Lingua e literatura desde 1975 1

Por Manuel Rodríguez Alonso

 

Queremos iniciar hoxe baixo o título de Lingua e literatura desde 1975 unha revisión dunha serie de feitos e publicacións que marcaron o desenvolvemento da lingua e mais da literatura galega desde o ano 1975. Poñemos este comezo, porque a morte do ditador supón unha data en que comeza un novo rexurdimento da lingua galega que, non obstante, se viña xa anunciando desde os sesenta ou mesmo desde a fundación de editoriais como Galaxia ou Monterrey. Por outra banda, este ano de 1975 celebrábase o vinte e cinco aniversario da fundación de Galaxia e convocánbse os premios da editorial, co gallo destes vinte e cinco anos, de novela, que gañaría Xoguetes pra un tempo prohibido de Carlos Casares, que comentamos hai tempo neste blog. Como sinalamos neste artigo tamén se convocaron outros tres premios para unha historia do galego, unha obra teatral e mais unha socioloxía de Galicia, que quedaron desertos. En fin, iremos dando razóns ao longo destas achegas. Por outra banda, queren ser estes artigos unha especie de historia-memoria de quen desde este ano de 1975 leva metido en angueiras editoriais relacionadas co castelán e mais co galego, desde a elaboración de dicionarios a libros de texto, polo que viviu en primeira persoa todos as vicisitudes da lingua e da literatura durante todos estes anos.

 

O tardofranquismo e algo ferve no galego

 

O asociacionismo cultural

 

Desde os anos sesenta víñase falando cun eufemismo moi típico da ditadura franquista do feito biolóxico, é dicir, da morte de Franco. A xente moza, lembremos o maio francés, o 68 dos estudantes de Santiago ou os movementos dos campus estadounidenses, xa non pensaban só na caída do franquismo ou no establecemento dunha democracia ao xeito das occidentais, senón nunha nova sociedade que non estivese dirixida polos principios do capitalismo. Esa é a verdade. No remate dos sesenta e no primeiro quinquenio dos setenta a maioría dos mozos e mozas contestarios non tiñan como horizonte unha democracia ao xeito das occidentais ou dos Estados Unidos, senón outra cousa, non se sabía moi ben o que, mais que encaixaba coa utopía social do maio do 68 e outros movementos similares.

En Galicia, ao longo dos sesenta viñera habendo toda unha serie de movementos a prol da lingua e da cultura galegas, que ían da man coa oposición ao franquismo, por moito que se agochase baixo unha capa cultural, mesmo no propio grupo Galaxia. Así no ano 1963 establécese o Día das Letras Galegas ou tamén nos sesenta aparecen os coches e as portas dos establecementos comerciais cheos dos famosos adhesivos de Falemos galego e Galego na escola.

Nos sesenta e nos primeiros anos dos setenta agroma por toda Galicia un feixe de asociacións culturais, que, baixo a capa da cultura, supoñen no fondo unha oposición ao franquismo na liña de esixir, en definitiva, un autogoberno para Galicia, con todos os matices que se queira. Manuel Caamaño Suárez estudou o proceso de creación e actividades destas asociacións. Así, en 1961, fúndase O Galo en Santiago; en 1963, O Facho na Coruña; en 1966, a Asociación Cultural de Vigo; en 1968, a Agrupación Cultural Auriense; en 1968, Amigos da Cultura de Pontevedra… Citemos Abrente (Ribadavia), Francisco Lanza (Ribadeo), Sementeria (Viveiro), Club Cultural Valle-Inclán (Lugo), o Ateneo (Moaña) e así por toda Galicia.

As actividades que levan a cabo estas asociacións son duna activismo político-cultural galeguista e antifranquista de amplo espectro. Cómpre salientar, entre estas actividades, os cursos de lingua e literatura galega impartidos no seo destas asociacións, en que os libros guía eran a Gramática elemental del gallego común (1ª edición de 1966) e mais o Diccionario galego-castelán e vocabulario castelán-galego de Franco Grande, ambas as dúas obras de Galaxia. Tamén andaba na rúa daquela a Gramática gallega (1967) de Leandro Carré Alvarellos. En fin, o labor do asociacionismo cultural a prol do galego e da súa normalización foi grande e unha mostra dunha incipiente sociedade civil galega que apostaba polo galego. No artigo que Manuel Caamaño lles dedica no Almanaque Galaxia para 1975 pode verse o que supuxeron.

 

O futuro do galego nunha polémica de hai corenta anos

 

 

O ano 1973 publícase na editorial madrileña Akal, ligada ao PCE, un libro que vai desatar unha polémica que aínda hoxe dura: Informe –dramático- sobre la lengua gallega, de X. Alonso Montero. A tese de Alonso Montero era a de que o galego desaparecería en trinta anos se non se utilizaba o galego na educación preescolar e mais na básica e había una presencia, de un modo o de otro, en los restantes niveles de la enseñanza. Tamén pedía o galego nos medios de comunicación, total o casi totalmente en galego, así como a edición de centos de libros en galego. Non fala o proxecto para nada do galego na Administración ou na Xustiza.

O libro de Alonso Montero suscitou unha agre polémica. Algunhas das voces máis significativas que se levantaron contra o Informe foron a de Guillermo Rojo, no primeiro número de Verba (1974), ou as de Francisco Rodríguez en La Región, que despois callarían nun libro, que servirá de inspiración á política lingüística do BNG: Conflicto lingüístico e ideoloxía en Galicia (edicións Xistral).

No espazo de Verba “Revista de libros”, Guillermo Rojo comentaba o libro de Alonso Montero. Sinala que o Informe é un simple refrito (páx. 243) e que é tradución en gran parte tradución ao castelán de O que compre saber da lingua galega, unha obra anterior de Alonso. Rojo afirma que a situación do galego naquelas datas de 1974 mellorara notablemente. Di que nos tres últimos anos, é dicir no período 1971-1974, houbo melloras notables para o galego como é o seu estudo nos derradeiros cursos do Bacharelato, que arredor de mil alumnos de EXB recibirán clases de galego ou que o galego era materia obrigada na especialidade de Filoloxía das Escolas Normais. Por outra banda, sinalaba Rojo que o libro tecnicamente era moi malo e non era máis que unha obra de divulgación, onde o autor nin entendendera ben os conceptos de bilingüismo e diglosia por unha mala lectura do clásico de Ninyoles Idioma y poder social.

Mais sen dúbida ningunha, a resposta que acadaría máis sona sería a de Francisco Rodríguez desde as páxinas de La Región, os días 1, 2 e 4 de xuño de 1974, así como o libriño Conflicto lingüístico e ideoloxía en Galicia (Xistral, 1976). No devandito libriño, Rodríguez Sánchez sostiña a tese de que a pervivencia do galego estaba ligada a supervivencia de Galicia con independencia e soberanía de seu, tanto política como económica e rexeita xa daquela calquera idea de bilingüismo. A tese de Rodríguez será, coas matizacións que se queira, as que asumirá o BNG ou mesmo institucións como a Mesa para a Normalización Lingüística.

En fin, este ano 1974 non só foi famoso no eido da lingua galega pola polémica suscitada por Informe-dramático-sobre la lengua gallega, senón que saíu o número 1 da revista Verba, que se converterá no órgano filolóxico do ILGa e mais da Facultade de Filoloxía de Santiago e mesmo nun dos voceiros do que algúns deron en chamar a Escola Filolóxica de Santiago-ILGa. Tamén se publicou neste ano de 1974 o Galego 3, onde o ILGa fixaba os seus conceptos sobre o galego desde o punto de vista da estandarización e que tamén comentaremos un destes días.

Queremos salientar que a polémica provocada polo libro de Alonso Montero foi moi importante e que a Historia da lingua galega de Mariño Paz (Sotelo Blanco), moi utilizada entre os nosos alumnos e alumnas de filoloxía, pasa por enriba dela coma se nada. Abonde para ver o que supuxo ler a correspondencia cruzada entre Basilio Losada e Ramón Piñeiro e publicada por Galaxia (2009).

En fin, cómpre recuperar a memoria histórica da normalización e estandarización do galego durante o franquismo e desde a morte de Franco e isto tentaremos facer pouco a pouco. Por outra banda, nesta polémica estaban fixadas xa unha das batallas ideolóxicas que se darán no proceso de normalización do galego ata os nosos días. Por unha banda, están os que defenden para Galicia un bilingüismo galego-castelán, xa sexa harmónico, cordial ou restitutivo e pola outra os que apostan polo chamado monolingüismo social en galego. Significativamente, os textos de Alonso e Rojo están escritos en castelán, mentres que os de Rodríguez o están en galego.  Chama así mesmo a atención o optimismo oficialista, na liña da defensa da Ley General de Educación de 1971, de Villar Palasí que realiza Guillermo Rojo, na mellor liña do posibilismo do ILGa, pois para nada fala, por exemplo, que naqueles anos calquera se podía licenciar en filoloxía na Universidade de Santiago sen cursar nin un só curso de Lingua e Literatura Galegas, pois esta materia era optativa para os estudantes de Filoloxía. En fin, hai corenta anos xa se vía por onde ía ir a cousa, entre os bilingüismos máis ou menos harmónicos e máis o monolingüismo social galego. Non esquezamos ademais que o ILGa ou a propia RAG son institucións financiadas nada menos que pola Fundación Barrié de la Maza, un dos capitalistas máis característicos do franquismo en Galicia, ao que o Caudillo lle outorgou nada menos que o estraño título de Conde de Fenosa, e dicir, Conde das Forzas Eléctricas do Noroeste.

 

O Galego 3: unha declaración de principios

 

En 1974 publicábase Gallego 3. O libro completaba a serie Gallego 1, Gallego 2 e fixaba, en certo xeito, as posicións do daquela todopoderoso ILGa sobre o galego.

