No vinte e cinco aniversario de Carballo Calero

Por Manuel Rodríguez Alonso

No vinte e cinco aniversario de Carballo Calero. Razón do esquecemento oficial 

O vinte e cinco de marzo de 1990 falecía en Santiago de Compostela Carballo Calero. Xa que logo, cúmprense agora vinte e cinco anos do pasamento. Carballo Calero foi, á parte dun importante creador literario, unha figura fundamental na filoloxía galega e mais na investigación da historia da literatura galega no século XX. Chama a atención o silencio que hai sobre a obra, xa non só a literaria, senón a filolóxica de Carballo Calero. Mesmo a Real Academia Galega sempre lle negou a dedicarlle o Día das Letras, mesmo este ano, en que se prefiriu a Filgueira Valverde, malia ser proposta a figura de Carballo polos académicos Fernández Rei e outros, a RAG non quixo que Carballo recibise esta homenaxe. Estraña tendo en conta que Carballo foi nada menos que secretario desta institución. O motivo desta exclusión e silencio sobre Carballo Calero débese á sua oposición as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 1982 e a que se converteu nunha das cabezas visibles do chamado reintegracionismo.

A xenreira oficialista esquece que Carballo Calero é un dos grandes gramáticos do século XX. As gramáticas modernas do galego, do remate do XX e de comezos do XXI, son todas debedoras da de Carballo, cuxa primeira edición é de 1966. Malia todo o que se diga, todo o labor gramatical que se fixo nos derradeiros anos do século XX parte da Gramática elemental del gallego común. Nesta obra, que tivo sete edicións, entre 1966 e 1979 e que foi medrando segundo ían saíndo edicións, Carballo fixa o concepto de galego común ou estándar, tendo en conta non só o galego popular e falado, senón tamén o galego escrito, literario ou culto. Teñamos en conta que Carballo viviu como protagonista destacado os anos trinta e os tempos do Seminario de Estudos Galegos. Sitúa así mesmo o galego dentro das linguas románicas, explica o seu proceso de formación e establece as súas relacións co castelán e mais co portugués. Tamén fixa unha dialectoloxía elemental do galego.

O primeiro apartado da gramática dedícase á fonética-fonoloxía. Ao pasar a morfoloxía presta atención aos castelanismos no xénero e establece xa o modelo irmán-irmá. Nos substantivos e adxectivos polisílabos acabados en –l impón o plural –s: mantés, Posteriormente, como fan as normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da RAG pasarán a ser en –is: animais (sétima edición de 1979). O mesmo acontece co resto da morfoloxía, tanto a nominal como a verbal. No eido da sintaxe, aínda que se lle reproche que é a parte máis curta, ofrece guía segura en moitos dos problemas sintácticos que pode atopar un bo usuario do galego. Neste sentido as catro normas que dá na edición de 1979 aínda resultan hoxe moi claras e pertinentes. As gramáticas que viñeron despois, dígase o que se diga, parten da estrutura que fixou Carballo Calero. Por outra banda, todos os seus autores se formaron inicialmente nesta gramática de Carballo. A filoloxía e gramática galegas actuais está en gran parte constituída, tanto no eido universitario como no didáctico-pedagóxico, por filólogos e filólogas da chamada xeración dos oitenta, é dicir, os nados na década dos cincuenta e que van ser os que produzan moitos dos materiais que se usarán para o Ensino a partir do chamado Decreto de Bilingüismo de 1979. Pois ben, todos nós nos formamos dun xeito ou doutro nesta Gramática elemental del gallego común de Carballo Calero.

Cando se establecen os cursos de galego nos anos sesenta nas asociacións culturais ou institutos esta gramática vai ser o libro de referencia indispensable. Tamén, cando a partir de 1965, se crea a materia de galego na Facultade de Filosofía e Letras. Na correspondencia que manteñen Carballo Calero e mais Fernández del Riego, editada por Galaxia baixo o título de Epistolario a Fernández del Riego, veremos como vai xurdindo a Gramática elemental del gallego común. En carta do 13-II-1961 Carballo comunícalle a Del Riego que está citado na RAG para unha comisión de gramática. En notas, as editoras, indican que na sesión do 3-XI-1960 a Xunta de Goberno desta institución resulta facultada para designar a comisión que se encargaría de redactar un manual de gramática galega. O 18-II-1961 constituíuse esta comisión que estaba formada por Risco, Bouza-Brey, Filgueira Valverde, Victoriano Taibo, Aquilino Iglesia Alvariño (substituído tras a súa morte por Ramón Piñeiro), Chao Espina, Carballo Calero, Abelardo Moralejo e Manuel Rabanal. Por outra banda, Galaxia, na súa sección de Manuais tiña interese en publicar unha gramática galega.

