Por Manuel Rodríguez Alonso
As fiandeiras
Antonio Piñeiro
Galaxia, Vigo, 2011, 105 páxs
Tense dito moitas veces que hai excesivos premios literarios e que, ás veces, ata se galardoan obras que non teñen a categoría mínima esixida nun certame de certo presixio. Non obstante, neste caso, estamos perante unha novela curta dunha calidade certa, que, sen ningún xénero de dúbidas, prestixia o premio que lle foi concedido, o García Barros.
O novelista elixe unha narradora que en primeira persoa lembra uns feitos dos que foi testemuña cando adolescente ou mesmo nena crecida. Como adoita acontecer nestes casos, a narradora presenta unha perspectiva dobre dos feitos, pois quen narra non é a nena-adolescente, senón a persoa madura, de xeito que estamos ante a dobre perspectiva adolescente-adulto. Por outra banda, a lembranza sempre supón un plus de fantasía, pois recordar é tamen crear, fantasear, así como unha dose de melancolía e nostalxia.
A narradora é unha aprendiza de fiandeira que lembra o proceso a que son sometidas unhas fiandeiras no remate da I República ou posiblemente nos primeiros tempos da Restauración de 1874, acusadas de cantonalismo por tentaren vender os seus produtos téxtiles á marxe da empresa madrileñaLa Minervaque as explotaba e lles recollía os seus labores na bisbarra da Estrada. Un acerto da novela é que a narradora non asiste realmente ao interrogatorio das fiandeiras, senón que o contempla a través das fiestras abertas da sala onde son interrogadas e oe este interrogatorio de xeito fragmentario mesturado co ruído da máquina de escribir, novidade tecnolóxica daquela, con que se transcriben as devanditas declaracións.
Como quen non quere a cousa, a narradora vai reconstruíndo a vida nos tempos dos améns isabelinos, da I República e dos comezos da Restauración de 1874 na bisbarra estradense. Non é esta unha zona illada, senón unha comarca comunicada co resto de Galicia e de España polos arrieiros que traen e levan produtos de todo tipo dunha incipiente civilización industrial e na que a man de obra, como as fiandeiras, son explotadas por empresas que buscan exercer o monopolio. Cos novos produtos, nas bestas e carros dos arrieiros chegan tamén os xornais e os libros así como as novas ideas de federalismo, cantonalismo e socialismo utópico que popularizan lemas como os de Arriba o traballo. Abaixo os consumos. A terra para o pobo. Esta visión dunha vila galega progresista (cos indianos que chegan tamén con novas ideas como o barbeiro-practicante Sucuruco) e ao tanto das novas ideas como federalismo-cantonalismo ou mesmo o socialismo utópico é un dos engados da obra e que, como afortunadamente está a ocorrer noutros textos galegos, desbotan a imaxe interesada dunha Galicia decimonónica exclusivamente rural, católica e conservadora.
As institucións estatais do liberalismo moderado e os seus representantes son os que se opoñen á liberación económica das fiandeiras. A Igrexa, representada por don Álvaro, exerce un papel moi importante na persecución das fiandeiras. Mais nin o narrador nin o novelista din isto. Deixan que sexa o lector o que o infira da lectura, non aleccionan nunca, só expón a narradora o que sabe, ve ou oe, amais moitas veces de forma fragmentaria. O lector será quen irá recompoñendo todo e mesmo tomando posición.
Cómpre sinalar así mesmo que non só a narradora é unha muller, senón tamén as personaxes que desafían o poder institucional e máis económico representado por La Minerva. Aínda que no grupo das fiandeiras destaquen a Tía Escobar ou A Chiva, estas mulleres compórtanse como un protagonista colectivo feminino que se opón á tiranía política e mais económica, como ben se deixa ver no consello que lle dá a Chiva á narradora cando é levada para o cárcere. E recorda: para que non se rompan as febras deben estar sempre ben unidas. ¿Comprendes? (páx. 102). Este protagonismo da muller na loita social e política é outro acerto, que axuda ademais a desbotar tópicos sobre a muller galega do XIX.
Xa que logo, novela curta, ben construída, que nos ofrece unha visión da Galicia da época da I República e da muller galega daqueles tempos novidosa e acaída, desfacedora de tópicos. Cómpre lela e gozar con ela.
Desde o punto de vista da lingua, rexistramos algún caso de cheísmo: Se esas che queren enganar (páx. 36). Úsase mal o reflexico na oración Límpase a suor da fronte (páx. 93) e nalgún outro caso semellante. Mais, en xeral, o ton da lingua é moi acaído co tema e mais cos personaxes.