Relendo Cantares gallegos

O primeiro poema en galego de Rosalía

Por Manuel Rodríguez Alonso

 

            Co gallo do cento cincuenta aniversario da publicación de Cantares gallegos o próximo ano de 2013 iniciamos hoxe unha serie de comentarios para espallar especialmente entre os máis novos esta obra de Rosalía, que se considera o comezo do Rexurdimento.

 

            O primeiro poema en galego publicado por Rosalía de Castro foi o que hoxe se coñece popularmente como “Adiós, ríos; adiós, fontes” e que figura na edición dos Cantares gallegos de Compañel (1863) como o número 13. Realmente na edición de 1863 e nas seguintes o poema figura sen título. Este título débese sen dúbida ao propio Murguia, que en Los precursores (1866) di que Rosalía escribiu este poema en 1861 para publicalo en El Museo Universal, como así sería: Nos rodeaba la desolada estepa… Solo allá, al fondo, el viejo Guadarrama, en cuya cima blanqueaba la nieve… Contemplando este cuadro, y recordando en presencia de semejantes esterilidades la exuberancia de los campos gallegos, sintió nuestra escritora la necesidad de escribir y publicar un libro en que se reflejasen con toda su poesía y pureza, los paisajes y la vida entera de la gente de nuestro país…Y aquella misma noche, presa el alma de las profundas tristezas de quien, sin tocar en sus veinticuatro años, se creía ya con un pie en el sepulcro; sospechando que ya no volvería a ver de nuevo el cielo de la triste Compostela, bajo el cual le aguardaban, trazó con mano rápida y con la brevedad de la improvisación, aquellos versos tan tristes y tan hermosos que llevan por glosa la canción popular más en consonancia con el estado de su espíritu, Adiós ríos, adiós fontes, versos que vieron entonces la luz en El Museo Universal (Los precursores, 1866, páxs. 185-186).

A partir deste momento o célebre poema pasou a ser coñecido como “Adiós, ríos; adiós, fontes”, mais a autora nunca o titulou así. O título procede do texto de Murguía. Nas edicións de 1863 e 1872 figura sen título. O seu título sempre que se publicou solto antes da edición en libro de 1863 é a de “Adios que eu voume”. Este poema publicouse por primeira vez solto en El Museo Universal o 24 de setembro de 1861. O título do poema é “¡Adios, qu´eu voume!” Conserva este título nas edicións soltas que se fan deste poema de Rosalía en 1862, tanto na revista Galicia. Revista universal de este reino (no número 16, de quince de agosto de 1862)  como en El Álbum de la caridad (1862). Mais este título desaparecerá das edicións en libro, tanto da de 1863 coma da de 1872. Como xa dixemos, todos os investigadores pasarán a titulalo cos primeiros versos do cantar popular que glosa o poema, como fixo Murguía en Los Precursores (“Adiós ríos, adiós fontes”).

Na edición de 1861 de El Museo Universal, así como nas da revista Galicia ou na de el Álbum de la caridad de 1862, consérvase o título (“Adiós que eu voume”).

Mais hai unha estrofa que aparece na edición de El Museo Universal e que desaparece na de Galicia e tamén na do Álbum de la caridad. Desaparecerá tamén das edicións en libro xa desde a primeira edición de 1863. Tras a estrofa que remata co verso o que naceu desdichado ía na edición de El Museo Universal estoutra, que desaparece, como xa indicamos nas edicións posteriores: Por xiadas, por calores / Desde qu´amañece ó día / Dou á terra os meus sudores /Mais canto a terra cría/ Todo… todo e dos señores.

O historiador Xosé Antonio Durán atribúe a desaparición do que chama estrofa maldita de Cantares a Murguía. O historiador rianxeiro atribúe esta supresión a que nela Rosalía defendería concepcións sobre a propiedade da terra propias do socialismo utópico, que non lle parecerían acaídas a Murguía.

O que engaden as edicións en libro do poema a partir da primeira de 1863 é o cantar popular, que falta nas tres edicións soltas, tanto na de 1861 como nas de 1862: Adios, rios, adios fontes, / Adios regatos pequenos, / Adios vista dos meus ollos / Non sei cando nos veremos.