O certo é que o proxecto da gramática académica vai quedar parado ao desaconsellar Piñeiro esa gramática, como se pode ver tamén pola acertada nota que inclúen as editoras na carta de 11-XI-1962 (páxs. 348-349). Pero, Galaxia anuncia en 1963 a gramática galega, polo que di Carballo en carta de 22-XII-1963: Xa que anunciades a miña Gramática teréi que pensar en facela. Conviría que me mandaras todo o que teñas de antecedente; pois eu carezo de libros de filoloxía galega. Xa lle dixen a Piñeiro que había que me fornecer dunha pequena biblioteca filolóxica (páx. 379).

As razóns polas que Piñeiro botara para atrás a gramática académica e lla encomendaba agora a Carballo era porque, como din en nota as editoras deste epistolario, Piñeiro desconfiaba da preparación e ganas de traballar da comisión e, sobre todo, quería apartar do asunto a Leandro Carré, que preparaba a sua gramática, que publicaría en 1967. Piñeiro non consideraba adecuada a proposta de Carré, que ademais era unha persoa, como demostrará a súa gramática de 1967, dunha absoluta e total falta de preparación filolóxica.

Fixémonos en que Carballo tampouco conta inicialmente con esa preparación e mesmo carece dunha biblioteca filolóxica, que lle solicita ao grupo Galaxia, como fai para redactar a sua Historia da literatura galega contemporánea. Vailles pedindo materiais aos galaxianos, especialmente a Fernández del Riego e a Piñeiro. En certo sentido, por estas afirmacións, Carballo irá aprendendo filoloxía galega ao tempo que vai escribindo a gramática, aínda que ten a experiencia de quen coñece as normas do SEG, é escritor en galego ou está ao tanto da ortografía práctica do grupo Galaxia.

En carta de 9-III-1964, Carballo que está a traballar na Historia da literatura galega contemporánea, nos Contos populares da provincia de Lugo, é director do colexio Fingoy e ata prepara oposicións a profesor de instituto di: Agora percuro non comprometerme con outros traballos para poder encetar a Gramática, que estóu ordeando na mente (páx. 385).

O 24-VIII-1964 dille a Fernández del Riego: Heme de todo ponto indispensable a utilización dos Elementos de gramática histórica gallega, de Vicente García de Diego, Burgos, 1906, libro que escasea, e que non poiden me percurar polos meus proprios medios. Necesítoo precisamente pra a parte do meu traballo en que agora estóu metido, e que ficará paralizado ate que dispoña daquel libro. Hai, pois, que dar con il. Se non o tedes moi a man, conviría se dirixir a Ferro Couselo, pois teño unha vaga idea de que il pode telo, ou localizalo en Ourense. Traballo en moi malas condicións… Non sei qué poderei dar de min (páx. 390).

Mais unha semana despois di (carta de 31-VIII-1964): Piñeiro estivo eiquí. Ten a Gramática de García de Diego, i en vista do que me dis, escribireille para que ma envíe. Chegou o Manual de dialectología.

Na carta do 31-V-1965 aparece Carballo metido en plena faena da gramática e temendo a escola española de Dámaso Alonso e compaña: En fin, eu estóu xa embarcado na empresa, que me resulta penosa, e que posiblemente non satisfaga a ninguén: pero se a considerades necesaria ¿quen a ía facer? Os capacitados pra elo dificílmente quererían arriscar o seu prestixio nista tarefa, que considerarán política e non científica. Terán medo a Dámaso Alonso, que ten dito que por moito tempo non será posible unha Gramática galega como a catalana de Badía. Isto é certo, pero nós queremos facer outra cousa. Mais hai moitos que consideran que isa outra cousa non hai por qué a facer. É decir, que creen que o mellor é non facer nada (páx. 396).

