Edición sen censura dun clásico

Por Manuel Rodríguez Alonso

Xente ao lonxe

Eduardo Blanco Amor

Edición restaurada de Xosé Manuel Dasilva

Galaxia, Vigo, 2014, 352 páxs.

 

O profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva ofrécenos agora a edición restaurada de Xente ao lonxe, un dos clásicos galegos do XX, coas partes que a censura franquista lle censurou en 1972 para autorizar a súa publicación. No epílogo, nun luminoso texto, o profesor Dasilva explica as vicisitudes que pasou coa censura o texto de Xente ao lonxe en 1971 e 1972 ata que acadou a autorización para a publicación, iso si, coas expurgacións que impuxo a devandita censura. Pinta Dasilva con detalle como Fernández del Riego lle encarga a Ben-Cho-Sey, como era habitual, loitar coa censura en Madrid e como ao, fin, ata andando polo medio Meilán Gil, se logra a autorización para editar a novela, iso si, suprimindo textos, que hoxe aparecen, por fin, nesta edición restaurada.

O ano 1972, hai agora corenta e tres anos, publicouse a primeira edición de Xente ao lonxe. Como aínda eran tempos de vixencia da censura franquista, a novela sufriu os rigores da censura. Agora, como dicimos enriba, temos a versión íntegra-restaurada. Malia a censura, desde esta data de 1972, Xente ao lonxe é un dos textos canónicos da narrativa galega de todos os tempos e como tal aparece citada e estudada no tomo III que o Diccionario da Literatura Galega de Galaxia dedica ás que considera obras canónicas da literatura galega. Deixando á parte os problemas coa censura, a novela presenta unha curiosa historia, que parece oportuno lembrar neste corenta aniversario.

En 1970 o Centro Galego de Buenos Aires convocou o Premio Galicia de novela, que estaba dotado con 200 000 pesetas, daquela unha cantidade importante. Segundo relata a investigadora Victoria A. Ruiz de Ojeda en Entrevistas con Blanco Amor a este premio concorreron doce novelas, entre elas Xente ao lonxe. Outras novelas que acudiron ao certame foron O silencio redimido (de Silvio Santiago), O mesón do birollo (de Fariña Jamardo) e a que resultou gañadora, Adiós, María, de Xohana Torres. O xurado estaba formado, segundo podemos obter do devandito estudo de Ruiz de Ojeda e ademais da correspondencia entre Basilio Losada e Ramón Piñeiro, polo presidente da RAG (Sebastián Martínez Risco), Freyre de Andrade, Leandro Carré Alvarellos (ambos os dous propostos pola RAG), Xosé María Álvarez Blázquez (proposto por editorial Castrelos) e mais por Isidoro Millan (a proposta da editorial Galaxia). Na devandita correspondencia Losada-Piñeiro informámonos de que o Centro Galego decidira formar un xurado presidido polo presidente da RAG, mais dous membros propostos pola RAG e outros dous propostos por Galaxia e Castrelos, un por cada editorial. O Centro Galego elixiría entre unha terna que proporían as editoriais.

Castrelos propuxo, segundo a devandita correspondencia Losada-Piñeiro, a Xosé María Álvarez Blázquez, Emilio Álvarez Blázquez e Alfonso Álvarez Gándara. Os tres propostos por Galaxia eran Marino Dónega, Celestino Fernández de la Vega e mais Isidoro Millán.

No devandita escolma de entrevistas a Blanco Amor podemos ler como o autor se sentiu moi molesto coa elección da novela premiada: Los mismos académicos que me habían votado por unanimidad para ocupar un sillón en la Real Academia Gallega la rechazaron de plano, la novela, porque era una novela procaz, es decir una novela mal hablada (Ruíz de Ojeda, páx. 118).

O certo é que Ruiz de Ojeda exhuma un informe sobre a novela de Blanco Amor, hoxe na RAG, ao parecer obra do membro do xurado Carré Alvarellos, no que se di que a novela de Blanco Amor é un relato férido, esfalazado; unha godalleirada, que por respeto aos leitores non consideramos axeitado pra sere acetado neste Certame.

Blanco Amor sentiuse perseguido e declara sobre o asunto, no devandito libro: No, no fue finalista. Ni siquiera la consideraron. Envié cinco ejemplares, dos de ellos pegados, y me los devolvieron en las mismas condiciones. Creían que algunas cosas eran obscenas. Pero yo no las había escrito para las Hijas de María (Ruiz de Ojeda, páx. 142). Perante a desconfianza de que houbese manexos no premio, Blanco Amor fixo algo que é moi habitual nos que concursan a premios ou mesmo oposicións: pegar ás páxinas do volume, de xeito que ao recollelo se poida comprobar que, como todo estaba amañado ou que non todos os membros do xurado len os textos, nin sequera se leu axeitadamente o texto que se presenta ao concurso.

