Powered by WordPress | Theme by mg12 | Valid XHTML 1.1 and CSS 3
  • Investigación ben feita

    Por Manuel Rodríguez Alonso

    Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista

    Armando Requeixo

    Fundación Novacaixa Galicia, Lugo, 2011, 133 páxs.

     

    O crítico literario, profesor e filólogo Armando Requeixo ofrécenos un estudo completo e solvente sobre a vida e a obra do poeta mindoniense Xosé Díaz Jácome. O estudo, que acadou o XXIV Premio Ánxel Fole, interésanos non só polo que di (e por certo moi ben do poeta), senón tamén polos camiños e novas perspectivas que abre para o estudo da literatura e da cultura galegas de posguerra.

    Díaz Jácome é situado por Requeixo no grupo de escritores mindonienses de preguerra, que aparece liderado por Cunqueiro. Nese medio figuran, entre outros e aínda que non sexan estritamente mindonienses, Díaz Castro, Iglesia Alvariño, o propio Fernández del Riego… que manteñen contacto e amizade con escritores de toda Galicia. Mais isto quebra co estoupido da Guerra Civil. Moitos escritores galegos optan pola República e sufrirán a morte, o desterro ou o exilio interior. Mais hai un importante grupo de escritores e intelectuais galeguistas, mesmo membros do Partido Galeguista ou simpatizantes e de non pequena importancia (como o propio Risco, Cunqueiro, Filgueira Valverde…) que optan polo franquismo ou, polo menos, non se opoñen ao franquismo, aínda que tampouco se resistan a abandonar o cultivo do galego ou que o recuperan cando aparecen tempos mellores. Neste grupo, polo dito e investigado por Requeixo, temos que situar a Díaz Jácome.

    O franquismo, como se sinala en todos os estudos sobre a historia da lingua e da literatura galegas, supuxo unha persecución arrepiante contra o galego, pois era considerado sospeitoso de separatismo, un dos demos do franquismo. Mais no franquismo hai matices. Non é o mesmo, falando de escritores galegos, o franquismo dun Eugenio Montes ca o dun Álvaro Cunqueiro ou Torrente Ballester. Montes nunca evolucionou na longa posguerra. Tampouco é a mesma a postura sobre o franquismo dos Cunqueiro e Torrente dos comezos dos corenta que a sostida, por exemplo, na Transición. Por outra banda, o franquismo era camaleónico. Ben é certo que perseguía o galeguismo como sospeitoso de separatismo, mais tamén na célebre teoría do Imperio falaba da prodixiosa diversidade dentro da unidade. Aí están os Coros e Danzas e a súa dedicación á literatura e música ou baile populares. Despois, a partir dos cincuenta, coa entrada na Unesco ou na ONU, que defenden as culturas minoritarias e minorizadas, o franquismo vese obrigado a algúns xestos. O propio Fraga no ano 1955 ante a denuncia da persecución do galego diante da Unesco mantén unha posición de certa moderación, por medo ás opinións internacionais.

    Ademais, dentro do franquismo co paso do tempo vaise producindo nun sector representado polos Ridruejo, Vivanco, Rosales ou Laín, o chamado grupo Escorial, un desexo de recuperar a cultura da República. Froito diso serán os congresos de poesías de comezos dos cincuenta ou as conversas poéticas de Formentor, onde participan tamén poetas cataláns e galegos (por exemplo, en Formentor, Celso Emilio Ferreiro) e onde non faltan os Vivanco, Ridruejo ou Aranguren, noutro tempo convencidos falanxistas.

    Xa que logo, Díaz Castro, como Cunqueiro, sitúase dentro deste grupo de escritores e intelectuais galegos e galeguistas que aceptaron o franquismo ou mesmo non loitaron contra el pola súa defensa do mundo tradicional, a súa relixión, mais que co paso do tempo tentan recuperar, dentro dun credo liberal e tolerante, a situación cultural da preguerra e dos anos trinta. Requeixo sinala ben as actividades de Díaz Castro nas físgoas que deixaba para cultivar o galego o franquismo como eran os xogos florais, os concursos de poesía e mesmo como se van abrindo, especialmente nos cincuenta e nos sesenta, as páxinas dos xornais á literatura e lingua galegas (é moi de ter en conta o que nos sinala Requeixo a propósito do Faro de Vigo na década dos cincuenta e sesenta e dos suplementos que dedica a cultura e literatura e nos tempos en que Díaz Jácome era redactor xefe deste xornal). Os datos, que nos ofrece Requeixo neste estudo, axudan a valorar mellor o labor polo galego e mais pola literatura galega daqueles que non se opuxeron ao franquismo e que mesmo, como sinala a historiadora Ana Cabana, mantiveron unha actitude de consentimento, que lles permitía traballar na prensa da época e vivir da escrita. Iso non quere dicir que non traballasen ao seu xeito a prol da lingua e literatura galegas. A historia da lingua e literatura galegas ten sido inxustas cos escritores deste tipo, entre os que cómpre incluír a Díaz Jácome ou ao propio Cunqueiro. En certo xeito, practicaban o entrismo de Stalin para facer que o galego mellorase a súa posición. Isto non exclúe que fosen persoas de mentalidade fundamentalmente conservadora e dun forte catolicismo.

