Para ler de tirón

Por Manuel Rodríguez Alonso

A punta de pistola

Fran Alonso

Xerais, Vigo 2012, 142 páxs.

 

A novela curta que agora comentamos foi Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia do ano 2012 e, abofé, que o xurado acertou ao premiala posto que a obra cumpre co que se lle pide desde os tempos do folletín do XIX a unha novela por entregas: entreter o público e excitar a súa curiosidade, de tal xeito que se desexa lela dun tirón.

Como acontece desde o comezo do xénero da novela por entregas ou folletín publicado orixinariamente nos xornais, o remate de cada capítulo é unha invitación para desexar con avidez a lectura do seguinte.

Mais esta noveliña, aínda que se nos presente co formato do vello folletín e nunha colección destinada a un público xuvenil, ten un conxunto de méritos puramente literarios que a fan moito máis ca unha novela curta de simple entretemento e que non deben gozar só con ela os adolescentes, senón todo o público en xeral, á marxe da idade que teña.

Un dos grandes valores literarios desta novela curta atopámolo na súa estrutura. O autor reduce o tempo da novela e relátanos en contrapunto simultaneísta unhas poucas horas da vida dunha parella de marxinados que raptan os seus fillos dun centro de acollida, o traballo dunha empresaria camioneira e a aventura amorosa dunha adolescente atraída por un home maduro. Mais tamén bota man o autor do contrapunto temporal, pois en comparanza coa vida dunha camioneira da actualidade, recréase a vida dunha muller que decide ser camioneira nas arredadas datas de 1932, Celia Rivas. Por ese lado, abrímonos cara aos tempos da República e da memoria histórica.

Non menos lograda está a polifonía de voces e puntos de vista que mestura o autor na súa novela: a terceira persoa obxectiva que relata a fuxida da parella Rica-Varas, a segunda persoa que recrea a vida de Celia Torres (posiblemente a camioneira-economista Camila), a primeira persoa da camioneira-economista Camila, o blog desta mesma personaxe, os informes en rexistro burocrático dos especialistas do centro de acollida dos cativos de Rica e Varas ou a segunda persoa autorreflexiva da adolescente Vanesa.

Tamén é un acerto o emprego do estilo indirecto libre, moi logrado nas páxinas 36 e 37 para reproducir os pensamentos-diálogos consigo mesmo do Varas.

Outro atractivo da novela é o acaído uso de diferentes rexistros lingüísticos que utiliza o autor. Así o rexistro do suburbio urbano que emprega a parella Rica-Varas, o rexistro coloquial culto e urbano de Camila ou Lolo ou o técnico-burocrático dos informes do centro de acollida dos cativos Pixie e Dixie.

Como xa acontecera en Trailer, Fran Alonso, converte as camioneiras e camioneiros en heroes épicos, equivalentes aos colonizadores do antigo Oeste americano ou aos antigos personaxes da épica. Mais neste caso son fundamentalmente camioneiras, co acerto da presentación da figura histórica da muller camioneira Celia Rivas. A muller ocupa así a primeira praza na fileira dos heroes, que xa non son só os homes. Por outra banda, a visión da Galicia da República que nos ofrece a través de Celia Rivas é a dunha Galicia progresista e moderna, tan afastada dos tópicos da saudade, a muller nai e todas esas visións a que nos teñen tan afeitos, nunha interpretación falseada da nosa historia recente, a narrativa da xeración Nós ou mesmo a do grupo Galaxia.

A estrutura de road movie que adopta en moitos momentos a novela tamén lle dá unha axilidade e calidade cinematográfica que axuda a lela con facilidade e mesmo a fai acaída para ser levada ao cine.

En canto á lingua, examinada desde a óptica da estandarización, rexistramos castelanismos léxicos como día soleado (páx. 24, no canto de día solleiro), despegar (páx. 25 por engalar), prendas de lencería (páx. 37, por pezas de lencería), coladiña por el (páx. 61), bos modais (modal non existe en galego máis que como adxectivo e neste caso cómpre usar modos, educación, segundo o criterio da RAG), colmar no canto de encher, acugular, ateigar (que o depósito se colmase…, páx. 86), averiguar (páx. 96, por pescudar, buscar, achar), macetas de plantas (páx. 109) por testos posto que maceta en galego só designa a ferramenta, aminorar (páx. 129) por minorar…

Utiliza, como acontece no mal castelán burocrático ou xornalístico, adoecer co significado de ´presentar como defecto ou eiva´: adoecen dunha falta grave de autoestima (páx. 93). Aparcamento (páx. 27) aparece por aparcadoiro nunha clara influencia do castelán.

No eido da morfositanxe constatamos un lleísmo rechamante en que lles adiantases… (páx. 39), o emprego pronominal castelanista de dar en para darse a volta (páx. 106) ou o uso da combinacións das preposicións a/por con ir, como acontece no mal castelán: indo a polos críos (páx. 36).

Xa que logo, estamos perante unha novela curta que, malia ser publicada nunha colección dedicada en principio a un público xuvenil, é válida para calquera lector. Parécenos moi valiosa para afeccionar á lectura ao alumnado dos cursos da ESO. Permite, ademais, neste nivel do ensino, explicar motivos literarios, que aparecen moi afastados do interese dos rapaces mais que non é así. Realmente a novela é nalgúns aspectos unha road movie ou narración de estrada. O modelo desta estrutura narrativa non é outra ca a da viaxe e está presente xa na Odisea. A viaxe serve para que os personaxes se formen e evolucionen. É o momento de comentar este tópico co alumnado. Por outra banda, as rapazas e rapaces deste nivel a través da lectura e análise da novela poden entrar doadamente nos conceptos de rexistros lingüísticos e tamén no das perspectivas e polifonía da novela. Así mesmo se prestan para o comentario a visión progresista de Galicia a través da camioneira Celia Rivas, o maltrato infantil, o consumismo, o centro comercial como novas catedral desta relixión posmoderna do devandito consumismo e incluso a meditación sobre o papel que hoxe ten a muller en profesións que seguen a ser preferentemente masculinas.

Out 23rd, 2012
Comments are closed.