Relato entretido

Por Manuel Rodríguez Alonso

O faro escuro

María López Sández

Galaxia, Vigo, 2015, 132 páxs.

 

A literatura, malia todo o que se diga, ten como un dos seus principais obxectivos entreter. Esta novela, ao xeito das películas ou telefilmes, consegue este obxectivo posto que emprega personaxes e recursos parellos aos destes relatos cinematográficos. Tamén está escrita tendo en conta o posible público que cómpre entreter. Isto a algúns pareceralles unha rebaixa na calidade que se lle debe pedir a unha novela, mais en todas as literaturas cómpren obras coma esta, cuxo principal obxectivo é entreter o público, que está afeito á cultura do cine e, especialmente, á das películas ou telefilmes pensados especialmente para seren emitidos por televisión e seren vistos desde o sofá do salón.

A novela pertence en principio ao xénero da novela policial ou de detectives, que non á serie negra. O asunto que se desenvolve é a procura policial dunha famosa xornalista da televisión, presentadora do telexornal de ámbito estatal máis visto, que desapareceu. A inspectora Elisa Neira iniciará a súa busca. A novela utiliza elementos habituais nas películas de entretemento que aparecen nas sobremesas nas canles de televisión e todas elas elaboradas en Hollywood: accidente de avión, asasinatos en serie de mulleres e ata o pozo onde está secuestrada a xornalista de sona. Como adoita acontecer tamén nestas películas, todo o problema vén suscitado polos problemas psíquicos do secuestrador. Xa digo, parece, por estes elementos que estamos a ver, unha película de sobremesa das series B e especialmente pensadas para seren emitidas polas canles de televisión nas sobremesas das fins de semana ao xeito de Antena 3.

Non faltan tampouco os elementos herdados da novela gótica, como poden ser o propio faro ou mesmo a tempestade na que tenta fuxir a secuestrada. Ben é certo que estes elementos tamén son propios das devanditas películas. Mais tamén hai outros elementos que teñen que ver coa mercadotecnia como poden ser que, a non ser o secuestrador, as principais personaxes, a policía e mais a xornalista, sexan mulleres. Isto é habitual en moitos dos éxitos de vendas de novelas actuais, onde a muller-policía, a xornalista ou a xuíza ocupan postos de protagonismo polo desexo de visibilizar as mulleres nos papeis protagonistas e nas profesións que sempre estiveron reservadas aos homes, mais tamén porque, posiblemente, se pense que a muller é a principal consumidora destas novelas e así pode identificarse doadamente coas protagonistas. No mesmo saco entra o tratamento que se lle dá á maternidade na novela, como unha especie de refuxio afectivo para as profesionais de certo éxito que viven soas.

A novela ten ademais acertos que cómpre relacionar coa súa fasquía cinematográfica, como o axeitado uso do simultaneísmo contrapuntístico que nos presenta o que fan no mesmo tempo en lugares diferentes a secuestrada, a inspectora e o secuestrador. Pola contra, resulta un erro a excesiva omnisciencia do narrador en terceira persoa ou algúns elos na trama que non parecen moi verosímiles, como o manexo das barcas por parte da inspectora, nunha especie de solución de deus ex machina para saír do paso, como acontece nas malas películas da serie B.

Chama así mesmo a atención que unha das personaxes principais, a xornalista secuestrada, sexa o que aquí vimos denominando unha madrigalega. Cando comentabamos no pasado febreiro e nestas mesmas páxinas a novela de Antonio Tizón A antesala luminosa analizabamos a figura-personaxe do madrigalego. Alí remitimos para a valoración da personaxe da xornalista de éxito galega que exerce en Madrid, que cumpre con todos os requisitos do chamado madrigalego, que tanta presenza ten na nosa literatura, desde os propios Sarmiento, Rosalía ou Murguía, como xa indicamos no devandito comentario a A antesala luminosa nestas mesmas páxinas.