Fixémonos en que o medo a Dámaso Alonso estaba nas coñecidas afirmacións deste de que o galego non era máis que unha lingua rural e lírica e que os que quixesen facer prosa en galego ou ciencia xa podían utilizar o castelán, como sinalamos no noso O españolismo lingüístico (Laiovento). A estandarización-normalización do galego é algo que nunca entendeu a Escola Lingüística Española dos Dámaso Alonso, Zamora Vicente e ata a propia RAE, que sempre creron e aínda cren que o galego está ben como lingua lírica e rural. E máis nada.

Carballo segue a buscar informacion para a súa gramática e di en carta do 2-VII-1965: Recibín a Gramática catalana de Badía e a portuguesa de Tavani (páx. 398). En 1966 xa dando clases na universidade de Santiago, ao crearse a materia de galego, afirma: ¿A Gramática? Desgraciadamente, a miña vida partida antre Santiago e Lugo repercutiu desfavorabremente na marcha da mesma. Non só as viaxes que me rouban tempo, senón que… malamente dou abasto ao meu traballo… (carta de 27-III-1966, páx. 409). A seguir indica: Tratarei de dar pulo á Gramática nestas vacacións, e de rematala nas do vran. Estóu xa cos verbos irregulares. Se me deixades acougar, sen me encarregar traballos especiás, intentarei darvos a Gramática denantes do outono (páx. 410). O 16-VII-1966 escribe: Fas moi ben en supor que ando moi atafegado coa Gramática. Tiraniza a miña vida… Traballo moi arreo, e a cousa vai marchando, e xa medio lle vexo o fin. Teño feitas as partes que corresponden a xeneralidade, morfoloxía e fonética, e agora estóu nada menos que coa sintase. Éche un gran lío, e a cada momento descobro cousas que me obrigan a refacer dous ou tres veces o testo primeiramente redactado… O meu propósito é ir persoalmente a che entregar o manuscrito algún día de setembro (páx. 411).

Por fin escribirá na carta de 1-X-1966: Ao meu regreso de Santiago achéi dúas cartas tuas e probas en galeradas da Gramática astra o final… En dous paquetes distintos mandeiche toas de probas de galeradas corrixidas… E por fin escribe o 22-XI-1966: Recibín a Gramática, que editorialmente resulta un fremoso volume… Vin hoxe dous exemprares nunha libraría de Santiago (páxs. 422-423).

Xa que logo a Gramática elemental del gallego común, como podemos ver a través da correspondencia con Fernández del Riego, é unha tarefa patriótica que lle encomendan os galaxianos, especialmente Piñeiro e Fernández del Riego a Carballo Calero. Tense dito por parte dalgún crítico (Pilar Vázquez Cuesta) que é unha gramática normativa e resulta verdade. É unha gramática normativa-descritiva pois os galaxianos e Carballo Calero decátanse de que unha lingua debe ter unha estandarización se queremos que vaia para expresar o mundo actual e ata para ter un lugar como lingua normalizada no Ensino e mais na Administración. Por iso se alporizaban os da Escola Española, como Dámaso Alonso, que coidaban que o galego é só unha lingua falada rural e lírica. Para o resto xa estaba o castelán.

Carballo non impón nesta gramática un galego elitista ou literario, como parece desprenderse do estudo que lle dedicou a esta gramática Alonso Pintos en Grial 147. Carballo na súa gramática parte, como Saco, que é o gramático máis citado por Carballo do galego oral, mais ten en conta tamén o galego literario e mesmo escrito-culto da época das Irmandades ou dos anos anteriores á Guerra Civil como alguén que viviu na década dos trinta a plenitude da xeración Nós-Irmandades como protagonista literario e político. Pensemos ademais que Saco tamén remata a súa gramática cunha antoloxía de textos literarios galegos. Iso era precisamente o que rexeitaba a Escola Lingüística Española de Dámaso e compaña que dicían que non existía prosa en galego. Descoñecían ou esquecían, porque non lles conviña, a tradición prosística e culta da época Irmandades-Nós entre 1916 e 1936. Xa que logo Carballo e mais o grupo Galaxia que inspira a gramática, sobre todo Piñeiro e Fernández del Riego, decátanse do importante que era ter un galego estándar (o galego común do título), que ao xeito de Saco, se basease na fala viva espontánea, mais que tamén tivese en conta o rexistro culto e o rexistro literario, tanto oral coma escrito, que se desenvolve sobre todo no período das Irmandades-Nós entre 1916 e 1936 e incluso co labor ensaístico da xeración Galaxia.

