Lingua e literatura desde 1975: as Bases

Por Manuel Rodríguez Alonso

 As Bases,  primitivas NOMIG

Publicados os Gallego 1, 2, 3, o Instituto da Lingua Galega coordina uns seminarios sobre a normativización do galego entre decembro de 1976 e xuño de 1977. Deste seminario sairán as célebres Bases pra unificación das normas lingüísticas do galego. Con pequenos cambios, converteranse en 1982 nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (NOMIG) do Instituto da Lingua Galega e mais da Real Academia Galega. Realmente poucos son os cambios entre as Bases e as actuais NOMIG.

No seminario participaron filólogos, profesores e ata personalidades que, como Carballo Calero, J. L. Rodríguez ou Montero Santalha que destacarán no futuro polas súas posturas reintegracionistas. Foron publicadas en 1977 en Madrid pola editorial Anaya en edición non venal, que se proporcionaba a calquera profesor ou persoa que a solicitase. Adoita dicirse que nesta publicación tivo un papel importante cerca da editorial Anaya o profesor e editor Xulián Maure. Maure foi entre 1973 e 1978 responsable das edicións galegas da editorial Anaya. Será en 1979 un dos fundadores de Xerais. Seica se editaron 16 000 exemplares das Bases nesta primeira edición non venal.

Anaya, xunto con Santillana, era unha das grandes editoriais laicas do Ensino e con ampla implantación no ensino público. Naqueles anos o uso-defensa do galego era unha forma de lexitimación democrática. As editoriais de libro de texto nos corenta anos do Réxime defenderan este con uñas e dentes para non teren problemas para editaren os seus libros e tamén para que fosen autorizados. Nos novos tempos esta defensa do galego na liña do bilingüismo co castelán, como facían os franquistas que evolucionarion cara á democracia na Transición,  daba unha lexitimidade democrática que, por outra banda, custaba moi pouco. Daba tamén entre os ensinantes unha imaxe de progresismo que viña moi ben á hora de prescribiren estes os libros de texto. De aí que Anaya apostase por publicar estas Bases, malia consideracións sentimentais que se citan por aí de que a dona do todopoderoso xefe de Anaya Sánchez-Ruiperez estivese casado cunha galega.

Cómpre comentar algúns aspectos destas Bases. No nome das letras admítense os nomes portugueses como agá e xis. Aínda que tamén admite os nomes casteláns ache/cu. Curiosamente escribe ache sen h. Cremos que é un erro. Para nada se alude aos fenómenos do seseo e mais da gheada ao falar do alfabeto.

No tratamento do acento as Bases propoñen un sistema que se ha de basear en tres principios: a) permitir averigua-la sílaba tónica dunha palabra no cen por cen dos casos; b) esixir un gasto mínimo de tildes, e c) seren doadamente memorizables. Con estes tres requisitos é inevitable que as presentes se parezan máis ás do castelán que ás do portugués (páx. 8. Citamos pola edición da Universidade de Santiago, de 1980). A seguir, polo seu escaso rendemento, tamén deciden non marcar a abertura/pechazón das vogais e, ao contrario do portugués e do catalán, só se utilizará o acento gráfico agudo ´. Engaden que, ao non existir unha pronuncia oficial, só se marcarán as tónicas.

Basicamente o sistema de acentuación é o castelán, a non ser a falta de acento gráfico nas agudas rematadas en ditongo decrecente como cantei, cantou, fuxiu, animais, coroneis… E engádese en nota: Tacticamente, acentuar Galícia achegaríanos á ortografía portuguesa, o cal sentimentalmente é unha aspiración de todos. Na práctica adopta-las regras da acentuación portuguesa ía redundar no aumento das complicacións pedagóxicas do ensino do galego (páx. 9).

A min esta nota paréceme fundamental para entender o espírito das normas do ILGa e da RAG no futuro. Pártese da idea de que os rapaces e rapazas aprenderán galego e castelán. Ademais, no momento das redaccións destas normas, como desde os primeiros tempos do Rexurdimento, absolutamente todos estamos alfabetizados en castelán. Xa que logo, cómpre non apartar en exceso o galego do castelán. A xente do común non está disposta a facer o esforzo que suporía unha ortografía ou norma totalmente afastada da castelá. Esa é a realidade que cómpre ter en conta. Tamén esta ortografía-normativa non afastada da castelá permitía non irritar as autoridades do neofranquismo-Transición que se opuñan á normalización do galego ou que a aceptaban de boquilla, para acadar, como xa dixemos, unha certa lexitimación democrática, que puco custaba.