Se analizamos estes manuais, vemos unha serie de detalles que cómpre salientar. En primeiro lugar, unha institución universitaria e oficial que se dedica ao estudo do galego ten como lingua oficial o castelán. Gallego 1 estaba redactado en castelán e aducíuse que era para facer máis doada a aprendizaxe do galego aos castelanfalantes. Así o din os autores do método, ademais, na ADVERTENCIA PRELIMINAR. En fin, andaban moi lonxe da chamada inmersión. Por outra banda, o nome oficial da institución, segundo se pode ver nas portadas das primeiras edicións destes libros, mesmo na de Gallego 3, é Instituto de la Lengua Gallega.

As historias da lingua galega que hoxe consultan ou mesmo estudan os nosos futuros filólogos (as de Monteagudo ou a de Mariño Paz) salientan de xeito totalmente acrítico a importancia do ILGa para a filoloxía galega contemporánea. Claro que ambos os dous son membros desa institución. Sen restarlle méritos ao ILGa, que os ten e moitos, cómpre, para comprendermos as posturas teóricas sobre o galego que se explicitan sobre todo en Gallego 3 facer un pouco a historia desta institución.

O Instituto de la Lengua Gallega nace no seo da Universidade de Santiago o ano 1971. Quen queira comprender como era a universidade compostelá naqueles anos pode ler o documentado estudo Inmunda escoria (Ricardo Gurriarán, Xerais, 2010). Esta universidade compostelá fora tremendamente sacudida polas protestas do 68. Os grandes represores desta revolta do 68, segundo sinala Gurriarán, foron catedráticos como Otero Túñez, Massaguer, Ocón, García Garrido, Moralejo… Eran os anos en que os máis concienciados dentro da Universidade facían do galego unha lingua, xa non só símbolo de ruralidade, senón de progresismo, entoando o Venceremos nós ou berrando o célebre lema Viva Galiza ceibe socialista.

Pola contra, a universidade oficial compostelá, en xeral, era profundamente franquista, cun reitor, García Garrido nomeado para desactivar a protesta do 68. A Facultade de Filosofía e Letras, onde van xurdir os métodos que agora comentamos, agás certos illotes de progresismo moi illados, era realmente un feudo do españolismo lingüístico (que analizamos hai anos no noso O españolismo lingüístico. Laiovento). Para iso abonda con ler o que daquela era libro de cabeceira de todos os aprendices de filólogos, o impresentable Nosotros y nuestros clásicos do inefable daquela Moreno Báez, mestre, por certo, dos actuais Darío Villanueva, Iglesias Feijoo e demais. En Gramática histórica a españolista Bobes Naves amosaba un odio patolóxico cara ao galego e, como xa teño contado, falaba dos problemas dos filólogos galegos nas oposicións a postos de profesorado estatal polo seu acento galego. Por certo, discípulos e doutorandos de Bobes Naves son Tarrío Varela e outras importantes figuras da filoloxía oficial galega (este último cunha tese sobre Pérez Galdós, que non sei que ten que ver coa literatura galega).

Mais o réxime sentiuse desbordado polas protestas estudiantís do remate dos sesenta e, como fan todas as ditaduras, tentou cambiar algo para que todo seguise igual. Sabido é que o poder central e autoritario non dubida en asumir as reivindicacións de xeito totalmente aparente para así as desvirtuar. Unha das estratexias do tardofranquismo para desvirtuar a protesta estudiantil do remate dos sesenta, así como o da normalización das linguas non castelás, foi a Ley General de Educación (1970), do ministro tecnócrata e opusdeísta Villar Palasí. Esta lei establecía, como ben sinala García Negro en O galego e as leis. Aproximación sociolingüística (Do Cumio, 1991), que na etapa da EGB (Educación General Básica, que ía desde os seis anos aos catorce), que En las regiones bilingües se podrán completar estos conocimientos lingüísticos con el estudio de la lengua vernácula respectiva. No BUP ou Bachillerato Unificado Polivalente establecíase que Podrán incluirse lenguas vernáculas como materias opcionales.

Mesmo os procuradores franquistas galegos das Cortes aceptaron esta proposta de estudo do galego, mais, como ben se pode ver na intervención de Antonio Rosón, que acertadamente reproduce García Negro, a aprendizaxe do galego debe servir para coñecer mellor o castelán e, así, aínda que non o digan, evitar calquera tipo de galeguismo no castelán. Velaí o que dicía Rosón na devandita intervención: … la enseñanza ha de iniciarse partiendo de la lengua materna… y hacer que desde ella y no contra ella, aprenda y aprenda bien, lo que tanto necesitamos los españoles aprender bien, el castellano. Reproduce este texto tamén Alonso Montero en Informe –dramático- sobre la lengua gallega. Na mesma liña se expresaba tamén o daquela procurador franquista e alcalde de Pontevedra, Filgueira Valverde, como ben citan García Negro e Alonso Montero nos seus estudos xa sinalados aquí.

Xa que logo, os métodos Gallego 1, 2, 3 nacen no ámbito da Ley General de Educación de 1970 do ministro opusdeísta Villar Palasí. Esta lei tenta, por unha banda, adaptar os estudos ás novas esixencias do desarrollismo, proporcionando ao alumnado unha formación que lles permita desempeñar os novos postos de traballo que precisan dunha competencia maior ca as simple catro regras e a lectura-escritura elemental. Mais, será un ensino puramente tecnocrático, que só prepare para este mundo do traballo e onde se tenta proscribir todo o que faga discorrer ou cuestionar as mensaxes do poder. Isto vese ben na programación de Lengua y Literatura dos chamados BUP e COU.

Neste sentido a literatura, que era fundamental no bacharelato das dúas revalidas e do Preuniversitario, queda reducida só a 2º de BUP e imponse, mesmo no COU, como materia obrigada a lingua, daquela só a Lengua Española. Nun momento en que se reivindicaban o catalán, o vasco ou mesmo o galego como expresión e símbolo dunha nacionalidade propia, a Ley General de Educación concibe a lingua como un simple medio de comunicación, sen máis, levando os postulados do estruturalismo ao seu extremo. O libro emblemático para o COU desta concepción será Lengua española, de Antonio Quilis, César Hernández e V. García de la Concha, profusamente recomendado nos comezos dos setenta na facultade de filosofía e letras compostelá, rama de filoloxía románica, pola cátedra de Carmen Bobes, a través da súa colaboradora Ana Echaide. O devandito libro acadou sete edicións entre 1971 e 1976. Os exitosos libros de lingua de Lázaro Carreter para COU adoptarán o esquema e mais os presupostos teóricos deste célebre manual.

Neste manual a lingua é só un sistema de comunicación e desaparecen todas as connotacións culturais ou políticas da lingua. A literatura pasa a ser un rexistro máis a carón do rexistro xornalístico ou do científico. En canto ao discurso sobre as relacións do castelán coas distintas linguas de España, mantén o patrón da Escola Lingüística Española ou do franquista Consejo de Investigaciones Científicas (Quilis é unha das grandes figuras deste Consejo). Así na páxina 462 afírmase que o castelán na Idade Media é unha lingua innovadora porque, por exemplo suprime o f-, e que o catalán ou o galego son arcaicos, coma o mozárabe, por iso desaparecido. Ao falar de Afonso X dise o seguinte: … el Rey Sabio se encuentra ante un vasto reino que regir y educar. Para estas tareas no posee una lengua escrita, práctica y eficiente… La decisión de Alfonso X es la de hacer del castellano también lengua escrita… (páx. 365). Xa ven vostedes non había ata Afonso X linguas escritas na Península.

En definitiva, estas teorías son as da chamada Escola Lingüística Española ou de Madrid, que xa estudamos no noso O españolismo lingüístico (Laiovento, 2004), dos Lapesa e Ménendez Pidal, que será levada ao seu paroxismo polo Consejo de Investigaciones Científicas franquista dos Quilis e compañía.

Xa que logo, os métodos de Gallego 1, 2, 3 nacen neste ambiente suscitado pola Ley General de Educación, que tenta desactivar a normalización das linguas non castelás, aínda que asuma que poden ter un emprego na literatura, especialmente na lírica, ou seren estudadas dun xeito dialectal, como se estuda calquera variedade do castelán. E sempre, para acadar, desde o estudo da chamada lengua vernácula ou regional un mellor coñecemento e uso do castelán.

Precisamente, como veremos, unha das características de Gallego 1, 2, 3 é a aposta pola fala oral, coloquial e espontánea. Nestes primeiros tempos os estudos e teses de doutoramento realizados no ILGa para nada tocan a linguaxe literaria ou escrita galega, senón tan só as falas dialectais.

Nos primeiros tempos do ILGa as dúas grandes figuras do Instituto van ser C. García González e Ramón Lorenzo Vázquez. Formáronse ambos os dous en Madrid, no seo da chamada Escola Española de Lingüística e iso vaise notar, e moito, nos primeiros tempos do ILGa. Xa que logo, o ILGa nace dentro do espírito da Ley General de Educación de Villar Palasí, dirixido por dous filólogos formados na Escola Española de Lingüística-Consello de Investigaciones Científcas e para converterse no voceiro da filoloxía galega oficial, polo seu entroncamento cos ICE ou nos primeiros tempos de Preautonomía e mais da Autonomía para redactar os programas de ensino do galego no ensino regrado non universitario, como ben sinala Fernández Rei na entrada  Instituto da Lingua Galega do tomo 34 da Gran Enciclopedia Gallega.

As primeiras teses de doutoramento que presentan membros do ILGa son xulgadas por persoeiros da Escola Española de Lingüística ou mesmo do Consejo. Incluso en 1973 o ILGa homenaxea a Dámaso Alonso e noméao membro de honra do Instituto. Sorprende esta decisión cando Dámaso Alonso dicía isto sobre o galego: Los que redacten el Diccionario [do galego] tendrán que saber que no se trata de falsificar una lengua recurriendo en caso de necesidad al portugués o fraguando derivados seudo populares del latín (como el cadeirádego del que se burlaba Unamuno). Los que formen este Diccionario tendrán que saber que el gallego es hoy una lengua por un lado rural y por otro poética, y nada más; que para escribir ciencia o filosofía los gallegos tendrán que escribir en castellano (que lo hacen espléndidamente). En fin, este é o grande homenaxeado nos primeiros tempos do ILGa. Sobra calquera comentario.

