Por Manuel Rodríguez Alonso
Grial. Revista Galega de Cultura. 192.Outubro-decembro 2011
Víctor F. Freixanes / H. Monteagudo (directores)
Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 155 páxs.
Acaba de aparecer o número 192 de Grial onde cómpre salientar os artigos que se dedican a analizar a obra literaria de Álvaro Cunqueiro co gallo da celebración do centenario. Complétase a revista con outros artigos, entre os que cómpre destacar o que ao concepto de nación dedica Miroslav Hroch. Coma sempre, a revista na súa sección O espello das letras comenta as obras literarias que lle parecen dignas de ser analizadas.
Nos artigos dedicados a Cunqueiro, Manuel Forcadela aduce razóns para ler o poeta Álvaro Cunqueiro. Forcadela segue cos tópicos cando afirma que Cunqueiro pasa por ser o escritor galego contemporáneo clásico por excelencia. Fala dunhas dicotomías en Cunqueiro que eu non vexo por ningures. Cunqueiro foi sempre un conservador furibundamente antimarxista. Tampouco creo que haxa ningunha oposición real entre galeguismo e españolismo en Cunqueiro. Hai un galeguismo, especialmente desde os sesenta, progresista e de influencia marxista ou que asume postulados dos movementos liberadores do Terceiro Mundo. Mais tamén hai un galeguismo na posguerra conservador, que vai desde Ramón Piñeiro aos seguidores de Risco ou os declaradamente franquistas que cultivan o galego, como Filgueira Valverde. Neste galeguismo conservador hai que incluír a Cunqueiro, nunca houbo nel esas dicotomías das que fala Forcadela. Lembremos que Cunqueiro é nomeado director de Faro de Vigo antes de que entrase en vigor a Lei Fraga de Prensa. Antes da Lei Fraga os directores do xornais estaban realmente nomeados polo Ministerio de Información e Turismo. Por outra banda, na década dos corenta Cunqueiro non abandonou o franquismo, senón que o franquismo o abandonou a el, como se pode ler na biografía de Armesto Faginas.
Antón Capelán, entre outros, explica como en 1966 remata o afastamento do Centro Galego de Buenos Aires das autoridades franquistas cando neste ano gañou as elección o franquista Ramón Mourente. A política das novas autoridades do Centro Gallego de Buenos Aires maniféstase en que os conferenciantes que convidarán serán persoas ben vistas polo franquismo. Así en 1967 nas Jornadas Gallegas participan nada menos que o franquista general Lobo Montero e como non Álvaro Cunqueiro, con tres conferencias. Na correspondencia entre Basilio Losada e Ramón Piñeiro, Losada repróchalle a Cunqueiro esta viaxe e apoio ao franquismo: … caeu pesimamente o viaxe de Cunqueiro a Buenos Aires da mao do Lobo… Qué ganas ten de comprometerse nunha actuación de craro xeito político… En nota, as editoras destas cartas (M.X. Lama e H. González) sinalan ademais: participou en varios actos de homenaxe a persoeiros destacados da ditadura de Onganía (LV, 10-VIII-1967) (PÁX. 598).
O certo é que o artigo de Forcadela invita, acertadamente, á lectura da poesía de Cunqueiro, mais non deslinda a ideoloxía da creación literaria. Cunqueiro foi sempre un conservador, mais iso non quere dicir que non fose tamén un grande escritor, tanto en prosa coma en verso. Cómpre dunha vez por todas situar por unha banda a ideoloxía política do escritor e pola outra a creación literaria. Hoxe por hoxe, malia tanto congreso subvencionado, falta unha boa análise da poesía de Cunqueiro, que se centre na obra poética en si mesma e desbote os tópicos de sempre.