Xa que logo, polo tema e mais polo cantar popular anónimo do que o poema rosaliano acaba por ser glosa na edición en libro, este primeiro poema de Rosalía cabe incluílo dentro da nova dirección que toma a lírica cara á metade do século XIX, que se afasta da altisonancia da lírica romántica de Espronceda, Rivas ou Zorrilla, que, como ben sinala Navas Ruiiz, Valera xa declaraba cousa do pasado en 1854. Fronte a este romanticismo solemne e altisonante proponse como fai Ruiz Aguilera no prólogo de Ecos nacionales (1849) unha poesía de locución decorosa, nin vulgar nin altisonante, que amose sentimentos sinxelos e que constitúa unha revelación simbólica e sinxela da verdade, así como que constitúa un exemplo moral para a nación. Trueba no prólogo da edición dos seus Cantares de 1851 incide na mesma idea, enfantizando que o sentimento é a esencia do poético e que está refuxiado no pobo e mais na lírica popular. Do mesmo ou parecido xeito exprésanse Manuel Cañete no prólogo de La Primavera (1850) de Selgas, Luis Eguílaz no de Baladas (1853) de Vicente Barrantes. En xeral, estes prologuistas gaban o intimismo, sinxeleza, espritualismo, vaguidade, que lembra a poesía nórdica.

En definitiva é o ambiente en que se desenfatiza a anterior poesía romántica e se salienta o sentimento, considerando que o pobo é o seu gran depositario. Cómpre agora expresar sentimentos íntimos en intucións breves e fugaces, como fixera o propio Campoamor nas Doloras (1854).

A isto cómpre unir a influencia do romanticismo alemán, especialmente o de Heine. Fundamental foi a tradución dos quince poemas de Intermezzo que fixo precisamente en El Museo Universal Eulogio Florentino Sanz en 1857, co título de “Poesía alemana. Canciones de Enrique Heine”. Tamén se deron a coñecer por estes anos Goethe, Schiller, Uhland e Antonio Arnao traduciu varios lieder de Schubert e Schumann. Este influxo alemán únese ao movemento autóctono visto enriba de aprecio polo popular e a primacia do sentimento. Ao xeito de Herder, o pobo é depositario da tradición e do sentimento, mais tamén suxeito de reivindicacións sociais inexcusables para aumentar a súa calidade de vida.

Os poemas que xorden agora nesta liña de imitación do popular, especialmente da lírica popular anónima expresada en coplas destinadas ao canto. Entendemos neste sentido copla do xeito en que a define o Dicionario da RAG 20012: Composición poética, polo xeral de catro versos, para ser cantada. Mais algúns denominan impropiamente a esta composición de catro versos cantar. Na época en que Rosalía redacta Adios qu´ eu voume entendíase, como ben expresa o propio Trueba en Libro de los cantares, a palabra cantar como o conxunto formado pola copla popular anónima e máis o poema que a glosaba, que adoitaba ter carácter narrativo ou lírico-narrativo. Así o cantar sería unha composición de carácter lírico-narrativo, moi influída pola sensibilidade da lírica popular anónima e tamén polos modelos dos países nórdicos, especialmente de Alemaña. O cantar neste sentido sería o equivalente ao inglés ballad (balada) ou o alemán lied. Como ben sinala Navas Ruíz (Poesía española. El siglo XIX. Visor 2010): Baladas serían, asimismo, otras creaciones poéticas, como los Ecos nacionales (1849) de Ruiz Aguilera e incluso los Cantares gallegos (1863) de Rosalía de Castro. Responden, en efecto, a la definición de balada (en inglés ballad, en alemán lied): composición poética, generalmente breve, de carácter lírico-narrativo, originaria de los países nórdicos (páx. 42).

O primeiro en escribir este tipo de baladas sería Ruiz Aguilera (1849) cos Ecos nacionales e despois Trueba co seu Libro de los cantares (1851). A liña continuaría coas Baladas (1853) de Barrantes.