Xa que logo, o ILGa, desde os primeiros tempos, aprobado polo célebre reitor franquista García Garrido e subvencionado pola Fundación Barrié de la Maza, é o órgano oficial da filoloxía galega. Por iso, recibe as encargas, nos primeiros tempos, dos cursos de formación para profesores, dos cursos do ICE ou ata membros seus programan os cursos de galego do ensino non universitario. Deste xeito, na Preautonomía e na Autonomía, especialmente nos primeiros tempos desta, o ILGa vai ser o voceiro da filoloxía oficial, asumindo implicitamente as teses dos distintos gobernos da Xunta, así como o normativizador e estandarizador de feito do galego, posto que non hai un só filólogo profesional na RAG que non sexa membro do ILGa.

As posicións lingüísticas do ILGa aparecen fixadas claramente en 1974 no libro que agora cumpre corenta anos: Gallego 3 (non Galego 3, como citan algúns, mesmo Fernández Rei no devandito artigo da Gran Enciclopedia Gallega). Malia estaren o Gallego 2 e o Gallego 3 escritos en galego (O Gallego 1, como xa vimos, usa o castelán), o título da primeira edición é Gallego 2 e Gallego 3. A autoría non é de Instituto da Lingua Galega, senón que o nome oficial da institución era Instituto de la Lengua Gallega. Acontece que, nestes primeiros tempos, o ILGa cumpre ao máximo coa legalidade franquista que proscribe o uso oficial de galego, como ben expresa o Decreto de 31 de outubro de 1975 sobre o uso de las lenguas regionales españalas na Administración, que permite que as linguas non castelás se usen en actos culturais, mais nos usos administrativos, especialmente os escritos, debe usarse sempre o castelán.

Unha vez vista a situación en que nace Galego 3, comentaremos algunhas dass súas propostas sobre o galego e veremos como veñen condicionadas por este posibilismo extremo do ILGa.

O que máis chama a atención neste método é  predominio do galego oral, espontáneo e ruralizante. Unha das teimas do ILGa nestes primeiros tempos, especialmente de R. Lorenzo Vázquez, é que o único galego realmente válido e mesmo existente é o galego oral, espontáneo e, polo tanto, rural. Todo o que non se rexistra nel non é galego. Non existen nin o galego escrito, nin a literatura galega nin sequera os filólogos anteriores ao ILGa. Abonda para isto con ler algunhas das afirmacións que fai Lorenzo Vázquez en La traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla. II. Glosario (1977. Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijoo). Nesta obra a descualificación dos escritores e mais filólogos-lexicógrafos anteriores ao ILGa é total e absoluta, mesmo con expresións que lindan coa mala educación e o incivismo. Véxase por exemplo o que di na Nota aclaratoria: Por eso traté de hacer una guía aclaratoria para el lector del gallego moderno, pues los diccionarios de Carré, E. Rodríguez y, especialmente, el de Franco Grande dan constantemente una imagen falsa de la realidad lingüística, sin el más mínimo nivel científico (páx. X). No corpo deste glosario, nas entradas, seguen as descualificacións aos dicionarios e aos escritores e só se considera válido o galego rexistrado na fala oral espontánea e coloquial.

Nun artigo publicado en Verba 1, 1974, Lorenzo Vázquez despáchase a gusto, iso si en castelán, sobre os dicionarios galegos: El lingüista que tiene que entrar en contacto con los diccionarios gallegos existentes se encuentra siempre  sin saber a que atenerse, ante la amalgama de formas diferentes que en ellos se le ofrecen. Esto se debe a la falta de un criterio diferenciador y a la falta de preparación lingüística de sus autores, que no saben distinguir lo que es moderno de lo que es medieval, ni lo genuino de lo inventado, presentando así una imagen falseada de la lengua actual (páx. 159). Lorenzo non sabe que hai dicionarios descritivos e normativos ou mesmo os descritivo-normativos. Por outra banda, os dicionarios adoitan presentar as palabras segundo os rexistros e mesmo tamén aparecen os dialectalismos. Iso ocorre ata no dicionario da RAG. Parece que só é lingua actual a espontánea, oral e coloquial. Deste xeito, o dicionario da RAE, se se toma como existente o castelán coloquial de Belén Esteban-Sálvame-fala oral espontánea coloquial e popular, tamén daría unha imaxe falsa da lingua española. Non existe o rexistro escrito nin, por suposto, o literario para Lorenzo Vázquez. Así di que, aínda que en galego medieval se rexistra tidoo, é unha aberración que os escritores recuperen esta forma e mesmo que a rexistren os dicionarios, porque a única forma válida ten que ser título, común co castelán. Lorenzo estalle a negar aos escritores e creadores a capacidade de revitalizar arcaísmos. Por outra banda, descoñece que os dicionarios ben feitos non ofrecen só unha forma. Poden rexistrar titulo, como propia do rexistro xeral ou estándar, e tidoo, como arcaísmo propio do rexistro literario. Os dicionarios da RAE, por exemplo, rexistran cousas como agüelo ou gafo, aínda que sinalen o seu rexistro. O mesmo ten que facer un dicionario ben feito do galego, pois ningún dicionario considera só válida a lingua oral, coloquial e espontánea. Por outra banda, por que debe desaparecer o rexistro escrito ou literario do galego? Pois porque Dámaso e mais a escola española din que só é unha lingua oral e un chisco poética. Para eles non existiron nin a Xeración Nós nin don Eladio, nin xornais, como por exemplo, A Nosa Terra. Esquecen así mesmo un poeta cultista como Pondal. Lorenzo incorre no mesmo erro. Por iso o galego non ten rexistro escrito nin literatura, é coma calquera dialecto do castelán.

Deste xeito, Galego 3 sinala que o arcaísmo converte a lingua nun ridiculo produto artificial. Guiado por este criterio de atender só á lingua oral espontánea e coloquial, considera arcaísmos espazo, xuizo, Galiza ou ía, ías… no canto de iba, ibas… Rexeita así mesmo por arcaísmo sintáctico e lusismo a descontración da preposición e o artigo masculino ao, aos, pra o, para os en lugar dos actuales e auténticos ó, ós, pró, prós. Ao xeito das linguaxes totalitarias, o método só afirma que ao ou para os non son actuais nin auténticos. En que se basea para isto? Lembremos que por estes anos a RAG nas súas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1971) impoñía o emprego de ao, por exemplo. Por certo, as formas inauténticas e fóra de actualidade son hoxe as preferidas polas NOMIG. Tamén desbota arcaísmo léxicos, hoxe normativos, como ren, testemoia “testimonio” (páxs. 61-62).

O rexeitamento do chamado lusismo é outra das características deste manual. Afirma que desde hai 600 anos para acó tanto a lingua portuguesa popular, coma a galega, tiveron a súa propia deriva. diverxente. Lembremos, por exemplo, as diferencias notables que se abriron no terreo da fonética e mesmo na morfoloxía. Por outra banda, non convén esquencer que en Galicia síntese desde hai moito tempo a influencia do adstrato castelán, que ven operando como lingua de cultura na nosa terra. Esto provocóu que o galego popular se fixera permeable a certas innovacións irreversibles que contribuiron aínda máis á diverxencia entre as polas galega e portuguesa. E aínda engade: Se queremos ter unha norma operante teremos que estraela do uso (páx. 82). Entendemos o uso como o galego oral espontáneo e coloquial. Consideraba lusismos o sufixo –bel por –ble, achar por atopar, xornal por diario/periódico, ar por aire, termo por término, diabo por demo, xanela, só, garavata, leberdade, ate, paixón, comezar, sen, estrada, coñecer, cidade… (os correctos prospostos eran ventano, soio, corbata, libertade, hastra, pasión, comenzar, sin, carreteira, conocer, ciudade…

Xa que logo, Galego 3 parte totalmente da lingua oral espontánea e profundamente castelanizada. Para nada considera o labor dos escritores nin gramáticos e lexicógrafos anteriores. Para os redactores de Galego 3 non existen as normas do SEG nin as daquela elementais, maís existentes, da RAG. Tampouco se fan eco das teorías sobre a lingua de Murguía, o Rexurdimento ou a época Nós. As teses de Viqueira nin lles soan. Non se valora tampouco a Gramática elemental del gallego común (1966) de Carballo Calero. Algún membro do ILGa sinala que estas obras non estaban en galego nin feitas desde o galego, mais o mesmo pasa cos Gallego 1, 2 ,3 ou o propio nome da institución, Instituto de la Lengua Gallega. Hai un esquecemento total da tradición galeguista, na mellor liña da Escola Lingüística Española de Madrid ou do Consejo de Investigaciones Científicas, que consideran que o galego é só unha lingua puramente oral e con cultivo só na lírica.

Mais isto convíñalle ao posibilismo do ILGa e mais ás autoridades do tardofranquismo, comezando polo reitor Garrido. Non esquezamos ademais que calquera relación con Portugal, tras a revolución de abril portuguesa, non lles chistaba nin miga aos políticos e intelectuais do tardofranquismo.

Despois disto, a impresión que temos é a que o galego é unha lingua puramente oral e rural, que non tivo ningún tipo de tradición cultural nin filolóxica. Pártese de cero, do galego oral e espontáneo, fortemente castelanizado. No fondo dá a impresión de que só interesa, como dicían os procuradores franquistas, estudar o galego para usar mellor o castelán.