Na devandita correspondencia Piñeiro-Losada vemos como Silvio Santiago e Blanco Amor estaban profundamente desconformes con premio. Ramón Piñeiro chega a ser cruel con Blanco Amor: Blanco Amor levou un disgusto tremebundo co fallo do concurso de novela. Según di, e créollo, máis que nada importáballe polas 200.000 pts, que nunca as tivo xuntas no seu poder. Por ise lado dáme pena dil, pois agora de vello seica anda mal de cartos. Outro que levou unha perrencha fenomenal foi o Silvio, iste non polos cartos –porque ten moitos- senón pola literaria… Polo visto impuxéronse o Millán e mis o Álvarez Blázquez (iste coidando que premiaba ao Carlos Casares) (páx. 821 da devandita correspondencia Piñeiro-Losada).

Piñeiro dá máis detalles nunha carta a Losada de 17-XI-1970: O Casares non concursou. O que ocorreu foi que o Xosé M.ª Álvarez Blázquez coidaba que a obra de Xohana era do Casares. Ou sexa, que votou a obra de Xohana coidándoa do Casares (páx. 824).

A historia do Premio acadou sona no ámbito cultural galego e tanto é así que Carballo Calero na súa Historia da literatura galega contemporánea aproveita para atacar a Blanco Amor: Foi escrita, segundo o autor, para optar a un premio misteriosamente administrado por uns cabaleiros que fixeron desta operación unha sorte de discriminación moral da que Xente ao lonxe saíu triunfante ou sexa, rexeitada por unanimidade (páx. 718).

Gonzalo Allegue na súa biografía de Blanco Amor (Eduardo Blanco Amor (biografía). Diante dun xuíz ausente) volve dar datos sobre esta novela. Considera que a obra foi rexeitada por motivos ideolóxicos, como a linguaxe dura, o tratamento de temas como o aborto ou a defensa que se facía da homosexualidade. Consideraba que o conservadorismo do xurado non permitiría estes temas. Por outra banda, atribúe a Carballo Calero unha influencia decisiva sobre o xurado xa que odiaba a súa literatura e odiaba a el (Allegue, páx. 320). O certo é que non andaba descamiñado Blanco Amor e para iso abonda con ler o xuízo que da obra fixo Carré, tan oportunamente publicado por Ruiz de Ojeda.

Se lemos a Historia da literatura galega contemporánea de Carballo, temos que darlle a razón a Blanco Amor: A evidente propensión deste narrador a presentar en toda a súa crueza situacións de miseria moral e física, sen pararse en barras na reproducción da fala popular, amósanolo como un adepto do naturalismo, e carece de relevancia para fundamentar unha concepción sociolóxica ou filosófica (páx. 718). Realmente Carballo non entendeu para nada a novela e déixase levar por xuízos pretendidamente morais que parece mentira que estean escritos por un catedrático de universidade e en 1975, ano da edición da Historia da literatura galega contemporánea que manexamos.

O certo é que Carballo opina igual que a censura franquista da época. Como ben conta Allegue e agora perfectamente Dasilva no epílogo, Galaxia presentou a novela á censura e esta foi devolta cun Non é aconsellable (Allegue, páx. 318). Por consello de Valentín Paz Andrade e mais Álvaro Gil, Blanco Amor poda a novela, que por fin pasará a censura. Polo camiño perde incluso algunhas das ilustracións que lle fixera Díaz Pardo. Allegue tamén reproduce anacos da carta que Meilán Gil, daquela subsecretario de Información, lle remitiu a Blanco Amor onde lle di que la prohibición de Xente ao lonxe se justifica por sus pasajes escabrosos, palabras obscenas, frecuentes blasfemias, burlas, sarcasmos contra obispos e canónigos, etc. (Allegue,  páx. 319). Curiosamente, a opinión de Meilán era a mesma do xurado, de Carré ou de Carballo Calero.

Segundo nos informa Gonzalo Allegue na citada biografía, Blanco Amor asina o contrato para a publicación de Xente ao lonxe, xa expurgada, o 15 de xuño de 1972. A edición será de tres mil exemplares. Cobrará o novelista como dereitos de autor o 10% e recibe 15 000 pesestas como adianto. O libro ponse á venda ao prezo de 200 pesetas e consta de 326 páxinas. Era un fito niso da extensión, pois daquela falábase de que non había novela longa en galego.