En canto ao nome dado ao acento gráfico, as Bases utilizan un curioso híbrido tilde en masculino. Tilde é un castelanismo. En portugués existe til, mais co significado, como acontece hoxe no galego normativo do DRAG, ´signo ~ co que se marca a nasalidade das vogais no portugués ou que se coloca sobre o ñ´. Ten xénero masculino. As Bases, cun curioso hibridismo, usan a forma castelá tilde, co significado de acento gráfico, mais con xénero masculino. En castelán tilde é feminino: la tilde. Coidamos que este o tilde das Bases non é un intento no xénero de se achegar ao portugués, senón simplemente un vulgarismo do castelán, que fala moi pouco a prol da capacidade técnica dos responsables da edición das Bases.

Imponse como obrigatorio o guión coa segunda forma do artigo, mais rexéitase no caso dos pronomes enclícitos pola tendencia do galego á enclise de pronomes (qdue faría posibles grafías chocantes como troxémos-che-lle-lo… O emprego da segunda forma do artigo con guión será un dos aspectos máis criticados, como veremos máis adiante ao nos referirmos á crítica ás Bases que realizou Carballo Calero.

En canto aos grupos consonánticos cultos no caso de ct, cc deben manterse cando van precedidos por a, e, o e desaparece o c cando vai precedido por i, u: actor, afectar, cocción pero ditar, conduta, dicionario… Xustifícase a postura do mantemento do c tras a, e, o en que é normal en todas as linguas de cultura, mesmo nas non románicas. Dise ademais que coas vogais e, o a presenza do c axuda a que se manteña o timbre aberto na pronuncia destas vogais, distinguíndose así colecta, con e aberto, de coleta, con e pechado. E como nota engádese: Cómpre sinalar aquí que a lingua portuguesa comparte aproximadamente estes criterios (páx. 16).

En canto ao x mantense para representar ks (claxon, exacto…) e para o son palatal fricativo xordo de xamón. Mais en nota, engádese unha concesión cara ao portugués como no caso de ct/cc: Convirá facer, non obstante, a redución de x (= cs) en s en voces nas que poida aparece-la mesma letra con dous valores diferentes; non exixir, exaxerar, senón asixir, esaxerar. De calquera maneira, tanto este mal menor coma o perigo de confusión, de mostrarse como tal, poderíase evitar nunha ortografía na que o son palatal (o do x tradicional) se vira representado por j ou g conforme á grafía das ramas portuguesa e brasileira do noso grupo lingüístico (páx. 18).

A referencia ao portugués volve aparecer cando se fala dos semicultismos en pr,br, fr… Cando xurdan as dúbidas sobre se estamos perante un cultismo con l ou un semicultismo con r (pluma-cravo), cómpre recorrer ao portugués: Son poucas palabras mais das citadas; tódolos casos concretos pódense atopar nun dicionario portugués, entre outras razóns por proviren dunha época en que o sistema lingüístico galegoportugués se mantiña uno e indiviso (páx. 20).

Nos sufixos –ancia, -encia, -cio, -cia as Bases inclínanse  cara ao castelán e propoñen diferencia, sentencia, xusticia, espacio, xuício, prexuício, precio, servicio… Reparemos en que hoxe as formas normativas son diferenza, sentenza, xustiza, espazo, xuízo, prexuízo, prezo, servizo… E aí entra a explicación do propio nome Galicia-Galiza. En nota din as Bases: Dentro deste apartado entra o debatido nome da nosa terra, hoxe Galicia, en galego antigo Galiza… Ante o dilema Galicia/Galiza coidamos que se debe aceptar sin reservas Galicia porque: a) Galicia en cast. é un galeguismo, polo menos parcial; o esperado sería Gallicia (xa que non *Galleza). b) Aínda que Galicia recuperara a terminación –cia é tamén unha terminación propia do Leste do país…; por outra parte, na recuperación dese conflitivo i puido influí-la terminación –ia propia de… Rusia, Italia, Grecia, Polonia, India. c) A terminación –cia supón un tratamento semiculto… Tamén supón un tratamento semiculto –mesmo onde se di Galiza- o primeiro –i-, dado que as únicas formas documentadas no latín do nome da nosa terra son Gallaecia e Gallicia, dos cales habería que esperar Galèza ou Galéza, por vía popular. d) Galicia é a única denominación natural que ten hoxe a nosa terra en boca de galegos.