María Liñeira analiza o Don Hamlet e afirma que Cunqueiro, como Risco ou Otero, poñen ao servizo do réxime franquista unha serie de topoi como o Camiño de Santiago… que funcionan simultaneamente nas coordenadas do nacionalcatolicismo e do seu galeguismo conservador (páx. 27). Eu coido que non é que o poñan ao servizo do franquismo, é que o franquismo, como aconteceu cos cataláns do grupo Destino (por outra banda tan ligados a Cunqueiro) en canto á organización da sociedade ou á defensa do catolicismo coincidía coa visión do mundo dos autores galeguistas que cita Liñeira. Nunca cambiaron de postura, se se len con atención e sen prexuízos. Pódese ser franquista, en diversos graos, conservador e mesmo cultivador da lingua e literatura galegas. E mesmo un grande escritor galego (como lle acontece a Cunqueiro). Como no caso anterior, o artigo segue dentro dos tópicos sobre Cunqueiro, se ben é certo que contextualiza e explica en certa medida a elección por parte do autor do tema de Hamlet.
Dasilva analiza os problemas que Cunqueiro tivo coa censura franquista. A censura franquista era tan ríxida que ata censuraba os seus propios militantes. Abonde con dicir cun censor chegou a riscar parágrafos dun artigo de autoría do propio xeneral Franco asinado, iso si, con pseudónimo. Cómpre salientar a boa analise que Dasilva fai da figura do censor Serrano Castilla, bo seguidor do famoso Juan Aparicio.
Pola súa banda Fernando Valls analiza a produción en castelá de Álvaro Cunqueiro, aínda que non sinala que Cunqueiro nos corenta foi un dos grandes autores do franquismo. César Cunqueiro con dous artigos sobre a obra de seu pai e Cesar Morán, coa derradeira entrevista concedida polo escritor, pechan esta primeira serie de artigos dedicados a Cunqueiro. Cara ao remate da revista Xosé-Henrique Costas e Iago Castro achegan uns moi interesantes poemas de Cunqueiro anteriores a 1933.
Aínda que sexa volver sobre o dito, cómpre estudar os autores galegos fixándose na obra en si mesma e deixándose de tópicos. Cunqueiro foi un escritor bilingüe, galego e castelán. Nos tempos de Cunqueiro era imposible vivir da escritura, como conseguiu el, sen usar o castelán. Eu coido que Cunqueiro se atopa moi cómodo neste bilingüismo e que sabía que, para vivir da actividade de escritor, tiña que escribir en castelán. Por iso pasaba dunha lingua a outra. Politicamente era un conservador e católico tradicional. Non cambiou a súa ideoloxía nin a súa visión do mundo desde os anos trinta aos setenta.
Como lles pasaba a outros moitos escritores e galeguistas aceptaba o bilingüismo galego e castelán (aí están as posturas ao respecto do propio Ramón Piñeiro, dígase o que se diga) como algo que xa non admitía voltas. Fronte aos mitos literarios e visións do mundo dos escritores chamados progresistas (igualitarismo social, sociedade aberta e á marxe da tradición católica, igualdade de homes e mulleres etc.), Cunqueiro era un conservador que non se atopaba a gusto nunha sociedade que, segundo el, esquecería a tradición católica ou cristiá occidental do Camiño de Santiago ou da sociedade pequenoburguesa de finais do XIX e comezos do XX. Mais iso non impide que sexa un extraordinario escritor.
Por outra banda, cómpre relacionar non só as teorías e temas de Cunqueiro non só coa liña marcada por Piñeiro en Galaxia, senón tamén coa chamada literatura do falanxismo. Nos anos corenta os Ridruejo, Sánchez Mazas, Montes… queren, para substituír a literatura da República, crear a nova literatura do novo Estado franquista. Como ben demostrou hai xa moito anos José Carlos Mainer e agora outros estudosos como o propio Mainer, Jordi Gracia ou Amat hai unha liña nesta literatura falanxista que elixe a fantasía, o culturalismo, a recuperación dos vellos mitos do chamado Occidente cristián, a exaltación de Roma e da Italia renacentista e católica… Nesa liña cómpre incluír a Cunqueiro, tanto na súa produción galega como na castelá. Por certo, Cunqueiro nunca rexeitou este tipo de literatura como se pode ver polas boas relacións e ata gabanzas que sempre recibiron del Sánchez Mazas, Agustí ou o propio Eugenio Montes. E eses escritores da nova literatura franquista (os Rosales, Ridruejo, os do grupo Destino de Barcelona…) poden ser franquistas ou conservadores, pero son uns bos escritores e mesmo, moitos deles, co paso dos anos, igual que fixo Cunqueiro, rematarán por ter unha postura ideolóxica pública liberal, monárquica e conservadora, así como defensora do bilingüismo, aínda que sempre considerando o castelán como superior ao catalán ou ao galego, posiblemente porque permite o acceso a un número maior de receptores sen pasar pola alfándega da tradución. De aí que as actuais autoridade políticas e culturais promocionen tanto a obra de Cunqueiro, posto que casa perfectamente co seu bilingüismo harmónico. Os centenarios dos que poden resultar por calquera motivo conflitivos (de Carballo Calero ou de Guerra da Cal tamén se celebrou o centenario do nacemento en 2011) quedan no esquecemento.
