Un exemplo da outra ciencia ficción

Por Manuel Rodríguez Alonso

Kallocaína

Karin Boye

Tradución de Marta Dahlgren. Corrección de Benxamín Constante

Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 2015, 187 páxs.

 

            A maioría dos relatos de ciencia ficción, especialmente os que acadan unha maior popularidade polo cine, seguen o modelo un chisco paranoico da invasión proposta por H. G. Wells para rematar celebrando a superioridade dos humanos, sobre todo a raza branca e, máis concretamente, a dos americanos brancos. Mais hai tamén outra ciencia ficción, que podemos denominar crítica, que nos presenta distopías sobre o poder absoluto do Estado, de xeito que os cidadáns sofren unha especie de lavado de cerebro, que os fai sentir aparentemente felices, pero que os deixa sen liberdade. Nesta liña da ciencia ficción crítica cómpre situar esta novela, que entra deste xeito a formar parte da tradición de RUR (1921) de Karel Capek, Nós (1920) do ruso Yevgeni Zamyatin, Un feliz mundo novo ((1932) de Aldous Huxley ou 1984 (1949) de George Orwell.

A novela que agora nos ocupa da sueca Karin Boye é de 1940. Se reparamos nesta data de publicación, así como nas datas das novelas que citamos no primeiro parágrafo, axiña nos decataremos que son os anos en que se exalta o poder do Estado e ata a grande época dos totalitarismo fascistas ou stalinistas. Aquí mesmo entre nós é a exaltación do Estado franquista, co nacionalcatólico Por el Imperio hacia Dios.

O control do Estado sobre os individuos nestas distopías xa non se basea na represión quente (execucións, cárcere) ou fría (repartición de cargos e vantaxes), senón no propio control da mente dos cidadáns por medio de distinto tipo de drogas, como ben se pode ver en Un feliz mundo novo (1932). No caso de Kallocaína a droga que permite o control dos cidadáns por parte do Estado será a kallocaína, que lle dá título á novela, substancia máxica que permite controlar ata o que pensan os cidadáns. O que ten pensamentos contra o Estado, aínda que sexa no máis profundo da súa mente, remata condenado pois ao inxectarlle a droga da verdade conta todo, sen poder mentir nin agochar nada.

Acerta a autora cando nos describe o funcionamento do Estado totalitario, baseado xa non só no control policial, senón no control social da delación por parte dos veciños ou mesmo de fillos e cónxuxes entre si, no seo da propia familia nuclear. Son os vellos procesos da Inquisición e que tan ben usaron o nazismo, o fascismo italiano, o stalinismo ou, entre nós, o franquismo. Mais, lendo esta novela, eu creo atopar como moitos dos procedementos para controlar os cidadáns que nos describe a autora como propios do Estado Universal totalitario se incorporaron ao que nós coñecemos como democracias formais.

Neste sentido cómpre citar a grande importancia dada ao traballo, con xornadas interminables co único obxectivo de obter a beizón do xefe. Os horarios ou a obsesión polo traballo do inventor da droga da verdade ou dos seus compañeiros fannos pensar nas horas e horas que pasan hoxe moitos no traballo nestes temos de precariedade, onde perder o favor do xefe é igual de perigoso ca nun Estado totalitario.

Outro aspecto que cómpre salientar é a obsesión porque os cativos se eduquen e vivan a maior parte do seu tempo no marco de institucións estatais ou paraestatais, desde a propia escola a campamentos de verán. Hai unha obsesión porque os cativos e cativas se formen nestes ámbitos de control estatal e paraestatal. Algo disto acontece tamén na nosa sociedade, onde o nenos e nenas pasan cada vez máis tempo en escolas e asimilados, como campamentos e similares, sen gozar das rúas, das liberdades e, en definitiva, das ensinanzas tradicionais da tribo. Mesmo na pedagoxía actual hai unha certa arela totalitaria para que o individuo neno-nena se integre sempre no grupo, vendo esta integración, non como necesaria, senón como valor supremo, que mesmo abafa as individualidades.

Así mesmo se observa que o Estado e toda a súa represión se xustifica en último termo pola seguridade. Todo é admisible cando xorde a palabra máxica seguridade. Abonda con viaxar hoxe en avión para ver como iso tamén acontece na nosa sociedade. No mesmo sentido hai que entender a consideración de tolo ou de delincuente de todo aquel que se aparte do pensamento único ou oficial, que no noso caso pode chamarse Constitución ou Sistema. O que o cuestiona é un herexe e convértese nun apestado social. Se lemos o que pasa nestes días de pactos co termo radical, decatarémonos de que moitas das tácticas do Estado Universal da novela non nos son alleas.

En fin, boa novela de ciencia ficción intelectual ou crítica, que, coma os clásicos citados no primeiro parágrafo, afonda nos recursos dos totalitarismos, mais que hoxe temos que lela así mesmo cos ollos ben abertos, pois eu coido que algunhas das técnicas de control do Estado Universal da novela mesmo están presentes, aínda que sexa dun xeito raposeiro, nas chamadas democracias, que son o mellor dos sistemas políticos posibles, mais que teñen que ser vixiadas continuamente pola sociedade civil para que os que desempeñan o poder non caian en prácticas totalitarias. Os que vivimos o franquismo constatamos ademais o acerto co que a autora pinta o Estado totalitario.

En canto á tradución e á lingua hai que subliñar o acerto habitual nesta editorial. Así mesmo quero destacar o acertado da información que se ofrece nas lapelas e contraportada do libro. No eido estritamente normativo advirto unha colocación incorrecta do pronome átono: Ti me coñeces ben… (páx. 146). Por certo, é o único erro de vulto que advertimos, o que fala moito e ben do coidado que esta editorial mantén en relación co respecto polo estándar. Neste sentido, o texto emprega o termo verba (páx. 29) co significado de ´palabra´. Sabido é que a RAG, malia o emprego desta acepción do termo na linguaxe literaria e ata culta, só acepta para verba o significado de ´Habilidade para agradar e convencer con palabras´. Cremos que cómpre admitir esta acepción de verba como ´palabra´, como fan o tradutora e corrector desta novela, polo seu emprego nos rexistros literario e culto, aínda que sexa coa marca de Literario.

Volvendo ao rego, cómpre ler esta novela para non esquecermos as tácticas e técnicas dos Estados totalitarios, mais tamén para que meditemos como algunhas destas tácticas de control, manipulación e dominio da cidadanía se poden coar nas nosas democracias.

Xuñ 15th, 2015
Comments are closed.