Powered by WordPress | Theme by mg12 | Valid XHTML 1.1 and CSS 3
  • Lembranza de Faustino Rey Romero

    O pasado decembro fixo corenta anos do pasamento de Faustino Rey Romero en Buenos Aires e nunhas circunstancias máis que estrañas. A súa condición de crego moi pouco convencional en tempos do nacionalcatolicismo e poeta galego, como se pode ver no retrato que del fai Franco Grande en A ilusión da esperanza, merecen que o lembremos, máxime cando o seu poemario Escolanía de melros é unha das obras propostas como canónicas da literatura galega no tomo III do Diccionario da literatura galega de Galaxia, coordinado por D. Vilavedra. Nestes momentos o mellor coñecedor da obra do poeta rianxeiro é o profesor Xosé Ricardo Losada, do que reproducimos os textos que nos enviou amablemente para lembrar a figura de Faustino Rey.

     

    Achegamento a Faustino Rey Romero

    Por Xosé Ricardo Losada

    Teño rematada unha biografía de Faustino Rey e podo afirmar que foi unha persoa excepcional. Comecei a investigalo porque todo o que me contaban del permitía pensar tanto que fora un vividor como un home de profunda fe. Agora sei que foi un auténtico cristián nun mundo (o nacionalcatolicismo) que esixía a gritos que non o foses.

    Con pouco máis de 20 anos describiu a súa morte: “Como un navío que se descuaderna / ha de ser, al final, el cuerpo mío”. Trinta anos despois morría ao caer desde unha altura de sete metros ao patio da igrexa da Balvanera, en Bos Aires, onde traballaba de párroco. Con varias fracturas, agonizou dous días. Proba da inmensa humanidade da súa vida é que calquera das hipóteses, suicidio, accidente ou asasinato, ten defensores entre os seus coñecidos. Tamén o proba que se identificase cos seres máis humildes.

    Alguén dixo que hai tres tipos de intelectuais. Os de dereitas, os de esquerdas e os incómodos. FRR escolleu ser dos incómodos. Escolleu a incomprensión. Viviu sen rede. Amou a Igrexa pero enfrontouse ao bispo de Tui. Amou a literatura galega pero enfrontouse a Ramón Piñeiro e ás correntes literarias de moda que afastaban o galego do pobo. Foi amigo de moitos franquistas pero enfrontouse a Franco. Foi amigo de moitos comunistas pero enfrontouse aos defensores da Unión Soviética.

    Faustino Rey Romero naceu en Isorna, no lugar de Lagarteira, en 1921. De familia humilde, ingresou no Seminario franciscano de Herbón en 1938. Ordenouse sacerdote en Tui en 1948 e, ese mesmo ano, oficiou a primeira misa na súa parroquia natal. Exerceu como crego en varias parroquias do Baixo Miño. Non tardou en ter problemas coa xerarquía católica. Era galeguista, antifranquista e defensor precoz do espírito do Concilio Vaticano II. Por se non fora pouco, vivía con hábitos hedonistas, que non ocultaba. Recluírono no Convento do Carme en Padrón, e na Casa Diocesana de Exercicios Espirituais de Tui, pero non rectificou. Optou polo que Wittgenstein consideraba propio do home superior. Non mentirse nunca a un mesmo. Cunha desvantaxe respecto ao austríaco. Faustino aceptaba a xustiza divina. Tivo que vivir unha dobre vida. Bohemia, no exterior. Espiritual, na intimidade. Non tardou en decatarse de que así non podería vivir na Galicia da época sen un enorme desgaste persoal. Pediu permiso para marchar a América.

    A resposta da Igrexa foi dilatoria, e represiva. Perdeu a titularidade da parroquia e foi desterrado a Isorna en 1960. Axudaba aos cregos da redonda e vivía entregado a unha bohemia lúdica e inocente, a unha bonhomía marca persoal da casa toda a vida, e á promoción da cultura galega, da que xa formaba parte como poeta e articulista.