A novela non ten moita sorte nas historias da literatura oficiais. Se Carballo non a valora, o mesmo acontece coa moi espallada agora (posto que é recomendada nalgunhas facultades de filoloxía) Literatura galega. Aportacións a unha historia crítica, de A. Tarrío Varela. Paradoxalmente nesta obra sobre a literatura galega dedícase máis espazo a estudar obras en castelán de Blanco Amor como La catedral y el niño ou Los miedos. O autor desta suposta historia da literatura despacha Xente ao lonxe en apenas unha ducia de liñas e ata di que son basicamente as memorias do neno Suso que nos fala dos seus pequenos problemas e do descubrimento que vai facendo do mundo, da sociedade, do sexo, da súa propia familia, etc.(Páx. 342). A min dáme a sensación que este suposto historiador da literatura galega nin leu Xente ao lonxe.

Con todo, Xente ao lonxe é valorada acaidamente no Diccionario da literatura galega. Obras de Galaxia, ao ser estudada, como xa indicamos, entre as obras canónicas da historia da literatura galega.

A novela comeza cun Prólogo útil onde Blanco Amor explica os principios en que se basea a escrita desta novela. Nel di Blanco Amor que a novela xorde da mestura de experiencias vividas polo autor, mais recreadas e enriquecidas pola imaxinación, de tal xeito que se combinan o vivido e mais o soñado. Sinala así mesmo que quere ofrecerlle ao lector unha visión e unha interpretación de Galicia, que se apartará do ruralismo e mais do costumismo, pero sen perder o seu carácter popular. Veremos que a Galicia que nos ofrece Blanco Amor é a da Galicia urbana, progresista, sindicalista e obreira dos comezos do século XX. Iso quedaba moi lonxe, tanto das propostas de Piñeiro, representadas por Fole e por Cunqueiro, mais tamén das do cosmopolitismo de moitas novelas da Nova narrativa. Non rexeita a innovación técnica, que considera necesaria, mais non como simple mimetismo, como ás veces parece acontecer na Nova narrativa.

Por outra banda, a novela ha de ser unha obra de linguaxe, onde o autor acade un galego natural, co que a xente se sinta identificado, mais este galego é produto dunha elaboración artística. Parecerá un galego coloquial e espontáneo, mais detrás del hai unha consciente e sostida reelaboración lingüística. Escribe non para un público patriótico, que considera a obra boa só polo feito de estar escrita en galego. Engade que no momento actual non hai un verdadeiro público que xulgue a novela galega, pois seguimos a depender en exceso duns receptores patrióticos.

Sobre os temas considerados escabrosos, engade que a súa novela pretende salientar a importancia do sexo na formación e mais na vida das persoas, que non debe ser delito. Sinala que se propón presentar o devir persoal dos personaxes, mais tamén o histórico e social, pois hai un tempo persoal e mais un tempo histórico. As persoas fórmanse individualmente, mais tamén en sociedade e en solidariedade, resultando neste aspecto fundamental para a formación desa conciencia social e solidaria en Galicia o agrarismo do primeiro terzo do século XX. Desbota así mesmo a estrutura argumental da novela tradicional e di que na súa novela pretende captar momentos da vida das xentes e que sexa o lector quen recompoña eses momentos, do mesmo xeito que se fai nunha montaxe cinematográfica.

En canto á lingua, decide presentar un galego coloquial máis de reelaboración artística e que fuxa da lingua xogofloralesca. Non é, xa que logo, esa lingua do relato unha copia magnetofónica da linguaxe oral espontánea, senón unha reelaboración artística desa lingua que produce no lector unha sensación de naturalidade, pero detrás da que hai un esforzado proceso de elaboración artística. Di que para iso se inspirou, aínda que el non é falante inicial en galego, no galego dos 400 000 emigrantes que había na Arxentina e que lle serveron para conseguir un galego supradialectal.

Como remate subliña que non pretende coa súa novela construír un documento, senón unha recreación dunha determinada sociedade en certo momento histórico.

Blanco Amor escribe unha novela de 326 páxinas (daquela as novelas galegas eran breves e esta extensión da novela é un dos seus primeiro logros) articulada en catro partes e onde, cuantitativamente, se impón un narrador en primeira persoa, Suso, que dentro da estrutura da novela de aprendizaxe conta o seu proceso de formación, tanto individual como social, nunha época que el sitúa entre 1909 e 1916: Es una reconstrucción conjetural de la vida de un pueblo, de una ciudad gallega, entre 1909 y 1916 , como lle sinala o autor a Ruiz de Ojeda no citado libro de Entrevistas. Mais a perspectiva de Suso (que lembra, xa adulto, a súa vida de neno e mociño, ata os dezaoito anos) enriquécese con outras perspectivas como relatos en primeira persoa doutros personaxes como a irmá de Suso, textos cun narrador en terceira persoa e mesmo textos puramente dialogados ou cartas.

