Recuperación dunha voz esquecida

Por Manuel Rodríguez Alonso

Ernesto Guerra Da Cal, do exílio a galego universal

Joel R. Gómez

Através Editora, Santiago de Compostela, 2015, 392 páxs.

 

Joel R. Gómez estuda neste volume de cerca de catrocentas páxinas de tipografía miúda a vida e mais a obra de Ernesto Guerra Da Cal, poeta, crítico e mesmo teorizador sobre lingua e literatura galega que está inxustamente esquecido ou, polo menos, minusvalorado polas súas opinións reintegracionistas sobre o galego.

Joel R. Gómez ofrece con detalle o labor cultural e político de Guerra da Cal nos anos da Guerra Civil e anteriores. Coma tantos republicanos o seu destino será o exilio. Neste período de preguerra o libro salienta o importante papel que tivo na escrita dos Seis poemas galegos de Lorca.

Tras a Guerra Civil no exilio estadounidense Guerra da Cal converterase no grande especialista en Eça de Queirós e en crítico imprescindible da literatura galego-portuguesa. Será verdadeiro embaixador desta cultura e literatura no mundo universitario de Nova York e dos Estados Unidos en xeral. Poeta tamén, publicará nestes anos os poemarios Lua de alem-mar (1958) e Rio de sonho e tempo (1963).

Non obstante, o máis importante deste libro é a presentación de Guerra da Cal como un verdadeiro campión na loita pola inclusión do galego dentro do terreo da lusofonía. Guerra da Cal, como fará así mesmo Paz Andrade, considera que a inclusión do galego no espazo da lusofonía converte a lingua de noso nunha lingua universal, coma o inglés ou o castelán, ao contrario do que lle acontece ao catalán ou ao vasco, linguas locais, ao incluírnos xa non só en Portugal, senón no Brasil ou nos espazos lusófonos de África e Asia. Especialmente importante para Guerra Da Cal é a presenza en Brasil. Guerra Da Cal defende esta inclusión do galego na lusofonía, xa non só por motivos culturais ou emocionais, senón puramente económicos e estatísticos: esta inclusión na lusofonía converte o galego en lingua universal e abre espazos practicamente inmensos, xa non só no cultural, senón mesmo no económico, como é para el Brasil. Por outra banda, el chegou ao portugués desde o galego, pois, como nos primeiros tempos do exilio sobraban profesores de español nas universidades americanas, o seu xefe, Federico de Onís, encarreirouno cara ao portugués precisamente polo seu coñecemento do galego.

En fin, Joel R. Gómez neste libro traza con man atinada a traxectoria vital e profesional de Ernesto Guerra Da Cal e da lectura do volume despréndese que o esquecemento ou minusvaloración de Guerra Da Cal na Galicia oficial e mais na cultura e filoloxía tamén oficiais se deben, sen dúbida, á posición inequivocamente reintegracionista de Guerra Da Cal, que o converten nun heterodoxo. Tamén o será nas súas opinións sobre Rosalía e a valoración dela que fai a cultura oficial, por exemplo.

Por iso, benvida sexa esta biografía-estudo de Guerra Da Cal, que ademais aparece nunha editorial que se caracteriza pola súa heterodoxia á hora de interpretar a lingua, cultura e historia de noso. Días atrás lin na prensa un comentario de alguén que falaba da necesidade en Galicia de editoriais e estudos heterodoxos, que se apartasen das versións oficiais. Certamente que obras coma esta cumpren esta función e a editorial que a publica, Através editora, cumpre, con libros coma este e outros do seu catálogo, a importante función de ser a nosa editorial heterodoxa.

 

Mai 23rd, 2015
Comments are closed.