Mondoñedo e o seu lugar na literatura

Por Manuel Rodríguez Alonso

Mondoñedo literario

Armando Requeixo

Servizo de Publicación da Deputación de Lugo, Lugo 2014, 210 páxs.

 

Gonzalo Torrente Balleter hai xa anos nun dos seus artigos da serie Los cuadernos de La Romana falaba da importancia e coraxe dos escritores e intelectuais que realizaban o seu labor creativo afastados dos que se consideran os grandes centros internacionais ou nacionais da creación, como podían ser París, Nova Iork. Esta obra de Requeixo faille xustiza a estes intelectuais que exercen o seu labor nas pequenas cidades ou vilas, como é o caso de Mondoñedo, que, aínda que sexa unha cidade pequena en canto ao número de habitantes, é grande polo labor literario nela desenvolvido. Por outra banda, obras coma esta desbotan o vello tópico da Galicia vilega atrasada e á marxe do mundo moderno, como estenderon mesmo algúns galegos, como a Pardo Bazán, que dicía aquilo de que La aldea embrutece.

Da lectura deste libro despréndese a importancia que tivo para a vida cultural mindoniense e mesmo galega o Seminario de Santa Catarina, viveiro de latinistas e de escritores como os Noriega, Iglesia Alvariño, Díaz Castro e un bo feixe máis como poderá comprobar o lector deste libro.

Como non podía ser menos o libro pasa revista a mindonienses de nacemento ou adopción que ocupan un lugar sobranceiro no planeta das Letras. Así, inicia esta listaxe o médico progresista e poeta Manuel Leiras Pulpeiro. En poucas liñas Requeixo realiza unha das mellores caracterizacións que teño lido sobre Leiras, contrapondo o Mondoñedo un chisco levítico coa figura de Leiras: … pero é que no Mondoñedo levítico e a Galicia tradicionalista e conservadora que lle tocou vivir o escritor foi un auténtico extraterrestre. ¿Cómo, senón, habería que xulgar un individuo republicano, federalista, anticlerical, esperantista e masón? A seguir, como non podía ser menos, figura Noriega Varela.

Ocupa unha terceira posición nesta listaxe de mindonienses letraferidos, de nacemento ou de adopción, Eduardo Lence-Santar. Neste caso cómpre lembrar o que dicía Torrente sobre os intelectuais das pequenas cidades e vilas. Requeixo faille xustiza ao escritor ou intelectual que desenvolveu toda a súa vida na pequena cidade natal, mais que realizou un gran labor intelectual, aínda que moitos destes escritores-intelectuais, polas inxustizas da historia, non sexan merecentes, ao final, máis que dunha mención en letra pequena nos manuais de historia da literatura e da cultura. Mais o papel dinamizador da cultura e da literatura de persoas como Lence-Santar é inconmensurable. Remitimos á lectura das páxinas que Requeixo lle dedica a Lence.

Moi interesante resultan así mesmo as páxinas dedicadas a Díaz Xácome. Nos estudos sobre historia da cultura e mais da literatura galega esquécese moitas veces falar do labor a prol do galego que realizaron durante o franquismo persoas de ideoloxía conservadora ou mesmo que colaboraban coas institucións culturais da época, ben por medo á chamada represión fría ou por submisión-supervivencia. Así a poesía galega de Celso Emilio Ferreiro aparece nun programa de 1955, Mensaje poético, de Radio Vigo tratada por Díaz Jácome e con recitados de Rosendo Cela Nova, que non é outro que o propio Celso Emilio. Un dos grandes méritos desta investigación e doutras de Requeixo é que abre o abano do cultivo-defensa do galego cara a unha área que moitos investigadores esquecen: a da cultura conservadora (como pode ser o caso do Seminario de Santa Catarina) ou cara a persoas e institucións que estaban máis ou menos integradas ou colaboraban coas institucións culturais oficialistas do franquismo. Estas xentes podían ser franquistas por convicción, por medo a represión quente-fría ou por supervivencia-submisión, mais non eran parvos nin pouco preparados. Pensemos que nesta situación cumpriría situar persoeiros da nosa literatura e cultura como Filgueira, Cunqueiro e un bo feixe máis de escritores.

Como non podía ser menos Requeixo dedica a súa cota de páxinas á figura do mindoniense universal Álvaro Cunqueiro. Cómpre sinalar que o crítico realiza para min unha das máis breves e mellores caracterizacións da obra cunqueireana cando, a propósito da relación Cunqueiro-Camiño de Santiago, define a concepción do paso do tempo e da historia que tiña Cunqueiro: … a visión que Cunqueiro gardaba do Camiño era ahistórica porque nela- como en xeral en toda a obra do de Mondoñedo- se producía unha abolición da sucesión cronolóxica , de tal xeito que todo o relatado formaba parte dun fresco panhistórico, unha sorte de background sincrónico no que todos os personaxes da Historia da Humanidade nunha mesma e única dimensión presentista (páx. 60). A isto únese unha concepción paradisíaca e ata edénica (páx. 60) deste presente continuo.