Na primeira parte un Suso de arredor dos dez-doce anos preséntanos o seu medio familar e social en A., que é como todos sabemos Ourense. Estamos ante unha medio totalmente urbano e a aldea só aparece en función da cidade, como veremos. O Ourense da época é descrito con tintes galdosianos no episodio dos mendigos e mais da María dos accidentes. O texto da historia da mona Berta lévanos a pensar no Valle de Divinas palabras. Na historia da señora Andrea Blanco Amor bota man dos recursos propios do folletín. Nalgúns casos aproveita a lenda urbana como nos episodios do médico Barada e os maragatos ou incluso lembra o maxisterio do Risco de O porco de pé. Non faltan tampouco as escenas tremendistas, como a da morte da mona Berta.

Como xa dixemos, nesta primeira parte o narrador principal en 1ª persoa, o Suso, anda polos dez ou doce anos, mais lembra en primeira persoa cando xa é adulto. Nesta primeira parte vemos o medio social onde se educa Suso (o dunha familia obreira sindicalista) e tamén asistimos a como Suso vai descubrindo as verdades da vida, propias dunha novela de aprendizaxe, neste caso, o sexo, a través do que ve que fan os animais, en especial a cadela Tula, ou polas explicacións que lle dá o seu guía, o Elixio, que é un mozote de quince ou dezaseis anos, que é un alumno brillante do instituto.

Mais á parte da técnica, hai unha serie de novidades que xa se advirten nesta primeira parte: novela urbana, os personaxes non pertencen ás clases medias senón ás clases populares e concienciadas política e sindicalmente (as clases medias de maragatos, funcionarios e semellantes só aparecen para ilustrar mellor a forma de ser e pensar destas clases populares obreiras). Por outra banda, os personaxes principais pertencen ao proletariado urbano concienciado e sindicado.

Xa que logo, nesta primeira parte atopamos un personaxe individual que de acordo coa novela de aprendizaxe está a formarse, mais tamén hai un protagonista colectivo, que non é toda a sociedade de Auria, senón as clases obreiras concienciadas no sindicalismo de raíz socialista e progresista.

En canto a outros aspectos, chámanos a atención a importancia que teñen as personaxes femininas (a señora Andrea, a Evanxelina), o tratamento do control de natalidade, a educación sexual que o pai de Suso lle proporcionou á Evanxelina e incluso ao Elixio, a opinión da Evanxelina sobre a suposta vida sexual da señora Andrea (que a miña nai decía que non podían ser tales faladurías, e a Evanxelina que non lle vía ren de particular que cada quen fixese a súa vida…, páx. 41). Mesmo non falta o tratamento desinhibido do tema tabú daquela da homosexualidade, como se pode ver na páx. 116, na relación María do Narizán-Doloriñas. Supón unha gran novidade o tratamento de figuras femininas como a señora Andrea e sobre todo a Evanxelina que non quere mandar nin ser mandada (páx. 126).

Suso no remate desta primeira parte anda polos trece anos (páx. 121) e xa non é un neno, pois coñece os segredos do sexo ou xa ten unha conciencia social progresista, coma a da familia, e coñece o significado de palabras como solidaridade (que era a máis difícil), reivindicacións, esquirol, asalariado, fraternidade (páx. 145).

A segunda parte ten como tema principal a abandono do colexio relixioso por parte do Suso para pasar a educarse na escola laica de don Xaume e dona Monserrate. Un dos temas recorrentes do progresismo era o logro dunha educación laica e á marxe da Igrexa. Na novela, preséntase a inconsecuencia de que Suso se eduque nun colexio relixioso mentres o seu pai é un defensor do progresismo e dentro diso da escola laica. Á parte de constituír esta parte unha defensa da escola laica e unha crítica feroz contra o ensino relixioso, este problema do colexio de Suso ten unha vertente persoal e íntima. Se Suso vai a un colexio relixioso é por respectar a opinión da nai e da avoa. No desenlace a nai decide que Suso asista á escola laica. Por outra banda, non só segue o proceso de maduración de Suso, senón tamén o de Evanxelina, que se converte nunha incipiente líder que ata fala nos mitins. Esta presenza da muller é unha gran novidade que cómpre apuntarlle a Blanco Amor, pois só parecía que os homes podían ser líderes. Se nos fixamos nos irmáns Suso-Evanxelina, Blanco Amor subverte nunha liña feminista os papeis que a sociedade machista asignaba a homes e mulleres. Suso non sae practicamente do ámbito privado, mais a que se converte nunha personaxe pública é a irmá Evanxelina. De novo reaparece o folletín na historia de dona Andrea, a Ceboliña,  o fillo do presidente da Audiencia e un aborto. Esta historia é moi importante para facernos comprender como as cousas na vida real non acontecen como no folletín. No folletín adoitan triunfar os bos, mais aquí vai acontecer todo o contrario, como veremos ao analizarmos a cuarta e derradeira parte da novela.

