Powered by WordPress | Theme by mg12 | Valid XHTML 1.1 and CSS 3
  • A poesia enteira de Lois Pereiro

    Poesía completa
    Lois Pereiro. Edición de Ana Acuña
    Xerais, Vigo, 2011, 223 páxs.

    Grazas a este volume pulcramente ordentado e editado por Ana Acuña o lector e ata o estudoso poden acceder de xeito doado e mais eficaz a totalidade da obra poética do autor homenaxeado este ano no Día das Letras.

    A editora analiza nun breve pero substancioso prólogo a obra poética de Pereiro. Sitúa os comezos poéticos do autor no grupo madrileño que publica a revista poética Loia, cara a 1975. Brevemente sitúa o grupo de universitarios galegos en Madrid que, por aqueles anos da Transición, crean un grupo poético, que tanto nos lembra os Brais Pinto, ao que pertencen Manuel Rivas, Fermín Bouza, Antón Patiño e o propio Lois. Algún día haberá que estudar a importancia que tivo para a literatura galega a saída fóra de Galicia dalgúns dos seus escritores. Lembremos a importancia de Madrid ou Barcelona como núcleos de literatura galega pois por alí andaron na súa etapa formativa caracterizados membros de Nós, por non facer referencia aos Brais Pinto ou aos actuais Domingo Villar, Carlos G. Reigosa, Camilo Valdehorras, Basilio Losada…

    Brevemente, mais de xeito completo, a prologuista-editora sitúa o lector no mundo de lecturas, mais tamén musical ou cinematográfico de Lois Pereiro.

    A editora opta por colocar como comezo da produción poética de Pereiro Poemas para unha Loia, aducindo que aínda que se publicou como libro en 1997, foron escritos entre 1975 e 1977 e publicados nos catro números da devandita revista poética galega Loia, editada en Madrid. A editora inclúe a referencia a variantes destes textos, mais sen as citar, o que sería de utilidade. O mesmo acontece con poemas doutros libros. Reserva así mesmo a sección “Outros textos” para recoller os poemas que o autor non incluíu nos seus libros.

    Tamén con moi bo criterio respecta a ortografía e o galego de textos que por seren anteriores á normativización do galego presentan diverxencias coa actual normativa. Hai que felicitar a editora por esta decisión. Aínda lembramos as obras da xeración Nós editadas modernamente, especialmente por Galaxia, onde se adapta non só a ortografía senón outros aspectos lingüísticos da obra á Normativa oficial, co que se desvirtúa a obra. O prólogo péchase cunhas interesantisímas referencias bibliográficas para comprender mellor a Pereiro. Xa que logo, o labor da editora non puido ser máis pulcra. Parabéns por ela.

    Deste xeito, todas as persoas interesadas na obra de Pereiro téñena ao seu dispor e poden gozar dela. Cómpre advertir que hai que fuxir na lectura desta obra do autobiografismo estrito. Pereiro recupera evidentemente o eu, mais non é un eu autobiográfico, como se podería desprender dese impresionante libro que é Poesía última de amor e enfermidade. O eu lírico de Pereiro, coma o de moitos poetas contemporáneos (Pessoa, Ezra Pound…), contén evidentemente elementos autobiográficos, pero é un eu ficcional creado a partir destas experiencias vitais do poeta, mais tamén a partir das lecturas, dos modelos literarios que lle proporcionan as lecturas, as películas, a música ou mesmo as iconas das culturas de masas. En definitiva é o que se coñece co nome da máscara do escritor.

    Así, o poeta viaxa pola súa intimidade, marcada pola enfermidade (efectivamente Pereiro estivo gravemente enfermo pola intoxicación do aceite de colza e pola sida) e pola presenza da morte, pero faino distanciado. Percórrese a si mesmo como alguén que vén de fóra. E, entre outras cousas, atópase coa dor que produce a enfermidade e a certeza de que a morte está aí, marcada mesmo cun prazo fixo. Mais tamén tenta superar vitalistamente esta morte co amor, co sentimento de sentirse amado polos amigos e os que o tratan. Xa que logo, non é só un poeta da morte e da enfermidade, senón un vitalista, que asume a certeza de que a angustia, a soidade, a enfermidade e a morte tamén están aí.

    O lector implícito goza con esta poesía e ata certo punto séntese identificado con este eu lírico e ficcional (aínda que sexa baseado no autobiográfico) que nos ofrece o poeta, porque todos sentimos a ameaza da enfermidade e da morte, malia que gocemos dos praceres da vida, da amizade ou do amor. Neste sentido é significativo o poema “Dese a superficie dun novo / e imprevisto salvamento”.

    Xa que logo, animamos á lectura desta obra poética de Lois Pereiro, mais tendo en conta que non é, malia todo o que se leva escrito, unha poesía autobiográfica, senón o percorrido dun eu ficcional, que tenta coñecerse a si mesmo, elaborado desde as vivencias persoais do poeta, mais tamén desde o eu ficcional que forxa, eu ficcional que ten elementos da poesía clásica grecolatina, de Quevedo, os simbolistas, os poetas malditos, Bernhard, Ezra Pound, Manuel Antonio, Lou Reed… Mesmo a imaxe que se ofrecen estes días do poeta teñen un moito de composición ficcional, dentro dun dandysmo literario moi ben comprendido e utilizado por Pereiro.

    Manuel Rodríguez Alonso

Os comentarios están pechados.
Olark Livehelp
TOP