Relatos pedagóxicos

Por Manuel Rodríguez Alonso

De cristal

Silvestre Gómez Xurxo

Xerais, colección Fóra de Xogo, Vigo 2015, 117 páxs.

 

Desde os comezos da literatura, mesmo xa na literatura oral popular, relatos do tipo das fábulas ou dos apólogos, ao xeito dos contos do infante don Juan Manuel, son habituais para lles procurar aos lectores, especialmente nenos e rapaces, mais tamén adultos, unha ensinanza moral. Constitúen o eido da narrativa didáctica ou pedagóxica. Os cinco relatos breves que compoñen este libro son narracións didácticas ou pedagóxicas, nas que se tenta transmitir a un lectorado xuvenil uns determinados valores, mais que tampouco resultan desaproveitables para os maiores. Son, sobre todo, moi útiles  para nos protexermos contra os que gozan coa maldade e mais co sufrimento alleos.

O autor coloca, a xeito de prólogo, co mesmo título do volume (De cristal), unha breve explicación sobre o que pretende cos seus relatos, como é propio da literatura didáctica. Así expresa que as persoas somos de cristal pola nosa fraxilidade e vulnerabilidade. Estas vulnerabilidade e fraxilidade maniféstanse ante a enfermidade, a pobreza, a violencia, a ignorancia e un feixe máis de elementos. Pero sobre todo as persoas normais e correntes, a xente do común, somos vulnerables ante a maldade, perante aqueles que gozan actuando como verdugos e facendo sufrir aos outros. Os cinco relatos breves que seguen van ter como obxectivo, á parte de entreter, facernos resistentes contra esa maldade, xa non só como vítimas, senón tamén como axentes, aínda que sexa axentes inconscientes.

O primeiro relato do libro “O ratiño negro” desenvolve o tema da crueldade como obxectivo na educación dos nenos. Dun xeito machista, apréndese a ser home cando se soporta a crueldade e, sobre todo, cando se é quen de comportarse cruelmente e gozar con iso. A crueldade aparece na literatura e mesmo na literatura que se escribe para nenos e rapaces ou que se aconsella ler nestas idades. Sempre se cita o caso da crueldade do Lazarillo co cego. Mais nestes casos hai unha certa empatía co cruel (neste caso Lázaro), pois pode haber motivos de desquite, vinganza…, que aínda que non sexan éticos, son comprensibles. Mais na crueldade do pai deste relato de “O ratiño negro” a crueldade é totalmente gratuíta e forma parte dunha pedagoxía que considera que ser adulto, especialmente ser home ao xeito machista, consiste en ser cruel gratuitamente, pois todo o que non sexa iso é feminino, brandura

No segundo dos relatos, “O ratiño branco”, aparece a figura do depredador sexual e tamén a idea de que non sempre a natureza é boa. Termina coa mensaxe positiva de que cómpre oporse á fatalidade, pois ninguén está marcado por natureza ou condición social para o sufrimento ou para ser vítima da crueldade. Grande acerto estilístico é neste conto aludir ao depredador sexual masculino sen lle pór nome, con ese coloquialismo a morea de esterco que se repite ao longo do relato para o aludir.

En “O gato negro”, como acontecía coa nai do relato anterior, a principal fonte de crueldade, ao xeito dalgúns relatos de Jelinek, é a propia familia da vítima. Tamén que ben creada está a figura do avó aparentemente perfecto, mais tremendamente machista e verdugo, aínda que neste caso non por acción, senón por omisión. Non só se é verdugo por facer, senón por non actuar.

O relato “O pavo real” enfróntanos de fociños coa crise que estamos a vivir a través das peripecias dunha adolescente afeita aos caprichos que lle procuraba a boa situación dos pais. O desenlace é unha canto, coma nos caso dos relatos anteriores, á superación, á bondade espontánea ou á solidariedade como antídotos contra a desgraza ou a maldade.

Dentro da maldade gratuíta, a que se exerce contra os animais ocupa un lugar de privilexio. Este xeito de comportamento aparece en “Gulag de galgos” asociado co do acoso escolar. Eu, que fun durante máis de trinta e cinco anos profesor e pasei por todos os niveis do ensino como docente, teño que dicir que o autor trata dunha forma precisa, sen tremendismos, este tema do acoso, que, desgrazadamente, adoitan tapar mesmo moitos docentes e ata as autoridades educativas.

