A fin dos fuxidos

A agonía do león. Esperanza e traxedia dos escapados
Carlos G. Reigosa
Xerais, Vigo 2011, 350 páxs.

Manuel Girón foi posiblemente o fuxido que máis sona acadou entre os guerrilleiros leoneses. Na comarca de La Cabrera leonesa Girón rematou convertido nun mito.  Reigosa analiza a súa figura desde diferentes perspectivas e así dános unha visión poliédrica non só da figura deste maquis, senón tamén en gran medida do movemento da guerrilla antifranquista dos anos corenta e comezos dos cincuenta. Un grande acerto do libro é esta visión de Girón desde diferentes puntos de vista, tanto desde a dos seus seguidores coma o dos seus detractores.

O autor emprega técnicas propias da novela para presentar este relato histórico sobre a figura do mítico fuxido de La Cabrera Manuel Girón. Deste xeito, como xa indicamos e lonxe da haxiografía fácil, o autor presenta unha visión perspectivista e poliédrica da figura de Girón e dos seus. Mesmo o relato da morte de Girón enfronta versións profundamente antitéticas. O mesmo acontece sobre a posible traizón da súa compañeira Alida. Terá que ser o lector o que elixa a versión que lle pareza máis verosímil.

Do mesmo xeito, recorrendo a analepses ou voltas atrás no tempo, o autor reconstrúe na medida do posible o pasado de Girón anterior á súa vida como fuxido. Mesmo bota man do xénero do libro de viaxes, na liña popularizada por Cela ou por Goytisolo, para describir a comarca de La Cabrera nos anos anteriores á Guerra Civil, durante a inmediata posguerra e na actualidade.

Incluso o autor utiliza técnicas propias da metaliteratura cando vai pondo ante os ollos do lector o proceso de investigación e de construción do libro e non faltan tampouco as intertextualidades, entre as que destacan as alusións ao libro de Ramón Carnicer Donde las Hurdes se llaman Cabrera.

Xunto á ben construída figura de Girón, o protagonista indiscutible, destacan así mesmo a da súa compañeira Alida González ou a do seu astuto e implacable perseguidor, o comandante da Garda Civil Miguel Arricivita. Non menos interesante e ata enigmática resulta a do suposto traidor e asasino de Girón, José Rodríguez Cañueto.

Cómpre sinalar así mesmo o ben trazado que está o ambiente vivido na República (impresiona a figura do mestre-alcalde comunista que ensina a ler por quenda a todos os veciños do lugar, desde os cativos ata os vellos, e que rematará asasinado polos falanxistas en 1936), o estoupido da Guerra Civil e as condicións difíciles da posguerra. Como di un dos personaxes a Guerra Civil na Cabrera durou quince anos, ata que morreu Girón.

Xa que logo, cómpre ler este libro para ter unha visión de primeira man e apartidista non só sobre os fuxidos, senón sobre a Guerra Civil e tamén sobre as condicións da posguerra e mesmo da actualidade.

Só lle temos que reprochar a este libro algúns erros lingüísticos que son especialmente rechamantes en quen, como o autor, asinou un dicionario de dúbidas e erros do o castelán de certo éxito hai uns cantos anos. Debería o autor prestar a mesma atención ao galego ca a que lle presta ao castelán e evitar erros tan rechamantes como para colmo (páx. 77, pois colmo en galego como estamos cansos de dicir só é ´palla seca´), aportación (páx. 103, no canto de achega) ou o castelanismo salvar o pelexo (páx. 139; en galego pode haber pelellos, mais nunca pelexos). Confunde rachar con romper, pois non se poden rachar os cristais cunha pedra (páx. 146). Usa o castelanismo finca (páx. 155). Conxuga mal o verbo descubrir: descúbrese (páx. 157). Aparecen así mesmo castelanismos como cruce por cruzamento ou o uso inapropiado do chamado pseudorreflexivo (levouse por diante a varios enlaces, páx. 265). Debería tamén evitar o uso reiterado e castelanista da preposición a co CD de persoa ou o emprego de expresións calcadas do castelán: a toda custa (páx. 292).

En fin, libro que hai que ler, se queremos ter unha boa memoria da nosa historia recente, mais que en futuras edicións tería que corrixir castelanismos como os sinalados, pois aínda que aparece asinado entre Madrid e A Pastoriza, ten erros que un falante normal da Pastoriza non cometería. Viríalle ben ao autor parolar en galego coa xente da Pastoriza e mesmo co seu alcalde, un reputado catedrático de galego e lexicógrafo de mérito.

Manuel Rodríguez Alonso

Xuñ 15th, 2011
Comments are closed.