegue (páx. 602) por engalaxe ou rato por anaco, cacho.
Nalgún caso a adaptación da fraseoloxía castelá resulta inadecuada como en e dou unha ducha de auga fría, onde se suprime o reflexivo. Mais esta oración non é galego. Non hai que seguir o castelán e cómpre dicir sen máis Duchouse en auga fría. Do mesmo xeito aparecen usado esvaecer como intransitivo, que non existe en galego. Nesta acepción cómpre o uso pronominal. Do mesmo xeito rir non se pode usar con complemento de réxime sen o reflexivo, como ás veces fai o novelista (Estaban a rir de ti, páx. 531 > Estaban a se rir de ti, por exemplo). Rexístrase incautar usado como transitivo, cando en galego só se pode empregar como pronominal seguido dun complemento de réxime: Incautando todas esas misivas (páx. 655) > Incautándose de todas esas misivas.
En fin, como xa dixemos, esta sección dedicada a inconsecuencias co estándar diríxese máis á divulgación da norma ca á crítica. A novela, publicada no remate do 2011 e espallada neste comezo do 2012, está chamada a ser un dos fitos literarios deste ano que comezamos agora e mesmo destes inicios do século XXI.