Entre a novela lírica, a fantástica e a esquizofrenia

Por Manuel Rodríguez Alonso

A lúa da colleita 

Anxos Sumai

Galaxia, Vigo, 2013, 240 páxs.

 

Anxos Sumai ofrécenos nesta novela, que mereceu o XXV Premio Manuel García Barros, un relato en que combina trazos propios da novela lírica cos da psicolóxica ao xirar arredor dunha protagonista intelectual e complexa que amosa claros sinais esquizoides. Neste ambiente de soño-realidade en que se move a protagonista tampouco faltan os elementos fantásticos.

Estamos perante unha novela psicolóxica, porque se centra o relato, en gran medida, na descrición do mundo interior da protagonista, un caso para min que lembra a bipolaridade ou que presenta evidentes trazos esquizoides. Ademais, a novela ten moitos elementos do que a crítica deu en chamar novela lírica: personaxes complexos e ricos que expresan as súas angustias existenciais e mesmo as que lles crea a súa dedicación á arte. Iso é visible non só na protagonista Nuria-Bet, senón mesmo noutros personaxes como o pintor Tomás Induvina ou o músico Lois.

Así mesmo está presente na novela o mundo do fantástico, pois non sabemos se as visións de Nuria-Bet son realmente visións dunha esquizofrénica ou ben realidades, que ela interpreta de forma distorsionada. Neste sentido son ilustrativos os hologramas que ela afirma ver, coa presenza de supostas suicidas, nenos que non sabemos se son ou non son, gaivotas ameazantes etc. Todo resulta profundamente desacougante para o lector e produce unha inevitable sensación de confusión entre realidade e imaxinación.

Como xa acontecía na súa anterior novela, Así nacen as baleas, a autora manexa con soltura a volta atrás ou flash-back, pois a partir dun mes de agosto de 1992 retrocédese no tempo ata experiencias que marcaron a protagonista cara a 1975. O mesmo acontece con outros personaxes. Tema que aparecía en Así nacen as baleas, e que reaparece aquí, é o da construción da personalidade a partir da infancia-adolescencia e das tensións que isto provoca. Está presente en todos os personaxes importantes da novela: Nuria-Bet, Lois, Happy, Induvina… A vida é elixir e iso provoca dores e tensións non sempre doadas de superar. Vivir supón unha elección continua e isto causa unha indubidable tensión, que mesmo pode conducir á esquizofrenia. Por iso, o fragmentarismo sobre a vida de todos os personaxes e mesmo o final aberto son moi apropiados.

Deste xeito, a novela en certo modo, é unha reflexión sobre a personalidade, mais esta sempre resulta un pozo escuro e difícil de coñecer. Mesmo pode cambiar. Demóstrao ben a obsesión pola fotografía de Vidal. Nas fotos os personaxes varían co tempo. Non é a mesma Nuria a da foto de Vidal do ano 1975 ca a actual. Nin a foto é quen de captar a realidade das persoas. Por iso a derradeira frase do relato é moi sintomática: E Nuria, ou Bet, ou a criatura indefinida que era nese momento, alegrouse de vela alí.

Xa que logo, novela lírica e psicolóxica, coa esquizofrenia como pano de fondo. Aínda que se impón unha protagonista, a autora tamén focaliza a vida e angueiras doutros personaxes como Induvina, Lois, Happy ou Vidal. Manexa nese propósito adecuadamente técnicas como o estilo indirecto libre, reprodución de soños, voltas atrás ou mesmo o contrapunto (o agosto na praia de Nuria coincide coa permanencia en Madrid do pintor Induvina). Todo isto amosa un gran dominio da técnica da narración.

Pero o que mellor consegue esta novela é manter nun estado de continuo desacougo ao lector, con esa mestura entre realidade e irrealidade, conseguida ao pór perante os nosos ollos o posible funcionamento dunha mente con trazos esquizoides. Mais quen de nós non ten, aínda que sexa temporalmente, algún trazo esquizoide ou nalgún momento non ve hologramas? Por outra banda, a fotografía, como as que fai Vidal, captan a corporeidade das persoas, mais a mente, a personalidade profunda quen a coñece? Nin un mesmo, como ben sinala a devandita frase que pecha o relato.

No eido lingüístico observamos algúns desaxustes normativos. Así emprega castelanismos léxicos como maceta (páx. 132), explotar (páx. 87), perruquería, perruqueiro, picos (páx. 63) ou sextillizas no canto dos estándar testo, estoupar, salón de peiteado, peiteador, peteiro, sextixemelgo. No apartado da morfosintaxe utiliza reiteradamente lle no canto de lles: Prestarlle atención … aos ruídos… (páx. 107). Tamén usa inadecuadamente telefonar como verbo transitivo con complemento directo de persoa: cando a telefonara (páx. 33). Ben é certo que o DRAG admite esta acepción con CD de persoa, mais esta é unha influencia do mal castelán, como tantas que, por desgraza, acolle o DRAG. Parécenos máis acorde co galego o tratamento que a telefonar lle dá o Gran Xerais. Como verbo transitivo sinala, e moi ben neste caso, o Gran Xerais que só pode levar CD de cousa e pon como exemplo aclaratorio: Telefoneiche as novidades. O que acontece é que o mal castelán dos medios madrileños, a partir do seu laísmo, di e escribe cousas como la telefoneó. De aí pásase a lo telefoneó. O castelgalego acepta sen máis este madrileñismo dos medios capitalinos e a RAG, tan castelanista ela e apegada ao oralismo, acolle esta acepción, que nin a RAE asume para o castelán. É dicir, é máis madrileñista a RAG ca a propia RAE! Así segundo o DRAG podemos dicir Telefonoute onte á noite, pero non estabas na casa (Exemplo do propio DRAG). Así é correcto dicir telefoneino/na (a el, a ela). Parece que estamos a enviar, convertidas en son, esas persoas polo medio telefónico… Xa digo, a forma correcta en galego é a do Gran Xerais. No eido da ortografía atopamos un espectativas (páx. 109), que parece incrible nunha profesional das letras… Tiven que consultar o dicionario, pois quedei pampo… Mais que o texto dunha autora consagrada e profesional da palabra parecíame un exame dun alumno ou alumna pouco aplicados da ESO.

Volvendo ao rego, a novela acadou o Premio García Barros de 2013 e, neste caso, podemos dicir que o galardón foille concedido a unha novela que paga a pena. Non sei como serían as outras novelas do concurso, pero esta ben que merece o devandito premio. Neste caso o premio non obedece a políticas comerciais ou de vendas, senón que premia a calidade e un texto que, por forza, só vai ser degustado por un público minoritario, pois non estamos ante o tópico e típico best-seller.

Dec 27th, 2013
Comments are closed.