    Como xa dixen, o estudo de Requeixo é unha invitación, a partir da súa detallada documentación, para meterse nesta parte da historia da lingua, literatura e cultura galegas. A partir dos sesenta o cultivo e defensa do galego está fundamentalmente ligado a posturas de esquerdas e nacionalistas, mais cómpre tamén reconsiderar a achega dos que aquí chamamos os liberais conservadores ou consentidores do franquismo (usado o termo non de xeito pexorativo, senón no sentido que lle dá a historiadora Cabana Iglesia). O libro de Requeixo é unha invitación a esta tarefa polos camiños que abre, pola documentación que achega, que supera con creces o interese para centrar a Díaz Jácome e acada á historia da lingua e cultura galegas na posguerra.

    Requeixo recrea acertadamente o Mondoñedo da etapa 1910-1936, onde destacan a figura de Cunqueiro, o Seminario de Santa Catarina (formador de poetas e latinistas) ou as xuntanzas para falar de literatura, política ou do que cadre. O estudo da actividade de escritor e xornalista de Díaz Xácome na posguerra é un estudo con valor xeneral para a socioloxía da literatura galega, pois amósanos as tremendas dificultades que ten quen quere vivir daquela do cultivo da literatura e como debe, para poder comer, dedicarse ao xornalismo e mesmo ser escritor bilingüe. Tamén o papel que representan os distintos certames literarios, tanto en galego coma en castelán, para que o autor poida darse a coñecer, pois non existen os medios editoriais de hoxe en día. Salienta tamén na actividade xornalística a etapa como director de La Voz de Asturias e a súa loita para ofrecer un verdadeiro xornalismo de información dentro dos límites da lei Fraga, o que lle ocasionou non poucos expedientes administrativos. Na etapa de Faro de Vigo cómpre sinalar, desde o punto de vista da historia do galego e da literatura, as páxinas e suplementos dedicados á cultura, literatura e lingua galegas.

    Requeixo tamén analiza con rigor a obra poética de Díaz Jácome, especialmente Pombal (1963. Por certo, este libro é un dos elixidos como canónicos da historia da literatura galega polo tantas veces citado aquí tomo III do Diccionario da literatura galega) e Muíño fidel (1983). Requeixo, seguindo a liña do devandito Diccionario da literatura, amósanos como á parte da veta neotrobadoresca, hai outras liñas de grande interese na poesía do mindoniense. Teño que dicir que a obra de Requeixo a min fíxome reler o que na miña biblioteca teño de Díaz Jácome e iso é o mellor que se pode dicir para un libro de crítica literaria, que incite á lectura dos textos do autor comentado. Os poemas dedicados a homenaxes a outros escritores, aos pobos ou mesmo as panxoliñas (unha tradición tan minoniense) son acredoras dunha lectura ou relectura.

    Xa que logo parabéns para este libro. Por outra banda, o autor pertence a ese grupo de profesores de secundaria e bacharelato que están a facer, cunha grande escaseza de medios, un labor inxente na filoloxía e crítica literaria galegas (lembro de pasada a Nicolás, Pena, Mera, Eyré, Freita Juvino, Alonso Pintos… e todos os que agora non me veñen á memoria), hoxe por hoxe, moi superior á que se realiza nas facultades de filoloxía ou en centros oficiais como o Ramón Piñeiro ou o Consello da Cultura, especialmente no eido da literatura que se publica hoxe en día, pois son os blogs e artigos destes profesores os que nos ofrecen a literatura galega que sae agora dos prelos e non unha visión funcionarial e resesa desta mesma literatura e cultura, como adoitan facer as facultades de filoloxía e as institucións anteriormente citadas, aínda que sempre son tan coidadosas con dicir o politicamente correcto.  E iso que teñen entre 18 e 21 horas de clase, sesións de avaliación e non sei cantas máis angueiras fronte ás seis horiñas semanais e cursos cuadrimestrais dos universitarios. Enriba teñen que aguantar as arremetidas dalgúns políticos que os caracterizan como vagos… Para todos eles, na cabeza distinguida de Requeixo, persoeiro destacado deste grupo, os nosos parabéns e grazas.

    Domingo, Xaneiro 22nd, 2012 ás 13:12
Aínda non hai comentarios.
Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.
Olark Livehelp
TOP