A Xeración da Transición ou dos oitenta

Por Manuel Rodríguez Alonso

A viaxe de Gagarin

Agustín Fernández Paz

Xerais, Vigo 2014, 279 páxs.

 

Nun recente artigo en Faro da Cultura, M. Bragado fala da Xeración de fin de século, escritores que se fan famosos na década dos oitenta do pasado século. Inclúe neste grupo xeracional narradores como Carlos G. Reigosa, Pena, Rivas, Suso de Toro, Cid Cabido, Álvarez Cáccamo, Cabana, Angueira e desde logo tamén debe aparecer neste grupo Agustín Fernández Paz. Pola nosa banda, nunha historia da literatura galega escrita en castelán, pensando nun público exterior a Galicia e no alumnado non galego da UNED (Historia de la literatura gallega, Acento Editorial, 2002) e na incompleta Historia didáctica da literatura galega (xunto con Héitor Mera Herbello, Morgante, 2011) falabamos dunha Xeración da Transición ou dos Oitenta, que vén coincidir en grandes trazos co que Bragado denomina Xeración de fin de século. Son escritores e escritoras nados no remate dos corenta e nos cincuenta. Comezan a publicar no remate dos setenta, mais a súa emerxencia definitiva prodúcese nos oitenta. Chegaron á vida pública nos tempos da Transición. De aí que os denomine Xeración da Transición ou dos Oitenta, pola súa definitiva emerxencia e certa consagración. Pertencen a esta xeración Alfredo Conde (1945), Xavier Alcalá (1947), Freixanes (1951), Carlos G. Reigosa (1948), Darío X. Cabana (1947), Suárez Abel (1952, Suso de Toro (1955) ou Manuel Rivas (1957).

Estes escritores viviron os derradeiros anos do franquismo; son herdeiros do espírito reivindicativo do movemento estudiantil do Santiago do 68 e mais do maio francés. Viviron a ilusión que supuxo a Transición e os primeiros anos da democracia e tamén o Desencanto. Por outra banda, tamén viviron un certo optimismo sobre o futuro do galego marcado nos oitenta pola Lei de normalización lingüística ou a entrada do galego na Administración e mais o Ensino. Membro destacado desta xeración é Agustín Fernández Paz (1947) e, ademais, nos seus últimos libros, como acontece nesta novela, é un gran memorialista desta xeración.

Como xa fixo en obras anteriores e publicadas hai pouco (Non hai noite tan longa ou O rastro que deixamos), esta novela é, en certo xeito, unha novela xeracional, a da xeración á que pertence o propio autor e da que falabamos enriba. Acoutando aínda máis, o novelista centra fundamentalmente o seu relato nos anos sesenta, tomando como referencia os anos que van desde a viaxe de Gagarin á chegada dos primeiros astronautas á Lúa.

Nos anos sesenta, especialmente na súa segunda metade, os membros da xeración á que pertence o novelista viven o tránsito entre a nenez e mais a adolescencia-xuventude. Isto supón que van coñecer o mundo adulto, desde a iniciación na política ás primeiras experiencias no amor. O corpo da novela presenta, cunha estrutra que combina a novela de aprendizaxe coa do exercicio da memoria diante dunha persoa que agoniza, como puxo tan de moda La muerte de Artemio Cruz (de Carlos Fuentes, 1962), o que supuxeron os sesenta para os membros desta xeración, que agora xa anda polos sesenta anos.

Diante da nai que agoniza, o protagonista en primeira persoa lembra, fundamentalmente, o que foron os sesenta para el. Son os anos da guerra espacial entre a URSS e os Estados Unidos. Mais tamén son os anos sesenta dun franquismo que se atopa coas folgas de mineiros en Asturias ou coas dos estudantes. Nesta protesta antifranquista nos sesenta había un partido que ía por diante de todos e que constituía a oposición máis efectiva e clara ao franquismo: o PCE. O novelista faille na novela xustiza a este papel preponderante do PCE na loita antifranquista, pois como ben di, naqueles anos o Partido era o Partido Comunista de España. Hoxe adoita esquecerse iso.

O protagonista, cincuenta anos despois da viaxe de Gagarin (2011), lembra fundamentalmente, como xa dixemos, os anos sesenta. Céntrase xa non so no proceso de formación e aprendizaxe do protagonista, senón tamén na actividade na loita antifranquista dos pais e do seu círculo, facéndolle, como xa dixemos, xustiza ao papel preponderante que nese eido desempeñou o PCE. En fin, o mundo dos sesenta cos seus viaxes espaciais, a loita antifranquista do PCE, os cómics e mais as películas ou libros que lían e vían os adolescentes da época, o comezo do desarrollismo, Radio España Independente… están neste libro. Mais hai tamén unha recreación da linguaxe daqueles tempos, tanto da do franquismo como da da oposición. Así aparecen termos e sintagmas como adhesión inquebrantable, folga, piquete, esquirol, TOP, OJE, Brigada Político-Social, o maricallas García Lorca… Non faltan tampouco as referencias ao pasado da Guerra Civil ou ao futuro, cos anos da Transición e mesmo actuais, co esquecemento en que caeu o labor dos antigos loitadores do Partido Comunista.

En fin, temos diante de nós os anos sesenta, mais tamén outros temas que xa son clásicos na obra de Fernández Paz, sobre todo na máis recente, como as referencias ao cine e á literatura (fórmulas para superar as frustracións da vida cotiá e ata para soñar, ao xeito do Quijote), a concepción positiva da condición humana e a exaltación da solidariedade ou a participación da muller na loita política e na modernización. Despois de lermos estas obras de Fernández Paz, saímos coa sensación de que a solidariedade é a palabra máis bela do idioma, como acontece en Xente ao lonxe, e mesmo, que malia os tempos que corren de neoconservadorismo feroz, a loita por mellorar o mundo na liña progresista nunca é inútil, malia o aparente fracaso. Ben o di a vella militante do PCE, amiga dos pais do protagonista, que, malia os resultados da Transición, ela volvería obrar como obrou no franquismo.

Desde o punto de vista da lingua, cómpre destacar, como xa indicamos enriba, o ben que Fernández Paz reproduce o rexistro lingüístico dos sesenta, tanto do franquismo como da oposición. Por outra banda, hai que salientar así mesmo o coidado no emprego dun galego estándar e normativo, que, ademais, resulta natural e rico. Advertimos un único desvío en relación co estándar que é o emprego de tarima (páx. 100) co valor de estrado, ´plataforma elevada desde a que fala un profesor ou orador´. Parabéns por isto tanto ao autor, coma ao equipo editorial.

Volvendo ao rego, lectura para min máis que recomendable. O documento sociolóxico e histórico combínase cunha novela moi ben estruturada e dun galego perfectamente identificado. Non podemos pedir máis. Ah, e os que pertencemos á xeración do autor gozamos moito vendo reflectida a nosa adolescencia e os anos sesenta do pasado século. Tamén se lle fai xustiza ao hoxe esquecido de máis Partido Comunista. Para ver como eran os tempos que nos describe a novela recomendo así mesmo ler o colofón que pecha o libro na páxina 279.

Mai 29th, 2014
Comments are closed.