Powered by WordPress | Theme by mg12 | Valid XHTML 1.1 and CSS 3
  • A recepción de Rosalía

    Por Manuel Rodríguez Alonso

    Rosalía e Murguía na procura da patria soñada

    Diego Pardo Amado

    Lóstrego, , 2011, 166 páxs.

     

    Un investigador mozo, Diego Pardo, ofrécenos nesta investigación unha análise da recepción da obra rosaliana entre 1857 (ano da publicación da crítica de Murguía sobre La Flor) e 1916 (data de Rosalía Castro: Notas biográficas, de González Besada). Tese central do libro é a manipulación sufrida pola obra de Rosalía, que subliña o costumismo ou un hipotético catolicismo, e agocha outros aspectos da obra para que así a escritora puidese ser asimilada e ata utilizada polo conservadorismo, especialmente polo conservadorismo da Restauración decimonónica e tamén pola actual. O autor, no remate do libro, reproduce os textos críticos analizados e podemos dicir que constitúe, en xeral, un bo achegamento á recepción de Rosalía neste período. Parabéns, xa que logo, para este novo investigador e para a directora da súa tese (este libro procede da tese de doutoramento do autor), Pilar García Negro, que incomprensiblemente aínda non é académica da RAG.

    Salienta o autor a importancia que Manuel Murguía tivo para a transmisión da obra de Rosalía. Estuda de xeito acaído o enfrontamento entre Murguía e a condesa de Pardo Bazán. Os xuízos da condesa de Pardo Bazán serán os que se imporán en gran medida, malia os esforzos de Murguía. A seguir, o autor analiza o proceso de reducionismo que experimenta a obra de Rosalía, que é cinguida ao paisaxístico, ao costumismo ou a unha vaga defensa das tradicións. Así comenta polo miúdo os xuízos críticos sobre os Cantares gallegos de López de la Vega, Posada, Escalera, Canalejas Casas e Ruíz Aguilera. Así mesmo aa través do artigo de Franquesa i Gomis ponnos en contacto coa recepción de Rosalía en Cataluña. Fronte á xeral minusvaloración de Follas novas, na liña da Pardo Bazán, hai que salientar a perspicacia crítica de Alfredo Vicenti. Pola contra o curioso crego Vales Failde (a súa vida en Madrid e posterior suicidio constitúe un episodio curioso na historia do mundo das ambicións eclesiásticas) está obsesionado por catolizar a obra de Rosalía. Acerta o autor cando reproduce o artigo de Díez Canedo, que supón unha visión anovadora da obra de Rosalía. Por fin reproduce un estudo, o de González Besada, que despois das últimas investigación de V. Ruíz de Ojeda en Estudos rosalianos, que comentamos nestas páxinas hai un par de meses, perde importancia, pois en realidade baséase en inéditos de Said Armesto.

    Xa que logo, o lector ten entre as súas mans unha valiosa información sobre a recepción crítica da obra de Rosalía. Posiblemente debería afondar máis o autor na relación do matrimonio Murguía-Rosalía co círculo progresista dos Chao, co proxecto destes de crear un público para unha literatura en galego ou sobre Galicia (na liña en que iniciou X.A. Durán, cuxas obras sobre Rosalía-Murguía, incomprensiblemente, non considera o autor).

    Como esperamos, pola xuventude de Diego Pardo, que continuará co tema debería enriquecelo co estudo da divulgación da obra en si de Rosalía, pois a primeira edición de Cantares só foi de 500 exemplares e non se reeditou ata 1872. A edición de 1872 aínda non se esgotara en 1885, pois anúnciase na primeira edición de Los precursores, como obra que se vende na libraría de Martínez Salazar. Como ben sinalou Marina Mayoral a gran difusión de Rosalía debeuse fundamentalmente a media ducia de poemas que eran reproducidos unha e outra vez en xornais e revistas e mesmo interpretados por orfeóns e corais. Tamén botamos en falta a polémica Curros-Lamas, pois o ourensán chegou a dicir que nunca lera os Cantares nada menos que en 1878: …sentimos que haya traído al camo de la discusión el nombre de su esposa Rosalía de Castro… nuestra habitual enfermedad nos ha impedido leer sus Cantares gallegos, libro del que por más que existe en nuestra biblioteca, no conocemos más que un cuento dedicado a Ruiz Aguilera y dos o tres composiciones más que en cierta ocasión nos leyó un amigo…(El Heraldo Gallego, 14-09-1878).

    Como xa dixemos, boa achega ao estudo de Rosalía e, como o autor é mozo, esperamos que siga polo mesmo camiño pois hai moito que estudar e dicir sobre a recepción de Rosalía e mais sobre a súa obra. Esperemos que o próximo ano, en que se celebra o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, sirva para que este autor e outros, especialmente mozos, sigan a profundar na obra de Rosalía. Tamén parabéns para a directora da tese que orixinou este libro, Pilar García Negro, para quen desde aquí pedimos unha cadeira na Real Academia Galega, pois ten máis mérito para sentarse alí que o catro últimos que acaban de nomear, sen querer con isto menoscabar nin desprezar a ninguén. Pero a RAG parece a sucursal do ILGa e do Consello…

    Martes, Xaneiro 24th, 2012 ás 11:32
Aínda non hai comentarios.
Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.
Olark Livehelp
TOP