Novela filantrópica

Por Manuel Rodríguez Alonso

Oroonoko

Aphra Behn

Tradución de Mª Fe González Fernández. Corrección de Alejandro Tobar

Hugin e Munin, Santiago, 2012, 100 páxs.

 

Aphra Behn coa súa novela Oroonoko é a primeira ou, se non, unha das primeiras en cultivar un tipo de relato que ten como motivo fundamental a defensa da igualdade de todas as persoas, de acordo cos principios do racionalismo e empirismo laicos, por enriba de raza, orixe xeográfica, sexo ou credo relixioso. De aí que denominemos estes textos como novela filantrópica, pola súa defensa da condición humana.

A inglesa Aphra Behn (1640-1689) publica en 1688 o relato antiescravista Oroonoko, que agora temos traducido ao galego. Aphra Behn pola súa vida e ideoloxía (é unha muller que durante un período da súa vida vivirá do que gañe como escritora) é un precedente claro das ideas ilustradas, progresistas e feministas do século XVIII. Na súa obra, e especialmente neste Oroonoko, anuncia o gran cambio que se vai producir no século XVIII tanto nas mentalidades, como no aspecto social e no científico. Anticipa, baseada nos principios da razón, a igualdade e a liberdade, os principios da Revolución francesa ou da Revolución americana de 1776, que aboliu a escravitude.

A autora comeza o seu relato antiescravista presentándonos a terra de Surinam, onde reproduce nos nativos e na paisaxe o tópico literario do paraíso perdido. Mais, levada polo racionalismo, introduce innovacións que non son de esquecer, como a da aceptación da propia relixiosidade dos nativos, sen necesidade de que se convertan a ningunha das relixións cristiás occidentais. Do mesmo xeito acepta como normais ou racionais costumes que podían bater contra a sensibilidade convencional dun europeo do XVII como o nudismo.

Do mesmo xeito aparece xa aquí a idea rosseauniana do bo salvaxe. Mais non todo son luces neste paraíso, pois, malia a súa admiración por esta sociedade primitiva de Surinam e a súa idealización, non agocha a condición da muller nin a poligamia, aínda que tente adozala. Tampouco como os nativos practican o escravismo cos prisioneiros de guerra.

A seguir a autora describe como chegaron os escravos negros a Surinam, cunha obxectividade propia das actuais reportaxes xornalísticas. Oroonoko, aínda que rei na súa tribo africana, será un destes escravos. Tanto física coma espiritualmente Oroonoko é a perfección e une nel as características positivas do bo salvaxe coas do europeo cultivado, pois tivo, como principe herdeiro, un preceptor francés, de xeito que ata fala francés e inglés. É curioso como a autora sintetiza, aínda que sexa dun xeito moi idealista, en Oroonoko a cultura indíxena e mais a europea, sen que loiten entre elas nin unha se impoña a outra, senón combinándose harmonicamente. Por outra banda, considéraas en pé de igualdade e ningunha é superior á outra.

No texto a autora escribe cousas que non deixan de sorprender nunha inglesa do século XVII, coma esta: do erro que supuña pensar que a intelixencia era patrimonio dos brancos, en especial, dos cristiáns (páx. 16)

Non oculta que nas terras africanas de Oroonoko existe a escravitude e que son eles mesmos os que venden os prisioneiros de guerra aos comerciantes de escravos brancos, mais tamén engade sobre os costumes europeos: Tan malos costumes só se practican nos países cristiáns, onde se pensa que abonda coa relixión (páx. 19).

Deste xeito estamos perante unha novela antiescravista, mais que tamén defende outros valores, como o da igualdade entre homes e mesmo civilizacións, que converte esta novela nun antecedente claro das ideas que se plasmaran nos pincipios da Revolución francesa.

Mais no mundo primitivo non todo é positivo. Xa vimos como non deixa a autora de sinalar o sometemento da muller, o escravismo cos vencidos na guerra ou tamén as paixóns de abuso de poder, como fai o vello rei e avó do protagonista con Imoinda, a fermosa prometida de Oroonoko.

