O demo non é malo

Por Manuel Rodríguez Alonso

O forasteiro misterioso

Mark Twain

Tradución de Alejandro Tobar

Hugin e Munin, Santiago, 2011, 148 páxs.

Un dos tipos característicos da literatura universal é a figura do demo ou Satán. Está aí desde os primeiros tempos da literatura. Nesta novela curta Mark Twain retoma este tipo literario e a partir del fai unha meditación sobre a sociedade e condición humanas totalmente desmitificadoras. Malia que a obra pase por ser unha relato menor do gran novelista estadounidense é hoxe por hoxe, nestes tempos de crise e manipulacións da opinión pública, un texto que debe ser lido e meditado. Por iso, parabéns para os tradutores que nos permiten acceder a ela desde o galego

Na tradición literaria moderna, Satán aparece despoxado da fealdade medieval e pasa a ser mesmo un ser belo e sumamente intelixente, que axuda a pensar e a procurar a verdade aos humanos. Como ben dixo Baudelaire, Satán é le plus savant e le plus beau des anges…(o máis sabio e belo dos anxos). A partir da Ilustración o demo convértese, na liña da desmitificación volteriana, nun sabio que somete a crítica todas as ideas recibidas (relixiosas, morais e políticas) que pasaban por verdades absolutas. O Romanticismo vai convertelo no representante da crítica e da rebeldía fronte ao establecido. Volvendo a Baudelaire, este pai da poesía moderna chegará a facer do demo a representación da ciencia, da sabedoría e mesmo da beleza, fronte a un Deus cruel.

Mark Twain (pseudónimo de Samuel Langhorne) nos últimos anos da súa vida, despois dunha xuventude en que defendeu o imperialismo, converteuse nun crítico do expansionismo americano (dixo que a participación dos Estados Unidos na Guerra do 98 non foi por liberar a Cuba e Filipinas, senón por estender o imperio) e tamén de moitos dos tópicos do que poderiamos chamar pensamento convencional de Occidente. Así por exemplo somete a crítica o desenvolvemento social do cristianismo que, no canto de propagar o amor e a caridade polo mundo, produciu a Inquisición ou as horribles guerras de relixión.

Twain, na liña moderna e baudeleriana, presenta a Satán como un mozo elegante, fermoso e sumamente intelixente. Caracterízao porque non ten o chamado sentido moral dos humanos, que permite distinguir o ben do mal. Tamén carece da capacidade de se emocionar coas dores e cos padecementos alleos ou coa morte dos outros. Mais esta frialdade combínase cunha extraordinaria intelixencia que lle permite analizar a condición humana sen deixarse levar polo sentimento e a emoción.

Como acontece no Fausto de Goethe, Satán aparece como un gran coñecedor da condición humana. Un home que se caracteriza polo sentido moral, que lle permite distinguir o ben do mal, mais que de dez veces, nove decide polo mal en lugar de elixir o ben, segundo o demo. Satán a seguir amorea testemuños contra a visión ideal do home, como ser que propende ao ben ou ao progreso material e moral. Sinala que non entende como quen se chama católico pode explotar os obreiros nas fábricas ou ter menos compaixón por un morto ca o can que non o abandona. Así mesmo a civilización occidental e cristiá creou nas guerras as mellores máquinas de exterminio. Caín matou a Abel dun golpe; agora mátase por milleiros as persoas cos canóns e as armas de destrución masiva, que creou a civilización occidental e cristiá.

O demo, por medio dunha serie de exemplos e razoamentos (como o da muller lapidada), sinala que as persoas están dominadas por uns poucos (reis, gobernantes, representantes das relixións) porque son uns seres cómodos, que non queren verse metidos en leas e fan o que di unha minoría, que lles asegura a comodidade e o non ter problemas, pois o home é un ser que desconfía sempre, que coida que o seu semellante lle pode producir males. Así viven reis, aristócratas, gobernantes e sacerdotes. Gobernan a partir da covardía, do hipocrisía, do medo e mais da ansia de comodidade dos seres humanos.

En fin para Satán, o home, malia que se diga que é o único ser que ten sentido moral, que distingue entre o ben e o mal, deixa moito que desexar.

O derradeiro capítulo, o XI, enfróntanos a todos nós con algo tan galego como a saudade, entendida como a soidade ontolóxica absoluta da persoa no mundo. Non dicimos máis sobre el. Cómpre lelo e relelo. É un peche de ouro para o relato.

En canto ao galego do texto, como xa dixemos ao comentar aquí outra obra desta editorial, que comeza agora, amosa un gran coidado por acadar un galego estándar e identificado. Emprega de xeito adecuado, por exemplo, o infinitivo conxugado ou o dativo de solidariedade. Non obstante, rexistramos algún castelanismos léxicos como cañada (páx.8) no canto de canella, habitación (páx. 105) por cuarto, interese (páx. 36) por xuro (malia que interese sexa considerado por algúns dicionarios, como Gran Xerais como equivalente a xuro ou ata o propoña o Diccionario Galaxia de Usos e Dúbidas como única forma válida, a RAG nos seus dicionarios só admite xuro para esta acepción e non interese) ou deslizouse (páx. 114) por esvarar. Así mesmo utiliza incorrectamente especia por especie: nunha especia de ilusión (páx. 35).

No eido morfosintáctico emprega gran ante substantivo iniciado por vogal, cando a norma neste caso impón grande: gran óvalo (páx. 78). Incórrese no lleísmo castelansta en dixo que lle comprendera ben (páx. 134). Nalgún caso emprégase llos no canto de llelos: negándollas [as virtudes] aos animais (páx. 55).

En fin, nestes tempos de teocracias e pensamento único, cómpre ler este libro e parabéns para unha editorial nova que, nestes tempos de crise, nos permite ler directamente en galego os clásicos da literatura universal, mesmo a moitas veces considerada inxustamente obra menor destes clásicos. Por outra banda, resulta moi adecuada a información que os editores ofrecen sobre a obra e o seu autor na lapela do libro e mais na contraportada.

Feb 7th, 2012
Comments are closed.