Volvendo ao tema desta segunda parte, en 1909, estaba de actualidade, tras a Semana Tráxica, a Escola Moderna de Ferrer i Guardia, que será fusilado precisamente baixo a acusación de ser instigador da devandita Semana Tráxica. Don Xaume e dona Monserrate non son só seguidores de Ferrer, senón mesmo parentes. O certo é que Blanco Amor posiblemente se inspirarese na escola laica, seguidora dos métodos de Ferrer, fundada en 1909 e sostida pola Agrupación Librepensadora de Ourense que estaba dirixida polo mestre Hipólito Luengo e mais a súa dona.

A terceira parte da novela céntrase na protesta polo traslado do baldaquino do mosteiro de Oseira. Os feitos aconteceron en 1909 cando o bispo Ilundain dá a orde de desmontar o baldaquino e levalo de Oseira. A protesta do pobo de Oseira rematou con sete persoas mortas pola Garda Civil e por unha serie de manifestación e protestas en Ourense, onde se uniron todos os sindicalistas e forzas progresistas da época. A represión cebarase na familia de Suso. Como di no Prólogo útil o agrarismo foi para Blanco Amor un dos feitos que máis contribuíron a formar unha conciencia solidaria en Galicia e entre eles o célebre episodio de Oseira, que non viña motivada por ningunha protesta agraria, senón polo traslado dun baldaquino, mais non sería posible esa protesta se non tivera callado antes na sociedade galega o espírito reivindicador das sociedades agrarias e mais tamén dos sindicatos e forzas progresistas. Nesta parte reaparece a señora Andrea tratando, con procedementos folletinescos, de influír sobre o novo xuíz, co documento que posúe sobre o suposto aborto da Ceboliña. Mais na parte cuarta veremos que, ao revés do que acontece no folletín, os bos non triunfan nin vale para nada ese ás na manga que gardaba a señora Andrea, pois o pai de Suso remata condenado no penal de Burgos e alí posiblemente morrerá, pois está gravemente enfermo. Na vida real as cousas non acontecen como no folletín e de aí o uso innovador que fai Blanco Amor deste subxénero narrativo, que non entendía Carballo Calero na estrutura da novela.

A cuarta parte e derradeira da novela, remata co pai Aser condenado e enfermo no penal de Burgos e Suso en Madrid, traballando como tipógrafo e tras ter acadado así a madurez social, mais tamén individual nun 1º de maio, en que descobre plenamente o sexo. Evanxelina tamén está no desterro pero xa convertida nunha líder obreira e sindical e embarazada. A novela ten un final aberto e o seu derradeiro texto é unha carta da Evanxelina a unha súa amiga, onde nos informamos da situación da familia tras a represión polo asunto de Oseira e onde vemos que as artimañas folletinescas da señora Andrea non valeron de nada para librar a Aser do cárcere e aos fillos do desterro.

En canto á lingua, Blanco Amor conseguiu nos diálogos e na expresión dos personaxes un galego que lle resulta natural ao lector, pero que é froito dunha elaboración artística innegable. Consegue tamén ofrecer o rexistro propio dos distintos sectores, desde o mitin sindicalista á fala dos cregos como o Papuxas. Os puntos de vista de diferentes narradores e o emprego ao lado de narracións doutros elementos como diálogos puros e mais cartas, como a que pecha a novela, obrigan ao lector a recompoñer os feitos ao xeito dunha montaxe cinematográfica. A novela non ten realmente desenlace. Non sabemos o que lles pasará a Aser, Suso ou Evanxelina. Perderon unha batalla, mais a loita continúa. Fronte ao mundo sen esperanzas do lumpenproletariado de A esmorga, Blanco Amor presenta aquí o mundo dos obreiros concienciados, que están a contruír unha nova orde política e económica.

Por outra banda, a interpretación urbana e progresista de Galicia como unha sociedade onde o laicismo ou o socialismo teñen unha importancia decisivas, a relevancia das personaxes femininas como Evanxelina (que se converte en líder política e sindical, mentres o irmán queda no ámbito da privacidade), o tratamento de temas como a homosexualidade, o dereito da muller a dispor igual ca os homes do seu corpo ou mesmo de situar a cuestión do aborto no ámbito privado da conciencia da muller por non falar da presenza do homosexualismo sen ningún tipo de descualificación fan desta novela unha obra fundamental da literatura galega contemporánea.