Ademais Carballo acepta a orde de redactar a gramática como un labor patriótico, mesmo rexeita editar para Anaya El caballero de las botas azules. En canto á súa formación inicial, ten, como dixemos, a de alguén que é lector e escritor en galego, que viviu os tempos do Seminario. Mais precisa dunha formación filolóxica que vai adquirindo como un autodidacta e mesmo pedíndolles a Piñeiro-Del Riego obras básicas como a Gramática histórica de Garcia de Diego, a portuguesa de Tavani… Mesmo indica que refai anacos da gramática segundo vai progresando nos estudos.

O éxito científico e mesmo político da Gramática elemental del gallego común foi grande. Será o libro de referencia gramatical ata a aparición da Gramática Galega dos membros do ILGa Álvarez Blanco, Monteagudo Romero e Regueira Fernández de 1986. Esta gramática ten o mérito de ser a primeira redactada en galego, mais está baseada na de Carballo Calero. Mesmo a desharmonía que lle atribuía en Gran Enciclopedia Gallega Santamarina Fernández á gramática de Carballo por dedicar moi poucas páxinas á sintaxe aparece nesta gramática do ILGa, pois nun total de 549 páxinas a sintaxe só ocupa da páxina 514 á 549.

Nesta gramática chama poderosamente a atención que, no Limiar, non se cite para nada a Carballo Calero e a súa gramática. Din esta frase que é dunha tremenda inxustiza e sectarismo contra a obra de Carballo Calero: Desde que en 1868 J.A. Saco y Arce publicou unha gramática, que está na base de tódalas posteriores, puco se avanzou neste terreo. Tras Saco e Arce só vén, segundo este Limiar, o ILGa. Abonde con ler nesta Gramática Galega as normas que se dan sobre o uso obrigatorio do infinitivo conxugado para decatármonos de que a Gramática de Carballo está aí. Por certo, explica o tema bastante mellor para o gran público Carballo que os que o esquecen.

Se consultamos a correspondencia entre Ramón Piñeiro e Basilio Losada (Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia 1961-1984. Ramón Piñeiro-Basilio Losada. Galaxia 2009) veremos doadamente a importancia que tivo a Gramática elemental del gallego común, en contra do que se di no devandito e sectario Limiar da Gramática Galega de 1986. Deste xeito escribe Losada o 27-XI-1966: Esta semán chegáronnos os primeiros exemplares da Gramática de Carballo. O libro era esperado como coido non se esperou libro algún. Ben o merecia: é a primeira Gramática Galega feita cun criterio científico, a primeira que pode sentar unha base normativa (páx. 543). E engade o 16-XII-1966: Coido que será o libro de Carballo de maior difusión e infuencia, porque enche unha verdadeira lagoa cultural nosa (páx. 549). Máis claro aínda será Ramón Piñeiro en carta do 22-XI-1967: Iste ano van moi ben as clases de galego en todas partes. Cada ano van cobrando un ton máis serio. Agora hai a ventaxa de téremos a Gramática de Carballo, porque lle dá unidade ó ensino, xa que en todas partes a utilizan como texto básico (páx. 623).

