Contra Corín Tellado e o amor de telenovela

Por Manuel Rodríguez Alonso

 Emparellados e tres nenas

 Mario Caneiro

Barbantesa, Cangas do Morrazo, 2015, 100 páxs.

 

Mario Caneiro ofrece nete volume un conxunto de microrrelatos e relatos breves que teñen a maior parte deles como tema o amor de parella, como podían facer Corín Tellado ou moitos telefilmes/telenovelas, pero aquí priva o desamor, a ironía, a ausencia total de glamour e en xeral parecen relatos de amor de xente do común neste tempo de crise, abocados, por unha ou outra causa, ao fracaso e con moitas características propias do chamado realismo sucio.

Nalgún destes relatos privan a ironía e o humor, como acontece nese microrrelato titulado “Sogros”, onde o final insospeitado, a ironía e o humor conflúen para convertelo nunha xoia do microrrelato. Noutras ocasións, con técnicas do realismo sucio, tópicos como o do amor entre adolescentes resultan desmitificados, como acontece en “Soño de verán”. Semellante desmitificacion do amor eterno aparece en “O amor permanece”. O aburrimento entre as parellas nun ambiente de pisos de suburbio acaba por matar o amor, como se pode ver en “A bondade”. O tópico do maor alén do paso do tempo e das tranformacións que este trae sobre a persoa amada aparece tratado ao xeito do conto cruel en “Sobre”.

O autor, xa que logo, preséntanos un amor desmitificado, que transcorre en pisos de estudantes ou do suburbio, sen un chisco do glamour, como dixemos ao que nos teñen afeitos os telefilmes ou telenovelas onde se trata do amor ou mesmo os clásicos deste sentimento, desde Petrarca ou Romeo e Xulieta. As rupturas son decididas ou comunicadas pola muller mentres frega a louza. O desamor non xorde por razóns metafísicas, senón simplemente porque o marido se converteu nun baldreu que só pensa en ver o partido da tele mentres papa patacas ou froitos secos. E este baldreu non comprende por que a muller xa non o atura… Pensa que esa vida é a felicidade. Mesmo hai algunha parva que acepta ese baldreu como o home da súa vida e só pensa en mercarlle pilas para o mando a distancia…

O autor tamén manexa con acerto a lingua acudindo por veces a adxectivacións que nos deixan sorprendidos como as artríticas leccións de baile (páx. 13) con que alude ao xeito de bailar dos xubilados nas festas populares. Non falta tampouco a parodia, dun xeito un tanto esperpéntico dos tópicos literarios da literatura amorosa: Para que mentirse, non había escuridade cómplice, era un mediodía alto dun agosto que morría, tampouco vestiu a lúa os seus rostros de branca fatalidade, nin os miraron estrelas secreteiras, nin un lóstrego de desexo atravesou brutal e tiránico os seus corpos e non se bicaron (páx. 14). Algunhas veces o autor xoga coa greguería como cando define a preparación das oposicións a funcionario como un traballo pagado só con esperanza (páx. 37). Non menos interesantes son os compostos que crea: esperafindesemas, esperavacacións, esperamortes (páx. 80).

A carón deste tema do amor desmitificado e marcado polo realismo sucio, hai algúns microrrelatos que nos levan cara ao conto cruel polo seu desenlace, como acontece con “As moscas”, cuxo desenlace expresado en apenas dúas liñas é un prodixio de sorpresa e crueldade. Na mesma liña está “A nena”.

No eido da lingua observamos algúns erros, que cómpre que o autor ou a editorial corrixan en edicións futuras. Aparece o vulgarismo castelán de usar asma como masculino, cando asma é feminino, tanto en galego coma en castelán normativos: O meu asma (páx. 62). Tamén se conxuga incorrectamente o verbo ver e úsase veu por viu: Veuse na obriga de sacala a bailar (páx. 13). No eido do léxico rexistramos castelanismos como roce por rozamento ou tesiña no canto de tese/memoria de licenciatura.

Volvendo ao rego, moi boa colección de relatos curtos e microrrelatos que xiran na súa maioría arredor do tema do amor desmitificado con técnicas propias en moitas ocasións do realismo sucio. O autor manexa, como vimos, recursos estilísticos como a adxectivación inusitada ou a greguería. Non menos interesantes son os contos que pertencen a ese subxénero do conto cruel, con desenlaces irónicos, crueis e inesperados. A tipografía e o tipo de relato curto ou microrrelato fan deste libro un compañeiro moi bo para a praia ou os momentos de lecer do verán. Axuda a isto tamén a súa tipografía e tamaño, pois pode levarse case no peto ou como un suplemento de xornal. Por iso, animamos á súa merca para o ler nestes días do verán nos momentos de lecer.

Xuñ 5th, 2015
Comments are closed.