Mito e fantasía amais de crítica social

Por Manuel Rodríguez Alonso

Fantasmas de luz

Agustín Fernández Paz

Xerais, Vigo, 2011, 185 páxs.

Nesta novela curta Agustín Fernández Paz mestura de xeito adecuado un dos mitos da ciencia ficción (o home invisible) co vello tema literario, tan quixotesco e cervantino, da superación da vida cotiá gris por medio da literatura (neste caso do cine). Mais todo iso está posto ao servizo da crítica dunha sociedade que converte en invisibles os milleiros e milleiros de parados, creados polos enxeñeiros das finanzas. É unha lectura que resulta máis que apropiada nestes tempos de crise.

Agustín Fernández Paz articula a obra en tres partes. A primeira, que lle dá título ao volume, distribúese en catorce capítulos. Emprega nestes catorce capítulos dous tópicos (entendemos aquí o termo tópico ao xeito de Curtius, como tema ou motivo que se repite ao longo da tradición literaria): a literatura (neste caso o cine) como fórmula para escapar dunha vida gris e frustrante que tanto xogo lle deu a Cervantes ou mesmo á novela realista-naturalista e a persoa que se torna invisible, motivo creado admirablemente por H.G. Wells en O home invisible, en 1897. Mais a innovación do novelista consiste en que pon estes dous tópicos literarios ao servizo da crítica dunha sociedade inxusta marcada polo paro. Velaí o engado da novela e a revitalización do tópico. Mestura así adecuadamente tradición e mais orixinalidade.

Nos catorce capítulos da primeira parte asistimos á recreación da vida do protagonista Damián a partir dunha serie de flash-back ou voltas atrás que nos reconstrúen a vida do devandito Damián, desde os dezasete anos en que comezou a traballar ata os cincuenta e tres, en que recibe a carta de despedimento. Se na vida gris de don Quijote ou de Emma Bovary os personaxes e heroes dos libros que lían eran a forma de vivir unha vida máis plenta, en Damián esa función é realizada polas películas. Mais a dura realidade do paro termina con ese mundo de fantasía. E comeza a invisibilidade. Mais no desenlace, cheo de esperanza, ao contrario da novela de Wells ou das películas que se basean nela, o home invisible non perece, senón que atopa un xeito de recuperar o corpo visible e a presenza social, que ten un moito que ver coa solidariedade.

Nestes catorce capítulos aparecen outros temas como o paso do tempo que todo o deteriora, mesmo o amor ou incluso a solidariedade entre os traballadores, como acontece na relación Damián-Alfredo. A mensaxe social e solidaria está así mesmo clara na oposición entre o mundo creador do traballo e o parasito das finanzas. O tópico literario da invisibilidade fainos tomar conciencia de como a sociedade actual (especialmente os medios de comunicación) converten en inexistentes por invisibles aquelas realidades desagradables, como a dos parados, que crearon precisamente eses financeiros parasitos.

Na segunda parte, de título “Tomas extra” aparecen seis textos ou capítulos que completan os catorce anteriores. Dun xeito moi cinematográfico producen a impresión de que son secuencias que se desbotaron na montaxe da película da vida de Damián, mais que lle serven ao lector para iluminar aspectos da peripecia vital do protagonista. Pola súa incidencia na situación económica e de crise que estamos a vivir cómpre ler especialmente a titulada con acertada ironía ou mellor aínda sarcasmo “Un empresario exemplar”.

A terceira e derradeira parte é unha colección de fichas sobre as películas que se citan ao longo da novela e que tanto influíron na vida do protagonista e mesmo de todos nós.

Xa que logo estamos ante unha novela curta que nos presenta a peripecia vital dun traballador nestes tempos de crise, que medita sobre os causantes verdadeiros da actual crise e ata ofrece unha solución para superala. É tamén unha novela lírica sobre a posibilidade de acadar a felicidade das persoas ou a superación dos desenganos diarios grazas aos soños que nos proporcionan a literatura ou o cine, neste caso concreto o cine. Resulta tamén unha homenaxe ao cine, como un medio que tivo unha importancia fundamental na formación sentimental, ética e ideolóxica (ademais de entretemento e compensatorio das frustracións cotiás) da xeración que agora ten cincuenta ou máis anos, coma a do protagonista ou a do propio autor. E todo isto botando man de dous tópicos literarios e revitalizándoos. Iso é o que fan os clásicos e Fernández Paz é un clásico e non só da literatura infantil-xuvenil, senón da literatura galega contemporánea.