Esta lírica está profundamente ligada a El Museo Universal. Xa que logo o primeiro poema en galego de Rosalía é un cantar, entendido como sinónimo de balada ou lied, ou como o conxunto da copla popular anónima e a súa glosa. Mais na edición de El Museo Universal non aparece para nada a copla popular anónima, que se engadirá na edición en libro en 1863. Nestas baladas habíaas de tema histórico ou que trataban temas contemporáneos, pero tamén simbólicas e amorosas e mesmo as que prestaban atención a problemas sociais como a pobreza do labrador, a desgraza do pobre que tiña que ir á guerra ou á dor da emigración.

Xa que logo, “Adios qu´eu voume” é un cantar, lied ou balada de tema lírico-narrativo (expresa o sentimento de dor de quen ten que abandonar a terra onde naceu), mais tamén ten un contido social claro. O protagonista do poema non se vai de Galicia por espírito aventureiro nin por un desengano amoroso. Vaise nas edicións do poema onde se suprime a estrofa maldita porque son probe. A causa da pobreza é algo tan inconcreto, nesa mesma estrofa, como o nacer desdichado: a miña terra n-é miña / que hastra lle dan de prestado / a beira por que camiña / ó que naceu desdichado.

Mais se lle engadimos tras desdichado a estrofa de El Museo Universal a causa da de que sexa desdichado é moi clara: a propiedade da terra, que non é de quen a traballa: Por xiadas, por calores / Desde qu´amañece ó día / Dou á terra os meus sudores /Mais canto a terra cría/ Todo… todo e dos señores.

Rosalía, na liña do socialismo utópico, ve que a causa da emigración e do sentimento tan exquisito para algúns da morriña é que Todo… todo é dos señores. Ese señores é dunha acertada e grande ambigüidade, válido para o seu tempo, mais tamén para hoxe. Os señores poden ser os que cobran os foros, as novas oligarquías que traerán o Estado liberal de Isabel II e mais a Restauración, mais hoxe en día poden ser os neoliberais, que cos recortes fan que emigren moitos mozos e mozas galegos.

Por outra banda, a paisaxe é fermosa, pero para vivir na patria de noso cómpre andar Por xiadas, por calores / Desde qu´amañece ó día. E iso non parece que se poida cambiar. Por iso, o mozo emigrante, con toda a dor que se queira, xa non pode máis e exclama: ¡Adiós, qu´eu voume! A emigración é dor, evidentemente, mais tamén é unha saída para fuxir da tiranía e da explotación económica, que se amosan como invencibles en Galicia. Hai nostalxia da paisaxe, dos costumes ou mesmo da muller a quen se ama, mais tamén alporizamento porque os señores fan moi difícil a vida nese suposto paraíso, que para quen é realmente un paraíso é para os señores.

Xa que logo,a estrofa maldita suprimida é fundamental para dotar de sentido este poema rosaliano. A causa da emigración é o sistema de propiedade da época do reinado de Isabel II e o seu sistema sociopolítico, que se consolidará na Restauración.

Nunha publicación como El Museo Universal podía pasar máis desapercibida, pois líase como unha figura retórica sen máis. Mais D. Antonio María de la Iglesia, o editor de Galicia. Revista universal de este reino e de el Álbum de la caridad suprime esta estrofa. D. Antonio era un defensor da monarquía isabelina, como se pode ver nos poemas que dedica á raíña, por exemplo. Non resulta pois estraño que tanto en Galicia como no Álbum de la caridad suprimise esa estrofa. O mesmo acontece cando se publica en libro en 1863.

