Largo e ancho
Hoxe en día a Real Academia Galega nos seus dicionarios considera largo e ancho como equivalentes e sen preferencia por ningún dos dous en todas as súas acepcións, agás na de ‘cheo de vaidade’, en que só admite ancho.
Non obstante, no Dicionario básico da lingua galega (1980), do Instituto da Lingua Galega ancho aparece rexistrado como adxectivo e substantivo cos mesmos significados básicos que ten en castelán (adx. ´Que mide moito de lado a lado´ e s.m. ‘Medida tomada de lado a lado’). Curiosamente, neste dicionario, largo definese igual ca no castelán, como ´o que ten os dous cabos moi separados´e engádese que é sinónimo de longo. Tamén di que o seu antónimo é corto (sic).
A primeira edición do Xerais (1986) (que tivo un grande éxito e que funcionou realmente como elemento normativizador de primeira liña, grazas ao prólogo de autoridade de A. Santamarina, daquela voceiro do ILGa, e de que os seus autores aseguran que puideron utilizar unha primeira versión do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega, que estaba a elaborarse daquela) define largo na súa primeira acepción como ´que ten largura´. Largura é definida como ´Lonxitude´. Xa que logo, ofrécese a mesma situación ca no castelán. Deste xeito falariamos do largo e da largura como lonxitude, en oposición a ancho e anchura. Ademais largo sería sinónimo de longo e antónimo de curto.
Esta situación cambia parcialmente en 1988. Un equipo do ILGa publica en Galaxia o inadecuadamente titulado Diccionario normativo galego-castelán (pois, temos que lembrar que, de acordo coa Lei de Normalización Lingüística, a única institución que ten capacidade normativizadora é a Real Academia Galega e os autores arróganse unha capacidade normativizadora que non lles corresponde por lei) xa que largo pasa a ser definido en castelán como ´Amplio, vasto, espacioso´, pero xan non como ´longo´. Non obstante, o largo galego nunca se fará sinónimo ou mesmo substituto de ancho, anchura, como acontecerá en futuros dicionarios.
Esta situación normativa cambia totalmente co Diccionario da lingua galega da RAG e do ILGa de 1990. Este dicionario establece que ancho só significa ´que ten moita extensión, amplo, folgado´. O mesmo acontece con anchura. Ademais engade en observación: “O uso de ancho por largo é un castelanismo”. Xa que logo a RAG establece que as formas que debemos empregar normativamente para aludir á dimensión que se opón á lonxitude deben ser largo, largura. Engade ademais na entrada largura, en observación: “O uso da palabra anchura co sentido de largura é un castelanismo”. Esta situación mantena a Real Academia Galega no Pequeno diccionario da lingua galega publicado en 1993, especialmente pensado para o ámbito do Ensino Primario.
A nova situación académica é asumida polos dicionarios galegos e así a edición do Xerais de 1993 (a cuarta deste dicionario de tan gran difusión entre alumnado e profesores) repite a proposta académica de 1990-1993. O Vocabulario de matemáticas publicado en 1995 polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago impón como únicos equivalentes para os termos casteláns ancho, anchura os galegos largo, largura.
Quen isto escribe, que daquela se dedicaba á tradución e á corrección de materiais para Ensino Primario, Ensino Secundario e Bacharelato, optou pola solución académica, de tal xeito que os anchos, anchura do castelán pasaron a ser todos largo, largura. Así ancho, anchura só quedaba para os sentidos de ´amplo, folgado, amplitude´ (teño que informar aos lectores de que a maioría dos libros de texto que usan os nosos escolares están traducidos dos casteláns, moitos deles sen ningún tipo de adaptación ao galego e ata en moitas ocasións a tradución do galego ao castelán está feita con tradutor automático revisado por alguén con coñecementos de galego).
Daquela, especialmente procedentes do ensino privado, mais tamén do público, recibimos un bo feixe de protestas por parte do profesorado de matemáticas e mesmo de pais que axudaban nos deberes aos seus fillos de que era horrible iso de falar de largo, largura e longo, longura, desbotando ancho. Xa bastante tiñan con que os rapaces, moi castelanizados, soubesen que largo non era longo para agora facelo substituto de ancho. A moitos custounos ferro e fariña conseguir que as editoriais seguisen o criterio que daquela mantiña a normativa académica. Mais, os que pensamos que cómpre obedecer a Academia (aínda que poidamos non estar de acordo con ela), máxime na lingua usada polos escolares, conseguimos, polo menos quen isto escribe, que os xefes das editoriais lles desen o visto e prace a largo, largura e que desaparecesen ancho, anchura como tecnicismos matemáticos.