Característica común de todos estes relatos son as digresións de tipo ensaístico ou mesmo o emprego de datos estatísticos para que o lector se conciencie contra o machismo, o acoso escolar, o maltrato de animais e un feixe máis de crueldades desta nosa sociedade. Tamén é común aos cinco relatos o desenlace esperanzador, no que triunfan a bondade nas súas distintas formas sobre o mal. Non é un triunfo apoteótico, senón humilde, ata feble. Pero un triunfo. Este pedagoxismo poderá parecer excesivo, mais o autor desde o prólogo informa sobre o propósito didáctico-moral destes relatos. O alumnado ten que ler literatura de calidade, onde non están presentes nin pedagoxismos nin mensaxes éticas, mais tamén cómpre que lea, como se fixo en todos os tempos e lugares, esta narrativa didáctica, pois, aínda que isto sexa parecer ser antigo e ata profesor carca, o profesorado e a literatura xuvenil ha de transmitir valores e loitar contra o negativo, tanto individual como social.

En canto ao eido da lingua, agora que tanto se fala da lingua de calidade a propósito do recente libro Modelos de lingua e compromiso, aparecen castelanismos que cómpre evitar, especialmente en textos destinados primariamente a mozos e mozas. Non obstante, os castelanismos que imos citar, como acontece en tantas ocasións, obedecen ao que aquí denominamos castelanismo asoballante, pois o castelán é lingua dominante e dominadora desde os medios ao lecer e mesmo, co decreto de plurilingüismo, no Ensino. Así, ao xeito do castelán, aparece o verbo sorprender con lle: A ninguén lle sorprende que o coello, a lebre… caian abatidos… (páx. 45). Como ben indica o DRAG, soprender é un verbo transitivo, que, polo tanto esixe o. O propio DRAG pon este exemplo: Sorprendeuno con aquel regalo. Outro terreo onde abunda o castelanismo é o das expresións ou locucións. Neste sentido rexistramos poñer panos quentes (páx. 52), evidente calco do castelán poner paños calientes. Como ben sinala o Dicionario castelán-galego da RAG, cómpre usar neste caso expresións de noso como andar con panxoliñas/con miramentos/ con contemplacións/ con andrómenas/ con lerias/con voltas.

Tamén é castelanismo a acepción de roldar como intransitivo na expresión roldar pola cabeza (páx. 87). É tradución do rondar por la cabeza castelán. Ben é certo que o Dicionario castelán-galego da RAG admite este castelanismo, mais non así o DRAG. Outra incosecuencia dos todólogos. Neste caso mellor é usar expresións como tiña mentes de, por exemplo. Así a oración xa lle roldaba pola cabeza a posibilidade de enfocar por aí o seu futuro (páx. 87) mellor quedaría xa tiña mentes de enfocar por aí… Mesmo se podía empregar teimar, matinar. Como acontece con moitos dos nosos escritores e escritoras, o autor utiliza amolar con lle, caso evidente de lleísmo castelanista: … que lles amolaba… (páx. 109). Como ben sinala o DRAG o correcto é … que xa os amolaba…

Para rematar con este apartado quero comentar tres termos. En primeiro lugar facebook, anglicismo que non aparece en ningún dos nosos dicionarios, mais de emprego habitual. Así mesmo o autor emprega termos propios da linguaxe literaria como anceio (páx. 55), que non recollen os dicionarios académicos e normativos. Mesmo dicionarios como o Xerais de Secundaria e Bacharelato o rexistran como forma incorrecta. Anseio/anceio é un lusismo de amplo uso na literatura e, aínda que anceio sexa moi criticable desde un punto de vista filolóxico, o emprego deste par na linguaxe literaria obriga a admitilos nos dicionarios, aínda que sexa coa nota de literario ou cunha observación. Tamén rexistramos alimaria (páx. 50). Este termo é o que propón o Dicionario castelán-galego da RAG para o castelán alimaña, xunto con animalia. Ambos os dous faltan no DRAG ou mesmo no Xerais de Secundaria e Bacharelato, que descoñecen esta realidade. O amplo uso de alimaria, especialmente nos libros de texto, tamén fai aconsellable a súa admisión.

Volvendo ao rego, os cinco relatos que presenta o libro son o que chamamos narrativa pedagóxica ou didáctica, mais non tomamos este adxectivo como pexorativo, senón para designar un xénero que é un recurso fundamental do Ensino para transmitir valores desde a Idade Media ou tamén desde as antigas Grecia e Roma e habitual en todas as culturas. Por outra banda, a sinxela dos relatos é boa para afeccionar os máis novos á lectura. Polos temas tratados e pola forma en que o fai, malia ir dirixido aos mozos e mozas, pode ser lido por un público adulto sen problemas. Ademais, cremos moi útil a súa lectura e comentario na ESO, especialmente no seu primeiro ciclo.

Abr 26th, 2015
Comments are closed.