Entrando máis polo miúdo a novela é de Blanco Amor mestura a historia coa ficción, o persoal co social ao xeito que fara Delillo en Libra. Cómpre destacar a  mestura que fai Blanco Amor entre historia e ficción, ao xeito tamén dunha novela que no ámbito hispánico tivo moito éxito nos setenta, La verdad sobre el caso Savolta. Blanco Amor quere recuperar unha etapa da historia do século XX que o franquismo silencio e converteu en inexistente, a dos anos que van desde o Desastre do 98 á Ditadura de Primo Rivera. Ese primeiro cuarto do século XX foi fundamental no espallamentos das formas de vida e de pensamento modernos.

A novela está marcada por un feito histórico fundamental e que permaneceu agochado na desmemoria: a represión exercida sobre os veciños de Oseira e a súa zona cando o 22 de abril de 1909 se opoñen a que sexa desmontado o baldaquino da igrexa do convento por orde do bispo navarro de Ourense Eustaquio Ilundáin. Ese 22 de abril,  o tenente Salinas da Garda Civil, que mandaba as forzas, ordena abrir fogo contra os que tentaban que non se desmontase o baldaquino. Como resultado, morreron sete persoas. Na novela son nove. Blanco Amor, nesta novela, recrea, mesturando historia e ficción o que aconteceu co famoso baldaquino. O bispo, o tenente da Garda Civil… son evidentemente feitos históricos, como o son tamén os personaxes de Maura ou ministro da Gobernación La Cierva, aquí aludidos baixo os nomes de Moura e Lacorza, respectivamente.

O episodio de Oseira, acontecido o mesmo ano da Semana Tráxica de Barcelona e o fusilamento de Ferrer Guarda, 1909, marca o devir da obra. No clima de represión que suscitan os feitos da Semana Tráxica e do fusilamento de Ferrer Guardia comezan as desgrazas para a familia de Suso, ao sufrir o pai, desterros e encarceramentos, ata rematar no penal de Burgos. Na novela hai un antes e despois dos feitos de Oseira. Ata eles a vida de Suso e da súa familia sindicalista-socialista e progresista vaise desenvolvendo en A. A partir dese feito vén a separación familiar e o calvario de desterros e penais do pai.

Como dixemos ata certo punto a novela é un texto en clave e cun fondo histórico innegable, como vimos ao analizarmos os feitos de Oseira. Tamén aproveitou Blanco Amor feitos da súa biografía persoal en Ourense entre 1897 (data do seu nacemento) e 1919 (data da súa emigración a América para fuxir de ser alistado como soldado e ir á Guerra de África). Non cabe ningunha dúbida de que a novela ficcionaliza algúns episodios destes anos de Blanco Amor en Ourense, A. na novela. O ambiente feminino de mulleres traballadoras, sobre todo dedicadas á costura e labores similares, é trasunto do que viviu o propio Blanco Amor na floraría da súa nai na rúa ourensá de Juan de Austria. Neste medio familiar un seu irmán, Castor foi un militar esquerdista e progresista, que sen dúbida ningunha, como ben sinala Allegue na biografía do escritor, influíu moito nas concepcións sociopolíticas do novelista. O ambiente de esmorgas tamén estaba presente no seu medio familiar, pois, e seguimos de novo a Allegue, o seu irmán Camilo era o máis grande ermoguista que recorda Auria, guitarrista voluntario en mancebías e outros lugares tan así santos, cantador de habaneras e tanguillos, flamenco, entrañable mullereiro e vividor… (páx. 32).

Tamén outros personaxes da novela como os taberneiros de Los Habaneros están inspirados en figuras reais, convenientemente ficcionalizadas. Así estes  taberneiros lémbrannos, polo seu aspecto e afección ao canto e ao baile, ao célebre barbeiro Rey Custodio… que, segundo a biografía de Allegue, cantaba con voz de mullerona e trompicona Guanacaboa la Bella, no salón tropical da trastenda… (páx. 34). Na novela tamén aparece a figura do xornalista do periódico ultraconservador El Eco del Calvario Nicolsaín Balvanera que cobraba da Deputación a soldada de dúas amas de cría. Como lembra en nota Ruíz de Ojeda en Entrevistas con E. Blanco Amor, o propio novelista tivo un enchufe coma este: Convén aclarar que en torno a 1917 beneficiario dunha recomendación, obtivo un dos seus primeiros empregos: ama de cría ó servicio da Deputación de Ourense. Non había, ó parecer, outro vacante. Como, por razóns obvias, non podía exercelo, foi destinado a un periódico local, El Diario de Orense, órgano do partido conservador. Así, Eduardo cobraba polo concepto de ama de cría [vintecinco pesetas mensuais, o reicbo das cales asinaba co nome de Herminia Fernández de Príamo], pero traballaba como entrevistador de celebridades para o citado periódico. Nada estraño, se consideramos que o director de El Diario de Orense, don Hermenegildo Calvelo, aquí aludido pola súa propensión á augardente, percibía o seu salario polo concepto de xardineiro maior (páx. 22).

