Traballo co meu dicionario

O Entroido desde o meu dicionario DXP

Cando se redacta un dicionario, especialmente un dicionario escolar, cómpre ter en conta que o dicionario é tamén un dos grandes configuradores do sentimento de comunidade ou mesmo patria. As palabras expresan a particular visión da vida, das tradicións e do mundo ou a historia da comunidade que fala esa lingua. Por iso, adoita dicirse que o Diccionario enciclopédico gallego-castellano do meu paisano ribeirao D. Eladio Rodríguez González amosa a concepción de Galicia do nacionalismo da época Irmandades-Nós.

Polo tanto, nós á hora de confeccionarmos o DXP tivemos especial coidado en introducir como entradas palabras que facían referencia a tradicións de noso, como por exemplo as do Entroido.

Como proximamente imos celebrar as festas do Entroido, podemos traballar na clase unha serie de palabras que rexistramos e definimos no DXP relacionadas co Entroido.

Proporemos estes exercicios.

1. Procura no teu DXP entroido e responde:

-Cantos días duran as festas do Entroido?

-Le o exemplo da acepción 1 e tenta explicar, usando o teu DXP, que son os peliqueiros e cigarróns.

-Na definición de peliqueiro atopaches a palabra choca. Explica o que significa, buscándoa no teu DXP.

-Que outro nome se lles dá ás chocas.

-Na familia de palabras de choca aparecen chocalleiro e mais choqueiro. Explica, consultando o teu DXP, que significan e que son.

2. Todos sabemos o que é a pantalla dun televisor. Mais que significa esta palabra en relación co Entroido. No teu DXP volves ter a solución.

3. Cal é o sinónimo de entroido, que ofrece o teu DXP?

-Consulta ese sinónimo na súa entrada correspondente e responde:

-Qué é a coresma?

-Procura coresma e indica que día remata o Entroido o o nome que ten.

4. O Entroido é tamén unha festa cidadá e urbana. Botando man do teu DXP explica o significado de careta.

-Atopa catro sinónimos de careta e redacta unha oración diferente con cada un deles.

-Busca agora no teu DXP a palabra máscara. Escribe unha oración para cada un dos seus significados que non sexa sinónimo de careta.

5.No Entroido urbano interprétanse coplas, que adoitan interpretar charangas e mesmo saen as rúas carrozas ou carruaxes. Explica que son estas realidades. Podes axudarte co teu DXP.

6.Nos medios de comunicación estes días oes falar de desfiles e foliadas do Entroido. Explica en que consisten estas diversións. De novo, o teu DXP pode serche de moita axuda.

7.Pensa un pouco e distingue entre careta e anteface.

8.O Entroido tamén ten unha gastronomía tradicional. Trata de falar das comidas típicas do Entroido. Segundo a tradición, é cando se comeza a consumir os produtos alimenticios procedentes da matanza ou mata. Explica o significado desta palabra e mais o destoutras desde un punto de vista gastronómico: chourizo, lacón, androlla ou botelo, cacheira (ou cachola, cachucha), orella, filloa, chula.

9.Non debemos esquecer a gramática e podemos dicirlle ao alumnado que procure o cadro da formación do plural de substantivos e adxectivos na páxina 751. Deben exemplificar cada unha das regras que se dan no recadro formación de plural cunha oración que conteña unha palabra en plural relacionada co Entroido (Por exemplo a) Tomaron filloas de sobremesa. Vimos como se vestían dous cigarróns. b) Disfrazáronse de pastores. c) O martes de Entroido é máis entretido ca o luns. O mércores de cinsa remata o Entroido… Etc.

10.Corrixiremos agora dous castelanismos moi habituais no léxico do Entroido. Dicímoslles aos rapaces que oímos dicir disfraz, antifaz, lunes de carnaval, miércoles de ceniza… Están ben ou mal dito en galego?

11.Na semana seguinte ao Entroido pode propoñerse ao alumnado que realice un traballo escrito sobre o Entroido, ben individualmente ou en grupo, onde se empregue a maior parte dos termos traballados e referidos ao Entroido.

Para rematarmos, se o profesor quere ter unha información para preparar mellor ou ampliar este traballo sobre o Entroido, ten ao seu dispor un fermoso libro que se titula O carnaval en Galicia, de Federico Cocho (Xerais, 2008). Mesmo lles pode ensinar aos alumnos pantallas, peliqueiros etc. a partir das moi boas fotografías do libro.

Feb 9th, 2012
Comments are closed.