Antinovela ou novela lírica

Por Manuel Rodríguez Alonso

Antípodas

Xosé Vázquez Pintor

Xerais, Vigo 2015, 243 páxs.

 

A novela que agora nos presenta Vázquez Pintor carece realmente de argumento ou intriga e ata de personaxes ao xeito tradicional. Como acontece en Beckett, no obxetalismo francés ou mesmo nalgúns relatos da Nova Narrativa Galega, o lector non sabe moi ben quen é ese Plinio que vai dun lugar para outro coma un pobre vagabundo acompañado por unha cadela que se chama como a vila mariñeira que percorren sen obxectivo nin plan ningún de vida. Mais fronte a Beckett ou mesmo a Nova Narrativa, onde os personaxes percorren cidades ou vilas marcadas polo cosmopolitismo ou a ausencia de trazos que as identifiquen cun modelo concreto, nesta novela de Vázquez Pintor dános a sensación de que o protagonista percorre unha vila mariñeira galega.

Ao longo da novela asistimos ao deambular de Plinio por esa vila mariñeira denominada Luneda, acompañado por unha cadeliña, coa que mesmo dialoga que ten o mesmo nome que a localidade. A través destas conversas-monólogos imos descubrindo, coma quen non quere a cousa, retallos que nos axudan a recompoñer a vida de Plinio, que aparece, sen o dicir o texto, como un senteito, orfo, criado nunha residencia de monxas e que agora vive como pode, indo dun lugar para outro, nesa Luneda, que, polos bares, oficios das persoas con que se atopa Plinio e outros indicios, que non informacións elaboradas, o lector identifica con algunha vila mariñeira galega, mesmo a Cangas lugar de residencia do novelista.

Malia que a ausencia dunha intriga, dun desenlace ou dun protagonista e personaxes convencionais, como acontece nas novelas anteriormente citadas, Plinio non se atopa na soidade social nin existencial dos personaxes de Beckett, o nouveau roman ou a nova narrativa. Sempre hai alguén que no seu continuo deambular lle dá unha fala amable ou mesmo un anaco de comida ou incluso o acubilla nas noites de frío e chuvia. Aparece na novela unha especie de solidariedade entre os orfos e senteito como Plinio. Neste sentido tamén hai que salientar a tenrura da relación entre Plinio e mais a cadela Luneda.

A novela constitúe así mesmo un prodixio de linguaxe, xa non só pola súa riqueza, senón tamén polos seus innegables recursos líricos. Neste sentido ata o seseo toma un valor poético pois Sapatos hai que non son zapatos: teñen o s do desgaste das gomas de pousar (67). Extraordinaria forma lírica de presentar o deambular sen parar de Plinio! Prosa lírica e coloquialismo conviven na descrición de Plinio dos avións que apagan lumes: Viñamos de axexar o apagón dos lumes cos avionetos que beberan case todo o mar da casa de Luneda. Fume de aló e de acó. Unha brincadeira para nenos coma min… (páx. 102).

Xa que logo, estamos perante unha novela que, pola súa ausencia dunha intriga ou dun desenlace e personaxes convencionais, nos leva a pensar na chamada antinovela, o absurdo de Beckett e tamén a nova narrativa galega. Non obstante, como dixemos enriba, todo o texto está percorrido por unha solidariedade espontánea entre os senteito-deambuladores, como Plinio, e, polos indicios que non informacións elaboradas, o lugar de Luneda resulta doadamente identificable con algunha vila mariñeira galega. Por outra banda, a través das conversas-monólogos coa cadeliña Luneda, Plinio vai recreando en certo xeito a súa vida de orfo abandonado, mais non resentido, que mantén lazos de solidariedade cos que sofren coma el a inxustiza social ou mesmo da propia natureza, que se axudan e protexen entre eles, fronte aos poderosos, representados por eses armadores aludidos como os donos non só de Luneda, senón do mar de dentro e incluso do mar de fóra. A carón disto achega a interpretación lírica da realidade e da vida cunha linguaxe dunha extraordinaria riqueza e chea do que os formalistas rusos chamarían literariedade, posto que, como vimos cos exemplos citados enriba, en moitas ocasións os soliloquios-conversas de Plinio-Luneda, nese andar de algures para ningures (páx. 134) de Plinio pola realidade de Luneda, mais tamén polos territorios do soño, rexeitan o carácter utilitario da lingua para se converteren en signo autónomo na procura da pura mensaxe artística ou poética.

Como se desprende de todo o dito, estamos perante unha novela que precisa dun lector activo e que ha de vir disposto a gozar máis ca do argumento entretido da calidade da lingua utilizada e da experimentación no eido da narrativa. Ademais, partindo da tradición da novela existencial ou antinovela de Beckett, o nouveau roman ou a nova narrativa, Vázquez Pintor humaniza e localiza este tipo de relato de tal xeito que o converte en literatura de noso, de forma que o cosmopolitismo desta literatura se ve encarnado nun personaxe, medio e lugar de noso, sen por iso deixar de ser cosmopolita e universalista.

Abr 21st, 2015
Comments are closed.