En fin este razoamento é sinxelamente peregrino. En primeiro lugar, como facían os ridiculizados por Unamuno fanáticos da fonética histórica, que aplicaban aos cultismos e termos latinos as leis fonéticas da evolución tan queridas dos neogramáticos, para facer evolucionar o cathedraticum do baixo latín a cadeirádego, os autores das Bases inventan formas inexistentes, tanto en galego coma en castelán, do xeito de Gallicia, Galleza, Galeza… O derradeiro argumento, de que é o que din os galegos, permitiría normativizar formas como gallego, juevos e cousas así. Por outra banda, hai un total desprezo da lingua escrita e literaria. Isto é lingüística-ficción. Unha boa explicación deste tema pode verse, ademais de xeito breve e sintético, no espazo que a denominación Galicia-Galiza dedica o Estudo crítico das NOMIG da Associaçom Galega da Lingua (Agal).

Eu coido que o motivo da elección de Galicia e non Galiza está influído polo política. Galiza era o nome medieval restaurado polo nacionalismo anterior á guerra. Lembremos que a grande obra do galeguismo titúlase precisamente Sempre en Galiza. No tardofranquismo e mais na Transición cumpría esquecer todo galeguismo-nacionalismo anterior ao 36. Esa é a verdadeira razón. Cumpría non alporizar as autoridades ou poderes fácticos do neofranquismo ou da Transición. Mesmo a redacción das NOMIG de Concordia, de 2003, van na mesma dirección ao se ocupar deste tema, como veremos no seu día e lugar.

En canto ao sufixo –ción, -sión as Bases propoñen as formas comúns co castelán nación, confesión, contrución… Mais en nota volven abrirse cara ao portugués: A entrada e triunfo da forma –ción, -sión parece que hai que atribuírllos ó castelán, sen que deixe de parecer extraña a eliminación das formas tradicionais. Hoxe son estas practicamente universais nas voces cultas, polo que nos parece que debe ser esta a norma; normativizar en –zón daríalle un aire demasiado artificial á lingua. Pro con todo non se pode nin se debe rexeita-la tentativa de recupera-las formas perdidas prá lingua de hoxe, pro de acordo coa tendencia demostrada historicamente por esta (páxs. 22-23). O mesmo criterio séguese co sufixo –bel/ble: A escolla debe facela a práctica e o tempo, xa que as dúas son galegas: -bel está máis documentada na lingua medieval e próxima ó port., e –ble reprsenta a fala de hoxe (páx. 23).

A referencia ao portugués volve aparecer cando se trate –án/á (irmán-irmá). Para saber se debemos usar ano (humano) ou –an (cristián) os autores das Bases indican: Como en castelán non se diferencia neste caso as entradas antigas e as modernas (hermano o mesmo que humano), de aquí resulta unha fonte de confusión no galego. En tanto non aparece un dicionario de dúbidas recoméndase acudir a un dicionario portugués e face-la equivalencia portugués ão = galego –an… (páx. 26).

Así mesmo se considera que a forma –aría é a máis antiga e presente no portugués. Malia iso a atención á fala actual aconsella manter as dúas posibilidades: A primeira conta a seu favor que é a máis lexítima, a segunda que é a máis usada; entrámbolos argumentos danlle validez a calquera delas (páx. 28).

Outro tema conflitivo era o plural dos substantivos e adxectivos rematados en –l. Os Galego 1, 2, 3 propuñan o plural –les. Agora vaise admitir a forma –is para os polisílabos agudos e rematados en –l. As razóns que se dan son que o plural –is é produtivo e se rexistra españois, caracois…, mais non españós, caracós… É forma viva no oriente da comunidade e ademais prevalece no galego escrito dos últimos tempos (octavillas, notas de prensa, cartas de protesta… (páx. 30). Engádese ademais: … este tipo de plural é o das outras ramas da familia galego-luso-brasileira.

En canto aos graves en –l proponse o plural en –les: áxiles. Mais en nota engádese: Cabe tamén a solución portuguesa –eis, e polo tanto áxeis, difíceis, dúcteis (páx. 31). Nesta achega ao portugués mesmo se xustifica a chamada segunda forma do artigo –lo/-la porque existe no portugués do norte (páx. 32).

En canto á elección el/il imponse el pola súa extensión. Tamén se di que a escolla entre tú/ti xa está feita a favor de ti polo galego escrito. Do mesmo xeito se fixera co plural –ns, xa que se dicia que era o propio da linguaxe literaria.

En canto ao sistema de desmostrativos elíxes este/esta/isto porque está vivo na fala e ademais por achega-lo galego ó portugués. Mais, pola súa extensión na fala, non se rexeita esto como neutro.

