As tácticas represivas do franquismo

Por Manuel Rodríguez Alonso

Medo político e control social na retagarda franquista

Lucio Martínez Pereda

Xerais, Vigo 2015, 494 páxs.

 

            A ditadura franquista non só practicou a represión quente, é dicir, a dos paseos e mais os fusilamentos ou o cárcere e campos de concentración. Botou man tamén do que os historiadores das ditaduras denominan a represión fría, é dicir, os expedientes que deixan sen os postos de funcionario e de traballo aos que se consideran, aínda que sexa timidamente, opostos ao réxime ou sinxelamente que non se manifestan claramente como adeptos ou, simplemente, que se significaron como pouco favorables coa ditadura. O libro que agora comentamos analiza como actuou esta represión fría na provincia de Pontevedra, aínda que tamén se alude a outros lugares de Galicia e de España, especialmente actuando contra funcionarios, sobre todo no eido do Ensino, e contra os que eran acusados de masóns.

O autor analiza como a represión fría castigaba xa non a oposición ao réxime, senón incluso a simple pasividade. Iso fai que o medo se estenda entre toda a poboación, pois ninguén quere perder o posto de funcionario ou o traballo, ou ver como o seu negocio é multado un feixe de veces ata que ten que pechar. Mesmo poden producirse as incautacións por parte do Estado dos bens dos represaliados. Para exercer esta represión fría o novo Estado franquista dotouse de tribunais e institucións ad hoc, así como dunha manchea de funcionarios colaboradores, informantes e delatores, de tal xeito que se volveu aos tempos escuros da Inquisición. Mágoa que moitos dos arquivos que proporcionaban datos sobre esta represión e os seus axentes foron destruídos nos tempos da Transición! Sabido é que Adolfo Suárez ordenou a destrución dos fondos arquivísticos da Secretaría General del Movimiento en abril de 1977.

O autor analiza polo miúdo a depuración que se exerceu sobre os funcionarios docentes. O novo Estado franquista estaba obsesionado cos mestres e profesores da Republica ou coa influencia da célebre Institución Libre de Enseñanza. A escola pública e laica era para o nacionalcatolicismo, aínda máis que para o falanxismo, a antiEspaña e estaba dominada por comunistas, masóns e separatistas. Había que limpala. Esta obsesión aínda prevalece hoxe en amplos sectores da dereita española e mesmo do PSOE que, por iso, apostan tanto polo ensino concertado, especialmente o controlado por ordes relixiosas.

Pero o libro, á marxe das leis e institucións franquistas que perseguían estes docentes republicanos, analiza quen eran as persoas que compoñían estes tribunais depuradores ou que mesmo actuaban de delatores. Alí aparecen nomes de intelectuais da dereita como poden ser os irmáns Herrera Oria, bispos e arcebispos ou incluso intelectuais e escritores dos que non esperariamos esa furia inquisitorial contra os seus compañeiros de profesión na docencia. Tamén os párrocos foron entusiastas delatores. No eido dos escritores figuran nesa nómina da ignominia José María Pemán (seica co paso dos anos se avergoñou desta tarefa depuradora), reitores de universidade (como o de Santiago, Gil Casares) ou prestixiosos profesors de Secundaria e Universidade (como Abelardo Moralejo, Filgueira Valverde, Torrente Ballester, López Niño…).

Cómpre neste sentido facer unha reflexión. Entre os delatores e membros destes tribunais depuradores figuran profesores e/ou escritores que foron antes do 36 galeguistas ou que se reconverteron en autonomistas tras a morte de Franco. No libro aparecen dúas figuras destacadas: Torrente Ballester e, sobre todo, Filgueira Valverde. Torrente, galeguista antes do 36, figura na comisión depuradora de Ferrol. Máis activa foi a participación de Filgueira Valverde: foi censor de bibliotecas en Lugo e formou parte da Comisión Depuradora del Magisterio da provincia de Pontevedra e ata exerceu como presidente desta (páx. 112). Parece ser que nos tempos da Transición alguén ordenou destruír a documentación desta Comisión, aínda que deixando só aqueles documentos onde se vía unha actuación clemente de Filgueira (páx. 113).

