O futuro do galego nunha polémica de hai corenta anos

Manuel Rodríguez Alonso

 

O ano 1973 publícase na editorial madrileña Akal, ligada ao PCE, un libro que vai desatar unha polémica que aínda hoxe dura: Informe –dramático- sobre la lengua gallega, de X. Alonso Montero. A tese de Alonso Montero era a de que o galego desaparecería en trinta anos se non se utilizaba o galego na educación preescolar e mais na básica e había una presencia, de un modo o de otro, en los restantes niveles de la enseñanza. Tamén pedía o galego nos medios de comunicación, total o casi totalmente en galego, así como a edición de centos de libros en galego. Non fala o proxecto para nada do galego na Administración ou na Xustiza.

O libro de Alonso Montero suscitou unha agre polémica. Algunhas das voces máis significativas que se levantaron contra o Informe foron a de Guillermo Rojo, no primeiro número de Verba, ou as de Francisco Rodríguez en La Región, que despois callarían nun libro, que servirá de inspiración á política lingüística do BNG: Conflicto lingüístico e ideoloxía en Galicia (edicións Xistral).

No espazo de Verba “Revista de libros”, Guillermo Rojo comentaba o libro de Alonso Montero. Sinala que o Informe é un simple refrito (páx. 243) e que é tradución en gran parte tradución ao castelán de O que compre saber da lingua galega, unha obra anterior de Alonso. Rojo afirma que a situación do galego naquelas datas de 1974 mellorara notablemente. Di que nos tres últimos anos, é dicir no período 1971-1974, houbo melloras notables para o galego como é o seu estudo nos derradeiros cursos do Bacharelato, que arredor de mil alumnos de EXB recibirán clases de galego ou que o galego era materia obrigada na especialidade de Filoloxía das Escolas Normais. Por outra banda, sinalaba Rojo que o libro tecnicamente era moi malo e non era máis que unha obra de divulgación, onde o autor nin entendendera ben os conceptos de bilingüismo e diglosia por unha mala lectura do clásico de Ninyoles Idioma y poder social.

Mais sen dúbida ningunha, a resposta que acadaría máis sona sería a de Francisco Rodríguez desde as páxinas de La Región, os días 1, 2 e 4 de xuño, así como o libriño Conflicto lingüístico e ideoloxía en Galicia (Xistral, 1976). No devandito libriño, Rodríguez Sánchez sostiña a tese de que a pervivencia do galego estaba ligada a supervivencia de Galicia con indenpendencia e soberanía de seu, tanto política como económica e rexeita xa daquela calquera idea de bilingüismo. A tese de Rodríguez será, coas matizacións que se queira, as que asumirá o BNG ou mesmo institucións como a Mesa para a Normalización Lingüística.

En fin, este ano 1974 non só foi famoso no eido da lingua galega pola polémica suscitada por Informe-dramático-sobre la lengua gallega, senón que saíu o número 1 da revista Verba, que se converterá no órgano filolóxico do ILGa e mais da Facultade de Filoloxía de Santiago e mesmo nun dos voceiros do que algúns deron en chamar a Escola Filolóxica de Santiago-ILGa. Tamén se publicou neste ano de 1974 o Galego 3, onde o ILGa fixaba os seus conceptos sobre o galego desde o punto de vista da estandarización e que tamén comentaremos un destes días.

Queremos salientar que a polémica provocada polo libro de Alonso Montero foi moi importante e que a Historia da lingua galega de Mariño Paz (Sotelo Blanco), moi utilizada entre os nosos alumnos e alumnas de filoloxía, pasa por enriba dela coma se nada. Abonde para ver o que supuxo ler a correspondencia cruzada entre Basilio Losada e Ramón Piñeiro e publicada por Galaxia (2009).

En fin, cómpre recuperar a memoria histórica da normalización e estandarización do galego durante o franquismo e desde a morte de Franco e isto tentaremos facer pouco a pouco neste blog. Por outra banda, nesta polémica estaban fixadas xa unha das batallas ideolóxicas que se darán no proceso de normalización do galego ata os nosos días. Por unha banda, están os que defenden para Galicia un bilingüismo galego-castelán, xa sexa harmónico, cordial ou restitutivo e pola outra os que apostan polo chamado monolingüismo social en galego. Significativamente, os textos de Alonso e Rojo están escritos en castelán, mentres que os de Rodríguez o están en galego.  Chama así mesmo a atención o optimismo oficialista, na liña da defensa da Ley General de Educación de 1971, de Villar Palasí que realiza Guillermo Rojo, na mellor liña do posibilismo do ILGa, pois para nada fala, por exemplo, que naqueles anos calquera se podía licenciar en filoloxía na Universidade de Santiago sen cursar nin un só curso de Lingua e Literatura Galegas, pois esta materia era optativa para os estudantes de Filoloxía. En fin, hai corenta anos xa se vía por onde ía ir a cousa, entre os bilingüismos máis ou menos harmónicos e máis o monolingüismo social galego. Non esquezamos ademais que o ILGa ou a propia RAG son institucións financiadas nada menos que pola Fundación Barrié de la Maza, un dos capitalistas máis característicos do franquismo en Galicia, ao que o Caudillo lle outorgou nada menos que o estraño título de Conde de Fenosa, e dicir, Conde das Forzas Eléctricas do Noroeste.

Mai 26th, 2014
Comments are closed.