Edición ben feita

Por Manuel Rodríguez Alonso

Majina, ou a filla espúrea

Marcial Valladares. Edición de Xosé A. Fernández Salgado

Sotelo Blanco, Santiago, 2011, 144 páxs.

Cando se editan clásicos galegos anteriores á actual normativización do galego hai a teima de adaptar os textos á ortografía e normativa de 1982. Xosé A. Fernández Salgado, tal e como manda a crítica textual, mantén o galego e mesmo a ortografía que empregou Valladares ao redactar esta que foi a primeira novela do galego. A introdución e as notas do seu aparato crítico converten ademais a edición en modélica para publicar a obra dos escritores anteriores á normativización, especialmente para os escritores do Rexurdimento e mais da época Nós. Por iso, a edición da primeira novela galega moderna vale para achegarnos de forma fidedigna a esta obra, mais tamén como guía para futuras edicións dos nosos clásicos modernos.

Na introdución, o editor sitúa de xeito adecuado a Marcial Valladares dentro do seu tempo e das correntes literarias, culturais e políticas da época, desde o folclore á colaboración co liberalismo isabelino como funcionario. Salienta o seu papel como precursor. Valora axeitadamente non só o seu valor como literato, senón tamén como lexicógrafo, gramático, ortógrafo e folclorista. É de salientar o amplo abano de testemuños, especialmente xornalísticos, que achega o editor para situar adecuadamente a Valladares. Cómpre non esquecer que Fernández Salgado é o grande especialista na vida e obra de Valladares, como acredita o seu libro Marcial Valladares. Biografía dun Precursor no Rexurdimento galego (Deputación Provincial de Pontevedra, 2005) e a súa tese de doutoramento.

Xa centrado no estudo da novela en si, o editor sitúa adecuadamente a obra dentro da produción en prosa do Rexurdimento e dentro do propio Rexurdimento. Analiza en que destinatario pensaba Valladares, estuda o proceso de publicación en La Ilustración Gallega y Asturiana e mesmo rexistra a insatisfacción do autor con esta edición polos erros que advertiu nela, que hoxe podemos constatar grazas ao manuscrito da novela que se conserva na Real Academia Galega, no que se basea o editor (aínda que sexa nunha fotocopia deste manuscrito pertencente ao ILGa).

O editor sitúa tamén a novela adecudamente dentro do folletín, subliña o seu propósito moralizante católico-conservador, mais tamén sinala outras achegas como o romanticismo ou ata o realismo-costumismo, sen pasar por alto a pegada que a profesión de lexicógrafo e gramático do autor deixa na novela.

Con gran valentía, pasa revista ás edicións anteriores, caracterizadas en xeral pola manipulación da lingua de Valladares, o que resulta especialmente grave cando o autor amosa claramente unha postura sobre estas cuestións. Neste sentido por fin temos un texto tal e como quixo o autor que o tivésemos. Esperemos que edicións coma esta desterren esa manía das edicións dos nosos clásicos do Rexurdimento e máis da época Nós normativizados, que puxeron de moda nos oitenta filólogos do ILGa. Neste sentido é paradigmática, para mal, a edición desta novela que en Xerais fixeron Tarrío Varela, A. Neira e Roig-Rechou, onde ata se normativiza o léxico… A liña editorial que se segue nesta edición de Majina de Fernández Salgado é a correcta e a única válida, como ben sinalan ademais os especialistas da edición crítica nos seus manuais, mesmo nos de introdución a esta disciplina filolóxica (por exemplo, Blecua).

Salientemos tamén o estudo da lingua da novela que realiza o editor e da habelencia de Valladares para usar non só galego e castelán (para marcar a diglosia), senón tamén o emprego de distintos rexistros do galego, pois os personaxes usan un tipo de galego que non é do narrador, que sería o ideal de galego culto ou estándar de Valladares.

Xa que logo, por fin podemos acceder a unha edición ben feita, de acordo cos principios da crítica textual, da primeira novela galega.

En canto á lingua da introdución cómpre que fagamos algúns apuntamentos. O editor, como persoa que noutro tempo traballou na edición en Obradoiro-Santillana, amosa un gran dominio do estándar e mesmo das últimas escollas académicas. Mais por afán de divulgación da norma ca por crítica sinalamos algúns desvíos desta norma.

O termo til en galego, de acordo coa normativa académica, non debe empregarse no canto de acento gráfico. Aínda que se acepte o significado de til como ´acento ortográfico´ en dicionarios tan espallados como o Gran Xerais, que chega a dicir en obsevación que o til chega a denominarse impropiamente acento gráfico. Mais a RAG nos seus dicionarios e mesmo nas NOMIG 2003 só emprega acento/acento gráfico e o til, segundo a RAG, é o signo que se coloca sobre o ñ para o distinguir do n. Mesmo a Ortografía de Hermida Gulías segue a falar de til e non de acento gráfico. A ortografía galega máis completa a de Begoña González sinala, de acordo co criterio académico, que con til desígnase… o que se pon na parte superior do ñ… (páx. 194). O Galego Século XXI de Feixó, Pena e Rosales sinala na entrada til que non hai que confundir esta palabra, por castelanismo, con acento gráfico. O Diccionario de usos e dificultades de Galaxia, malia recoñecer que a RAG impón acento gráfico, non rexeita til na acepción de ´acento gráfico´. O editor emprega habitualmente til co valor de ´acento gráfico´

Así mesmo emprega cesado como transitivo ao usar o participio con valor pasivo, o que é unha influencia do mal castelán: cesado cos conservadores (páx. XIII). Tamén atopamos reparto como substantivo (páx. L), cando o normativo é repartición, repartimento. Usa apartado como substantivo masculino (páx. LXVIII). A RAG non acepta apartado como ´sección, parte dun todo´, senón só en canto s.m. como ´sección dunha oficina de correos´.

En fin, estes parágrafos finais só teñen a intención de comentar e ata incitar a opinar sobre a norma académica e non deben tomarse como crítica a ningún autor, a non ser que isto se sinale explicitamente, o que non é o caso. Para non esquecermos o principal, estamos ante unha edición de Majina que nos permite lela tal e como nola quixo dar o seu autor e que ademais resulta canónica ou modélica para editar textos do Prerrexurdimento, Rexurdimento e Época Nós.

Xan 31st, 2012
Comments are closed.