Este posibilismo extremo do Galego 3, así como o esquecemento da tradición literaria e filolóxica galega, vese tamén nas lecturas sobre Galicia que inclúe este libro. Se mesturamos estes textos coas ilustracións (véxanse por exemplo as fotografias das páxinas 193, 31 e 32…) Galicia é unha Rurilandia ultracatólica (véxase tamén a profusión de ilustracións católicas, especialmente sobre Santiago) onde só existen labregos, mariñeiros, supersticións, saudades, seres fantásticos e mitolóxicos, menciña popular, mais onde non existen cidades, industrias (daquela xa existían a Citroen, Pescanova…) nin obreiros. Tampouco houbo agrarismo nin ningún tipo de movemento moderno. Tampouco existe a emigración a Europa ou o asociacionismo cultural dos sesenta. Era un país feliz de labregos e mariñeiros con crenzas e costumes medievais e católicas, na liña que tanto lle tiña que gustar aos xerarcas do tardofranquismo opusdeísta, comezando polo protector do método, o célebre reitor do tardofranquismo García Garrido. Na música só existe a gaita e para nada hai cantantes como Voces Ceibes.

En canto á historia non aparece para nada o nacionalismo. Vexamos o que di sobre o XIX galego nas páxinas dedicadas á historia: O século XIX ve no territorio galego a efervescencia ideolóxica que se desenrola no resto da nación: carlismo, constitucionales, pronunciamentos, etc. Ó mesmo tempo, vanse forxando ou espertan novos sentimentos, á vez que se desenrolan os adiantos técnicos. Por certo, non existe tampouco nin o sindicalismo, socialismo ou anarquismo en Galicia. Só o carlismo, constitucionales, pronunciamentos, etc.

No eido da literatura, Rosalía é basicamente unha poeta que capta o ambiente campesiño na que os sentimentos propios da autora deixan paso, ás veces, á espresión da problemática comunitaria, social, da rexión. Pondal é simplemente o máis serodio, pro tamén o máis vigoroso dos ossianistas hispánicos. De Curros destaca como gran creación  A Virxe do Cristal e di sobre O divino sainete que é un feroz alegato contra certos estamentos e persoas coetáneas de Curros (páx. 149). Isto chámase quedar ben co poder, aínda que deixando soltas algunhas frases, por se cambian as cousas, dicir que había que ter coidado coa censura. En definitiva, posibilismo extremo, para non pór en perigo as subvencións da Fundación Barrié ou a protección da universidade de García Garrido.

Nas páxinas dedicadas á xeración Nós para nada se cita o Sempre en Galiza. A guerra civil será simplemente a guerra 36-39 (páx. 159). Non existe a máis mínima referencia aos resultados sobre o galego do levantamento franquista. Só se di: O desenrolo que acadara a literatura galega nos anos trinta quedóu bruscamente coutado pola guerra civil. Reaparece a literatura, de súpeto, con Cómaros verdes, que, por certo, data este manual en 1943, cando calquera sabe que é de 1947.

Tamén resulta rechamante que nestas páxinas non haxa nin unha soa liña referida á historia do galego e nos tempos da polémica sobre a desaparición do galego que trouxera o Informe –dramático- sobre la lengua gallega, o tema nin se toque.

Estas posturas van ser sistematizadas na conferencia de apertura do curso universitario compostelán 1976-77 do daquela todopoderoso director do ILGa, Constantino García González. Este discurso será publicado pola propia universidade co título Galego onte, galego hoxe. Resulta curioso que, en relación co portugués, García González só rexistre as diferenzas. Atopamos de novo o desprezo pola filoloxía galega, pois entre os cultivadores da filoloxía galega anteriores ao ILGa só cita a García de Diego, D. Alonso ou Zamora Vicente, todos eles membros da Escola de Madrid, á que pertence o propio García González. Para el non existiron nin Saco y Arce nin Carballo Calero ou os estudos de fonoloxía de Amable Veiga. Proximamente demostrarei como os métodos de Gallego 1, 2, 3 beben e moito nas fontes de Saco y Arce e mais de Carballo Calero. O reducionismo interesado leva a García González, en 1976, a afirmar que só se pode estudar o galego nos métodos Gallego 1, 2, 3 . Para que vexan o coidado de García di na edición deste texto por La Voz de Galicia que Cantares gallegos foi editado en 1873 (páx. 81) e asegura aínda que esta data de 1873 é definitiva na historia da literatura galega e na súa recuperación.

Mais o que non ten desperdicio é como García trata o tema da Guerra Civil e a súa incidencia sobre o galego: Chegados ó ano 1936, vólvese abrir unha paréntese no emprego literario da lingua galega. Este texto pódese entender de moitos xeitos, ata como se de golpe os escritores e escritoras galegas se puxeron en folga por mor de que non lles pagasen ben os dereitos de autor. Non existe a represión franquista.

Máis elíptico e misterioso resulta o feito de que algúns políticos pidan a normalización do galego: E só a fins do século pasado cando algúns políticos tratan de introduci-lo problema da lingua entre as reivindicacións… Non se di que políticos son. Poden ser os Bugallal, Montero Ríos, Riestra… e demais persoeiros da Restauración. Ben é certo que sinala que os galeguistas piden en 1931 a normalización do galego e alude ao Estatuto do 36 que o fai cooficial co castelán. Mais engade: Non puido converterse en realidade porque o Estatuto non chegou a ser aprobado polo parlamento, o cal non é rigorosamente certo.

Iso si, aparece a lei de Villar Palasí como a gran salvadora do galego: Han pasar 34 anos para que volvan oírse noticias das linguas vernáculas nas leis españolas. Coa Ley General de Educación… volven aparecer cun recoñecemento oficial…

En fin, non era de estrañar que o ILGa no tardofranquismo e nos tempos da Preautonomía e máis na Autonomía fose o elixido polo poder do PP para pilotar a implantación do galego no Ensino a través do ICE e doutros organismos. Era o posibilismo total e absoluto.

Para rematar só quero facer unha aclaración. Eu non digo aquí que este posibilismo extremo sexa bo ou malo para o galego. Na normalización da lingua tan necesarios son os posibilistas extremos coma os galeguistas de trincheira, mais é de xustiza, ao facermos a nosa historia recente, que cada un teña o lugar que lle corresponde.

No devandito discurso de apertura de curso universitario en Santiago de Compostela de 1977 ( Galego onte, galego hoxe), García está obsesionado pola separación entre galego e portugués. Asume que xa na Idade Media galego e portugués eran linguas diferentes, en contra do parecer de Menéndez Pidal, Leite de Vasconcelos ou Rodrigues Lapa. García asume a tese de Paiva Boléo de que o portugués non provén da lingua do norte, da antiga Gallaecia, senón que se formou no sur, na antiga Estremadura: Así pois, situándonos nunha posición ecléctica, podemos decir que o portugués é unha creación dos galegos do sur, ou portucalenses, que desgaleguizan e adaptan a súa fala ó ambiente lingüístico mozárabe do centro e do actual Portugal, ou, expresado doutro xeito, é unha creación dos mozárabes do centro e sur de Portugal que asimilan ós galegos do sur ou portucalenses (páx. 23).

Pero García máis adiante contradise. Cando comenta a opinión sobre o galego do pai da romanística, F. Diez, di que este identifica galego e portugués porque as dificultades para distingui-lo que sería propiamente portugués nos textos e documentos primitivos son aínda hoxe en día insalvables (páx. 31)

O partidismo de García resulta evidente cando nas páxinas 35 e 36 ao falar sobre o estudo do galego non cita para nada a tradición filolóxica galega. Só existen García de Diego, Zamora Vicente e Dámaso Alonso, así como os estudos que el dirixe desde a cátedra de Filoloxía Románica. Para o ensino só existen o Gallego 1, 2, 3. O Catón de Ben-Cho-Sey, o método dos mestres católicos da Coruña Picariños, a gramática de Carballo Calero, o don Eladio, os estudos de fonoloxía de Amable Veiga… nada diso existe para García. Fóra do ILGa non hai vida.

A mestría de García é curiosa cando explica por que motivo o galego non se converte en cooficial ao non ser aprobado o Estatuto de Autonomía de 1936: A primeira vez que na Edade Moderna aparecía a lingua galega como lingua oficial, non puido convertirse en realidade porque o Estatuto non chegou a ser aprobado polo parlamento (páx. 47). Típico da Transición é o esquecemento. García o o ILGa crean o discurso do galego apropiado para a Transición e a Restauración do 78, facendo táboa rasa de todo o anterior.

Como non podía ser menos García tamén descualifica os escritores galegos: Son moi poucos os escritores que tiveron a preocupación de procurarse unha formación lingüística… Mais iso tamén lles pasaba aos escritores españois do Século de Ouro. A seguir engade sobre os escritores galegos: A isto únese un desinterés evidente polo seu nivel lingüístico aínda dentro dos seus coñecementos: os máis non teñen nin siquera unha norma propia coherente nin aceptan a que outros con máis capacidade e autoridade lingüística lles ofrecen… En fin, non sabe como Casal aceptou as normas do SEG ou o que pasou coas normas Galaxia. A descualificación que fai García dos escritores galegos é coma se descualificamos a Quevedo, Cervantes, Góngora… porque non seguen as normas da RAE, creada ben despois da morte dos clásicos do Século de Ouro. Establece ademais a Ditadura do Filoloxado.

No apartado á Planificación lingüística di que non hai textos literarios no galego que sexan de fiar (páx. 64). A seguir di unha das parvadas que aínda hoxe seguen condicionando o labor do ILGa: O filólogo vese imposibilitado pra aceptar rasgos de lingua visibles nun texto literario, se non os constatou antes na fala (páx. 64). Xa digo, de acordo con isto, no dicionario español da RAE só pode figurar o modelo de castelán Belén Esteban-Sálvame.

Todos os que escribiron sobre o galego, desde Sarmiento a Carballo Calero son aficionados: O que si está cada vez máis claro é que a tarefa non pode seguir por máis tempo en mans de aficionados… (páx. 65). Só o lingüista é quen de realizar esa tarefa. é un problema de especialista. En definitiva, é a tecnocracia opusdeísta aplicada á lingüística. Ademais, só eles, o ILGa, son realmente lingüistas. Todo o demais son aficionados.