    Marchou, por fin, a Arxentina en 1966. Exerceu como párroco na importante parroquia bonaerense de Nosa Señora de Balvanera, onde morreu en estrañas circunstancias en 1971. O informe policial fala dun accidente. A familia segue convencida, a día de hoxe, de que foi un asasinato político. Arxentina vivía unha situación moi convulsa, e Faustino non sabía ser prudente. Foi enterrado no mausoleo do Centro Galego no cemiterio da Chacarita. Desde 1987, descansa no cemiterio de Isorna.

    Faustino Rey Romero, como dixen, mantivo unha dobre vida. Lúdica de cara ao exterior, espiritual na intimidade. O goce diúrno das criaturas. A dor nocturna do Creador. A súa poesía reflicte esa dobre vertente. Mesmo cronoloxicamente. No primeiro período (Florilegio Poético, Doas de vidro, Catro sonetos ao destino dunha rosa, Escolanía de melros) abunda a poesía narrativa, diúrna, franciscana. Busca a Deus nas criaturas. A partir de 1960, imponse a poesía sagrada, nocturna, teolóxica. Deus non é Creador. É Xuíz. O poeta comeza a render contas. Os títulos dos libros son significativos. Poema das materias sagras, El ángel descielado. A partir de 1965 abandona a poesía e dedícase á filosofía, máis ben teoloxía, cun único obxectivo. Afondar nesa renuncia íntima ao mundo. Deus non é Creador. Nin Xuíz. É Fundamento Ontolóxico. Escribe tres libros, en castelán. La angustia ensanchada en el templo místico, La comunicabilidad en el bien y el problema de la finalidad, Teoría General de la Existencia.

    Non estaría ben falar dun poeta sen transcribir un poema seu. Podería escoller calquera dos poemas que escribiu. Independentemente da calidade, os poemas de Faustino teñen unha frescura e unha autenticidade (mesmo cando escribe un Soneto a mi desintegración) que poden lerse, oírse, ou recitarse, como se contásemos contos nunha taberna. O meu poema preferido (non o  máis logrado) está no que todos os entendidos consideran o seu mellor libro. Escolanía de melros. O poema titúlase O melro larpeiro.

    Esquezamos as cuestións técnicas. Imaxinemos a Faustino. Un día, pola mañá, levántase. Pasou mala noite. Ten problemas graves coa xerarquía eclesiástica. Os amigos dinlle que colgue os hábitos. Tanto uns como outros, repróchanlle o tipo de vida que leva. El deféndese. Entrei na Igrexa, di, porque oín a voz de Deus que me chamaba. Mentres El non me pida que marche, seguirei sendo crego. Lava a cara e mírase ao espello. Ten olleiras. Dáse conta que esqueceu abrir a ventá (é o primeiro que fai nas mañás de primavera) e ábrea. Mira o monte de Isorna. Un merlo, unha criatura de Deus, como el mesmo, canta. Cámbialle o ánimo. O canto do merlo é alegre, non lle reprocha nada. Volve ao espello. Xa non ten olleiras. Xa pode saír da casa, andar polas corredoiras de Isorna, falar cos veciños dos problemas cotiás, cruzar o río na barca de Manolo, e ir ao bar da Estación de Catoira a fumar un puro, beber ribeiro, parolar cos amigos e ver a Pepita, bela e puntual como sempre, acercarse á plataforma para coller o tren:

     

                                           Máis que melro cantor, eres larpeiro.

                                           (Se che ofendo, disculpa o que che digo).

                                           Nomearche a cereixa, a uva, o figo…

                                           auga debe facerche no peteiro.

     

                                           Esa sona que tes de lambisqueiro

                                           xa non é nova, que che vén de antigo,

                                           porque dunha figueira es máis amigo

                                           que da póla lustrosa dun loureiro.

     

                                           É o teu gozo meirande andar de esmorga,

                                           pois sabes que ó que ten baldeira a andorga

                                           élle imposible ter o ánimo ergueito.

