Impresionante e necesaria

Por Manuel Rodríguez Alonso

Son noxento

María Xosé Queizán

Xerais, Vigo 2015, 108 páxs.

 

María Xosé Queizán toca nesta novela curta un tema que arrepía: o do acoso sexual-violación dunha rapaza polo seu propio pai. Esta novela de Queizán cómpre incluíla dentro das obras literarias que o escritor e ensaísta José Ovejero en La ética del mal (Anagrama, 2012) caracteriza como obras que poñen o lector perante o misterio do mal e o gozo e recreo que co mal e mais o sufrimento alleo experimentan algunhas persoas. Ovejero denomina este tipo de literatura literatura da crueldade e caracterízaa por unha total ausencia de calquera sistema de valores e empatía cara ao outro/outra.

A novelista estrutura o relato desde a primeira persoa-protagonista dun pai violador da propia filla que lembra o seu pasado desde o cárcere, onde sofre condena. O lector non saberá ata ben avanzado o texto cal é a causa desta condena e este é un dos acertos da narración. O narrador, ademais, é un depredador sexual, violador incluso da propia filla, mais que non amosa ningún tipo de arrepentimento. Seguindo o citado ensaio de Ovejero, o protagonista-narrador carece de calquera sentido moral, non empatiza para nada co outro e comprácese na dor e no sufrimento, neste caso das mulleres.

A autora deu no cravo así mesmo ao reproducir o particular rexistro lingüístico do depredador. Abonda coa súa linguaxe para que o Noxento estea perfectamente caracterizado. Por outra banda, a novela é tamén xa non só a análise do depredador sexual masculino, senón tamén, mesmo a través da linguaxe, unha presentación-crítica do machismo cotián. Está así mesmo perfectamente graduada a evolución en clímax do protagonista, no seu traxecto desde un simple machista ata ser un pederasta e violador da propia filla. Como adoita ser propio na autora, non faltan tampouco as referencias ao momento socioeconómico que estamos a vivir, especialmente a través da figura do sogro do Noxento. Non menos interesante é a crítica ao sistema de valores da nosa sociedade en que prima, por riba de todo, o triunfo persoal e conseguir cartos para poder satisfacer todos os desexos, mesmo os inconfesables ou manter unha dobre moral pública-privada, como fai o sogro de Suso, o Noxento. Non menos dura é a imaxe que a novelista crea da sogra de Suso-O Noxento, a exquisita, que goza coa literatura, coa arte ou coa música, mais que pecha os ollos perante o acoso sexual ou calquera inxustiza, refuxiada no torre de almafí da arte e da suposta delicadeza-elegancia. O sistema carcerario e as súas eivas tamén están moi ben tratados, mais que por descricións detalladas por indicios e informacións soltas, coma quen non quere a cousa.

A autora ademais non é tampouco condescente coas propias mulleres. Lilí, a nai da nena violada polo pai e esposa do Suso o Noxento, o depredador-pederasta-violador da propia filla, mantén o comportamento covarde de moitas das mulleres maltratadas que, non sabemos moi ben por que, desculpan e tapan as súas parellas masculinas. Suso é o Noxento, mais Lili é aínda máis noxenta e non debemos malinterpretar o desenlace violento, que non se produce máis que polos ciúmes de Lili, non por outra causa. Non dicimos máis para non destripar a narración.

Xa que logo, novela valente sobre un tema tan de actualidade como o dos depredadores sexuais e pederastas, que exercen ademais no seo da familia e mesmo co visto e prace da esposa. A historia, ademais, está contada desde a perspectiva do pederasta, Suso o Noxento. Acerta, como xa dixemos, a autora na estrutura e sobre todo na linguaxe. O Noxento non necesita máis caracterización ca a linguaxe que utiliza.

Só lle poño a esta novela a tacha dalgúns erros lingüísticos como o teísmo (Aconséllote que non lle deas moitas voltas á cabeza, páx. 19) ou os empregos castelanistas do pronome átono en estruturas verbais que en galego non son pronominais (Debín ir facerme un traxe á medida –páx. 24-; … que te podes ver a cara no parqué… -páx. 78-; … arranxouse ben o vestido… -páx. 49). No eido do léxico e da fraseoloxía tamén rexistramos castelanismos como o visto bo (páx. 59) por visto e prace ou con pés de chumbo (páx.17) no canto de andar con pés de ferro, andar cos pés no aire, andar con tino, andar cun ollo no gato e outro no prato, todas elas propostas polo Dicionario castelán-galego da RAG para evitar o castelanismo andar con pés de chumbo.

Volvendo ao rego, moi boa novela curta que se pode ler dun tirón, ao que axuda tamén a tipografía empregada. Toca un tema que moitas veces constitúe un tabú na literatura, como é a figura do pederasta vista desde a perspectiva do propio pederasta, que resulta totalmente convertido no Noxento do título, mais non pola tese moral explícita, senón pola propia linguaxe que usa este Noxento protagonista-narrador. Lembra un chisco unha novela que foi polémica e que tamén trata o tema da pederastia desde a perspectiva do pederasta, Un mal año para Miki, de José Ovejero. Ademais, esta novela de Queizán pode incluírse dentro do que Ovejero denomina precisamente literatura do mal, con personaxes que se compracen na crueldade, na dor dos outros e sen ningún tipo de empatía cara aos demais. Por outra banda, non dubido en recomendar a lectura-comentario desta obra nos cursos de Bacharelato perante o machismo que se volve ver entre os nosos mozos e mozas.

Mar 25th, 2015
Comments are closed.