Xaviel Alcalá en “My Dear D. H. Warnest” sitúa acertadamente a figura, mesmo desde o punto de vista da ética, de Guerra da Cal. Cómpre ler este artigo para entender moitas cousas do mundo literario e cultural galego. Miroslaw Hroch, pola súa banda, realiza unha análise do concepto de nación, de grande actualidade. No eido da filoloxía sobresae o artigo de Fernando Venâncio sobre o ditongo portugués ão. Ana Lois no seu artigo ofrece unha moi boa análise do que foi o Ano Lois Pereiro. Tamén resulta moi interesante o estudo de Javier Jurado Luque sobre a zarzuela galega.
Complétase a revista coas follas dedicadas á creación literaria, neste caso da autoría do poeta Paulino Vázquez e Anxos Sumai, que ofrecen a calidade esperada destes dous autores. Edmundo Moure no seu texto, pertencente ao xénero do libro ou artigo de viaxes, enfróntanos con Chiloé, a Nueva Galicia, conquistada por Martín Ruíz de Gamboa en 1567 e denominada como Nueva Galicia en homenaxe ao gobernador da Capitanía Xeneral de Chile daquela, D. Rodrigo de Quiroga, oriúndo de Chantada.
Como é habitual, a revista dedica á crítica de libros a sección “O espello das letras”. Aínda que, loxicamente, teña que tratar ben os libros de Galaxia, esta sección de crítica é unha das máis antigas na tradición crítica galega. Como é habitual en moitas seccións de crítica galega todas as que aparecen neste número son positivas e non se lle apón nin unha soa tacha aos libros comentados. Malia isto, xa digo que a sección crítica de Grial é de lectura obrigada para calquera que desexe seguir a evolución da literatura galega. Nalgún caso debíase coidar máis a quen se lle encargan as críticas. A novela de Pere Toberuela Poñente é criticada por Francisco Cidrás. Se consultamos a listaxe que ofrece Internet dos profesores de filoloxía galega da USC ou a listaxe de investigadores do ILGa vemos que o crítico forma parte do mesmo cadro de profesores e investigadores da tradutora da devandita novela, Ana Boullón… Cumpriría evitar estes casos de endogamia académica.
En fin, con todo, parabéns para este novo número de Grial e enténdanse as críticas, mesmo cando poidan ser negativas, como unha incitación ao diálogo e ao contraste de opinións distintas para vivificar un pouco o mundo tranquilo da cultura e da literatura galegas e para evitar que sigamos a dar ese aspecto de procesión dos caladiños. As opinións deste blog non teñen máis valor ca ser distracción dun xubilado afeccionado á lingua e literatura galegas polo que nin se polemiza con ninguén nin se responde a contracríticas. O lector non é parvo e que sexa el o que xulgue… Tampouco se participa en saraos tipo ciclo de conferencias do Consello de Cultura, xuntanzas subvencionadas por institucións públicas e similares. Iso mesmo pode facerse gratuitamente e de xeito máis cómodo desde os blogs de Internet. Ademais é gratis e os lectores-receptores non teñen que moverse da casa. Os cartos que se dedican a estes saraos mellor irían para dotar, por exemplo, dunhas bibliotecas decentes os nosos centros públicos de ensino ou as bibliotecas municipais e públicas en xeral.