O novo vence ao vello

Por Manuel Rodríguez Alonso

A frecha de Deus

Chinua Achebe

Tradución de Saleta Fernández. Corrección de Moisés Barcia

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 325 páxs.

 

Xa comentamos aquí a propósito doutras dúas novelas de Chinua Achebe (Todo se esfarela / Un home do pobo) que o novelista nixeriano adoita presentar a choque cultural que se produce entre a tradición ibo e mais as novas formas de vida occidentais importadas polo imperialismo inglés. Esta novela é a terceira da Triloxía africana, á que pertencen as dúas novelas citadas aquí e tamén comentadas nestes blog no seu dia.

Como xa dixemos a propósito das novelas anteriores, Achebe escribe unha novela etnográfica onde tenta salvar do esquecemento costumes e formas de vida ibos varridos pola cultura occidental levada polos ingleses. Mais na novela de Achebe, especialmente nesta, non hai unha idealización dos nativos, que, a carón de virtudes innegables, presentan tamén defectos, como a envexa, a ambición, a mentira ou ata a nugalla ou a disposición dalgúns para explotar os da mesma aldea ou pobo. Por outra banda, malia a tiranía do opresor imperialista británico, non todo son neste aspectos negativos, pois a carón da súa crueldade ou desprezo polo autóctono, tamén algúns deles ven valores positivos na cultura ibo, como lle acontece ao capitán T. K. Winterbottom, malia a súa defensa do imperialismo estrito. Mais tampouco a cultura do imperialista é por enteiro negativa, pois presenta aspectos positivos como poden ser, malia todo, a construción de infraestruturas, o intento de establecer unha administración de xustiza ou incluso a mellora que supón a medicina moderna e científica.

Nesta novela é posiblemente onde se pode ver mellor a postura de Achebe de integrar a cultura autóctona africana, neste caso a ibo, coa occidental, representada polo invasor inglés. Achebe amosa como os ibos asumen a nova cultura do imperialismo occidental por puro interese, pois no fondo iso mellora as súas condicións de vida. Ata o fillo de Ezeulu, o xefe-sacerdote do pobo, é enviado polo seu propio pai a se formar na misión inglesa, pois o vello sacerdote admite que é imposible vencer a civilización dos invasores ou renunciar ás súas melloras. Na novela aparecen moi ben descritas, comezando polo fillo do sacerdote-xefe da aldea, as figuras intermedias entre o colonizado e o colonizador, o que Hohmi Bahba denomina in-between spaces. Estes personaxes, habitualmente policías ou funcionarios menores ás ordes do Imperio, aprenderon, aínda que sexa con fallos e modulacións de seu, o inglés do invasor e viven a nova cultura occidental, sen por iso abandonar por completo a cultura ibo de seu, realizando unha síntese non sempre doada entre ambas culturas, mesmo asumindo a lingua inglesa do invasor, aínda que modulándooa, como xa vimos, con formas de seu, desde a pronuncia ao léxico. Coidamos que este é o terreo en que se move o propio Achebe, que retrata a cultura ibo en transo de desaparición, mais que o fai en inglés, aínda que profundamente influído pola lingua ibo.

Por outra banda, a novela ten o engado valleinclanesco da defensa das grandes causas perdidas. Na figura do fracasado Ezeulu deféndese a cultura e forma de vida tradicional ibo, mais que está chamada a desaparecer perante a cultura occidental imperialista dun xeito irremediable. A novela non propón unha resistencia numantina a esta cultura occidental, senón que opta por unha especie de combinación entre ambas as dúas, de tal xeito que as dúas saian melloradas. Pódese ser perfectamente ibo, sen por iso renunciar ás vantaxes da civilización occidental e cómpre non idealizar ningunha das dúas. Iso foi o que fixo o propio Achebe.

Para rematarmos só nos queda aludir á importancia que ten na novela para a asimilación polo Imperio dos ibos o abandono da lingua de seu e a súa substitución polo inglés. O dominio do inglés procura moitas oportunidades de traballo e de mellora económica. A substitución lingüística do ibo polo inglés está así garantida. Non só é o prestixio, senón o valor económico da lingua. Se se quere progresar e vivir mellor, cómpre saber e falar inglés. Isto resulta un motivo de meditación para nós os galegos. Certamente que lle iría mellor ao galego, se, por exemplo, fose máis valorado na Administración e ata se desen gratificacións polo utilizar ou fose máis decisivo para a promoción profesional e económica.

En fin, agora temos completa a Triloxía de África e a súa lectura non só resulta necesaria e agradable por si mesma, senón tamén porque é iluminadora para comprendermos o proceso de substitución que se está a producir no caso do galego polo castelán.

Abr 16th, 2015
Comments are closed.