Nos tempos que corremos tamén me parece moi oportuna a caracterización que do galeguismo de Cunqueiro realiza Requeixo nas páxinas 65 e seguintes deste volume. Para Cunqueiro, segundo declaracións realizadas en ABC o 17-4-1969 caracteriza o ser galego como ante todo, a lingua. Mais nunha entrevista inédita do ano 73 e publicada en Coordenadas en 1982 advirte de que no momento en que o galego parece salvado e consolidade como lingua culta, acontece que os mariñeiros, os campesiños, artesáns e obreiros queren que os seus fillos falen castelán por un criterio utilitario… Corremos o perigo de que o galego… pase a ser lingua só intelectual e dunha clase media ilustradilla, con certa vocación cara ao país tinguida de emoción… (páx. 65).

A carón destes escritores e intelectuais mindonienses do pasado, aínda que sexa do pasado recente, Requeixo tamén se ocupa, co mesmo rigor e tino, dos da actualidade: Ricardo Pedreira, Xosé Ruiz Leivas, César Cunqueiro, Marina Mayoral, Luís Enrique Cabanela, Félix Villares, Antón Meilán, Francisco Piñeiro, Antonio Reigosa, Xe Freire ou Isabel Morán.

Tamén estuda Requeixo a evolución da prensa literaria e non literaria en Mondoñedo. Cómpre salientar o estudo que realiza sobre a importante revista do Seminario de Santa Catarina Amencer. Fálase moito da falta de compromiso da Igrexa galega co galego, mais centros como o Seminario de Santa Catarina ou revistas como a citada Amencer fan que haxa que matizar, e moito, esta afirmación. Por outra banda, outras institucións galegas non se preocuparon polo galego moito máis ca a Igrexa, comezando pola propia Universidade.

Podía pensarse polo título que este libro de Requeixo resulta localista. Mais non é este o caso. Cando fala dos escritores e escritoras mindonienses, incardínaos nas súas relacións con outros escritores de Galicia, de España ou da literatura universal, de tal xeito que o local se converte en universal. O libro ademais ten o mérito de loitar contra o complexo ese de que só se pode facer literatura ou arte de verdade nos grandes centros culturais. Acerta así mesmo Requeixo cando nos presenta o quefacer destes escritores na súa vida cotiá: o Leiras médico que percorre as aldeas a cabalo para visitar os seus pacientes, o Cunqueiro desterrado e illado en Mondoñedo no remate dos corenta e nos cincuenta tras ser gran figura do xornalismo estatal antes ou os cafés e parladoiros onde conviven os escritores, por non falar das dificultades económicas para editar libros e revistas.

Por outra banda, estamos afeitos a ver a recuperación do galego como só unha tarefa dos antifranquistas. Estes estudos de Requeixo teñen para min a novidade de presentar como tamén houbo sectores do franquismo (ou polo menos dos que non formaban parte da oposición ao Réxime ou eran silenciosos) que tamén loitaron ao seu xeito a prol do galego. O labor de Cunqueiro ou doutros formados en Santa Catarina, como Iglesia Alvariño ou Díaz Castro, é exemplo disto que dicimos. Por outra banda, houbo persoas e sectores na Igrexa que fan que esta non sexa tan antigalega como algúns nos fan crer, nin que sexa máis antigalega ca outras institucións.

Por fin, quero subliñar que Requeixo conta todo isto dunha forma amena e entretida, nunha linguaxe xornalística, sen que isto supoña unha falta de rigor ou de ciencia. Pertence a ese sector de escritores e escritores galegas, onde cómpre incluír a xente como Otero Pedrayo, Viqueira, Méndez Ferrín, Filgueira ou Alonso Montero, forxados no Ensino Medio, que están afeitos a tratar cun alumnado que hai que motivar e mesmo entreter de tal xeito que a súa sabedoría e erudición sempre resulta atractiva para o non especialista, especialmente a través do artigo xornalístico ou a charla divulgadora. Mais como a esa amenidade unen o rigor e a ciencia ben feita, son tamén de lectura obrigada para os filólogos e filólogas e para o profesorado de galego en xeral.

Como nota final, lean así mesmo o colofón que leva o libro, toda unha homenaxe ao célebre Seminario de Santa Catarina.

Xuñ 19th, 2015
Comments are closed.