Un bo feixe de microrrelatos

Por Manuel Rodríguez Alonso

Funambulistas

Mercedes Leobalde

Xerais, Vigo 2015, 110 páxs.

 

Mercedes Leobalde reúne neste volume un conxunto de vinte e seis microrrelatos que foron galardoados co Premio de Narración Curta Ánxel Fole do ano 2014. Non sei como serían as outras obras presentadas a este certame, mais o certo é que este Funambulistas premiado merce ben o galardón.

Pola súa extensión os relatos que compoñen o volume entran no eido do microrrelato. Mais non só son microrrelatos pola extensión. Sono tamén pola ironía manexada pola autora, o tema inesperado e sobre todo polo desenlace insospeitado ou pola colaboración que se lle esixe ao lector para que encha os ocos de falta de información á que obriga a brevidade do microrrelato.

Nalgún caso estes microrrelatos son mesmo dunha gran brillantez. Penso, por exemplo, no que abre a colección, “Psicopatía manual”. O efecto está conseguido xa desde a elección do título. O desenvolvemento e o desenlace mesturan adecuadamente absurdo e terror. O segundo microrrelato, “Negrón”, en só unha páxina desenvolve dun xeito brillante o tema da violencia de xénero. Ten o acerto de deixar o lector na dúbida de se houbo ou non maltrato, se é certa ou non a desculpa da muller. Por fin, a frase machista con que remata o texto é unha especie de lategazo na sensibilidade do lector/-a. Noutros relatos, onde se trata a violencia machista, o humor fai máis rechamante o castigo que recibe o depredador masculino (Léanse neste sentido “Escrita á man” e “Os cogomelos da risa”)

A moral nacional-católica aparece ironicamente caricaturizada nos microrrelatos baseados no célebre consultorio sentimental radiofónico de Elena Francis, que tanto éxito tivo nos sesenta e nos setenta. A graza do conto reside na moi boa reprodución paródica que a autora fai da linguaxe propia deste consultorio sentimental. Os que temos xa unha certa idade e lembramos nos sesenta e setenta do pasado século o consultorio sentimental de Elena Francis parece que estamos a oír a locutora cando lemos os textos.

En apenas dúas páxinas a autora retrata dun xeito irónico e mesmo cruel, desde o propio título, “A idade da inocencia”, o problema da maternidade das estudantes adolescentes. Neste micorrelato a frialdade do relato en terceira persoa, que se limita a referir de xeito aséptico os feitos, impresiona o lector. O desenlace expresado nas catro liñas do remate impacta pola súa brevidade e asepsia informativa, que deixa tocado o lector.         Humor e hedonismo combínanse en “O terceiro mandamento”. O xeito en que a protagonista deste microrrelato intepreta as festas relixiosas e laicas é un canto ao hedonismo cheo de humor e gozo de vivir.

Para rematarmos, só nos queda sinalar que estamos perante unha moi boa colección de microrrelatos cuxa lectura resulta moi adecuada para as viaxes en tren ou autobús ou calquera tipo de espera. Cómpre que recuperemos o costume de levar un libro deste tipo no peto para nos entretermos nestas esperas, onde sempre vemos, especialmente os mozos e mozas, a fuchicar nos seus móbiles. Ben viría que, especialmente mozos e mozas, levasen un libro coma este para ler nestas ocasións. É un vello costume que cómpre recuperar.

Abr 10th, 2015
Comments are closed.