Mais, o maxisterio de Carballo no eido da gramática-filoloxía non vai ser aceptado polo Instituto da Lingua Galega, que será quen reciba a encarga por parte das autoridades educativas do tardofranquismo e da Transición de introducir o galego no ensino desde os tempos da Ley General de Educación de Villar Palasí. Como xa dixemos en tantas ocasións neste blog os métodos Gallego 1, 2, 3 van ser os manuais elixidos nesta tarefa. Ramón Piñeiro no citado epistolario vai expresar moi ben o que aconteceu e o motivo polo que Carballo se desenganchou malia ser daquela o único catedrático de galego e o que tiña a mellor e única obra gramatical galega, que se usaba, como se viu antes, non só na súa cátedra, senón tamén nas clases de galego das asociacións culturais ou dos institutos, que as impartían abertas a todos e en plan de extensión cultural. Carballo e tamén Piñeiro consideraban que a lingua tiña tamén unha perspectiva cultural, cousa que non facían os do ILGa: Ora, o criterio que escolleron os do Departamento de F. Románica foi o criterio fonetista…, que os levou mesmo a prescindir de algunhas das normas ortográficas da Academia. Non manexan a perspectiva cultural da lingua nun horizonte futuro senón que se aferran aos datos fonéticos da lingua rural. Nin xiquera teñen en conta que o galego está na súa segunda gran revolución histórica, que é a conquista da cidade, o paso de lingua rural a lingua urbá, e polo mesmo que terá que perder moitas das súas características campesiñas pra se adaptar ás necesidades espresivas da cultura urbá e mesmo da civilización industrial (a primeira revolución histórica foi o paso de lingua oral a lingua escrita hai cen anos). Confidencialmente direiche que nesta aititude, ademais da propensión da súa propia aitividade investigatoria por seren fonetistas, infruíu a opinión de Zamora Vicente, que estivo eiquí recentemente para un tribunal de oposicións e consultárono sobre o particular (páx. 439).

Perante esta situación e concepción diferente da lingua engade Piñeiro: Ao Departamento pertenece, craro está, o amigo Carballo e debera ser peza clave en todo este problema. Non sei ben de quen foi a culpa, pro o certo é que se mantivo e se mantén ao marxe e o o equipo que traballa, formado por xóvenes, está baixo a impresión de que o Carballo é hostil ao Método… Penso que sinte unha íntima resistencia psicolóxica a se pór a discutir no Seminario cos rapaces que foron seus alumnos e que, certamente, teñen menos preparación e menos esperencia cultural que il… (páx. 844).

Noutra carta volve insistir Piñeiro no desprezo do ILGa cara á tradición galega, representada por Carballo: … no ámbito interno do Departamento fórase desenvolvendo unha tendencia autarquizante e unha certa tensión –non moi disimulada- coa Academia. Tratouse de presentar como un frente de novos lingüistas e outro de vellos académicos, o primeiro basado na ciencia e o segundo na literatura (pronunciando esta palabra co desdén con que un positivista pronuncia a palabra metafísica), e, en realidade, na lista dos convidados percibíase a intención de asegurar o predominio do Dep. frente aos vellos académicos (páx. 848).

E aínda engade máis Piñeiro: En xeral, o Dep. tiña – e sigue tendo-dous puntos de vista fundamentais: non distinguir entre lingua falada e lingua escrita (poderíase decir que todo o reducen á fala) e o fanatismo antiportugués (páx. 849).

Máis adiante e noutra carta de Piñeiro a Losada (27-IV-1971) á parte de suxerir o descoñecemento efectivo do galego por parte do director do ILGa naquel tempos, C. García González, subliña o dialectalismo e esquecemento da literatura-rexistro culto: Teñen a visión de fonetistas e de dialectólogos… e a maiores un certos prexuícios antiacadémicos en anti-varias-cousas. O Constantino, en realidade, leva a iniciativa, o peso e a responsabilidade da promoción realizadora, pro nos problemas do galego acepta os puntos de vista dos seus colaboradores (páx. 863).

E aínda máis claro resulta Piñeiro un pouco máis adiante: O que pasa é que o criterio da Academia é un criterio no que se pensa a lingua como mero instrumento oral de comunicación. Pártese da distinción entre lingua coloquial e lingua escrita. Esta segunda pode unificarse; a primeira, non. Para os do Seminario, a única realidade é a lingua falada. Non comprenden a perspectiva cultural do problema.

Velaquí está para min a causa do esquecemento da cultura oficial, especialmente da filoloxía, da figura de Carballo Calero e mais da súa Gramátic elemental del gallego común. Carballo consideraba que non só existía o galego oral ou o da lírica, como sostiña a Escola Filolóxica de Madrid, á que pertence o fundador e primeiro director do ILGa, C. García González ou o Zamor Vicente conselleiro desta institución. Tiña na cabeza o que supuxo o labor da época Nós-Irmandades na creación da prosa galega ou mesmo dun rexistro oral culto do galego en mitins e actos similares dos galeguistas. A lingua non é só un instrumento de comunicación, como querían os tecnócratas da Ley General de Educación de Villar-Palasí e os lingüistas dos ICEs dos setenta. É expresión dunha cultura e mesmo símbolo dunha nación. Carballo ademais foi un membro activo na década dos trinta (inicia a súa obra co poemario Vieiros en 1931) e é un dos autores do Proxecto de Estatuto de Autonomía do Seminario de Estudos Galegos, que definía Galicia como un estado dentro do estado federal español. Combateu cos republicanos e estivo na cadeira por esa causa ata o ano 1941 e non puido entrar no ensino público ata 1965.