Nalgún caso o populismo e ata dialectalismo destas Bases faise patente como é o rexeitamento do relativo cuxo. Di que a lingua prescindiu da forma… (páx. 35). Mais que lingua prescindiu de cuxo. Desde logo que a escrita ou mesmo o rexistro culto non. Posiblemente na lingua coloquial espontánea ou mesmo popular do castelán tampouco aparece cuyo. Se temos que prescindir de todas as palabras que non aparecen no rexistro oral espontáneo, pois aviados iamos…

En canto á elaboración do paradigma de verbos regulares e irregulares as Bases tiveron en conta as enquisas que do galego falado se facían daquela para o Atlas Lingüístico Galego e, coido eu, sobre todo os estudos sobre o verbo galego do membro do ILGa e tamén participante nestas xuntanzas para redactar as Bases, Francisco Fernández Rei, cuxa tese de doutoramento versa precisamente sobre o verbo galego. Así mesmo Fernández Rei coordinou o volume I do Atlas Lingüístico Galego dedicado precisamente á morfoloxía verbal. En fin, a conxugación das Bases, tanto regular como irrregular, vai ser practicamente as das actuais NOMIG.

Pasando ás chamadas partes invariables da oración, cómpre sinalar que se admite a variante eiquí, aínda que se recomende aquí. Así mesmo se admiten ata/até e sen, ao lado de astra/sin, respectivamente. En canto as conxuncións son admisibles nin/nen.

No referido ás contraccións escóllese ó e rexéitase ao. En nota dise que ao é máis abundante na lingua medieval, pero que daquela a pronuncia xa non sería ´ao´, senón un o aberto. Engádese que ó reproduce a pronuncia de toda Galicia e que a grafía ao podería levar a pronunciar ´ao´ (páx. 52). Volve descoñecerse a tradición normativa e mesmo as Normas ortográficas e morfolóxicas da Real Academia Galega de 1970.

As Bases xorden así despois do Galego 1, 2,3 e tras as xa aludida postura de Rodrigues Lapa que aconsellaba que o galego asumise a ortografía do portugués, que analizamos en achegas anteriores. Como sinala Peres Gonçalves en Breve Historia do reintegracionismo entre as propostas de Rodrigues Lapa e a publicación das Bases Montero Santalha conseguira a declaración de Corominas, publicada no número 51 de Grial, a prol da unificación co portugués. Os chamados grupos de Londres e Roma estaban a prol desta unificación co portugués e neste movemento destaca a figura de Montero Santalha, como ben sinala Peres Gonçalves. Montero Santalha publicará en 1983 o Método práctico da língua galego-portuguesa. En 1976, na liña de Lapa, Montero Santalla publicara en Grial “Unificación ortográfica galego-portuguesa”. Ben é certo que o que será gran líder do reintegracionismo, Carballo Calero, na cuarta edición da súa Gramática elemental del gallego común (1974) acentuaba a súa posición isolacionista ao aumentar considerablemente o apartado dedicado a explicar as diferenzas entre o galego e o portugués. En canto ao nacionalismo, Francisco Rodríguez no seu célebre Conflicto lingüístico e ideoloxía en Galicia descualificaba o reintegracionismo por individualista, intelectualista e culturalista (páx. 54). Precisamente Rodríguez dedicou o derradeiro apartado do libro de 1976 a referirse ás teses de Rodrigues Lapa baixo o título de As teses de Rodrigues Lapa ou o culturalismo e comopolitismo intelectual (páx. 45). Rodríguez engade que non hai que discutir que, dende unha perspeutiva lingüística, galego e portugués son a mesma língoa, é un consolo pouco convincente dende unha perspeutiva sociolóxica e política (páx. 47). E engade: A solución de Rodrigues Lapa de que escribamos en portugués, a espranza de que non morrerá porque está viva a nosa língoa na súa filla universal, non solucioa os nosos problemas culturáes como pobo, como colectividade, nin pode consolar a ninguén que queira ver o seu idioma e cultura normalizados no seu contesto social. É, pois, unha solución individualista e culturalista. Como tal, unha falsa alternativa.

Neste ambiente dunha certa disputa entre reintegración-isolicionismo vanse producir as xuntanzas para as Bases nas que van intervir, como xa indicamos, coñecidos reintegracionistas, como o propio Montero Santalla. As Bases, polos mesmo participantes reintegracionistas no seu debate, buscan, en principio, unha solución de compromiso, tentan un chisco contentar a todos.

Fronte á forma tallante en que Gallego 3 separaba galego e castelán (por outra banda esta era a postura de Carballo Calero como vimos e veremos), nas Bases hai unha maior aproximación cara ao portugués, como vimos. Así son moitas (abonda con ler os parágrafos anteriores) as referencias ao portugués. No sistema de acentuación tamén hai concesións ao portugués. Na morfoloxía acéptase o plural en –is nos polisílabos agudos rematados en fronte ao –les de Gallego 1, 2, 3. Ata, no caso da representación da palatal xorda de xamón, se abre, como vimos unha porta á chamada ortografía histórica. Mesmo se admiten formas en –zón, -són. En fin, a lectura dos parágrafos anteriores ofrece exemplos desta aproximación ao portugués. Son, non obstante, innegociables temas como a representación con guión da chamada segunda forma do artigo ou ao.

