Por Manuel Rodríguez Alonso
Microbios e outros paquidermos
Fernando Díaz-Castroverde
Galaxia, Vigo, 2011, 134 páxs.
Esta colección de cento vinte microrrelatos mereceu o Premio Narrativa Breve Repsol. Entre estes cento vinte textos hai de todo. Algunhas destas micronarracións están conseguidas, mais outras caen no terreo do chiste, da meditación filosófica ou incluso da greguería extensa.
Fernando Díaz-Castroverde realiza unha nova achega a un xénero que en galego, como ben estudou hai tres anos Xosé Manuel Eyré (Nin che conto. Para coñecer e gozar a micronarrativa. Xerais. 2008), ten unha boa tradición, tanto na literatura popular anónima como entre os narradores actuais, sen esquecer a Dieste, Castelao ou Cunqueiro.
Na devandita obra crítica, Eyré fixa moi ben cales deben ser as características deste tipo de microtextos, ademais da esperada brevidade. O escepticismo, a apertura do desenlace, a sorpresa ou a esixencia dun lector activo, así como os golpes de efecto, especialmente no inicio do texto, como tamén o humor e a ironía, son características que deben presentar, segundo o citado estudoso e crítico, estes textos.
Como xa dixemos no comezo, o autor acerta nalgúns destes microrrelatos, como acontece na maior parte dos dedicados á contraposición home-animais, que a xeito de fábula moderna abren o libro ou nos dedicados a recrear o conto de Aladino. Tamén engaiola o de “Grato oficio”, cun tema tan cinematográfico e mediático como o do asasino en serie. Acerta así mesmo na recreación que fai do tópico do contro tradicional do lobishome.
Mais noutros casos cremos que non cumpre coas condicións que debe ter a micronarración. Nalgúns casos (“Círculo”) falta a sopresa ou a necesaria intervención activa esixida ao lector neste subxénero. Noutros textos estamos perante aforismos extensos que presentan ideas moi banais e tópicas sobre distintos temas máis ou menos actuais (“Transparencia”, sobre os políticos; “Cero” sobre o pensamento débil etc.). Nalgún caso estamos máis que ante unha miconarración ante unha greguería extensa (“National Geografic”, por exemplo, onde mesmo o efecto impactante da greguería se perde porque o autor no remate expica a metáfora). Os textos referidos aos indios caen de novo nesta greguería amplificada e explicada, que fai perder mesmo o encanto da greguería, que reside na sorpresa, e onde faltan o que a narratoloxía denomina as funcións do xénero narrativo, pois estamos realmente perante breves textos ensaísticos.
En fin, xa que logo, hai de todo entre os 120 microrrelatos. Cómpre dicir, non obstante, que os acertos son máis ca os fallos nestes 120 textos e que a maioría deles cumpre co que Eyré lle pide a este subxénero narrativo. Non se pode acertar sempre nin ser sublime sen interrupción, como dicía o célebre poeta. Xa que logo, en conxunto unha colección de microrrelatos que se vén sumar con dignidade á tradición do microrrelato galego.
Dentro dos acertos do libro cómpre consignar tamén a recreación que se fai de motivos e personaxes propios da literatura ou dos medios de comunicación social e o cine(xa vimos a Aladino, o lobishome), de xeito que aparecen espías, policías do cine ous das series de TV, o Gregorio Samsa de Kafka ou mesmo personaxes tomados da teoría literaria como o lector (explícito/implícito) e o personaxe poliédrico.
Desde o punto de vista lingüístico, aparece algún erro sen corrixir, que resulta inxeplicable dado que no xurado que premiou a obra había filólogos profesionais, que ben puideron suxerir as oportunas correccións. Así empregáse reiteramente prenda de roupa no canto de peza. Aparece a incorrección morfolóxica consume no canto de consome (páx. 44). Confúndese mortalidade (porcentaxe de mortes) con mortaldade (número grande de mortos) (páx. 33). En fin, parecen cousas de pouca monte, pero que pensariamos se nunha obra premiada, por exemplo en castelán, alguén conxúgase mal o verbo advertir ou acertar? O primeiro deber dun escritor ou de calquera profesional da palabra é preocuparse por usar unha lingua correcta e libre de castelanismos.