Lembranza inesquecible e sen nostalxia do maltrato

Por Manuel Rodríguez Alonso

Dos días escuros

Mª Carmen Caramés Gorgal

Xerais, Vigo 2015, 63 páxs.

 

A memoria adoita actuar na poesía para reconstruír amores ou vivencias pasadas e ata fracasados, mais que co paso do tempo e aínda coa pexa do fracaso, adoitan encherse de nostalxia e mesmo dunha certa necesidade de recuperar tempos e experiencias-vivencias pretéritas. Pola contra neste poemario de Caramés Gorgal o obxecto da memoria e da lembranza do eu lírico é o maltrato, de tal xeito que aquí non cabe xa ningún tipo de nostalxia polo pasado.

O eu lírico alude á vivencia do maltrato con visións que impresionan o sentidos do lector pola súa sensualidade negativa. As sensacións que suscitan algunhas destas visións ou imaxes visionarias permiten sentir o que experimenta a persoa obxecto do maltrato e lembrar esta experiencia (días devorados pola couza / e polo medo) é como desangrarse: Así é que me desangro en cada verso / nun gotexar constante / de días devorados pola couza / e polo medo (páx. 22). Non hai, como na poesía tradicional, nostalxia polos amores fracasados do pasado, senón puro terror perante a lembranza dese temo de couza e medo.

O medo ao maltratador concrétase tamén dun xeito sensorial no gume afiado do seu bafo ou no ruído que a chave dá na pechadura (páx. 23), que resulta paralizante: nada me paraliza máis ca ese son perverso (páx. 23). O eu lírico, profundamente agobiado polo pavor, mesmo non é quen de recoñecer o tránsito das estacións, pois vive nun outono-inverno perpetuos: o escuro dura toda a primavera / case sempre é outono e ás veces / un inverno frío ameaza (páx. 25).

Fronte ao tópico da poesía amorosa do esquecemento mesmo da lembranza ou que do pasado só queda o recordo dun esquecemento, a experiencia do maltrato non remata nunca nin tampouco se esquece, como ben se expresa na prosa poética da páx. 28. Non falta tampouco o tópico da infancia feliz, que, neste caso, recrea un mundo infantil de princesas e fadas, mais ben viría que alguén poida converter agora os príncipes en ras (páx. 38).

Na terceira parte do poemario, “As testadoras”, iniciada cunha coñecida cita de Simone de Beauvoir, realízase o retrato das que son consideradas pola autora referentes na rebeldía-liberación da muller fronte ao machismo. Destaquemos neste sentido o poema dedicado á Eva da Biblia, rebelde contra o patriarcalismo bíblico e que cometeu o gran crime de ser autora do acto libre de pensar en por ti (páx. 42). Fronte á rebeldía de Eva, vólvese ao revés a figura de María, símbolo da servidume ao machismo patriarcal e do que cómpre librarse por parte das mulleres: Cómo librarnos agora da implacable lousa / do teu legado milenario de servidume: / “Velaquí a escrava do Señor”.

Entre estas testadoras, é dicir, mulleres que lle deixaron ao eu lírico un testamento/herdanza de rebelión e dignidade femininas están figuras anónimas como a carboeira de posguerra que mantén o marido agochado da persecución franquista ou a labrega que desexaría ter un cuarto propio / coma Virgina Woolf (páx. 47). No mesmo sentido cómpre entender o poema dedicada á nai, que lle ensinou o orgullo de ser muller: Fálame das cousas que perduran / para que cando a vontade se axeonlle / e as serpes do maldicir e do malvivir me asedien / non me arrepinta nunca / – nin renegue- / da miña condición de muller (páx. 49).

Por fin, o poema que pecha o libro e constitúe a súa quinta parte, co seu ton narrativo e ata prosaico de nova xornalística, constitúe unha moi boa testemuña sobre o destino que adoita esperar as mulleres maltratadas, ignoradas por todos e só lembradas, hipocritamente, cando son asasinadas e aparecen nos medios rodeadas de falsas frases de compaixón: Alguén fará un comentario a teor da traxedia, alguén que me coñece pouco / ou nada: / “Unha tremenda desgraza, / estamos todos consternados. Quen podía imaxinar…”/ Non había denuncias. / Un minuto de silencio (páx. 60). Certamente que a narratividade e a reprodución do rexistro xornalístico e ata coloquial estremecen. Pasado o momento da saída nos medios, o esquecemento esvarará como a anoitecida / por debaixo das portas, / silente, / apenas presentido (páx. 61). Reparemos ademais na acertada fonoestilística destes versos.

Xa que logo, poemario que entra de cheo no tema do maltrato de xénero de xeito que constitúe, como lemos nalgún sitio, un exemplo de poesía social e comprometida, mais, contra os que pensan que a poesía social carece de valores estéticos, a autora manexa unha manchea de recursos propios da lírica de todos os tempos, e se os místicos volvían ao divino a poesía amorosa, Caramés volve ao feminismo denunciador da violencia de xénero tópicos e temas propios da lírica como o esquecemento, a reconstrución do pasado ou o paraíso perdido da infancia. Como botón de mostra reproducimos o micropoema que dá no albo á hora de presentar o sentimento da muller maltratada e acosada: Ás veces esperto e sei que existo / porque non me resigno a esta carestía / de vivir en estado de sitio / permanentemente (páx. 26).

Para rematarmos, só nos queda dicir que este poemario cómpre lelo conxuntamente con outra obra hai pouco aquí comentada, a novela curta de María Xosé Queizán Son noxento. O comentario e comparación de ambas as obras sería moi necesario nos nosos institutos e colexios, especialmente no nivel do Bacharelato, para fanar os gomos de machismo que están a xermolar de máis nos nosos centros de ensino e entre mozos e mozas.

Abr 13th, 2015
Comments are closed.