As Bases van ser practicamente as NOMIG de 1982, se ben, estas NOMIG, como veremos no seu momento, serán, nalgúns casos, menos lusistas que as Bases, mais noutros non deixarán de facer así mesmo concesións á chamada ortografía histórica, tradicional ou reintegrada. Mais o certo é que nas Bases están xa as NOMIG. Por outra banda, as Bases son un exemplo de posibilismo e mesmo realismo. Evidentemente a influencia da ortografía é grandísima e segue a actuar como fonte supletoria. Vese, por exemplo, como aínda acontecerá nas NOMIG que absolutamente nada se di sobre o emprego dos signos de puntuación ou sobre o emprego de maiúsculas-minúsculas. Implicitamente asúmese que o castelán é a lingua A e que, de momento, vai ser practicamente imposible cambiar esa situación, como se pode ver nas referencias continuas a esta lingua.

Mais é indubidable que hai un intento de se achegar ao portugués. Son tamén moitas as referencias á unidade galego-portuguesa, ao contrario do que acontece, por exemplo, no discurso de apertura do curso 1977-78 Galego onte, galego hoxe, de C. García González. Mesmo se abre a porta, en nota, ao emprego de j/g co valor da fricativa palatal xorda. Asúmese o plural –is ou a conxugación –ía, ías…, rexeitadas había pouco en Gallego 1, 2, 3. Asúmense tamén formas como até ou nen. Ben é certo que se é intransixente co tema das segunda forma do artigo-guión e mais con ó.

A crítica a estas Bases que resulta máis rechamante é a que fai Carballo Calero en Grial nº 59 (1978), que aparece recollida no volume de Carballo Problemas da lingua galega (Sá da Costa Editora, Lisboa, 1981).            Carballo amósase contrario a unha unificación ríxida da normativa galega que el denominta decreto de unificaçom, coas connotacións que este sintagma ten para os que viviron o franquismo (lembra o célebre decreto de unificación de Franco que une no Movimiento falanxistas, requetés, nacionalcatólicos…). Nega que exista unha anarquía normativa no galego. Engade que, aínda que sexan necesarias unhas normas, para o ensino do galego na escola cómpre fuxir dos dogmatismos ríxidos que exclúan, por exemplo, os dialectalismos que poidan ter os nenos e nenas.

Carballo sinala que as Bases din que tiveron en conta as normas da RAG de 1971 e mais as dos métodos Gallego 1, 2, 3. Mais iso só o di o prólogo do daquela presidente da RAG, Domingo García-Sabell. O certo é que as Bases, como todo o labor do ILGa destes anos, parte dun adanismo sobre a filoloxía-gramática galegas anteriores. Realmente non hai ningunha referencia as normas ortográficas do SEG, tampouco ás internas dunha editorial como Galaxia e moito menos as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da RAG (1971) ou á Gramática elemental del gallego común (1966) de Carballo Calero. Como ben recoñece o propio Carballo no libro Conversas en Compostela con Carballo Calero, de Fernán-Vello e Pillado Mayor, o autor desas normas académicas foi Carballo en exclusiva. Ninguén ten salientado ata o de agora este desprezo pola obra do que daquela era o gran filólogo (gramático e historiador da literatura galega), Carballo Calero. O ILGa e a filoloxía oficial excluíron por completo a Carballo e a súa obra. E iso continúa, pois vinte e cinco anos despois da súa morte é practicamente a única figura da literatura-lingua galega contemporánea á que non se lle dedicou un Día das Letras Galegas.

Seguindo coa crítica de Carballo ás Bases, o filólogo ferrolán sinala que supoñen un avance na liña reintegracionista do galego fronte ao Gallego 3, claramente isolacionista, como xa sinalamos aquí tamén. Mesmo lle parecen máis abertas ao portugués as Bases que as propias normas académicas do 71 e cita como exemplo as normas de acentuación, que nas NOMIG do 71 son as castelás e nas Bases xa non é así. E, a seguir engade: As Bases som, em conjunto, um documento conciliador, no que o isolacionismo se bate em retirada, o que nos parece mui positivo (páx. 99). O pensamento de Carballo vai, xa que logo, por un achegamento gradual ao portgués ata chegar mesmo a confluír con el, mais isto feito devagar, aos poucos.

