Por Manuel Rodríguez Alonso
Estes días está de actualidade un libro de Coñecemento do Medio da editorial catalá Vicens Vives, porque se afirma nel que a lingua propia de Galicia é o galego e seica non se cita o castelán. A propósito disto, eu quero facer aquí unha meditación sobre a precariedade en que se move moitas veces o libro de texto galego.
En moitos libros de texto de Lingua e literatura galegas (non de todas as editoriais, pero si de moitas) os autores, correctores, revisores e tradutores movémonos cunha censura que nos impoñen de facto as empresas editoriais. Practicamente todas as empresas que operan no eido do libro de texto en Galicia son de fóra de Galicia ou filiais de empresas de fóra, mesmo que teñan nome galego. Nos temas referidos á situación do galego non queren que se sinta ninguén molestado fóra de Galicia e que iso poida pasar aos medios de comunicación españolistas tipo El Mundo, ABC ou determinadas cadeas de radio e televisión. Aí está o affaire de Xerais, pertencente ao grupo Anaya, que tanto aireou El Mundo sobre as viñetas dun libro de texto o pasado curso. Xa que logo os editores dinnos aos autores que non molestemos a ninguén. Por outra banda, os libros véndense en colexios concertados e privados onde hai que ter moito coidado con non molestar o españolismo. Tamén estas editoriais venden libros fóra de Galicia e non queren que xurda un boicot aos seus produtos en Madrid, Andalucía ou noutros feudos do españolis lingüístico, cuxo principal defensor é a Complutense de Madrid, que nas súas instrucións para as PAUs deste ano di que non se faga ningunha pregunta sobre a situación lingüística de España, co que un universitario pode acceder ao ensino superior sen saber que en España hai outras linguas, amais do castelán. A Complutense incumpre as directrices legais de ámbito estatal para o ensino da Lingua. Para que digan que os que non cumprimos coa lei somos nós…
Se se examinan os libros de texto de Lingua e literatura galegas verán na maioría deles que se pasa por alto a situación de diglosia e inferioridade en que se mantén o galego respecto ao castelán a partir do artigo 3 da Constitución, que sinala a obriga de coñecer o castelán, mais non o galego. Tamén se obvian os problemas que causou para a redacción do Estatuto a obrigatoriedade ou non de coñecer o galego ou mesmo non se trata para nada o recurso de inconstitucionalidade á Lei de Normalización de 1983, interposta polo PSOE e García-Sabell. Diso nin falar.
Mais os autores, tradutores e correctores (non se esqueza que non somos funcionarios, senón que cobramos por obra) tamén temos, despois de visto o visto, unha autocensura. Procuramos non desgustar ao patrón editorial porque se se produce unha protesta dos directores dos concertados, dalgúns pais, de Galicia Bilingüe, da prensa españolista…por algo que non lles gusta pois pérdense vendas e iso non está permitido nunha empresa capitalista e competitiva. Eu conto como anécdota que no ano 1996 nun libro de 3º de ESO tiven que suprimir os versos de Curros á chegada da primeira locomotora a Ourense onde se citan monxas e curas, por imperativo editorial, pois prevían que podían irritar en certos colexios privados e concertados… Hai dous anos nun libro en que se falaba da extensión das linguas románicas desde Fisterra a Romanía, Fisterra foi substituído por Tarifa… Eu que levo desde o ano 1977 neste traballo do libro de texto podería contar aínda máis anécdota sobre censura editorial (mais non pola ideoloxía editorial, senón por non perder mercado) e tamén de autocensura.
Os libros que non son de Lingua e literatura galegas adoitan ser na maior parte dos casos tradución pura e dura do castelán, moitas veces sen a máis mínima referencia a Galicia, á súa historia, á súa filosofía etc. Para cubrir as aparencias ponse algún tema dedicado a Galicia e a tirar, ou no mellor dos casos un caderniño.
Por outra banda, feitas as excepcións que hai sempre que facer, moitas destas traducións son realizadas a correr (fanse despois de estar rematado o libro castelán e hai arredor dun mes ou dous para traducir todo un feixe de libros) e non do xeito máis coidadoso posible. Tírase con xenerosidade do tradutor automático e así aparecen cousas como o aguia, o auga, a república italiana de Salgou (Claro, de Saló > Salgou) ou mesmo o que eu atopei nun libro de Física e Química onde en castelán se dicía los haces de electróns inciden sobre la pantalla e o tradutor automático entendeu los haces como pronome + verbo hacer, polo que o traduciu por falos de xeito que a oración quedou en galego falos de electróns inciden sobre a pantalla… E por non falar das materias curmás por materias primas, que tamén temos visto en traducións de Sociais da ESO…
Como se aproveitan as ilustracións e mesmo as fórmulas dos libros en castelán e en galego normativo hai que dicir xuro e non interese e pulo e non empuxe, aínda que no texto se diga xuro e pulo, na fórmula (pois só se cambia o texto) aparece e (empuje) e i (interese)…
Por outra banda, o galego destes libros de texto adoita ser o máis próximo posible ao castelán e sempre se usará aparato e non aparello, suco/seiva e non zume (como é o académico), acantilado e non cantil, lágrima e non bágoa… Mesmo a sintaxe debe ser o máis próxima posible ao castelán e eu incluso hai uns cinco anos atopeime cunha supervisora externa dunha editorial, por certo profesora universitaria e mesmo colaboradora da RAG, que dicía que non se debía usar o infinitivo conxugado porque iso lles resultaba estraño aos rapaces de Primaria e mais do primeiro ciclo da ESO.
Podiamos falar tamén do celo normativo, pois as editoriais, para non ter problemas cos inspectores lingüísticos, o primeiro que che din é: Non queremos nada que non estea nas NOMIG nin no VOLGa , pois non desexamos ter problemas cos inspectores en canto ao tipo de lingua… Así ata os textos literarios se corrixen, máxime cando hai a doutrina nefasta das publicacións corrixidas dos clásicos da época Nós…
Por todo iso, se alguén necesita protección somos nós e non os que se alporizan porque non se cite o castelán e se diga unha verdade científica e máis xurídica como é que o galego é a lingua propia de Galicia. Despois disto do libro de Vicens, as editoriais aínda nos apertarán máis, pois ninguén quere pasar polos atrancos de retirar un libro ou velo atrasado polas correccións. Tampouco queren perder mercado no resto de España, onde os españolistas están cada día máis fortes. Deste xeito, autores e revisores pois máis autocensura. O mellor autor e o mellor revisor-corrector son aqueles que menos problemas suscitan.
Polo que a min respecta, estes temas reafírmanme máis na miña postura de prescindir do libro de texto común para todo o alumnado, e coller o que me interese de cada libro ou elaborar eu o meu propio material.
A todas esas eivas que citas, hai que engadir que temas como a ecoloxía están practicamente ausentes (ou tremendamente desvirtuadas, ou postas ao final do tema nun recuncho)nos libros de texto, a pesar de que hai obxectivos e contidos do currículum que si se centran nela. Ou que é misión pouco menos que imposible encontrar un libro de Coñecemento do Medio de primaria que fale dos parques naturais de Galiza cando se fala da paisaxe e do medio.
Xa non falemos da presenza da muller nos textos…
E a maioría recollen burradas como que ata que Colón descubriu América non se sabía q a terra era redonda; cando Eratóstenes, 200 anos antes de Cristo, xa calculara con bastante exactitude o perímetro da circunferencia terrestre.
En resumo: os libros de texto son españolistas, antiecoloxistas, sexistas…e mentireiros. Non os quero!