Entre o romanticismo e o realismo idealista

Por Manuel Rodríguez Alonso

Pescador de Islandia

Pierre Loti

Tradución de Xavier Senín. Corrección de Benxamín Constante

Hugin e Munin, Santiago 2014, 257 páxs.

 

Pierre Loti, por idade, é un novelista que se encadraría dentro do realismo-naturalismo ou mesmo do chamado realismo idealista. Non obstante, é un novelista en que segue vivo o romanticismo tradicional e conservador en canto, por exemplo, a valoración do local e certo costumismo, así como a defensa dos valores dun catolicismo tradicional. Por outra banda, esta mesma exaltación do primitivo (neste caso a cultura mariñeira de Bretaña) pono en contacto cos movementos idealistas prerrafaelita e modernista do remate do século XIX e comezos do XX. Mais, posiblemente, a grande achega de Loti, é a de ser un dos representantes dun tipo de novela, de fasquía realista e dirixida ás clases medias europeas e americanas, totalmente traducible, que se converten en best-seller no chamado mundo occidental. Pescador de Islandia (1886) é un dos exemplos deste tipo de best seller internacional, que comeza a producirse no remate do XIX e comezos do XX.

Neste sentido, Pescador de Islandia é un best seller, mesmo anos despois da súa primeira edición (1886). Desta novela vendéronse cento dez mil exemplares en 1906 e medio millón en 1919. Loti, hoxe esquecido, foi un novelista de éxito no seu tempo, xa non só en Francia, senón tamén a través das traducións. As súas novelas, dunha técnica realista, mais con elementos románticos e idealistas, profundamente conservadora, conectaba cos lectores e lectoras das clases medias do mundo occidental, daquela o consumidor de arte e literatura. Ingrediente básico, á parte do conservadorismo moral e ideolóxico, para este éxito era o exotismo, xa que novelas de éxito súas centrounas en Turquía ou na China. Xa sabemos o gusto que a pequena burguesía lectora ten por coñecer o exótico sen se mover do cadeira de brazos do salón. A lectura destas novelas permítelles ás clases medias satisfacer esta arela sen pasar as incomodidades de viaxes que, daquela, resultaban arriscados.

A primeira vista Pescador de Islandia non parece unha novela exótica, pois transcorre na Bretaña francesa natal de Loti. Mais, como ben sabían os membros da Xeración Nós, o próximo e propio pode resultar o máis exótico e novidoso. A Bretaña que nos presenta nesta novela Loti é a Bretaña do remate do XIX e comezos do XX, mais é unha Bretaña medieval, católica e parada no tempo, con costumes patriarcais e allea aos cambios que trouxo a Revolución francesa. Por iso, paradoxalmente, resulta unha novela exótica.

Mais, a novela de Loti tamén presenta outros elementos que cómpre salientar. En primeiro lugar, hai unha historia de amor romántica e desgraciada, que se fai co chamado lector medio e, sobre todo, coas lectoras (non esquezamos que as lectoras de clase media eran moi importantes para o éxito dunha novela nos comezos do século XX).

Outro ingrediente da novela é o que chamariamos exotismo do próximo, que entre nós tan ben cultivou a Xeración Nós, especialmente Otero Pedrayo. O mundo rural e mariñeiro de Bretaña é un paraíso perdido no tempo, cun catolicismo e moral tradicionais, que non deixa ningún oco as tensións. Este mundo, por forza, tiña que resultarlles moi atractivo aos burgueses e burgueas, ás clases medias lectoras de Loti, que, no seu mundo cotián, se vían ameazados por sindicalistas e por outros movementos sociais, desde o anarquismo ao comunismo marxista. Eran os tempos do medo irracional das clases medias á célebre pantasma que percorría Europa. Fronte a isto non había cousa mellor que a evasión cara a unha Bretaña medieval e parada na Idade Media.

Mais, á parte deste tributo á época e ata ao best seller, hai elementos nesta novela que nola fan moi atractiva aínda hoxe. Por exemplo, a obsesión pola morte, como ameaza constante sobre a vida e a felicidade dos mozos e mozas. Tamén a loita épica contra a natureza para sacarlle os seus froitos, neste caso o peixe ao mar de Islandia. Neste sentido a natureza-paisaxe pasa a ser un personaxe máis desta novela. A loita contra ela por parte dos mariñeiros acada tons épicos.

O espazo desta novela é fundamentalmente a Bretaña francesa. Hai pouco comentabamos aquí o libro de viaxes, por esta rexión francesa, de Pemón Bouzas, Novos paseos por Bretaña. Alí falabamos da presenza de Bretaña na literatura galega e lembrabamos o célebre As cruces de pedra na Bretaña de Castelao, As crónicas do sochantre ou incluso lle podemos engadir agora Monbars, o Exterminador, de Hixinio Puentes. Boa ocasión para comparar a visión que Loti, bretón nado en Rochefort, nos dá da súa rexión natal e a visión que ofrecen os autores galegos citados.

En canto á lingua da novela, cómpre subliñar o acerto de tradutor e corrector, que están atentos aos derradeiros cambios normativos ou á información oculta do dicionario da RAG. Así empregan anguria co valor de angustia. A tradición académica rexeitaba anguria, malia a súa presenza na literatura. Así o Dicionario castelán-galego da RAG (2004) ofrecía como equivalentes do castelán angustia os galegos angustia, agonía. Mais a actual versión en liña do DRAG considera anguria un termo válido, así como toda a súa familia léxica. Sen dúbida, o cambio de actitude da RAG débese a presenza de anguria e da súa familia léxica na literatura. Parabéns por esta decisión da RAG. Como xa digo, tradutor e corrector manexan a información oculta do DRAG cando non reducen cara a a cara diante dos adverbios de lugar direccionais comezados por –a: cara a adiante.

En fin, para rematar, teño que gabar a oportunidade desta tradución, que nos permite acceder desde o galego a un best-seller de comezos do século XX e unha das mostras diso que se deu en chamar novela internacional ou traducible, é dicir, novelas pensadas para entreter un público lector, fundamentalmente de clase media, de ámbito universal. Por outra banda, posibilítanos que comparemos a visión de Bretaña que ofrecen os escritores e obras de noso coa dun literato nado na propia Bretaña.

Mai 31st, 2014
Comments are closed.