Powered by WordPress | Theme by mg12 | Valid XHTML 1.1 and CSS 3
  • O primeiro Bukowski

    Por Manuel Rodríguez Alonso

    Servizo de Correos

    Charles Bukowski

    Tradución de Alejandro Tobar

    Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 2011,  202 páxs.

    A nova editorial Hugin e Munin ofrécenos nunha coidada tradución a primeira novela de Bukowski, onde aparece por primeira vez o célebre Henry Chinaski, alter ego do propio autor, e que se converterá nun dos antiheroes característicos da narrativa universal da segunda metade do século XX.

    Bukowski, que foi realmente carteiro en Los Ángeles, preséntanos nesta novela a peripecia vital do carteiro Henry Chinaski. Ao lado do autobiografismo, pois Chinaski é realmente o alter ego do propio Bukowski, nesta primeira novela é onde Bukowski nos lembra máis o Henry Miller dos Trópicos (o propio Miller exerceu tamén de carteiro, así como o protagonista dos seus Trópicos). Ao xeito de Miller, o sexo puro e duro é a única vía de escape para unha vida profesional, social e persoal frustrante. Igual ca os membros da Beat Generation, seguindo ao seu mestre e grande inspirador, o xa citado Miller, nesta súa primeira novela Bukowski critica o tradicional sistema de vida americano e dános unha visión do mundo americano moi diferente daquela á que nos teñen afeitos as películas de mansións no extrarradio con grandes xardíns e inmellorables piscinas.

    Fronte ao baleiro existencial, o protagonista tenta reaccionar por medio do sexo e do alcohol. O traballo aparece como embrutecedor e alienante. Mais, nos personaxes esnaquizados de Bukowki, como acontecerá tamén nos de Carver, hai sempre algo que nos fai sintonizar con eles. Aparecen como seres náufragos na nosa sociedade moderna de consumo e xúntanse con outros náufragos coma eles, para trataren de solucionar o baleiro existencial, aínda que sexa polo sexo ou o alcohol, sabendo todos que esta relación fracasará. Esta idea de náufragos que tentan non obstante nadar, aínda que sexa axudándose da droga ou do alcohol, vólvenos simpáticos e entrañables estes seres, que acaban afogando sen dar chegado nunca á praia.

    Está fóra de toda dúbida a influencia que escritores como os da xeración perdida americana ou os seus sucesores da Beat Xeneration, do realismo sucio de Carver ou do propio Bukowski teñen sobre a narrativa galega actual (No recente libro de Bieito Iglesias, Contos da terra da tarde, o relato “Corazón de pedra dura”, recrea o tema, presente nesta novela de Bukowki, do bébedo que se trabuca de porta de apartamento e invade o dunha muller). Por iso, ten que ser benvida esta tradución de Bukowski ao galego.

    En canto ao galego que emprega o tradutor para esta versión de Bukowski, estamos de acordo co que di Jaureguizar no seu blog: empregan un galego acaído á situación do relato e mais dos personaxes. O tradutor conseguiu darnos un galego estándar, mais un galego coloquial urbano, que lle acae perfectamente a un personaxe como Chinaski. Cómpre salientar neste sentido a fraseoloxía axeitada que emprega o tradutor, así como algúns coloquialismos tipicamente urbanos como elementa, tipa…, os que conseguen, como xa dixemos, un galego estándar, mais tamén coloquial e urbano. Do mesmo xeito o autor elixe no eido dos sinónimos termos non comúns co castelán, que hoxe están a perder terreo ante o sinónimo igual ao castelán. Así emprega bágoa, acordar (´espertar´), peúgos, doente…

    Non obstante, aparecen algúns erros como reparto no canto de repartición, repartimento (páx. 17), perrucaría (páx. 67) ou prenda (páx.81). Mesmo nalgún caso aparece o castelanismo morfolóxico como en a dentame (páx. 22). Tamén ás veces aparece o castelanismo morfosintáctico no emprego das estruturas reflexivas ou pseudorreflexivas: Sacábame uns 300 dólares por mes (páx.146)/ Andeime con moito ollo (páx. 149).

    Para rematarmos, cómpre sinalar que estamos perante unha moi boa tradución de Bukowski. A nova editorial Hugin e Munin permítenos así acceder aos textos dun clásico contemporáneo  desde o galego e aínda promete máis textos traducidos ao galego, o que non pode ser máis que motivo de ledicia. Como fan algunhas novas editoriais galegas, como as do grupo Rinoceronte, os textos incorporan de novo a figura do corrector de textos, o que sen dúbida ningunha axuda a conseguir estas boas traducións. Por outro lado, o nome do corrector aparece nos créditos do libro. Disto debían tomar nota outras editoriais máis grandes. Xa que logo parabéns e desexos de éxito para esta nova editorial. Con que sigan polo vieiro aberto con esta tradución, onde puxeron o listón alto, xa será un bo logro.

Aínda non hai comentarios.
Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.
Olark Livehelp
TOP