Valora moi positivamente o achegamento ao portugués que supoñen as normas de acentuación das Bases e aínda subliña: As Bases declaram que o achego à ortografia portuguesa é, sentimentalmente, umha aspiraçom de todos. Gaudeamus igitur… (páx. 100). Di que se debeu avanzar nas normas do acento aínda máis cara ao portugués e fuxir así do hibridismo resultante entre portugués-castelán.

Especialmente duro é coa representación con guión da chamada segunda forma do artigo. Di que a ortografía debe preservar a imagem visual das palabras e unidades morfolóxicas e debe prescindir do pruído de registrar mesmo a fonética (páx. 102).

En canto ao emprego de x para representar o son fricativo palatal xordo de xamón, considera que hoxe por hoxe é difícil impor a solución etimolóxica posto que a súa aprendizaxe sería custosas, mais é a única coherente posto que nos une ao conxunto da linguas como o portugués ou o francés: Mais esta norma exigiría umha aprendizge. A pesar disto, parece ser a soluçom do futuro (páx. 104).

Na resolución dos sufixos –ancia, -encia, -cio, -cia Carballo defende claramente o achegamento ao portugués e só se debe manter o i nos casos en que o fai o portugués, polo que, por exemplo, a forma correcta sería Galiza, diferenza, xustiza, servizo… Nos sufixos –ción, -sión recomenda gradualmente restablecer as formas sen i: nazón, confesón… Segundo vimos enriba, en nota, as Bases non rexeitaban totalmente esta solución. No caso de –bel Carballo é taxativo: esta debe ser a única forma. Condena formas como coresma, corenta por seren vulgarismo. Propón os plurais tais, sois, sais fronte a moles, vales, foles, meles, feles. Estes últimos tiñan en latín ll e de aí a diferenza. Defende como perfectamente galego o indefinido con apócope calquer e considera máis apropiado quiñentos ca cincocentos.

En canto ao verbo Carballo, fronte ás Bases, prefire colleche frente a colliche. Tamén prefire a segunda persoa amache á con –s das Bases (amaches) por considerala máis etimolóxica e culta. Indica que os verbos escribir, recibir, decir, sufrir das Bases deben pasar á segunda conxugación, de acordo coa tradición galego-portuguesa: escrever, receber, dizer, sofrer. Rexeita pra, pro no canto das formas plenas para, pero por as considerar vulgarismos. O mesmo as contraccións como pró (para o) por consideralas excessivamente rurais (páx. 107). Declara: Por razons de tradiçom e convergência co português, preferimos ao a ò.

Para rematar Carballo engade que a normalizaçom do galego tem que realizar-se dum jeito gradual. A ideia, até hai pouco professada por tam poucos, de que nom estamos sós, e que hai que contar cos demais integrantes da comunidade lingüística galego-portuguesa, abre-se hoje passo, mesmo entre os que onte adoptavam umha actitude ultradiferencialista. Hai que ser conseqüentes, e estabelecer contacto cos demais membros da família para lograr umha concórdia que homologue o indumento gráfico das nossas falas e nos reintegre de modo expresso na originária estirpe, sem prejuízo das peculiaridades que umha concórdia debe preservar (páx. 108).

En fin, este artigo-crítica das Bases de 1977 é todo un programa reintegracionista, que xa non só será acollido polo reintegracionismo en sentido estrito e que vén apoiar por parte de quen era o filólogo galego de máis obra e prestixio daquela as propostas do grupo de Roma ou Montero Santalla, senón tamén, nese gradualismo cara ao portugués a dar lugar á chamada normativa de mínimos ou terceira vía, que analizaremos proximamente. As Bases, en relación con Gallego 1, 2, 3 supuxeron, evidentemente, como recoñece o propio Carballo, unha concesión ao reintegracionismo. As NOMIG de 1982 serán nese sentido máis castelanistas, como veremos tamén nun próximo artigo.  Ademais, as posturas de Carballo-reintegracionismo-mínimos serán progresivamente asumidas, especialmente no léxico, como demostraremos ao analizarmos o Diccionario da lingua galega do ILGa e da RAG de 1990 ou incluso as adaptacións das NOMIG, especialmente as de 2003, que por certo se denominaraon coloquialmente as NOMIG da Concordia. Reparemos en que Carballo utiliza precisamente o termo concordia no artigo de 1978.