 

Para falarmos e escribirmos en galego

 

O tardofranquismo ve tamén a aparición de métodos para que a cidadanía aprenda galego. Publícanse nos setenta nos xornais un conxunto de métodos para a aprendizaxe do galego. Como xa dixemos tiñan a súa orixe na sociedade civil, nas chamadas asociacións culturais, que non só viñan impartindo cursos de galego, como xa vimos, senón que ademais publican nos xornais materiais para a autoaprendizaxe do galego. Neste sentido foi pioneiro o curso Do idioma galego publicado entre abril de 1969 e marzo de 1970 no xornal El Ideal Gallego. Estaba patrocinado polas asociacións culturais O Galo (de Santiago de Compostela) e mais O Facho (da Coruña). Era da autoría de Antón Santamarina e Ramón Fraga. Perante o éxito do método, os mesmos autores e no mesmo xornal, en 1973, publican Galego para todos. En 1977 tamén publica La Voz de Galicia o curso de galego da Asociación Cultural O Facho. Saírá en libro en 1979, co título de Galego hoxe. Pola súa banda, en 1979, García Negro e mais Dobarro Paz publicaban en A Nosa Terra o seu Curso de lingua, que se convertería en libro, publicado en 1989 por Ediciós do Castro co título de 33 aproximacións á literatura e á lingua galegas. Como corolario destes métodos, dos que non citamos todos, rematamos co que publica o ILGa en La Voz de Galicia e patrocinado pola Dirección Xeral de Política Lingüística Galego coloquial. Estamos xa en 1985. Tamén será editado posteriormente en libro. Lembremos que a primeira edición das NOMIG é de outubro de 1982 (O que estea máis interesado neste tema pode consultar o libro de R. Pérez Magadalena A aprendizaxe da lingua galega no ensino non regrado de adultos, publicado en 2002 polo Consello da Cultura Galega).

 

O IlGa convértese na gran marca do galego

 

Cando chegue a Preautonomía e a Autonomía, ou tras o chamado Decreto de Bilingüismo de 1979, que establece o galego como materia obrigatoria en todos os tramos do ensino non universitario, o ILGa, especialmente a través dos ICE, continúa a ser o gran centro de referencia no establecemento e espallamento do galego estándar, como fixera xa a través dos ICEs no tardofranquismo e coa Ley General de Educación.

Grazas a que o ICE elixiu o ILGa como o centro formador de mestres e profesores en galego, Constantino García, afirma no congreso de Tréveris de 1980 Tradición, actualidade e futuro do galego (as actas foron editadas en 1982 pola Consellería de Cultura), verdadeira apoteose triunfalista desta institución por boca do seu presidente-fundador C. García González que se venderon do Galleo 1 en sete meses, en 1971, 8 000 exemplares, o que obrigou, ao cabo deses sete meses, a realizar unha nova edición doutros sete mil exemplares. A mediados de 1975, segundo indica o propio García, ían vendidos 60 000 exemplares de Gallego 1. En 1980 saía a cuarta edición de Gallego 1, de 20 000 exemplares.

Esta difusión ten unha serie de razóns. A primeira e principal é que o ILGa foi a institución elixida polas autoridades educativas do tardofranquismo (ICE e inspeccións de ensino primario e medio) para pilotar a tímida introdución do galego no sistema educativo. Así afirma González no xa citado artigo seu de Tradición, actualidade…: Unha vez feito o método de galego comenzámo-las conversacións coa Inspección de Ensino Medio pra organizar cursos experimentais, prá introdución do galego como unha lingua mais no bacharelato. Durante o curso 1971-72, organizáronse cursos en trece institutos de ensino… Desde 1975 astra que apareceu o Decreto de Bilingüismo realizáronse cursos normais de lingua galega neste nivel do ensino en case tódolos Institutos de ensino Medio de Galicia. Polo que respecta ás Escolas Universitarias de Formación do Profesorado, o ILG ocupousew de presionar no Ministerio para que o galego fose introducido…(páx. 28).

O mesmo acontece no eido do Ensino Primario: Tamén con moito interés foi asumido polo ILG a tarefa de inicia-las experiencias de ensino do galego no Ensino Xeral Básico… O Instituto participou, en colaboración co ICE, nun ambicioso programa… Ó curso seguinte eran xa douscentos mestres cun total de 4 000 alumnos os que participaban nas experiencias do estudio do galego nas nosas escolas… (páx. 28). Mesmo García, nesta confesión apoteósico de colaboración ILGa-autoridades do Ensino no remate dos setenta di: Posteriormente foi aumentando o número de escolas e alumnos que participaron nestas experiencias e no ano 1975 deixou o ILG xa de controla-la marcha do ensino na EXB e comenzou, en colaboración co ICE da Univ. de Santiago, os cursos de galego prá formación do profesorado (páx. 28).

Así no ano 1975 o ILGa, cos devanditos métodos xa analizados en canto ao seu profundo posibilismo-conservadorismo, inicia os cursos de formación de profesorado en galego, dentro da estrita colaboración co ICE, típica institución tardofranquista da Ley General de Educación do opusdeísta Villar-Palasí: Neles pretendíase que os mestres adquirisen non só uns coñecementos gramaticais do galego e unha norma prá súa escritura, senón tamén unha visión da nosa cultura e historia (páx. 29). Con cifras de García, en 1980 o ILGa impartira 130 cursos para mestres polo que pasaran uns 5 200 profesores.

Este predominio do ILGa na lingüística galega institucional abarca tamén cursos de verán ou os primeiros cursos de galego para funcionarios: En 1979, organizado en Pontevedra… tivo lugar un curso de galego pra funcionarios… (páx. 30). O ILGa será a ser fundamental na Preautonomía e os primeiros tempos da Autonomía á hora de establecer os programas de EXB e Bacharelato, ofrecer cargos á Xunta para a normalización (Santamarina, Taboada…) etc.

Xa temos aludido á causa polo que o poder do tardofranquismo e mais da Preautonomía, da Restauración de 1981 ou da Autonomía elixe como colaborador o ILGa. Como teñen sinalado distintos historiadores no tardofranquismo producirase un pacto entre o grupo Galaxia e mais os sectores do franquismo que buscan un lugar tamén nos novos tempos, como son os Rosón, Cacharro e un feixe máis de franquistas. Ramón Piñeiro era profundamente antimarxista e quería romper ademais co pasado galeguista anterior a 1936. Defendía a Europa da Comunidade Económica, fronte ao galeguismo do PSG, do PCE e da UPG. Os tardofranquistas proporcionábanlle aos de Galaxia cotas de poder efectivas (Fernández-Albor un galaxiano será presidente da Xunta). Por outra banda, os franquistas agora reciclados a demócratas, desde os Rosón a Filgueira, obtiñan dos Galaxia unha lexitimación democrática.

Nesta lexitimación democrática dos franquistas nos novos tempos, como ben sinala Carballo Calero en Da fala e da escrita, a defensa do galego era un dos recursos. Xa, como vimos enriba, nas Cortes franquistas defenderan unha certa presenza do galego no Ensino tan caracterizados franquistas como Antonio Rosón ou Filgueira Valverde. A defensa do galego pasa a ser unha proposta democrática, que asumen tamén estes franquistas que non queren quedar á marxe tras a morte de Franco. Cómpre cambiar todo para que todo siga igual.

Mais esa defensa do galego dos tardofranquistas non era realmente sincera e só a admitían dentro de certos límites, como demostra a situación que hoxe vive o galego. O galego, no fondo, estaba ben para a literatura, para a cultura e como materia comparable ao latín. Máis nada. Nada de o converter en lingua oficial de Galicia como pedían os da UPG nos seus famosos dez puntos, por exemplo, aos que a aludimos aquí. Consagra esta postura e condena o galego a unha situación total de diglosia a Constitución de 1978 que só lle recoñece ás linguas que non sexan o castelán o dereito a as usar, mais non establece o deber de as aprender. O dereito a usar a lingua e o deber de aprendela só se lle concede ao castelán. Esta supón a consagración xurídica da diglosia castelán-galego.

 

O labor da Real Academia Galega e a desobediencia do ILGa

 

Unha das características da filoloxía oficial representada polo ILGa, que acabará dominando a RAG, é a de estender a idea de que antes do citado Instituto non houbo nada. Mesmo, nas súas clases, González García afirmaba todo campanudo que o galego aínda non se podía considerar unha lingua porque carecía dunha ortografía normativa ou mesmo dun estándar regulado por unha gramática e mais un dicionario sancionado por unha academia ou institución similar, como poderían ser a RAE para o castelán ou incluso o Instituto de Estudos Cataláns para o catalán. Do mesmo xeito, Lorenzo Vázquez afirmaba que a RAG era un fato de ignorantes e que a ortografía desta institución era cousa de alguén que non sabía ren de filoloxía. Isto dicíano no comezo dos setenta nas clases orais de filoloxía. Ben é certo que só falaban en castelán e que o ignorante elaborador das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da RAG de 1971 era Carballo Calero, o único profesor que daquela usaba o galego nas súas clases na facultade de Filosofía e Letras.

O certo é que en 1971 a Real Academia Galega publica unhas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, que aínda que aparecen como obra colectiva, se atribúen a Carballo Calero. Estas normas están dentro da tradición galega pois son continuadoras das do Seminario de Estudos Galegos, de 1933, e tituladas Algunhas normas para unificazón do idioma galego. Lembremos, sen entrar polo miúdo nestas normas do SEG, que só admiten o acento agudo, que se rexeita o emprego do apóstrofo, elíxense os grafemas ñ/ll ou establécense os plurais animás, túneles, camións. Esta normativa foi aceptada pola editorial Nós de Casal e tamén por A Nosa Terra. Na posguerra, Galaxia adoptará tamén basicamente este modelo.