Citamos o caso Filgueira porque este pasado franquista e depurador de Filgueira está de actualidade, xa que se lle dedicou a este intelectual o Día das Letras 20015. Mais Filgueira non foi o único galeguista ou escritor en galego que exerceu de franquista. Como temos sinalado en tantos lugares houbo tamén o que os historiadores máis relevantes do franquismo literario-intelectual denominan a Falange de la inteligencia/de la sabiduría. O novo Estado franquista quería substituír as elites intelectuais da etapa republicana (laicas, separatistas, masóns, comunistas, a antiEspaña en definitiva) por unha nova camada de intelectuais/escritores defensores do novo Estado, do totalitarismo falanxista e do nacionalcatolicismo. Así xorden revistas (Jerarquía, Vértice…), institucións (como o nacionalcatólico Consejo de Investigaciones Científicas ou o Instituto Padre Sarmiento coa pretensión de substituír a Institución Libre de Enseñanza ou o Seminario de Estudos Galegos). Escritores galegos ou que foron galeguistas como son os Eugenio Montes, Torrente Ballester, Álvaro Cunqueiro, Vicente Risco e moitos xornalistas de orixe galega como Cerezales, Leal Insúa e un feixe máis van ser verdadeiros intelectuais orgánicos do franquismo.

Como dixemos noutras ocasións e lugares, cando chega o momento da verdade de elixir entre o conservadorismo nacionalcatólico, que garantía Franco, e o progresismo laico e ata federalista da República, os Filgueira, Cunqueiro e compañía prefiren a defensa do conservadorismo nacionalcatólico ao progresismo que traía a República. Franco garantíalles iso. Non foron, xa que logo, franquistas ocasionais, senón convencidos e activos. Co paso do tempo, como tantos e tantos falanxistas, faríanse defensores da Constitución do 78 e mais do Autonomismo.

Xa que logo, que existan nestas comisións antigos galeguistas, escritores galegos ou estudosos do galego e Galicia (como Filgueira ou Abelardo Moralejo) non nos debe estrañar. Desde os anos sesenta adoitan identificarse galeguismo e progresismo, mais existe tamén un galeguismo ultracatólico e conservador desde o propio Rexurdimento (Brañas, López Ferreiro…), que pasa este conservadorismo aos Losada Diéguez, Risco ou incluso Otero Pedrayo e que acada os froitos máis extremos en franquistas como Filgueira ou Cunqueiro. Por outra banda, o franquismo non excluía a erudición de tipo local, como a que practica Filgueira, pois unha das teimas do falanxismo e de Franco era a do Imperio, que se caracterizaba pola unidade dentro da diversidade, aínda que cunha clara idea de Jerarquía, de tal xeito que o castelán primaba como lingua do Estado sobre o resto de linguas. Por iso, non eran antagónicos co franquismo os estudos galegos de xentes como Filgueira ou o propio Moralejo.

Tras a represión sobre os docentes, o autor analiza polo miúdo a represión que se exerceu sobre os acusados de seren masóns. Todo isto vai ademais acompañado por uns riquísimos apéndices documentais. Por estes motivos o libro resulta un instrumento fundamental para ver como se exerceu a represión fría do franquismo e como nela participaron cualificados profesionais do dereito ou do ensino, como os citados, mesmo persoas ás que se lles podería atribuír un certo galeguismo. Actuaron, dentro dos moldes da Falange de la sabiduría, como verdadeiros intelectuais orgánicos do franquismo nas distintas escalas: provincial, rexional e nacional.

O libro deixa sen tratar o poder que moitos destes intelectuais franquistas tiveron no que se chama a adhesión pola submisión. Sabido é o poder que na ditadura franquista ou mesmo na actual II Restauración teñen os intelectuais orgánicos do poder para obter bolsas, empregos a dedo e outras cousas así. Eu mesmo fun testemuña directa do poder que tiñan os intelectuais-profesores franquistas no tardofranquismo, por exemplo, para propor licenciados como bolseiros de determinadas institucións ou como profesores non numerarios de instituto

Por todo o dito, recomendamos vivamente a lectura deste libro, especialmente porque nestes días, que volve de estar de actualidade algún dos franquistas que exerceron tamén de escritores-investigadores galegos, nos axudará a comprender mellor que se pode ser escritor en galego ou erudito sobre temas galegos sen por iso deixar de ser un franquista convencido e activo. Claro que o interese principal do libro reside, como é lóxico, nesa detallada análise dos procedementos da chamada no rexistro dos historiadores da memoria histórica represión fría.

Xuñ 7th, 2015
Comments are closed.