Por último, non deixaremos de insistir no adamismo do ILGa. Non existe nestas Bases para nada todo o labor anterior, nin tan sequera o de Carballo Calero. Hai unha esquecemento total do labor filolóxico previo ao ILGa. Cómpre, neste sentido, lembrar a memoria histórica filolóxica. Cómpre que esteamos moi orgullosos xa non só de Sarmiento, senón de gramáticos como Sarmiento, Pintos, Saco, García de Diego, as normas do SEG, Viqueira… Naqueles anos do tardofranquismo e da Transición, segundo se esqueceu a memoria histórica política, tamén cumpría esquecer unha memoria histórica filolóxica que resultaba incómoda, desde o propio nome da nosa comunidade, Galiza. Neste sentido chama a atención a actitude de Carballo Calero que na súa Gramática elemental del gallego común pasa revista a toda a tradición filolóxica galega, da que el se sente parte. Ben é certo que este desprezo cara á filoloxía e mesmo a prosa galega era propia da chamada Escola Lingüística Española ou de Madrid dos Dámaso Alonso, Lapesa, Zamora Vicente, Quilis, Alvar e compañía que tanta influencia tiveron sobre o ILGa nos seus primeiros anos. Esta postura, como a de aceptar implicitamente que a ortografía castelá había de ser a referencia obrigada para construír a ortografía do galego, posto que non se podía facer o esforzo, por exemplo, de suprimir características propias do castelán como ñ, gu etc., pois a maioría non estaría disposta a realizar o esforzo de aprender unha ortografía totalmente diferente da castelá, marca o posibilismo. Os poderes fácticos da Transición aceptaban o galego, mais sempre reducido a un bilingüismo en que a lingua A, malia todo, desde as propostas ortográficas, seguía a ser o castelán. O galego estaba ben como materia, ao xeito do latín, ou ata para ter, como máximo, o dereito de o usar, mais non o deber de o aprender, como si acontece co castelán na Constitución de 1978. Para non alporizar os poderes fácticos hai que ofrecer unha ortografía-norma que custe pouco aprender e sempre a partir do castelán, que actúa como lingua A, mesmo desde a perspectiva da normativización ortográfica. Mais tamén é certo que a sociedade civil galega daquela e mesmo de hoxe posiblemente non estivese disposta a aprender unha norma moi diferente da do castelá e que esixise un grande esforzo. Por iso, cumpría ser realistas e xogar co que había. Ata o propio Carballo recoñece que a viaxe cara a unha ortografía galega descastelanizada e histórica ou achegada á chamada norma galego-portuguesa había de ser gradual.

Para rematar e entender o posibilismo, así como tamén o gradualismo do propio Carballo Calero, cómpre lembrar que un dos aspectos conflitivos na redación do Estatuto de Galicia foi a discusión do apartado 2 do artigo 5º. O citado apartado quedou redactado como Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e usar. Se lemos o libro de Ceferino Díaz sobre como se foi constituíndo o Estatuto de Autonomía de 1981 A esforzada conquista da autonomía 1978-1981  (Galaxia) veremos como as forzas conservadoras e fácticas non estaban de ningún xeito dispostas a admitir a absoluta igualdade de galego e castelán. Díaz lembra como na proposta inicial coñecida como o Estatuto dos 16 aparecía non só o dereito, senón tamén o deber de coñecer o galego, que se consideraba moi avanzada e mesmo non constitucional (páx. 65). O Partido Socialista Galego defendia daquela o dereito, mais tamén o deber de coñecer o galego, así como o deber dos funcionarios destinados en Galicia adquirisen o coñecemento da lingua galega. Ceferino Díaz lembra como pretendían que o galego tivese no Estauto o mesmo tratamento que se lle daba ao castelán na Constitución. Mais iso non era posible, pois os poderes fácticos daquela non toleraban iso. Normalización si, pero como vimos, ata un punto determinado. Non se pode igualar galego con castelán. Neste sentido lembra Ceferino Díaz como se opuxo Solé Tura que pedia prudencia por entender o deber como algo coercitivo que pode crear problemas na práctica (páx. 137). Óscar Alzaga defendeu o texto de que só existía o dereito de coñecer o galego, mais non o deber, dicindo, curiosamente que es un traje a la medida mejor con relación a las necesidades de la defensa y garantía del uso y potenciación del gallego (páx. 137). Curiosamente Meilán Gil, para defender a ausencia do deber de coñecer o galego, argumenta que ese deber iría contra a liberdade persoal de elixir lingua. Non obstante, parécelle normal o deber constitucional de coñecer o castelán (páx. 235).

