Entre o ensaio, a memoria xeracional e a autobiografía

Por Manuel Rodríguez Alonso

A identidade fascinada

Antonio Piñeiro

Galaxia, Vigo, 2015, 159 páxs

 

Mesturando ensaio, autobiografía xeracional e memoria persoal o autor tenta presentarnos a xeracións dos mozos e mozas, basicamente universitarios, nados no baby boom dos sesenta e que serán os universitarios dos oitenta. Esta xeración, cinguida ao ámbito unversitario, aparece centrada nun espazo, Santiago de Compostela, que nos anos oitenta duplica a poboación universitaria, mais tamén a súa xeral ao se converter na capital da recente Autonomía.

O libro principia por sinalar a transformación de Santiago nos oitenta, como xa indicamos. A aldea grande de Otero Pedrayo-xeracion Nós, dominada pola universidade e a catedral, é agora, sen perder as características anteriores, un espazo lúdico non que conviven sesenta mil mozos e mozas universitarios, ademais dos funcionarios da nova autonomía ou mesmo da recente TVGa.

Mais  o libro céntrase, para min en exceso, nos lugares de diversión da chamada posmodernidade ou movida. As referencias á política, sociedade ou cultura dos oitenta producen unha sensación de banalidade ou ata de baldeiro. O autor deseña, con complacencia, unha xeración obsesionada pola roupa de marca, que por fin abandona a ruralidade: … co pantalón Levis, a camisa Caramelo, o chaquetón Adolfo Domínguez e as medias Calvin Klein… (páx. 22).

O autor fala da xeración do COU, da primeira xeración que accede de forma masiva á universidade , que denomina a xeración do baby-boom galego (páx. 31). Mais tamén é, para o autor, a primeira xeración claramente consumista (páx. 39), que converte o centro comercial en lugar de promisión e, como alguén dixo, en nova catedral laica. Como xa dixemos, cando no seu día comentamos aquí o libro que historia a movida viguesa, Vigo a 80 revolucións por minuto, de E. Alonso Pimentel, estamos perante unha xeración que substitúe a cultura do sacrificio, propia das xeracións nadas entre 1939 e 1958, pola do pracer-hedonismo. Ben o expresa Piñeiro: Tomar o pracer alí onde  se encontre (páx. 40).

No eido da literatura e da lingua, coa recente estreada autonomía e coa entrada do galego no Ensino ou na TVG, eran tempos de optimismo, que, como ben amosa o autor, se reflicten en obras literarias como Crime en Compostela ou nas afirmacións de Méndez Ferrín de que a poesía galega estaba a vivir unha idade de ouro (páx. 47). O tempo encargaríase, non obstante, de certificar de que a cousa non era tan brillante.

Mais a forma característica de vida e de cultura que parece desprenderse desta obra é a nocturna, de música, copas, posmodernos, movida, que rematará co atentado da sala Clangor. É un mundo onde o estudante universitario se reconverte en camareiro de local de moda ou ata en propietario dun destes garitos.

Xa que logo estamos perante unha visión optimista, desenfadada e ata mitificada do Santiago dos anos oitenta, da súa movida, cunha ampla presenza de estudantes, fascinados polo consumo, o hedonismo ou ata a roupa de marca. Como dixemos, o lugar sagrado destes mozos e mozas, á parte dos lugares de diversión nocturna, son os comercios de marca das catedrais laicas dos centros comerciais ou das rúas das millas de ouro. O autor cun estilo áxil, con abundantes enumeracións e por veces cunha sintaxe sinxela, con oracións enunciativas e asertivas tallantes recrea este mundo, co pracer de quen pertence a esa xeración e parece que viviu o fenómeno en primeira persoa, coa nostalxia que dá lembrar algo que aconteceu hai xa vinte e cinco anos e cando xa estes mozos do baby boom son cincuentóns.

Non obstante, este carácter desenfadado e ata lúdico do libro, non debe facernos esquecer que os anos oitenta non foron tan fermosos nin liberadores. Son os anos, mesmo na mente consumista e hedonista destes mozos, do triunfo do liberalismo neocom dos Thatcher ou Reagan e, entre nós, dos socialistas Felipe González, Boyer, Solchaga e despois Aznar. Séntanse as bases da desmobilización xuvenil que viviremos ata o 15-M e, asolagados neste consumismo-adormecemento feliz, veremos como se perden ideais como unha verdadeira autonomía, o republicanismo federal, a loita por unha sociedade máis xusta e igualitaria, que foran o norte de xeracións anteriores, como a que protagonizou o Santiago do 68. Estes mozos do baby boom herdaron o espírito hedonista do maio do 68, mais esqueceron o ideal de cambio cara a outro tipo de sociedade que non fora o consumista que fai que gran parte do mundo viva na miseria ou mesmo que vai producir graves problemas de contaminación e que pon en perigo o propio medio.

Xa que logo, radiografía subxectiva dos oitenta e da xeración do baby boom, que protagonizou esta movida. Por outra banda, o ensaio cínguese por demais ao mundo universitario e nada nos di sobre a outra cara desta movida (o mundo da droga dos oitenta, por exemplo), a desmobilización, os estragos que estes oitenta, supostamente tan marabillosos, produciron na xuventude obreira coa famosa reestruturación da industria naval de Solchaga e compañía. Neste oitenta da movida, aparentemente tan fabulosa, tan consumista, tan de marca e fashion, aniñaban os vermes que ían dar lugar aos monstros da actual crise e precariedade que estamos a vivir. Fáltalle ao libro este compoñente e queda, un chisco, no anecdótico e no lúdico. Claro que para estes mozos e mozas, a vida seica era fundamentalmente pracer e diversión, como di a frase que citamos nun dos parágrafos anteriores: Tomar o pracer alí onde se encontre.

Neste sentido, o libro, ao centrarse tanto no pracer que procuran sen cesar estes mozos e mozas, está a reproducir ben cal era o espírito dos mozos e mozas da movida, especialmente os estudantes, pois non debemos de perder de vista que se nos presenta non toda a xuventude dos oitenta, senón o sector desta xuventude que estudaba a conta dos cartos dos pais e que, en moitos casos, terían asegurado o futuro, ás veces, con cargos e empregos proporcionados polo que eu denomino corrupción de baixa intensidade que trouxo a Segunda Restauración Monárquica do 78. Moitos destes mozos e mozas son hoxe os políticos e funcionarios corruptos que vemos saír todos os días nos xornais.

Non obstante, cómpre dicir que o libro reproduce moi ben o espírito de pracer-hedonismo-consumo que chegou a todos, xa non só aos mozos-as do baby boom, senón tamén aos máis vellos, que nos oitenta, grazas ao desenvolvemento económico daqueles anos, aos novos postos e subvencións da autonomía recente, esqueceron as chaquetas de pana e as tabernas e se puxeron coma tolos a consumir nos restaurantes de luxo e ata nas roupas de marca. Coñezo ata un vello intelectual comunista, moi puritano el nos sesenta-setenta, que se reconverteu nos oitenta nun catador de viños de marca. Moitos, como di Durán, os que nos setenta gastaban cartos en libros e cultura, agora pasan a gastalos en restaurantes de luxo e roupas de marca. Esperemos que alguén nos dea esta cara dos oitenta, do que se deu en chamar o Desencanto.

Xul 5th, 2015
Comments are closed.