Entre o ensaio e as vivencias autobiográficas

Por Manuel Rodríguez Alonso

O rastro que deixamos

Agustín Fernández Paz

Xerais, Vigo, 2012, 239 páxs.

 

Reúne este libro un feixe de artigos de Fernández Paz que transitan entre o ensaísmo e mais a lembranza das vivencias autobiográficas de quen é un dos grandes escritores da que eu denomino Xeración da Transición, é dicir, a de autores nados no remate dos corenta ou ao longo da década dos cincuenta, que herdaron o espírito do 68 compostelán e fixeron efectiva a súa presenza nas letras galegas ao longo da década dos oitenta. O outro día citabamos algúns deles: Freixanes, Reigosa, Cabana, Suárez Abel ou mesmo os agora tan espallados Suso de Toro e Manuel Rivas.

Como indicabamos a propósito da última obra de Rivas comentada aquí (As voces baixas), o libro contén moito material autobiográfico, que corresponde ás vivencias persoais de Fernández Paz. Mais tamén estamos perante un libro, como acontece co xa citado de Rivas, que nos serve para trazar a memoria xeracional dos escritores nados cara á metade do pasado século XX.

O propio autor sinala como estes textos, que podemos situar dentro do ensaísmo autobiográfico, van marcados pola memoria, entendida ao xeito machadiano: lembranza do pasado mais, cando recordamos, a fantasía contamina as nosas lembranzas. Presiden este labor da memoria dúas acaídas ideas, unha de Rilke e a outra de Pessoa: a patria dunha persoa está formada pola infancia (Rilke) e mais pola lingua de noso (Pessoa).

Con man mestra traza Fernández Paz como era a escola galega dos cincuenta, especialmente a vilega. Para as lectoras e lectores de hoxe que vexan esta escola como arrepiante, direilles que a escola que nos presenta Fernández Paz aquí é a vilega. Moito peores eran aínda as escolas rurais unitarias, como pode atestar quen isto escribe.

Mais neste mundo gris do franquismo, dominado aínda polo falanxismo imperialista e a Igrexa, abríanselles aos rapaces e rapazas o mundo dos cómics e do cine, que tan ben nos presenta o escritor de Vilalba. Claro que, como ben di, fomos a última xeración educada sen a televisión. Non faltan tamén os relatos, contos e experiencias dos maiores transmitidos oralmente, que axudaron a conformar a mentalidade desta xeración.

Esta xeración formada na escola no nacionalcatolicismo e no fascismo do Frente de Juventudes (os 25 años de Paz de Fraga, o Franco, ese hombre coa canción enxalzadora de Víctor Manuel, o Contamos contigo do falanxista reconvertido na democracia Samaranch…) vaise atopar na segunda parte dos sesenta e nos primeiros setenta cos cantautores estranxeiros e galegos (Voces Ceibes), a propia lingua e literatura galegas, o marxismo, o feminismo e outras ideas progresistas, o maio do sesenta e oito ou a protesta compostelá universitaria tamén do68. A todo iso alude con mestría Fernández Paz. Os membros da xeración do autor vémonos reflectidos nesas páxinas.

A seguir o autor presenta o que me gustaría chamar os anos da esperanza, é dicir os do tardofranquismo e da Transición. Estes artigos están marcados polas experiencias progresistas vividas polo autor especialmente no eido do Ensino e tamén da creación literaria. Eran os anos en que se tentaba recuperar unha educación autenticamente galega e en galego, laica, pública e progresista. Con esta idea rematou a LOE de Felipe González, que acabou por pactar cos poderes reaccionarios tradicionais (Gran capital, Igrexa…) para darlle xenerosas subvencións ao ensino privado. E así estamos hoxe no Ensino público… Este é evidentemente un dos desencantos da xeración nada no medio século.

Non menos interesantes son os textos dedicados ao que o autor denomina o oficio de escribir. Eu coido que son de lectura obrigada para calquera que desexe ser escritor ou mesmo crítico. É do mellor que teño lido sobre literatura nos últimos tempos e que nos afasta tanto desa literatura como desa crítica que se fai nun despacho dunha facultade de filoloxía para ser lida noutro despacho da mesma facultade.

Non faltan tampouco as reflexións sobre o actual momento histórico que estamos a vivir, co triunfo asoballante do neoliberalismo, fronte ao que o autor vilalbés reivindica a utopía desta xeración: un mundo sen pobres, aínda que nel poida haber ricos.

A experiencia da presenza-ocultación-descubrimento do galego e da literatura galega debía ser de lectura e comentario obrigado en todos os nosos institutos (páx. 121-156). Do mesmo xeito habería que facer co texto titulado “Un escritor nunha lingua minorizada ou, o que é o mesmo, nunha lingua ameazada” O autor neste texto cre que o galego deixa de ser utilizado porque se une a prexuízos e estereotipos (ruralismo, atraso, illamento, folclorismo etc). Estou de acordo mais, hoxe por hoxe, eu xa non creo que esas sexan as causas principais do desprezo cara ao galego. Como ben conta Basilio Losada, no comezos dos sesenta cando un seu amigo falaba con el en galego no Hostal dos Reis Católicos o recepcionista interpretou que eran dous emigrantes americanos que volveran ricos; mais no final desa década, o mesmo recepcionista dicía que eran dous intelectuais ou mesmo revolucionarios.

Hoxe, a principal oposición ao galego, vén dos poderes como o PP e o PSOE, ou os poderes fácticos a eles ligados, que apostan polo neoliberalismo e a globalización e que ven o uso do galego como un símbolo de ideas progresistas e mesmo antiglobalizadoras e anticapitalistas. Neste sentido é sintomático que hai uns anos Pedro J. Ramírez se congratulaba en El Mundo de que na Escola de Negocios de CaixaVigo nin se oía o galego, só o castelán e mais o inglés. Por outra banda, toda a prensa escrita (La Voz de Galicia, Faro de Vigo…) ou a xeneralidade de emisoras de radio e televisión defenden este modelo lingüístico, malia seren xenerosamente subvencionados pola Xunta, como acontece cos dous xornais arriba citados.

Debo citar así mesmo o acertado epílogo que Isabel Soto lles coloca aos textos. Ao lermos este texto ao remate (podería ir como prólogo), non condiciona a lectura e, pola contra, sitúaa moi ben.

Xa que logo, estamos perante un libro que resulta de lectura obrigada nesta campaña de inverno. Os que pertencemos á mesma xeración que o autor, experimentamos o pracer engadido de revivir moitas experiencias similares ás que nos presenta este e vémonos tal como eramos no pasado. En canto aos que din que esta xeración é unha xeración de fracasados e que lle ten que dar o relevo de non sei que ou a non sei quen, pois como din na miña terra outra vaca no millo…

En canto aos aspectos estandarizadores, hai que gabar o acerto do autor e da editorial, pois teñen un coidado exquisito en adoptar as últimas propostas da RAG como o emprego de lentes en feminino ou nada substantivo en masculino. Por outra banda, a lingua que emprega Fernández Paz resulta acaída para estes textos que transitan entre o ensaio e a autobiografía, amosando un galego de rexistro coloquial culto, mais equidistante tanto do rexistro oral espontáneo, aínda que sexa culto, como do rexistro estritamente literario ou poético. En definitiva, o rexistro que lle resulta apropiado ao ensaio, o que non é frecuente na literatura galega, onde moitos textos que son realmente memorias de investigación ou prosa didáctico-científica pasan por ensaios.

Nov 29th, 2012
Comments are closed.