A figura da Evanxelista grande activista e oradora, como podemos ver no citado libro de Entrevistas con Blanco Amor, está en parte inspirada en Belén Sárraga, librepensadora e anarquista, que Blanco Amor escoitou en Ourense nun mitin cando o novelista tiña trece anos.

Na vida de A., dentro do sistema caciquil da Restauración, o gran cacique é o conde de Nugallá. Evidentemente que Blanco Amor se refire ao conde de Bugallal, Gabino Bugallal y Araújo, nado en Ponteareas en 1861 e falecido en París en 1932. O condado de Bugallal fóralle concedido pola raíña rexente María Cristina á viúva do célebre político e protector de Murguía Saturnino Álvarez Bugallal (1833-1885). Os Bugallal son unha das grandes familias do sistema caciquil da Restauración. O conde de Bugallal, que domina Auria nos tempos da novela, os primeiros vinte anos do século XX, era Gabino Bugallal e Araújo, nado en Ponteares en 1861 e falecido en París en 1932. Era conde de Bugallal desde 1906. Licenciado en Dereito foi pasante no despacho de Saturnino a carón do propio Antonio Maura, o Moura presidente do Goberno na novela. Figura destacada do Partido Conservador foi deputado polos distritos de Bande, Ponteareas, Ribadavia, Xinzo de Limia e Ourense. Así mesmo foi director xeral de Administración Local, dúas veces ministro de Instrución Pública, catro de Facenda, unha de Graza e Xustiza, dúas de Gobernación. Tamén foi Presente do Congreso e do Consello de Ministros.

Xa que logo, como sinalamos enriba, Xente ao lonxe é unha novela de aprendizaxe baseada no paso de neno a adulto de Suso, mais tamén da súa irmá Evanxelina. Pero, mesturando a historia coa ficcionalización de feitos histórico-biográficos do propio autor entre 1897 (data do seu nacemento) e 1919 (data da súa emigración a América para fuxir do servizo militar na Guerra de África) é tamén a novela dunha cidade A., é dicir, Ourense. Esta cidade é en certo xeito paradigma da capital de provincia do sistema caciquil instaurado pola Restauración.

O propio Blanco Amor recoñece nunha entrevista publicada no citado libro de Ruiz de Ojeda que, daquela, Ourense era unha capital de provincia que andaría polos 17 000 habitantes. É a capital de provincias típica produto do Estado liberal asentado con Isabel II e continuado-perfeccionado pola Restauración. A cidade está gobernada polo caciquismo e a quenda de partidos deseñada por Cánovas-Sagasta. Aparece o que poderiamos chamar corrupción franca (a do conde de Nugallá ou a alianza Goberno-Igrexa-tendeiros maragatos), mais no que acerta especialmente Blanco Amor é ao presentarnos o que hoxe se denomina corrupción de baixa intensidade ou mecanismos de submisión. O Estado caciquil da Restauración tamén proporciona empregos públicos ou ligados ao público como escribentes na Deputación ou nos Concellos, empregos de canteiros ou carpinteiros ao servizo destas institucións ou mesmo cargos como o de nodriza a xornalistas que crean unha rede de fidelidades e silencio arredor dos grandes corruptos. Esa corrupción de baixa intensidade aparece perfectamente reflectida na novela e sérvenos mesmo hoxe en día para repararmos nas supostas corruptelas deste tipo que están a saír todos os días nos medios de comunicación. Isto é un dos grandes acertos de Blanco Amor: a presentación da corrupción de baixa intensidade da I Restauración, que tanto nos lembra a da II Restauración, que hoxe en día estamos a vivir.

Mais non todo é negativo na cidade da Restauración. Non só chegou o tren ou os coches de liña, senón tamén a rede de sumidoiros ou os inodoros. Hai prensa local, conservadora e progresista, mais tamén se recibe a de Madrid. Funciona un Instituto de Instrución Pública e iso permite que se promocionen rapaces do pobo. E sobre todo, están a espallarse as novas ideoloxías progresistas, como o socialismo, o sindicalismo, a escola laica, que ocupan o centro da novela. Mesmo consegue Blanco Amor anacos épicos obreiristas como os que se refiren á celebración do 1º de Maio. O nivel de vida mellorou ata no ocio cos cafés modernos ou os espectáculos teatrais e parateatrais.