No eido da lingua, como vimos dicindo a propósito de moitos dos nosos novelistas, é encomiable o labor de modernización/actualización do galego que se realiza nestes textos. Así atopamos anglicismos como share ou freelance que non adoitan tratar os dicionarios ou os repertorios de dúbidas. O dicionario da RAG non rexistra ningún destes termos. Ningún dos dicionarios galegos de uso resolve este asunto. O portugués no caso de freelance adoita conservar o anglicismo ou substituílo por independente, mentres que o castelán ten proposto, sen éxito, profesional autónomo/independente. No caso de share o portugués conserva o anglicismo, mentres que no castelán se ten proposto porcentaxe/cota de audiencia. De momento parece oportuno, e mentres non se pronuncie a RAG, manter freelance/share grafándoos con cursiva. Así mesmo rexistramos en repetidas ocasións nesta novela o anglicismo ferry. O portugués adoita usar o anglicismo ferry e esporadicamente balsa e mesmo transbordador. No castelán proponse substituir ferry pola forma españolizada ferri ou polo calco transbordador. En galego o Dicionario castelán galego propón ferri na entrada ferry. Non obstante, o dicionario en liña da RAG só rexistra para esta acepción o termo común co castelán transbordador. O Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato considera ferry unha incorrección e propón como única forma correcta transbordador.

Mais tamén cómpre falar dos erros e castelanismos que rexistramos, máxime cando a autora e filóloga profesional e ata profesora universitaria de lingua e literatura galegas. Por outra banda, estes días está de actualidade o perigo que supón para a pervivencia do galego o que eu chamo castelanismo asoballente que, no seu derradeiro estadio, dá lugar ao tamén denominado por min castelgalego, polo libro coordinado por Xosé Manuel Sánchez Rei Modelos de lingua e compromiso (Baía Edicións). Así no texto desta novela rexistramos castelanismos tan rechamantes como dietas de traballo (páx. 42, por axuda de custo), subministros (páx. 116, por subministracións), o uso reiterado de destello por escintileo, autosabotear (páx. 97) por autosabotar, zarpar por saír ao mar… A fraseoloxía tamén é por veces tremendamente castelanista: quería a toda costa (páx. 110). O propio Dicionario castelán-galego da RAG propón neste caso custe o que custe e hai outras máis galegas como custar ferro e fariña, por exemplo. Tamén abundan os calcos do castelán como unha idea que a roldaba (páx. 116). Isto para un bo falante sería tiña unha teima/teimaba en… Soa tamén a castelán  a un centenar de metros… (páx. 53). Neste caso a indefinición no número exacto exprésase con cento: a un cento de metros… En fin, a hibridación do galego ou o castelanismo asoballante está xa entre os filólogos e mesmo entre os profesores/as universitarios de galego. Cómpre resolver este problema e acadar un galego de calidade e non castelanista. Tamén os filológos/as profesionais e profesores/as de galego teñen o deber de ler os dicionarios de galego para estaren ao tanto das solucións propostas no estándar para fuxir do castelanismo. Estes erros só demostran desidia e nugalla intelectual por parte do profesorado. A cousa é peor cando o que comete os erros é o propio Secretario da RAG e catedrático de filoloxía galega, como xa sinalamos aí atrás, a propósito do emprego castelanista de colmar, co valor non de ´cubrir con colmo ou palla seca´, senón co de ´encher por completo, satisfacer´. Na web da RAG e na referencia ao acto da sinatura do memorando para a introdución do portugués como materia no Ensino, o secretario da institución e catedrático de filoloxía di: Este memorando supón un chanzo que debera ser decisivo cara a colmar unha aspiración… Eu entendo como que van ´cubrir de colmo ou palla seca´ esa aspiración longa. Hai máis dun mes que sinalamos o erro castelanista e aí segue colgado na web da RAG…, a institución que vela, legalmente, pola calidade do galego… Eu, desde logo, aos profesores/as de galego e a institucións que non cumpren coa función de velar pola calidade do galego e amosan esta lacazanería e preguiza intelectual ben que lles recortaba as subvencións e ata os salarios!

Volvendo ao rego, novela sen pretensións e para o entretemento. Eu mesmo a lin nun par de sobremesas mentres vía a tele. Este tipo de literatura, de pruro entretemento e evasión, é tamén moi necesario e fundamental para normalizar unha literatura. É moi apropiada para a lermos nas sobremesas, nas esperas, nas viaxes… Non todo ten que ser transcendencia.

Abr 19th, 2015
Comments are closed.