Mais no ano 1995 a Real Academia Galega, como adoita dicirse coloquialmente, deixou co cu ao aire os seus defensores perante as editoriais que traducen os seus libros do castelán (e que nin sequera os adaptan), pois decidiu que ancho, anchura e largo, largura son sinónimos equivalentes e sen preferencias. O Diccionario da Real Academia Galega de 1995 dá como sinónimos sen preferencias ancho-largo e anchura-largura. O último dicionario publicado ata o de agora pola RAG, en 2004, o Dicionario castelán-galego ofrece como equivalentes aos casteláns ancho-anchura os galegos ancho, largo, anchura, largura, sen preferencias, aínda que nos exemplos con que aclara as equivalencias usa sempre ancho-anchura.
Os dicionarios de uso máis habituais axiña adoptan este novo criterio académico. Así o Gran Xerais de 2000 considera como equivalentes e sen preferencias ancho-anchura e largo-largura. A mesma situación mantense no Gran Xerais de 2009.
Resulta sorprendente que o Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega de 2004 non trate este tema. Na entrada largo limítase a decir que non se pode usar como sinónimo de longo e que significa ´amplo, extenso, vasto, espazoso e, en sentido figurado, xeneroso, liberal, espléndido´. Polo que se ve os autores do Dicionario Galaxia de usos e dificultades non coñecen para nada o problema e andan aínda coas posicións anteriores ao ano 1990. É normal e non sorprende ao consultor deste dicionario feito por un equipo da Universidade de Vigo, que descoñece as achegas dos últimos dicionarios académicos e que resulta un monumento á falta de rigor e seriedade, pero así anda a nosa lingua en mans de filólogos tan pouco coidadosos.
Tras a nova decisión académica do ano 1995 as editoriais xa tiveron poucas dúbidas e desapareceron en xeral dos libros de matemáticas largo/largura, para volveren reaparecer ancho/anchura. Como xa dixemos, a Academia volveu deixar co cú ao aire os seus defensores. Non sabemos que razóns moveron os académicos a este novo trasacordo ou que cambios tan profundos se produciron na lingua galega entre 1993 e 1995 para que largo/largura pasasen a ser equivalentes sen preferencias de ancho/anchura, máxime cando os directores e responsables dos dicionarios da RAG son sempre os tres tenores (Constantino García, A. Santamaria e M. González).
De acordo co que establece a RAG nas NOMIG de elixir as formas comúns co portugués, especialmente na linguaxe técnica e científica, e tamén as que estean máis representadas no ámbito románico, a preferencia debía ser por largo/largura. Mais unha cousa é a teoría na Academia e outra parece ser a práctica. Xa que logo, o que teña folgos lles conte esta historia aos seus alumnos e que cadaquén pense o que lle pete sobre estes trasacordos da RAG, que o único que fan é achegarnos cada vez máis ao castelán.
Mais o problema que acabamos de tratar posiblemente xa sexa ocioso grazas a política galeguicida do PP e dos seu director anxo exterminador do galego (como ben lle chama Eyré) Anxo Lorenzo (parece mentira que este home sexa filólogo galego e profesor de galego), que acaban de suprimir do ensino obrigatorio as matemáticas en galego, que deben impartirse en castelán. As matemáticas teñen entre o alumnado e os pais un prestixio mítico e que ben lle viña ao galego que se impartisen nesta lingua, pois os alumnos deixaban de identificar o galego só como lingua das letras (que iso é o que é basicamente o Coñecemento do Medio), coma se non valese para as ciencias. Pero, agora este novo decreto de plurilingüismo obríganos a todos a ter matemáticas en galego. Esperamos que os colectivos que tanto defenden a liberdade de lingua (PP, Galicia Bilingüe, medios de comunicación como Faro de Vigo ou La Voz de Galicia ou os madrileños como El Mundo, Intereconomía, Libertad Digital, ABC…) apoien o dereito a ter matemáticas en galego ao mesmo tempo que en castelán, segundo a súa postura de bilingüismo cordial, que en realidade é só de monolingüismo en castelán.
Eu coido que algún día volveremos ter, por lei, matemáticas en galego e ata diremos normativamente largo/largura e non, coma no castelán, ancho/anchura. Só cómpre votar con tento para botar os que queren acabar co galego. Eu desde aquí tamén recomendo non mercar todos aqueles medios que atentan contra o galego e defenden este plurilingüismo cordial, que realmente debemos chamar monolingüismo castelán.
Manuel Rodríguez Alonso

En Entrimo e Lobios hai rúas que teñen como en portugués «largos». Chamanlle dese xeito a aqueles espazos onde unha rúa se fai máis «ancha» facendo unha pequena praza.Son formas vivas na fala cotiá e coido que tamén están vivas noutros sitios. Tamén están vivas «portén» en Acebedo do Río, Celanova, para expresar que alguén ou algo ten que ver con nós, é da nosa familia ou do noso interese,ou «paría», estar moi ansioso, non poder para de moverse.Non sei cal é razón de que non aparezan nos diccionarios normativos pero si por exemplo no de Don Eladio que di de «portén» que unha palabra moi galega