Chama a atención a practicamente presenza nula do rexionalismo-nacionalismo na novela. Só cara ao remate da novela, a través da carta da Evanxelina, se expresa a postura que, daquela, os socialistas e sindicalistas mantiñan sobre o rexionalismo: O que me ten descontenta…, e que saian agora con que hai que empezar a ter en conta os problemas das rexións. ¡Agora con iso!; e que algúns rapaces nosos andan moi entusiasmados co do rexionalismo como si non houbera máis que facer… Eiquí iso vese moi mal. Pra min trátase do mal exempro do federalismo barcelonés, coas súas utopías e sentimentalismo. Coidan que todo se vai arranxar falando o catalán, facendo escursións polas serras e cantando, a seis voces, o Himno do Canigó. O noso único problema é o proletariado mundial e a loita de crases, a eito e por enriba de todo, e non andar agora con ise atraso das rexións e dos rexionalismos (páx. 325).

Está claro que, pola boca de Evanxelina, o que está a facer Blanco Amor é a criticar o rexionalismo/nacionalismo meramente culturalista e ata profundamente conservador dos Losada Diéguez, Risco, Otero ou, se sacamos o texto da súa situación histórica, o de Galaxia-Piñeiro. A partir dos cincuenta-sesenta xurdirá outro nacionalismo, que asumirá os valores que votaba en falta Evanxelina.

Cómpre salientar así mesmo nesta novela a importancia dada á presenza feminina. A crítica adoita fixarse en Suso, mais non se ten reparado bastante na personalidade da súa irmá Evanxelina, que non por azar é a narradora, dentro dos varios que ten a novela, que pecha esta coa súa carta á amiga mestra. Evanxelina, como a señora Andrea, xa non aceptan o papel pasivo das mulleres. Buscan ser coma os homes. Mesmo a Evanxelina tira para adiante soa co fillo e mesmo no remate da carta-novela hai unha defensa do lesbianismo, como antes se fixera do homesexualismo masculino, como sinalamos enriba, cando se despide da vella amiga, agora mestra: Escríbeme canto poidas. Quérote moito; cicais queira en ti un intre moi agasalleiro. Levo pra sempre comigo a túa tenra amistade, dende a inorada e crecente beleza daquela rapariga aldeán que chegou a A. inxela e temesiña, até os rechamantes anos finais da normalista, tentada polas ideas que eran o andacio do tempo… Lémbrome dos nosos arriscados paliques adolescentes, preguntándonos por unha vida que daquela non tiña aínda pra nós ningunha cras de resposta; lémbrome dos nosos tristes e longos bicos de namoradas; das xuntanzas segredas na miña casa, nas casas de todas aquelas toliñas que despois me rexeitaron como quen fuxe dunha empestada sen deterse a pensar as probes que… (páx. 327).

Xa que logo, Xente ao lonxe, é unha novela onde o persoal (a aprendizaxe de Suso, mais tamén de Evanxelina) se une acaidamente co social (protagonismo de A.-Ourense e do movemento sindical-socialista) e cunha estrutura perspectivista a partir dos distintos narradores. É así mesmo unha extraordinaria obra de linguaxe, pois o autor coida que Blanco Amor soubo dar con iso que poderiamos chamar galego urbano coloquial, en que se expresan os personaxes, sen vulgarismos, mais tamén sen mexericadas. Mesmo se recrea ese galego coloquial espontáneo, como acontece cos alcumes dos personaxes, que superan o número de 200. A obra así mesmo destaca na reprodución dos distintos rexistros da lingua con especial incidencia do discurso do sindicalismo-socialismo, tan ben representado, por exemplo, nos discursos de Evanxelina. Nalgún momento, como a descrición do 1º de maio, a novela acada o ton dunha épica da clase traballadora. Non menos importante, especialmente polo ano en que se escribe, é o protagonismo que acadan as mulleres e mais os tipos de mulleres que se nos presentan. Abonde con ver a señora Andrea ou Evanxelina ou mesmo o proceso de concienciación que experimenta a nai de Suso-Evanxelina. O tratamento de temas como o aborto, o control de natalidade ou a homosexualidade tamén converten a novela nun fito das nosas letras. Por iso, benvida sexa esta edición restaurada dun dos nosos clásicos, que a crítica oficial, como vimos, non soubo valorar como se debía. Por certo, coidamos que Blanco Amor cumpriu co que se propuña no prólogo da novela.

 

Mar 19th, 2015
Comments are closed.