Mais a estrofa suprimida estaba de acordo coas ideas do socialismo utópico, mesmo das de Ramón de la Sagrano período chamado socialista deste pensador entre 1844 e 1859 ou co as que profesaba un xuvenil Eduardo Chao, gran figura do círculo progresista na década dos cincuenta e dos sesenta formado por os irmáns Chao (cuxa gran figura era Eduardo), Compañel, os Avendaño e os propios Murguía-Rosalía. Na súa biografía de Eduardo Chao, Curros preséntanos un Chao mozo engaiolado polas ideas do socialismo utópico, que manifesta nunha obra de 1842 (Los republicanos y su época) onde, segundo Curros, ata chega a defender os falansterios. Neste ambiente progresista e onde xorde o primeiro poema en galego de Rosalía. Publícase en El Museo Universal, o grande órgano da nova poesía que Núñez de Arce chamaba suspirillos germánicos, mais que non era só iso, como ben demostra Ruiz Aguilera, grande amigo da parella Rosalía-Murguía, cando sinala que esa nova poesía ten así mesmo unha función social para sinalar as lacras que viñan sufrindo as clases populares, como vimos enriba. Lembremos que El Museo Universal publicábano desde 1857 os editores Gaspar e Roig, moi unidos a Eduardo Chao, que editarán a Historia general de España (continuación da de Mariana) ou o Gran Diccionario Enciclopédico de la Lengua Española do político e polígrafo ribadaviense.

Para rematarmos, segundo os teóricos da poesía, unha das grandes características da verdadeira poesía é a ambigüidade da súa linguaxe, a plurisignificación. Rosalía  apón os males da emigración aos señores que dominan todo en Galicia: Todo… todo é dos señores. Ese derradeiro verso da estrofa suprimida é dunha tremenda plurisignificación. Todo é a terra, as industrias, os cargos públicos… e os señores poden ser os donos da terra, sexan fidalgos ou non, mais tamén son señores os caciques da Restauración que ofrecen cargos ou os actuais políticos corruptos que só lles dan prebendas e contratos aos do seu partido ou familia. Abonda con ler os xornais cada mañá. Crítica social si, mais tamén gran calidade poética e plurisignificación. Cada lector na súa época pode actualizar este texto e dotalo dun significado acorde cos tempos. Velaí a característica do poeta clásico.

Por outra banda, un escritor actual nunha obra de hoxe mesmo moi gabada reactualiza ese berro de protesta que é o“Adiós, qu´eu voume” rosaliano, do que se sente incapaz xa para loitar contra a inxustiza e abandona buscando lugares máis favorables. Todo o espírito rosaliano desa despedida aparece nesta pasaxe da última obra de Manuel Rivas, As voces baixas: Na emigración, fálase sempre da morriña do que marcha e non de quen fica en terra. En quen marchaba había tristura, mais tamén esperanza. A tristura desabastecida era a de quen non marchaba… E moitas veces para fuxir do medio hostil e atafegante do caciquismo, como delataba aquela copla que rescatou Xurxo Souto e que se cantaba cando desatracaban os grandes transatlánticos rumbo a América: “Aí quedades, aí quedades con curas, frades e militares!” (páx. 124)

Xa que logo, non só a estrofa suprimida, senón tamén o título orixinal “Adios, qu´eu voume” danlle a este poema un sentido que desaparece en gran parte ao suprimir a devandita estrofa, mais tamén ao cambiar o título de protesta que supón ese un tanto arroutado ante a inxustiza que é o “Adiós, qu´eu voume”, polo máis politicamente correcto e morriñento de “Adios ríos, adiós fontes”, que lle inventou Murguía en Los precursores e que toda a crítica galega segue sen ningún tipo de discusión.

Por último, poderiamos comentar algún cambio máis que advertimos entre as versións soltas do poema e a que se ofrece no libro de 1863. Referirémonos só á que resulta máis rechamante e que nos fala da preocupación de Rosalía por atopar un galego descastelanizado (outro tópico é o do galego dialectal e cheo de castelanismos, o de escribo como falo…). Nas versións soltas do poema, de 1861 e 1862, aparece este verso: Desd´ a orilliña do mar. É claro o castelanismo orilliña. Pois ben, na edición de 1863, en libro, este verso pasa a ser: Desd´á veiriña do mar.

Non viría mal que nos nosos institutos se comentase o poema, se escoitase na versión de Amancio Prada e se reflexionase sobre os cambios e mais sobre se segue a ser actual ou non este primeiro texto rosaliano en galego que, por certo, só se puido publicar íntegro na emigración madrileña.

Dec 2nd, 2012
Comments are closed.