Mundo urbano, eros e feminismo

Por Manuel Rodríguez Alonso

Ningún amante sabe conducir

Rosalía Fernández Rial

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2014, 52 páxs.

 

Vimos falando aquí desde hai días dunha nova xeración de escritores e escritoras que, nados pouco antes da morte de Franco ou tras dela, se dan a coñecer coas súas primeiras obras na primeira década do século XXI. Eu chameinos Xeración do Novo Século. M. Bragado denomínaos Xeración da Esperanza. Rosalía Fernández Rial, nada en 1988, pertence aos máis novos deste grupo. O poemario que agora nos presenta ofrece algunhas características da poesía desta nova xeración, á parte de ter orixinalidade abonda de seu.

Os novos poetas son xa unha xeración urbana. De aí que a cidade e os seus motivos estean moi presentes nesta nova fornada de escritores e escritoras. Tamén escriben alleos a calquera inhibición. Deste xeito Fernández Rial presenta a experiencia erótica-amorosa, como ben indica o título do poemario, como unha viaxe en coche onde os sinais do código da circulación marcan distintas vivencias erótico-amatorias. Deste xeito a fin de núcleo urbano supón a entrada na paixón ou o cansazo e o tedio no amor non son máis ca unha dirección obrigatoria. O paso a nivel trae o tren das lembranzas do pasado cos seus desenganos e frustracións, aínda que tamén houbo ledicias. Esta experiencia amorosa non desbota o sexo, senón que o pracer sexual, como o da velocidade na autoestrada, é parte primordial na relación amorosa. Ademais, a muller como amosa a cita de Rosalía de Castro que abre o libro, é a protagonista nesta experiencia erótica, aínda que, noutro acerto do libro, o eu lírico de case todos estes poemas tanto pode ser un home coma unha muller.

No mesmo sentido hai que entender as prosas poéticas da segunda parte do libro, “Marcha atrás”. Os amantes fusiónanse coma dous coches que colisionasen e se confundisen nun incendio, do que o orgasmo é a detonación definitiva. O diálogo que pecha o libro, entre a lanzadora de coitelos e a axudante, é un interesante ensaio vangardista non alleo ao surrealismo e mesmo ao teatro da crueldade.

Xa que logo, obra dunha poeta das máis novas da última xeración, que aposta por un erotismo desinhibido nun marco urbano e da que cómpre salientar a súa forza expresiva do amor, entendido como paixón sensual irrefreable, semellante á da que suscita a velocidade nunha autoestrada. Pode ser politicamente incorrecto, mais moi efectivo estilisticamente.

Para rematar, cómpre dicir que, con menos de trinta anos, pois naceu en 1988, Rosalía Fernández Rial, pola súa obra poética anterior e por esta que comentamos agora, amósase como unha das poetas que sen dúbida ningunha están chamadas a ser figuras da lírica galega no século XXI. Algúns poemas como “ Stop”, “Pendente perigosa”  “Paso a nivel” ou “Paso de animais en liberdade” son especialmente aptos para seren comentados no segundo ciclo da ESO ou no Bacharelato, posto que cómpre que o noso alumnado coñeza e lea as novas voces poéticas e se afaga a ler poesía actual.

Mai 10th, 2014
Comments are closed.