Na tradición do SEG ou do que viña facendo Galaxia ou da gramática do galego por aquel tempo máis espallada, posiblemente a única, a de Carballo Calero (cuxa primeira edición é de 1966), a Real Academia Galega establece unhas normas. O folleto das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da RAG, de  1971 recoñece algúns feitos que non se teñen salientado cando se fala da actual estandarización do galego. Recoñece que historicamente a ortografía galega se formou sobre a castelá, única que os galegos aprendían nas escolas… Esta ortografía víuse obrigada a se afastar do seu modelo no caso dos fonemas consonánticos inesistentes no español oficial. Os intentos de estender estas innovacións aos fonemas vocálicos, tropezaron con dificultades que adiaron a solución do problema (páx. 6). Engade que a ortografía do galego, con só cinco grafemas vocálicos para sete fonemas, amosa a impropiedade, como consecuencia de non ter xurdido naturalmente do fonetismo da fala, senón como unha adaptación da ortografía de outra lingua (páx. 7).

A seguir, a RAG recoñece que a ortografía que está a publicar é plenamente dependente do castelán: Aínda con esas chatas, ten a ventaxa de ser de doada asimilación para todo aquel que coñeza a ortografía oficial, é decir, para todo galego non analfabeto… E aínda engade: … a pronuncia do castelán moderno e do galego moderno son suficientemente afíns para que calquer rexistro de distinción poida ser establecido sen necesidade dunha alteración total do sistema (páx. 7).

Xa que logo, recoñécese, paradoxalmente, que a ortografía oficial é a castelá. Ademais, dáse por sentado que a poboación se alfabetizou en castelán. Por iso, elabórase unha ortografía que realmente non é máis que a ortografía castelá adaptada ao galego. Estas normas da RAG recoñecen explicitamente a dependencia da ortografía galega da castelá e tamén a imposibilidade práctica de ensinar en galego unha ortografía que non sexa dependente da castelá. Esta dependencia do castelán estará tamén nas normas do ILGa e na actual NOMIG. Mais hai unha diferenza con este humilde, mais para min importante folleto da RAG: non recoñecen esa dependencia.

Mais, a seguir, proponse un desexo: É evidente que sería de desexar unha ortografía, aínda que popular –é decir, ao alcance de todos- máis enxebre… Esta nova ortografía, de noso, só se poderá asumir cando o galego entre no Ensino regrado. Por iso, estas normas ortográficas só son provisionais. E engade: Aos fins prácticos, e tendo en conta as circunstancias socioculturais do momento, dáse por coñecida a ortografía castelá, que se toma como referencia, xa que ten o carácter de supletoria da galega actual (páxs. 8-9). Neste sentido engade: A NORMA SUPLETORIA Nos casos non previstos nestas normas, serven de supletorias as usuáis na ortografía castelá (páx. 18).

En canto á normativización, o folleto, na liña de Piñeiro, non quere, especialmente na morfoloxía, sintaxe e léxico, establecer normas ríxidas e tallantes, pois a lingua é multiforme e variada e cambia a través do tempo. Engade que A Academia, neste caso, codificou as normas ouservadas polo pobo e polos escritores, tendo presente o desenrolo histórico da lingua. As formas maioritarias de máis prestixio son as xeralmente adoptadas. Como unha fixación da lingua supón unha lingua literaria, a tradición neste aspecto considérase de especial virtude (páx. 23).

Fixémonos en que estes principios van aparecen así mesmo nas NOMIG do ILGa e da RAG de 1982. Xa veremos que a discrepancia vai vir no eido do rexistro literario, do que, malia as súas afirmacións, o ILGa sempre vai desconfiar.

O folleto tamén aposta polo que se deu en chamar galego identificado, ao propor eliminar os elementos estraños ao galego, especialmente castelanismos e substituílos por foras autóctonas ou mesmo revitalizadas do pasado: Certas formas estendidas na fala vulgar durante os séculos en que cesóu o cultivo literario e que son préstamos que pugnan con rasgos esenciáis do galego, non son admitidas,  e propóñense as enxebres, conservadas, como minoritarias ou cultas, ou ben restauradas no movimento de reactivación literaria do idioma. Non se pretende, endebén, refacer a lingua de outrora como se resucita un corpo morto…

Non falta tampouco a alusión á relación co castelán e mais co portugués: A relación do galego coas linguas oficiáis dos dous estados peninsulares, relación que preside a realidade da súa esistencia histórica e actual, desembocóu nun matizado xogo de dependencias que hai que ordenar e equilibrar nunha dosificación axeitada, se o que se pretende, como se pretende, é manter o galego en forma literaria, con como fala local, confinada á espresión da vida rústica na súa elemental economía (páx. 23).

Mentres o ILGa parte do nada e dunha especie de adanismo lingüístico, como dixemos, de que nada se fixo en lingüística galega antes ca eles ou que esta non era científica e actualizada estas Normas incardínanse nunha tradición, que comeza polo Seminario de Estudos Galegos: Tomóuse nota dos precedentes rexistrados en anteriores ensaios de codificación, nos tratados e nos diccionarios esistentes… Especial interés revestiron para a adopción das normas os traballos de Seminario de Estudos Galegos, da cadeira de Lingüística e Literatura Galegas da Universidade de Santiago, do Departamento de Filoloxía Románica…, do seminario didáctico da lingua galega celebrado en Vigo en 1966… (páx. 24).

Pasa a tratar logo puntos conflitivos como a eliminación do l nos substantivos e adxectivos rematados neste son. Razoa dun xeito semellante ao das NOMIG: A solución que recomendamos, característica hoxe do galego oriental, non resulta violenta para ningún galego, coincide co portugués e está abonada historicamente (páx. 25. O plural –ns elíxese pola súa preminencia no rexistro literario (Rosalía, Pondal, Castelao, Amado Carballo, Manuel Antonio…).

Entre outras cuestións, a escrita non reflictirá o seseo nin a gheada, mais non son excluídas da pronuncia. Admítese o sufixo –bel. Trátanse axeitadamente popularismos, cultismos e semicultismos dos grupos latinos pl-, cl-, fl-. Tamén se normativiza na liña actual as solucións do sufixo –anu. Admítese a dualidade Galicia/Galiza.

Xa que logo, a RAG daba unhas normas, que van ser as usadas no único ensino regrado do galego que daquela existía, a optativa de Lingua e Literatura Galegas nas licenciaturas de Historia, Filoloxía Románica e outras filoloxías na Universidade de Santiago. Tres materias optativas en 3º, 4º e 5º: Lingua Galega, Literatura anterior ao Rexurdimento e Literatura contemporánea. Usábanse como manuais de referencia para a lingua a Gramática elemental del gallego común de Ricardo Carballo Calero (Galaxia), cuxa primeira edición era de 1966. A de 1970, aumentada, é a terceira edición desta obra, que será a gramática de referencia do galego desde 1966 ata a saída dos manuais de Gallego 1, 2, 3 (1971-1974). En canto ao léxico, o dicionario de uso e referencia era o Diccionario galego-castelán e vocabulario castelán-galego de X.L. Franco Grande, cuxa primeira edición era de 1968, pero contaba cunha 2ª en 1972 e tería unha terceira en 1975. En canto á literatura, a obra canónica era a Historia da literatura galega contemporánea (Galaxia) tamén de Carballo Calero, na súa segunda edición (1975). A edición primeira desta obra só contiña os oito primeiros capítulos da segunda e remataba no século XX. Agora comprende ata 1936.

No prólogo a esta segunda edición Carballo Calero asume as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da RAG de 1971: Os capítulos agora por primeira vez incluídos van escritos de acordo coas normas ortográficas e morfolóxicas publicadas pola Academia Galega. Engade que estas normas veñen coincidir cunha práctica que coincidía maioremente coa que veu ser oficial.

Xa que logo, no momento de surximento do ILGa e mais das súas obras e normativas, a lingua galega non era certamente un ermo, como queren facernos crer algúns desde o propio ILGa.

 

A irrupción do ILGa e de Gallego 1, 2, 3.

 

            En 1971 e, como xa vimos, ao amparo da Ley General de Educación, da creación dos ICEs e do intento do réxime nas súas boqueadas de recuperar un certo uso do galego para desactivar as protestas civís a prol da súa normalización, aparece o Instituto da Lingua Galega, do que xa falamos enriba.

Os devanditos manuais publícanse nos derradeiros anos do franquismo. O Gallego 3 sae do prelo en 1974, o ano seguinte á morte de Carrero Blanco e un ano antes da de Franco. Estes primeiros anos setenta son anos de folgas estudiantís e obreiras, de actividade de ETA e mais do FRAP… Son os anos das folgas de Ferrol e mais de Vigo e anos en que o Partido Comunista de Galicia, o PSG e mais a UPG cobran importancia. O franquismo xa non podía seguir adiante, mais resístese a desaparecer, ben coa forza bruta (lembremos os derradeiros fusilamentos de 1975, pouco antes da morte do ditador), ben tentando adaptarse aos novos tempos con reformas tímidas para que, baixo a aparencia da famosa apertura, todo siga igual.

Un dos eidos máis conflitivos era o da educación. As folgas estaban á orde do día na universidade compostelá e mesmo o descontento se estendía polos institutos de Galicia. Son os anos de sancións a catedráticos de Ensino Medio como Francisco Rodríguez ou Alonso Montero. O galego convértese definitivamente, como tantas veces temos indicado, en símbolo de progresismo. Para tratar de frear a protesta estudantil o ministro Villar Palasí promulga a famosa Ley General de Educación, en agosto de 1970, contando que ese é un mes en que os estudantes gozan de vacacións.