Aínda que o lóxico e normal sería que os ICEs e as autoridades educativas da Ley General de Educación elixisen o único catedrático de galego e mais quen contaba cunha obra filolóxica e literaria en galego acreditada, os tecnócratas dos ICEs para a tímida implantación que se quería facer do galego no Ensino non podían escoller o vello galeguista Carballo, senón que optaron polos que consideraban a lingua como mero instrumento de comunicación e esquecían o pasado do galego como lingua literaria e culta no período das Irmandades. Só era lingua da lírica ou rural. Era o que dicían Dámaso Alonso e os da Escola Española. De aí que o elixido para normativizar o galego sexa o ILGa (está subvencionado nada menos que pola Fundación Barrié de la Maza, e isto xa resulta expresivo). Iso explica o afastamento de Carballo nos setenta, cando se redactan os Gallego 1, 2, 3. Malia que Carballo Calero era poeta, dramaturgo e narrador importante (véxase no número 147 de Grial o artigo que lle dedica Laura Tato Fontaíña), o autor da mellor gramática que había daquela ou o autor tamén da aínda hoxe fundamental Historia da literatura galega contemporánea (1975) debía ser esquecido na nova normativización-normalización do galego, pois non entraba nos plans políticos que para Galicia e o galego se ían ter na Transición e mais na II Restauración borbónica. Por outra banda, Carballo, esquecido e marxinado pola filoloxía oficial nesta década dos setena, vai radicalizar no futuro a súa postura filolóxica e converterase no adaíl do chamado reintegracionismo, especialmente con dúas obras que a filoloxía oficial nunca cita: Problemas da língua galega (1981) e mais Da fala e da escrita (1983).

Non obstante, malia este esquecemento oficial a teoría de Carballo segue viva. O actual diccionario da RAG acepta termos, propios da linguaxe literaria ou mesmo do portugués, que eran impensables que fosen aceptados polo ILGa nos setenta-oitenta. Na mesma liña foi a reforma das NOMIG da chamda Normativa de Concordia. En canto á gramática, hoxe hai dúas liñas fundamentais na gramática galega. A do ILGa, representada por obras como a Gramática da lingua galega, de Álvarez Blanco-Xove Ferreiro, mais tamén a da que eu denomino escola coruñesa, cuxo principal representante e seguidor da liña de Carballo Calero é Freixeiro Mato coa súa Gramática da lingua galega ou a máis recente Estilística da lingua galega, que son, en xeral, superiores e moito máis documentadas ca a de Álvarez Blanco-Xove, só porque sexa porque di de onde toma os textos que elixe para representar a súa teoría lingüística.

En fin, cómpre que Carballo ocupe mesmo na filoloxía oficial o lugar que lle corresponde e que se lle dedique por parte da RAG un Día das Letras Galegas, máxime cando foi secretario da institución e redactor das primeiras Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da RAG, as de 1970-1971, que, ironías do destino, teñen o mesmo título das actuais NOMIG.

Por último, cómpre sinalar que naquela facultade de filosofía e letras dos setenta de Santiago Carballo era o único profesor que tiña manuais de seu (a Gramática elemental del gallego común) e mais a Historia da literatura galega contemporánea. Era o único que impartía a materia cos manuais que el escribira e creara, cousa que non facían os García González, Lorenzo, Moreno Báez e demais, que se limitaban a propor obras un tanto resesas e desvinculadas por completo da realidade galega como o Vidos, a Introducción a los estudios literarios de Lapesa e cousas así. E digo isto, pese a que Carballo no trato directo co alumnado era daquela un verdadeiro túzaro, tuzarismo que apartou da sua materia, optativa daquela, moitos alumnos. Pero esa é outra cuestión.

Mar 24th, 2015
Comments are closed.