Un relato de letraferidos

Por Manuel Rodríguez Alonso

O Parnaso sobre rodas

Christopher Morley

Tradución de Estela Villar. Corrección de Moisés Barcia

Rinoceronte, 2014, Cangas do Morrazo, 152 páxs.

 

A novela que agora comentamos é realmente a historia de tres letraferidos, é dicir, tres persoas que se senten irremediablemente atraídos pola literatura e que a converten na razón da súa vida. Dous deles xa o son desde o comezo do relato. O terceiro, Helen, convértese en letraferida ao longo da narración.

Helen, irmá dun granxeiro que abandonou as tarefas da granxa para converterse en lector impenitente e mais en escritor de éxito, relata en primeira persoa como se tranforma de pacífica e tópica granxeira en letraferida, ata o punto de dedicarse á venda ambulante de libros nun carro que leva o pomposo cartel anunciador de Parnaso ambulante. Os mellores libros á venda.

Helen relata en primeira persoa a viaxe que fai co carro de libros e esta viaxe é para ela unha viaxe iniciática. A granxeira solteirona, que só se preocupa de atender a granxa e servir o irmán escritor, cando lle merca a Mr. Mifflin o carro de libros e decide percorrer o país dedicándose á venda de libros, está a iniciar unha nova vida. Nesa nova vida descobre que, con trinta e nove anos, é quen de se desenvolver por si mesma no mundo, sen depender do seu irmán e que é un ser libre e autónomo. Tamén descubrirá o amor.

Á parte disto, o relato é un canto optimista á cultura do libro e á literatura, especialmente a través das opinións do pintoresco e inesquecible Mr. Mifflin. Un bo libro para el é aquel que é algo bo, sinxelo e honesto, algo que lles chegue dentro, algo que os faga rir, estremecerse e marearse ao pensar… (páx. 39). A persoa que consegue que alguén lea este tipo de libros faille un servizo á nación (páx. 40). Por outra banda, a literatura proporciona formación e pracer en todas as idades. Para o pai responsable dos camiños do municipio rural onde chega o Parnaso hai un libro de enxeñería de camiños e pontes. Mais a filla pequena deste home pode ler contos de fadas e o seu irmán de doce anos libros sobre inventos e inventores. O que eiventemente non recomenda é o calote que lle meteu o que lle fixo mercar a colección en vinte volumes de Os mellores responsos fúnebres do mundo.

No relato tampouco falta o humor, como acontece nas aventuras que corren Helen e Mr. Mifflin cos que lles saen ao camiño para lles roubar o Parnaso ou nas enxeñosas respostas de Mifflin ou Helen, que lle di a un comprador dos célebres Mellores responsos: Vostede necesita libros que lle ensinen a vivir, non a morrer.

Por outra banda, as suxestións que nos ofrece o relato son moitas: a literatura como pracer, mais tamén como formación intelectual e sentimental. Pero, para ler cómpre ter tempo… Tamén se aprende a gozar dos libros gradualmente e pouco a pouco. Mr. Mifflin considera que hai lectores que aínda non están, por exemplo, preparados para se enfrontar con Shakeaspeare. Xa chegarán os grandes clásicos, tras afacerse á literatura con cousas máis sinxelas.

Como xa dixemos enriba, o relato é a historia de tres letraferidos e un canto á literatura como pracer, gozo e formación. Mais tamén constitúe unha oda á liberdade e á realización persoal, aínda que sexa dun xeito que lle pareza un chisco estrambótico aos ben pensantes, como acontece cos tres personaxes básicos do relato (Helen McGill, Andrew McGill, Roger Mifflin). Así mesmo é unha invitación á vida e mais ao optimismo, desde o comezo ata o desenlace.

En canto á lingua, acertan en xeral a tradutora e mais o corrector. Non obstante, na páx. 17, advirto un erro de vulto, como é a confusión, por castelanismo, de pía con morea. Pía en galego é ´recipiente cóncavo de pedra, metal, louza ou doutro material semellante para conter auga ou outros líquidos´. Por iso non se pode falar da pía de leña, senón da morea.

Para rematarmos, novela curta, que constitúe unha oda ao optimismo, á liberdade e á humanidade, así como á literatura e á lectura. Podemos resumir todo isto no lema que guía a vida e mais o labor de Mr. Mifflin: Predicar o evanxeo dos bos libros en toda ocasión (páx. 138).

Mai 2nd, 2015
Comments are closed.