A creación do Instituto de la Lengua Gallega en 1971 hai que entendela dentro do ambiente que xera a Ley General de Educación. A Ley General de Educación faise eco, aínda que sexa timidamente, das peticións a prol da presenza do galego no Ensino. Lembremos o adhesivo que se podía ver nos coches e mesmo nas portas de comercios Galego na escola, por exemplo. Xa falaremos outro día deste movemento nos anos sesenta. Por outra banda, organizacións políticas como a UPG ou o PSG pedían non xa o galego como materia no ensino, senón como lingua oficial. Así o punto 9º dos Dez puntos fundacionais da UPG di : O idioma oficial de Galicia será o galego. Pola súa banda o PSG na súa Declaración de Principios afirma: O idioma de Galicia é o idioma galego (pode verse doadamente esta información no citado libro de García Negro, O galego e as leis. Aproximación sociolingüística (Edicións do Cumio).

Cando o poder non pode reprimir as reivindicacións, o que fai é asumilas, mais desvirtuándoas. Iso é o que tentou facer a Ley General de Educación coa esixencia sobre a presenza do galego no Ensino ou como lingua oficial/cooficial. Esta lei establecía que se debía coñecer na EGB La lengua nacional y la iniciación en el conocimiento de una lengua extranjera. En las regiones bilingües se podrán completar estos conocimientos lingüísticos con el estudio de la lengua vernácula respectiva. No Bachillerato Unificado y Polivalente a lei de 1970 establecía lengua y literatura nacional y extranjeras. Podrán incluirse lenguas vernáculas como materias opcionales. Enténdase aquí que a lingua nacional é o castelán ou español. Por outra banda, o ensino do galego, ou de calquera outra lingua vernácula, farase para contribuír ao mellor coñecemento e uso da lingua nacional. Ten así unha función meramente ancilar. Os daquela deputados franquistas, Antonio Rosón e Filgueira Valverde, defenden nas Cortes esta inclusión do galego. O propio Filgueira Valverde, como ben reproducen Alonso Montero e García Negro (Informe dramático sobre la lengua gallega/O galego e as leis. Aproximación sociolingüística) dicía que se le enseñe bien nuestra lengua oficial española, por medio de la lengua que la madre está usando.

Realmente, como ben sinala Freitas Juvino en A represión lingüística en Galicia no século XX (Xerais), estas medidas eran unha cura homeopática contra o uso do galego no ensino ou na vida oficial receitada por aqueles que antes mesmo foran represores (os falanxistas como Filgueira ou Rosón) porque había que abrir unha válvula de escape para non explotase todo a causa da presión existente (páx. 500-501). Lembremos, como ben sinala García Negro no devandito estudo, que precisamente en 1974 a UTEG (Unión de Traballadores do Ensino en Galiza) pedía o uso do galego nas aulas como lingua vehicular para todas as materias e a galeguización de contidos e coñecementos. Xa aludimos enriba ao sobre o galego dicían os programas da UPG e mais do PSG.

Nesta liña de tratar de desactivar o movemento a prol do ensino do galego e a súa oficialización, o BOE de 1 de xullo de 1975 publica o decreto que autoriza os centros de  preescolar e EGB a incluír nos seus programas con carácter experimental e como materia voluntaria as linguas nativas españolas. Tamén di que este ensino da lingua vernácula é para asegurar el fácil acceso al castellano. Asi mesmo, o artigo 5º do decreto indicaba que habería que habilitar o profesorado necesario para o ensino das lenguas nativas/vernáculas.

A Ley General de Educación tamén creou o ICES ou Institutos de Ciencias de la Educación adscritos a cada universidade para a formación pedagóxica do profesorado, especialmente do que impartiría o Bachillerato Unificado Polivalente. O ICE da Universidade de Santiago vai asumir os cursos de formación de profesorado de galego e para isto procura a colaboración do ILGa, centro posibilista e que cumpría moi ben coas normas do tardofranquismo. Mesmo a súa lingua oficial era o castelán e ata se denominaba non Instituto da Lingua Galega, senón Instituto de la Lengua Gallega e ata os seus manuais, mesmo os redactados en galego, levaban título en castelán, como este Gallego 3, que agora comentamos. Por outra banda, como tantas veces temos sinalado, no prólogo do Gallego 1, o reitor tardofranquista García Garrido bendicía estes manuais e actuaba, en certo xeito, como garante da legalidade lingüística tardofranquista do ILGa. Tamén axudaba o patrocinio da franquista Fundación Barrié de la Maza, que, por certo, segue hoxe co patrocinio da RAG. Boa forma de que se asocie Barrié de la Maza co galeguismo, mais non co franquismo.

Deste xeito o ILGa cumpria escrupulosamente o espírito e a letra do Decreto de 31 de outubro de 1975 que regulaba o uso das lenguas regionales españolas en la Administración, que dicía que o castelán era a lingua obrigada na Administración, aínda que Las Entidades y demás Corporaciones de carácter local podrán utilizar las lenguas regionales en su vida interna, salvo en las sesiones plenarias. Por suposto que todas as actas e documentos oficiais han de estar redactados en castelán. Por outra banda, no padroado do ILGa aparecían persoas tan da cultura franquista como Filgueira Valverde.

Xa que logo, o ILGa e os seus métodos de galego nacen dentro do ámbito da Ley General de Educación do opusdeísta Villar-Palasí. As medidas para o estudo como materias das lenguas vernáculas/regionales pretendían, simplemente, desactivar as reivindicacións que xa daquela, como vimos enriba, se daban a prol da normalización das linguas non castelás e do seu uso vehicular no ensino, como xa vimos coas propostas da UTEG (Unión de Traballadores do Ensino de Galicia), PSG ou UPG.

Os encargados deste lavado de cara pedagóxico que traía a Ley General de Educación foron os ICES ou Institutos de Ciencias de la Educación, que dependían da universidade. O da Universidade de Santiago vai ser o encargado de formar o profesorado que ía impartir o galego que permitía a normativa xa analizada. O ICE para conseguir o profesorado que forme en galego non vai acudir á cátedra de Lingua e Literatura Galegas, cuxo titular era alguén tan prestixioso como Carballo Calero (o autor daquela da gramática galega máis divulgada e mellor), nin aos colectivos, como a UTEG, nin ao profesorado de Primaria e Secundaria comprometido daquela co galego (os Francisco Rodríguez, Méndez Ferrín, Alonso Montero, os mestres autores de métodos de lectoescritura en galego Picariños…), senón ao ILGA, á fin e ao cabo unha institución posibilista, na liña da Ley General de Educación e bendicida polo reitor franquista García Garrido.

Volvendo ao prólogo de Gallego 1 dise que estes métodos van destinados realmente aos que non saben galego e que, cando remate o seu estudo, estarán capacitados para falaren e entenderen o galego. Realmente nos comezos dos setenta moi poucos eran os que en Galicia non entendían nin eran quen de falar o galego. Afirma, ademais, que o galego vivira alejada de los círculos cultos. É a vella idea de Dámaso Alonso de que só existe o galego rural falado. Eu coido que non eran incultos os escritores do Rexurdimento, moito menos os de Nós, a Nova Narrativa, o Grupo Galaxia. Mais de acordo co poder e coa filoloxía oficial española o galego era a lingua rural, sentimental. Tamén afirman que non hai una tradición unánime al tratar de presentar una lengua general… Eu coido que o galego, á altura de 1936, conta xa cunha gran fixación. Remito ás normas do SEG, que aceptou a editorial Nós de Casal. Despois da Guerra ás interiores de Galaxia ou as da RAG, xa vistas, ou mesmo a gramática de Carballo Calero. Como dixemos tantas veces, non se considera o rexistro escrito: Hemos huido, por tanto, de todo aquello que podría dar una impresión de artificioso al hablante espontáneo, pero también de lo que no tiene una utilización general a nivel de lengua hablada (páx. 6). É a tradición da Escola Española/de Madrid e as vellas historias sobre o galego dos Pidal, Dámaso Alonso, Lapesa ou Zamora Vicente. Isto é como se se toma de norma o castelán de Salvame e como gran figura da lingua a Belén Esteban.

Engaden a seguir non existe, en 1971, en galego una lengua culta, literaria o no… (páx. 6). Mais contradinse, porque, afirman a unidade esencial do galego e que, no caso dos dialectalismos, elixen a forma estándar guiándose por la más pura e importante tradición literaria (páx. 6). Todo isto é contraditorio e non hai quen o entenda. Parece que nin leron a Gramática elemental del gallego común de Carballo Calero ou as Normas da RAG de 1971. Mais nunha nova contradición din que adoptan as normas da RAG, aínda que someténdoas a unhas adaptacións, como poden ser a segunda forma do artigo ou plural –les, ó… Mais adiante din, pola contra: por primera vez se intenta establecer una norma lingüística… (páx. 8). En que quedamos?

O método, nas súas lecturas, era moi convencional e do gusto das autoridades opusdeístas daquela. Xa teño dito que parece o éxito da televisión tardofranquista Historias de un pueblo adaptadas ao galego. Implicitamente está facendo diglosia e defensa das concepcións sobre o galego da Escola Española/de Madrid. A familia elixida é a familia rural dun médico e desenvólvese a historia nunha aldea. Nos comezos dos setenta poucos médicos vivían na aldea. Eu, que proveño dese medio, sempre os lembro na vila. Tampouco falaban en galego, senón en castelán… Na época da irrupción do butano, falan da cociña económica… O modelo machista, nos anos en que o feminismo se estendía entre as estudantes galegas, é tremendo: Mentres os mais (é dicir, os homes) falaban, Rosario e Carme estaban xa no vertedeiro, fregando. Como a auga que saía pola billa estaba moi fría, tiñan unha tina con auga quente… (páx. 25). Os do ILGa aínda non sabían que daquela andaban espallados por todas as partes os quentadores de butano… A nai, muller de médico, era unha fan da lareira: … gustáballe mellor aquela lareira ca tódalas cociñas de gas do mundo (páx. 25).