En canto a outros aspectos da obra, acerta a autora ao darlle unha estrutura en certo xeito de novela bizantina-sentimental, cos avatares sufridos pola parella de amantes Oroonoko-Imoinda, que mesmo adopta tons que emparentan o relato coa Ilíada, como acontece co pranto de Oroonoko, cando se retira da guerra, que tanto lembra o pranto de Aquiles. O importante neste caso é que se fai suxeito deste tipo de sentimentos ou mesmo de xénero literario non a occidentais nin brancos, senón a unha parella de negros e amais escravos. E isto no século XVII. Aí queda claro o papel de precedente da Revolución francesa e dos principios de igualdade entre todas as persoas que defendia Aphra Behn.

Desde o punto de vista lingüístico observamos, como vén sendo habitual nesta editorial, unha clara aposta polo galego identificado. Así hai que gabarlle o emprego, por exemplo, de largo no canto de ancho, aprender co significado de ´ensinar´ ou a utilización de connosco. Mais sempre se escapa algún erro, que cómpre sinalar, como dicimos sempre non porque sexamos os máis listos nin vaiamos de policía lingüístico, senón porque estes erros, que todos cometemos ou se nos escapan, son debidos á enorme presión do castelán, porque, hoxe por hoxe, en moitos lugares de Galicia (penso na comarca de Vigo onde eu me desenvolvo) non podemos vivir en galego.

Así rexistramos o emprego castelanista da preposición a na perífrase de ir + infinitivo: Fomos todos… a visitalo (páx. 98). Utilízase abusivamente a perífrase ter + infinitivo pola presión do castelán haber + infinitivo. A perífrase ter + infinitivo en galego non sinala simplemente aspecto perfectivo, senón acción perfectiva mais tamén reiterada ou repetida no pasado. Nestes casos mellor sería empregar o tempo simple.

En galego cómpre utilizar gran diante das palabras comezadas por consoante e grande coas que comezan por vogal polo que resulta incorrecto o sintagma grande perda (páx. 44). Diante de pronome persoal hai que utilizar coma e non como: como eles (páx. 73). A forma contracta llo non debe substituír a llelo: Fixéronllo saber ás súas mulleres (páx. 82). Cremos así mesmo que a toda présa é unha expresión castelanista. Rexistramos un espía (páx. 35) cando en galego esta palabra é sempre feminina, pois é un substantivo epiceno en canto ao xénero e se o queremos precisar teremos que dicir unha espía masculina/unha espía feminina.

Por outra banda, todos sabemos que o galego é moito máis reacio cao castelán á pronominalización dos verbos. Isto fai que, por ultracorrección, algúns verbos que nese uso deben ser pronominais tamén en galego se usen como non pronominais. É o caso de desmaiar non canto de desmaiarse: César, que desmaiara…(páx. 98). É claro que o correcto é que se desmaiara, como ben sinala o dicionario da RAG na entrada desmaiar, na acepción 2.

Para rematar, cómpre sinalar que esta obra non debe ser vista como algo que só lles interesa aos profesionais da literatura. Cremos que a súa utilidade é innegable para traballar nas aulas, especialmente nas de Secundaria e Bacharelato, temas como o do racismo, a condición da muller ou o labor dos pioneiros e pioneiras na loita polos dereitos que cristalizarán na Revolución francesa ou na independencia dos Estados Unidos de América. De aí a necesidade que nas bibliotecas dos nosos centros existan estas obras e no canto de lles dar aos alumnos e alumnas textos en castelán sobre estes mesmos temas o profesorado debe procurar textos en galego. Así, ademais de estudarmos filosofía, historia ou literatura, estaremos tamén a loitar contra a diglosia. Non son estas traducións só alimento para euriditos ou letraferidos, senón textos para todos. E non se me diga que nos institutos non hai orzamentos para libros… Recortemos noutros capítulos, como o das reparacións, concienciando o alumnado co bo coidado das instalacións, mais non lles quitemos o pensamento progresista visto de forma directa en galego, sen pasar pola alfándega do castelán.

Por outra banda, a novela préstase como poucas para exemplificar a persistencia de xéneros como a novela bizantina ou sentimental e o relato de aventuras nos novos espazos xeográficos americanos e africanos postos agora ao servizo da defensa dos ideais ilustrados de liberdade, igualdade e fraternidade.

Nov 25th, 2012
Comments are closed.