Neste ambiente resultaba certamente dificil propor unha normativa ou ortografía que se separase claramente do castelán. Por outra banda, a sociedade civil galega, tras os corenta anos de franquismo, seguía a darlles o poder aos continuadores do franquismo, como eran daquela UCD e mais Alianza Popular, antecedente do actual Partido Popular. Se a Constitución considera o galego, como o catalán e o vasco, linguas de segunda ao considerar que a única lingua sobre a que existe o deber de a coñecer é o castelán, o Estatuto, no referente ao galego, ten que aceptar esta diglosia legal, da que ninguén ten falado. Desde o momento en que só existe o deber de coñecer o castelán, mais non o galego, a inferioridade e o sometemento ao castelán é claro. Por outra banda, como dixemos, na sociedade civil galega non hai un movemento con forza real para cambiar esta situación de inferioridade. Mesmo o IlGa, a RAG, o Consello da Cultura Galega, os grandes partidos como PP ou PSOe van rematar por aceptar esta situación e asumila. No eido intelectual e filolóxico mesmo van xurdir os que nós denominamos Intelectuais Orgánicos da Autonomía que defenden ou aceptan esta situación, especialmente cando se abran as subvencións, postos de traballo etc., que supoñen a asunción deste marco legal diglósico. Só cabe, deste xeito, unha ortografía-norma fácil, achegada ao castelán e baseada na ortografía desta lingua. As forzas que se opoñen políticas ou cidadás (Bloque, ASPG…) non teñen poder político efectivo nin tan sequera obteñen a maioría nas urnas.

Moitos dos Intelectuais Orgánicos da Autonomía están unidos ao grupo Galaxia ou son antigos membros deste grupo (Piñeiro, García-Sabell, Fernández Albo, Casares…), franquistas (Filgueira Valverde) ou filólogos e intelectuais que agora se unen ao carro da Autonomía, ben por interese económico-profesional (o galego da Autonomía ofrece postos de traballo, conferencias, cursos, promoción) ou mesmo por puro realismo-posibilismo e incluso gradualismo, ao veren que a sociedade civil galega nin sequera pide o que se lle está a conceder en canto á promoción do galego, pois, en xeral, opta polo castelán e o abandono do galego, polas causas que sexa e que agora non imos analizar aquí. Neste contexto cómpre situar as Bases e toda a normativización que virá despois, aínda que se disfrace con argumentos filolóxicos.

Cómpre lembrar aquí que o elemento definitivo para a aceptación das NOMIG de 1982 do ILGa e da RAG, que son as herdeiras directas das Bases e máis castelanistas ca estas, como demostraremos en próximas achegas, non é a súa calidade filolóxica, aínda que a poidan ter, senón que o poder político controlado daquela polo PP as declara oficiais polo Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre a normativización da Lingua Galega. O citado Decreto establece, como veremos cando o analicemos polo miúdo tamén no seu momento, que as autoridades en materia lingüística son a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega, mais de facto, a autoridade é o Instituto, pois engade no Artigo terceiro: O Instituto da Lingua Galega queda autorizado para elabora-lo Vocabulario Ortográfico Básico da Lingua Galega, que terá o carácter de inventario das palabras básicas do idioma e de prontuario da ortografía adoptada polo presente Decreto. Para ter carácter (sic) oficial o Vocabulario citado non precisará de autorización do Goberno de Galicia sempre e cando sexa publicado no prazo máximo de dous anos.

En fin, este Decreto consagra o ILGa como a grande institución normativizadora do galego, mesmo por enriba da RAG. O artigo cuarto di que estas normas son de ensino obrigado. Así mesmo o artigo 5º establece que Os libros e material didáctico que deban ser autorizados conforme á normativa vixente deberán axustarse ás normas aprobadas polo presente Decreto. O Decreto, en proba do que dicimos antes sobre a unión grupo Galaxia-neofranquismo vai asinado nada menos que por Fernández Albór e mais Filgueira Valverde.

Xa que logo as Bases, antecedente claro das NOMIG do 82 e practicamente iguais a estas, son o resultado do posibilismo-realismo e obra da filoloxía oficial e dos Intelectuais Orgánicos da Autonomía, que aceptan, nun casos por convicción (grupo Galaxia, franquistas como Filgueira), outros por posibilismo e realismo (non cabía outra cousa de acordo co poder político que gobernaba en Galicia ou coa cativa reivindicación da sociedade civil sobre a normalización do galego) e mesmo algúns para obter postos de traballo ou melloras (conferencias, cursos…), no que García Negro denominou os comedores do galego. Mais como acontece con outros aspectos da Transición-Segunda Restauración sempre queda a nota melancólica sobre o que puido ser e non foi (República, Estado federal, ruptura política co franquismo…), que se manifesta nesas alusións retóricas e puramente baleiras cara ao portugués ou a unha ortografía-normativa do galego non dependente do castelán.

Mar 22nd, 2015
Comments are closed.