En canto á lingua nin que dicir ten que o nivel é moi bo. Cómpre salientar que o autor, entre outras cousas, emprega adecuadamente o infinitivo conxugado ou mesmo o chamado dativo de solidariedade. Así mesmo houbo un coidado, non sabemos se do autor ou da editorial ou de ambos os dous, coa elección das formas do estándar que menos difusión colleron. Así, por exemplo, emprégase adecuadamente solleiro e non o castelanismo soleado  en día solleiro (páx. 27). Mais por afán de difundir e comentar a norma estándar académica comentaremos dúas palabras.

Rexistramos a expresión caixa de correos (páx. 15), que de acordo co estándar ha de ser caixa do correo, tanto para o recipiente onde se botan as cartas, como para aquel en que se reciben. Ben é certo que, descoñecendo a norma académica, o Diccionario Galaxia de usos e dificultades ofrece a parella caixa de correos (para a pública onde se botan as cartas) e caixa do correo (a privada onde se reciben). O Gran Xerais, na liña académica, ofrece caixa do correo para ambas as dúas acepcións. Mais na entrada *buzón dános, nunha das inconsecuencias abundantes neste dicionario, como solución ao castelanismo caixa de correo. Ben é certo que outras obras realizadas con máis coherencia como Galego Século XXI ou o Superdicionario galego-castelán ofrecen para as dúas acepcións a forma académica e estándar caixa do correo.

Mais a última edición, polo momento, do VOLGa (pois seica se actualiza e cambia na rede de cando en vez) ofrece como forma recomendada para esta realidade caixa de correos. Non obstante, os dicionarios académicos (o de 1990, o de 1997 e o castelán-galego de 2004) só rexistran caixa do correo. Estas inconsecuencias e descoñecementos do estándar resultan abraiantes e sobre todo que non coincidan os dicionarios da RAG co VOLGa, cando ata parece que os dirixen e coordinan as mesmas persoas, os habituais todólogos de Cortázar ou en adaptación galega de Jaureguízar omniólogos.

Rexistramos así mesmo o termo perruqueiro. Neste caso (non figura no VOLGa nin nos dicionarios académicos) a palabra estándar é peiteador e para o lugar onde traballan estes profesionais cómpre usar, segundo o proposto polos dicionarios académicos, salón de peiteado. De novo, descoñecendo o VOLGa e os dicionarios académicos o Diccionario Galaxia de usos e dificultades propón os termos perruqueiro e perrucaría/perruquería. Mais ao tratar este termo a inconsecuencia dos autores de Galaxia acada unha falta de rigor estratosférica. Así na entrada peluqueiro di que o VOLGa propón perruqueiro. Mais na entrada perruquería di que non está recollido no VOLGa, pero propona como forma válida. Non cita o salón de peiteados, do que fala na entrada peluquería. As formas dos dicionarios da DRAG son salón de peiteado (que non de peiteados) e peiteador. Son as formas que, coherentemente e ben informados, propoñen Galego Século XXI e o Superdicionario castelán-galego. Este último sinala tamén perruqueiro/perruquería, mais cunha tipografía que nos sinala que non están recollidos pola RAG. O Gran Xerais presenta con tipografía de estándares PERRUCARÍA/PERRUQUEIRO cando en realidade non é así e descoñece a expresión estándar salón de peiteado. Dá como alternativa aos castelanismos peluquería/peluquero os termos PERRUQUERÍA/PERRUQUEIRO con tipografía de figurar no VOLGa, o que non é así. Xa que logo, para estas dúas realidades a proposta académica é peiteador/salón de peiteado.

En fin, facemos estas digresións sobre a norma e mais o estándar para espallar as solucións da RAG e tamén para pedirlles aos lexicógrafos, especialmente os académicos e universitarios que reciben as súas subvencións e bolsas ou mesmo en menos horas de traballo impartindo clases, que sexan un pouco máis coherentes e coidadosos, máxime agora que seica se está a redactar unha gramática académica e mais un novo dicionario por parte da RAG. No caso do dicionario seica ía saír xa, mais as incoherencias e erros que advirtiron algúns académicos está a atrasar esta saída… Seica ata cambiaron o director…

En fin, volvendo á obra de Fernández Paz, cómpre lela e quen non guste do comentario filolóxico pois que salte estes parágrafos anteriores. Só me queda engadir que as ilustracións de Miguelanxo Prado son dunha extraordinaria calidade e enriquecen o texto de xeito maxistral. É o derradeiro consello: cómpre ler o colofón que leva o libro, na páxina seguinte á do seu remate

Feb 4th, 2012
Comments are closed.