     

                                           Anque o teu proceder eu non comparto,

                                           cando vexo que tes o buche farto,

                                           que che faga, desexo, bon proveito.

     

    Leamos agora como expresa Manuel Antonio esa mesma sensación de desarraigo existencial. De ver como a súa vida pasa mentres el fai outras cousas. Navy Bar :

     

    Este bar ten balances

                                                  E tamén está listo

                                              pra se facer á vela

     

    Encheron-nos o vaso

                                              con toda a auga d´o Mar

                      pra compor un cock-tail de horizontes

     

      Pendurados d´as horas

                 Atlas xeográficos d´esperantos

                                              están sin tradución

                                                  E tatexan as pipas

                   c´o ademán políglota d´as bandeiras

     

      Ese cantar improvisado

                                                          é o mesmo

           Que xa se improvisou n-algures

     

            Quen chegou avisando-nos

          d´esa cita nocturna que temos

                                               c´o vento ao NE

                            n-a encrucillada d´as estrelas apagadas?

    Eiquí bebe de incónito                                           

                                               o Mariñeiro Desconecido

             -sin xeografía nin literatura-

    A noite d´os naufraxios

       c´o seu brazo salvavidas

                                      aferrará con nosco unha vela de chuvascos

     

                                                 O vaso derradeiro

       Estaba cheo de despedidas

     

                                                  Pol-as ruas dispersas

                                               ibamo-nos fechando

            cada un dentro dá sua alta-mar

     

         N-o repouso d´algún vaso

           todal-as noites naufraga o Bar.

     

     

    Escoitemos agora a un filósofo francés: A poesía popular e puramente natural ten uns inxenuos encantos polos que pode compararse coa principal beleza da poesía perfecta segundo a arte; como pode verse nas panxoliñas de Gascuña e por cancións traídas de nacións que non coñecen ciencia ningunha, nin sequera a escritura. Á poesía mediocre que se detén entre as dúas, desdéñase sen concederlle honor nin valor. 

    Faustino usa formas cultas pero expresa o popular. Manuel Antonio o vangardista. Os dous son grandes poetas. Non hai que escoller. Pódense gozar os dous. Deixemos para os poetas e os críticos mediocres as absurdas discusións. Cal é mellor? Que voz poética domina con máis rigor os recursos estilísticos? Non fagades caso desa coincidencia case xeral que ditamina que Manuel Antonio é un gran poeta, e Faustino non. Haberá, non digo que non, formas máis profundas e filosóficas de ser poeta que a do crego de Isorna. Agora ben. Que intenten os poetas mediocres escribir un poema como O melro larpeiro. Un poema que cumpra as condicións que cumpre este. Ser un soneto. Expresar unha escena cotiá. Ser intelixible mesmo para un analfabeto. Describir un estado persoal. Describir o conflito existencial da humanidade. Ter humor, ironía, retranca. Ter un profundo sentimento relixioso. Conxugar o culto e o popular. Formalidade e frivolidade. O universitario e o tabernario.

    Que Faustino Rey Romero fose en dirección contraria ás tendencias poéticas do século XX, non o converten nun mal poeta. Convérteno, en todo caso, nun poeta anacrónico. Pero nós, lectores, simples buscadores de momentos íntimos de beleza, debemos facerlle caso a quen verdadeiramente sabe. Aos grandes poetas. Escoitemos, outra vez, a Rilke: Ata que (os recordos e a experiencia da vida) non se converten en nós, sangre, mirada, xesto, cando xa non teñen nome e non se distinguen de nós mesmos, ata entón non pode suceder que nunha hora moi rara, do centro deles, se eleve a primeira palabra dun verso.

    Eu non teño ningunha dúbida. Un verso popular cumpre con máis rigor ese requisito que moitos dos afamados versos vangardistas.

    Domingo, Xaneiro 22nd, 2012 ás 16:15
Aínda non hai comentarios.
Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.
Olark Livehelp
TOP