Historias urbanas

Ninguén
Fran Alonso
Xerais, Vigo, 2011, 199 páxs.

Os dez relatos breves que compoñen este libro de Fran Alonso presentan unha boa radiografía, tanto física como espiritual, nas nosas cidades e das persoas que as habitan.

Alonso articula os dez relatos a través dunha serie de hoax e fai que o derradeiro dos relatos se basee neste tipo de mensaxes electrónicas. Non obstante, o lector tamén pode entender o conxunto dos dez relatos breves, nalgúns casos case que microrrelatos, como unha historia de personaxe colectivo, que podería ser unha comunidade de veciños de calquera das nosas cidades.

Nos relatos breves Alonso toca moitos rexistros. No primeiro relato, “Veciños”, o autor manexa con destreza o humor e mais o final en paradoxo. Pola contra, “Home Vello e Muller Vella” transita polos camiños do fantástico ou do marabilloso. “Estilo de vida” lévanos ao terreo da caricatura. “Vacacións” crea unha atmosfera kafkiana, que nos amosa como a nosa civilización é un monstro con pés de barro, pois o fallo dunha tarxeta pode desencadear case unha catástrofe vital. “Ninguén”, pola súa banda, emparenta o texto coa literatura do absurdo urbana e mesmo co mellor da Nova Narrativa. Se queremos algo de realismo social ben feito, de novo con boas doses de humor e ironía, cómpre ler “O edificio Benestar Social”.

A soidade urbana, que pode levar á tolemia ou a buscar relacións persoais na rede, aparece moi ben trazada en “Pola boca morre o peixe” ou “Esperando”.

O relato que pecha o libro, “Lista de correo”, non só é unha reflexión sobre os hoax, senón unha presentación axeitada da nova forma de vida e de relacionarse que achegou a rede.

Deixo para o final “Comunidade literaria” onde o autor, con boas doses de ironía e xenerosidade, trata das sempre difíciles relacións entre escritor e crítico literario, que resolve moi ben coa figura da lectora.

Non quero deixar de destacar neste libro o inxente labor de modernización do galego que realiza o escritor. As novas realidades do mundo técnico e do lecer urbanos aparecen acertadamente nomeados en galego, sen ningún tipo de complexo. Obras coma esta fan que se supere dunha vez por todas o famoso complexo lingüístico do que falaba Ramón Piñeiro, é dicir, o que di que o galego non serve para expresar o mundo urbano e moderno. Nun momento en que están a desaparecer e mesmo a ser perseguido o galego como lingua vehicular no ensino para as matemáticas e as materias científicas, hai que agradecer esforzos coma este que fai Alonso para adaptar o galego ao novo mundo urbano e supertecnficiado (tamén outros escritores galegos o fan). Ademais, o lector le ese galego como algo natural e espontáneo. Iso parece moi doado, aparentemente, pero entraña unha gran dificultade.

Malia que poidamos atopar algúns castelanismos (ese Para colmo da páxina 87), cómpre salientar, xa que logo, o bo galego coloquial urbano que consegue Fran Alonso. Por outra banda, o tema urbano e mesmo a extensión dos relatos fai a obra moi aconsellable para ser lida no mundo urbano (mentres esperamos a vez nunha consulta, cando viaxamos nun autobús ou no tren de proximidade, na praia, nunha terraza tomando do sol).

Manuel Rodríguez Alonso

Out 18th, 2011
Comments are closed.