Nun caso máis de irrealidade lingüística, o doutor fala en galego cos seus pacientes. A escola é un ambiente idílico. Lelo, o fillo do médico, aspira tamén a ser médico. Os sábados aparece o señor abade para impartir a Doutrina. Claro que os rapaces fan ditados e non sei cantas cousas máis. Non se di en que lingua. Pódese inferir que sexa o galego. Claro, os nenos non se mesturan coas nenas no recreo: os primeiros xogan ao fútbol; as segundas o escondite ou xogar ás casas (páx. 51). Os oficios son os do agro e ata as festas se amenizan con gaiteiro (páx. 72).

A vida dos mozos e maiores é tamén tópica. Os mozos van a Santiago e visitan a discoteca de moda e a parella formada polo médico e Rosario a un Congreso de Pediatría. Nunha repartición machista de papeis, os maridos asisten ao congreso, mentres as mulleres vanse a unha cafetería e danlles unha voltiña ós coñecidos, quen casou, quen segue solteiro, outro morreu… (páx. 99). Como non podía ser menos nas páxinas 117-118 a aldea e as festas son profundamente católicas, eu diría que nacionalcatólicas.

A cidade non é unha cidade industrial, senón que para o método a cidade é Santiago, na mellor tradición de La Casa de la Troya. O mundo industrial e urbano, dos servizos, realmente non existen. Parece unha Galicia sacada das novelas de Otero Pedrayo.

Se isto acontece en Gallego 1, o Gallego 2 tampouco ten desperdicio. Así, xa na primeira lectura, os homes mercan un xornal de Madrid e outro galego (páx. 8), mentres que dona Rosario e a filla queren revistas femininas ou que, polo menos, trouxeran algo de modas e fotos de artistas. Don Antón, en troques, facía corpo con Enrique e mercaban sempre revistas de actualidade cultural. Por outra banda, cítanse revistas galegas que nos dan unha idea ben falsa sobre a situación de diglosia: Enrique mercou un tebeo de “Breogánix”, unha revista feminina, “ Xeitosa”, e o último “Actualidade galega” prós homes (páx. 9). Calquera día un Jiménez Losantos calquera, un xornalista da Cova mediática madrileña ou ata un filólogo da Escola de Madrid diranos que, como se asegura nos métodos de galego da propia universidade de Santiago, había xa nos comezos dos setenta cómics, revistas do corazón e de información xeral en galego! O peor do caso é que, por estes anos, podían polo menos citar Chan, Grial ou algunha das que se editaban en América.

No Gallego 2 oficios, actividades, festas, música… son pura e supostamente tradicionais. Parece unha vulgarización da Historia de Galiza dirixida por Otero Pedrayo con gaiteiros, labores agrícolas, ausencia total do mundo urbano, días de defuntos e cousas así. Entre as perlas, poden lerse cousas coma esta: Na casa dos Souto teñen calefacción, anque o abó non se acomoda con ela: Eu prefírovos un braseiro, que me quenta mais. Estes aparellos modernos comen cartos e non dar calor… (85). Nin a aldea coñecen, pois na aldea non había braseiros, senon lumes ou coiña económica para se quentar. Esta Galicia rural non sabe de cidades nin de folgas e o rural descoñece a emigración, ben a Europa, ben cara á cidade. O médico, o día do seu santo, o 18 de xaneiro, organiza un xantar en que participan o mestre, o alcalde e o crego. Claro que se dedica todo un capítulo a defender as bondades da concentración parcelaria franquista… ou a plantación de piñeiros para as celulosas. O capítulo 18 de Galego 2 titulado A administración local é un verdadeiro canto á chamada democracia orgánica franquista. Así afírmase que o grupo social elemental é a familia e todo se desenvolve harmonicamente baixo a autoridade de alcaldes, pedáneos e celadores. No capítulo 23 fálase de Os viaxes ao extranxeiro. Naqueles anos os que de verdade viaxaban a Europa eran os emigrantes. Aquí os que viaxan a Europa son os estudantes universitarios. O que atopan nesa Europa non son emigrantes galegos, senón un mozo pintor amigo deles.

Enriba xa falamos dos modelos que ofrece Gallego 3. Non cabe dúbida que o ILGa xogaba moi ben co posibilismo e así non é de estrañar que o reitor García Garrido ou a Fundación Barrié de la Maza apoiase esta liña de galego. O poder asume a protesta das marxes para as desactivar, finxinco que lles fai caso. Na Transición e na actualidade a normalización-normativización do galego está pilotada polos discípulos directos e doutorandos dos García González, Bobes Naves, Moreno Báez, Lorenzo Vázquez, Eiras Roel… e similares. Produciuse a alianza destes co piñeirismo galaxiano. Abonda para probar isto con ler os nomes dos compoñentes de institucións como o Consello da Cultura Galega, o Centro Ramón Piñeiro ou a Real Academia Galega. O mandarinato-popes galeguistas do tardofranquismo continúa a mandar na cultura oficial. Hoxe o equivalente aos Gallego 1, 2, 3 é o bilingüismo harmónico, restitutivo e outras desas lerias.

 

E xorde o lusismo, reintegracionismo…

 

Publicados Gallego 1 (1971) e Gallego 2 (1972), en 1973 e un ano antes de Gallego 3, a revista Grial no seu número 41 reproduce un artigo publicado tamén neste ano polo célebre filólogo portugués M. Rodrigues Lapa na revista lisboeta Colóquio-Letras (nº 13, maio de 1973) titulado “A recuperação literária do galego”. Como é de todos coñecido, o insigne filólogo portugués sostén que a variante culta e literaria do galego é o actual portugués e que o galego debe reintegrarse nesta lingua. De aí procede a denominación reintegracionismo.

Lembremos, como xa sinalamos enriba, que este é o ano do Informe dramático sobre la lengua gallega, de Alonso Montero. O filólogo portugués acepta que o galego está seriamente ameazado e posiblemente ferido de morte. A seguir engade Rodrigues Lapa engade que o galego non ten futuro porque só pode exprimir capazmente os fenómenos da vida simples, o encantamento, o ´engado´da poesía pura… Por todo iso, o galego debe adoptar como rexistro escrito, culto ou literario o portugués.

No seguinte número de Grial o galeguismo, xa daquela preoficial do grupo Galaxia, representado polo seu grande ideólogo, Ramón Piñeiro, vaille responder ao filólogo portugués na célebre “Carta a don Manuel Rodrigues Lapa”. A Carta aparece recollida no volume de Piñeiro Olladas no futuro (Galaxia), publicado no remate de 1974 e recentemente reeditado. Esta Carta pecha ademais o volume.

Na Carta Piñeiro aponlle a opinión da desaparición do galego aos informes que Rodrigues Lapa recibe de Carlos Durán e mais Xavier Alcalá. Piñeiro subliña, moi acertadamente, a importancia que ten que se estendese, co ensino no XIX e no XX, a alfabetización en castelán. Nunha situación de bilingüismo diglósico é fundamental os prexuízos que se transmiten sobre a lingua B ao alfabetizar na lingua A. Piñeiro engade, que desde o Rexurdimento, o galego gañou o seu prestixio como lingua escrita e de cultura. A seguir Piñeiro sostén que a partir dos sesenta o galego pasou a ser xa lingua de cultura e que logrou atraer o interés da Galicia urbana, que descubríu nesta cultura a súa propia identidade. A língua deixóu de ser signo de ruralidade para ser, no máis pleno sentido, signo de cultura (páx. 267). Piñeiro é optimista sobre o galego porque xa non se identifica coa ruralidade, senón coa cultura. A seguir Piñeiro fala de logros como a celebración dun congreso de xuristas en galego, as medidas para a introdución no ensino de acordo coa Ley General de Educación ou a súa presenza na Universidade.

En canto á literatura subliña o desenvolvemento do cultivo literario do galego nos últimos vinte anos e as traducións de grandes figuras da literatura universal (Shakeaspeare, Elliot, Anouilh, Hedegger, Spranger…), o que proba que o galego é unha lingua apta para todas as funcións. Di, a seguir, que non se poden tomar xa como válidas as interpretacións de Iglesia Alvariño ou a súa tradución dos Carmina de Horacio. A seguir, Piñeiro cita a tradicións dos novelistas, dramaturgos ou ensaístas do galego. Fixeron do galego xa unha lingua literaria e capaz de expresar toda a complexidade das persoas e do mundo de hoxe.

En canto á relación co portugués, afirma que non lles serve aos galegos como lingua literaria ou culta porque nunca [o] temos falado nin escrito (páx. 276). A evolución histórico-cultural, desde o XV e o XVI, engade Piñeiro, fixo de galego e portugués dous idiomas xa diferentes. Afirma que agora xa non hai dúas linguas, galego e portugués, senón tres: galego, portugués e brasileiro.

Dito o dito, Piñeiro recoñece a orixe común de galego e portugués e que, como facía Paz Andrade, esta proximidade galego-portugués abre o galego cara ao mundo de Brasil. Non cita África. Por esta orixe común, sinala que a política a seguir na fixación do galego culto debe orientarse decididamente á consolidación de todo o que hai de común no galego e no portugués. E na incorporación do vocabulario técnico, que o galego tén que levar a cabo intensamente, tamén debemos tender á maior identidade das dúas linguas irmás (páx. 279).

A lingüística oficial parece dar por rematada a discusión coa famosa Carta de Piñeiro. Mais un grupo de galegos residentes en Roma e denominado Irmandinhos de Roma, entre os que destaca, polo seu labor posterior, José Martinho Montero Santalla, publica o Manifesto para a supervivência da cultura galega na revista Seara Nova, que aparecerá traducido ao castelán na daquela progresista e prestixiosa revista Cuadernos para el Diálogo, en outubro de 1974. Os autores do manifesto non falan de galego, senón de lingua galego-portuguesa e pola ortografía utilizada aceptan as teses de Rodrigues Lapa.

Paradoxalmente este manifesto non o reproduciu ningún xornal galego; só El Ideal Gallego de 3-VIII-1974 publicou uns fragmentos moi breves. Cando falemos da normalización volveremos sobre estes textos.

 

 

Mar 16th, 2015
Comments are closed.