Powered by WordPress | Theme by mg12 | Valid XHTML 1.1 and CSS 3
  • Un reporteiro con futuro

    A coroa de Napoleón
    Santiago Jaureguizar
    Xerais, Vigo, 2010, 124 páxs.

    Santiago Jaureguizar presenta neste relato dedicado a un público xuvenil a figura dun mozote de bacharelato metido a reporteiro intrépido que investiga o roubo da coroa imperial de Napoleón nos actos conmemorativos da batalla de Elviña en 2009. O libro é o número 2 dunha serie iniciada por outra entrega que ten por protagonista o mesmo rapaz intrépido (Tintimán). Isto fai pensar que a serie continuará con outros relatos de misterios que terá que resolver o devandito Tintimán. En principio, o proxecto resulta moi atractivo e, polo lido neste número 2 da serie, indubidablemente ten un futuro prometedor.

    O desencadeante do relato e o roubo da coroa imperial de Napoleón, que fora traída á Coruña co gallo dos actos que se celebran en conmeración do bicentenario da batalla de Elviña (1809). Tintimán, que estaba destacado como reporteiro nos devanditos actos, asiste ao roubo da coroa por parte dun misterioso xinete vestido de negro e ha de atopar a devandita coroa. Na súas pescudas o rapaz reporteiro-detective é axudado polo seu inseparable gato Señor Gozni.

    Cremos un acerto a elección dun rapaz de bacharelato como protagonista. Isto permite a empatía e mesmo a identificación do lector xuvenil co protagonista. A elección do gato, símbolo da intelixencia e da sagacidade, como axudante bótalle ao relato unhas pingas de elemento fantástico que tamén lle acaen.

    Na creación dos personaxes así mesmo adoita acertar o novelista, aínda que lle teñamos que dicir que non estamos de acordo coa relación un chisco machista que o protagonista mantén coas rapazas, mesmo no xeito de dirixirse a elas con eses nena, preciosidade, que resoan a machismo rancio. Tamén rexeitamos a caricatura que se fai da limpadora cubana do xornal Diario Galego, Ariadna Cienfuegos, porque pode suscitar sentimentos racistas. Pola contra, o autor acerta plenamente ao presentar o medio familiar do protagonista, onde salientamos a relación Tintimán-Anselmo, como mostra de relación entre personaxes moi ben tratada, ou a da figura do director do xornal.

    Cremos que o novelista debía coidar un pouco máis a articulación dos feitos principais da novela, os que crean o desenlace ou fan camiñar cara á solución dos problemas e misterios que se deben resolver na novela. Que a coroa se atope só pola chamada ao xornal dun  anticuario e que sexa o gato quen dea con ela amosa un traballo pouco concienzudo na articulación do argumento e unha especie de gana de rematar logo. O mesmo acontece coa resolución do misterio da pantasma do palacio de Cornide. No futuro o novelista terá que prestarlle máis atención á estrutura do argumento.

    O libro, como debe facer a literatura xuvenil, abre camiños a novas lecturas e a novos coñecementos como a Guerra da Independencia en Galicia, os ilustrados galegos, o franquismo en Galicia, os nazis, os celtas, María Pita… É un grande acerto, pois a literatura xuvenil ten que servir para excitar a curiosidade do rapaces cara á adquisición de novos coñecementos e á procura doutras lecturas.

    A lingua resulta tamén apropiada para o público xuvenil ao que se dirixe a novela. Hai un esforzo por usar estruturas que hoxe están a desaparecer da linguaxe dos máis novos, como pode ser o emprego case sempre acaído do infinitivo conxugado. Hai que salientar o esforzo que realizan este e outros novelistas en incorporar ao galego os termos novos dos mozos como bollycao, politono, donuts… Así mesmo é un acerto a reprodución do castrapo dun grupo de señoras coruñesas.

    Con todo, observamos na lingua algúns erros que, dado que esta novela vai dirixida a un público xuvenil e mesmo posiblemente sexa proposta como lectura en moitos colexios e institutos, debe corrixir en futuras edicións. Así colócase mal o pronome átono en Chamou a Bolechas e el se ocupou de facermo chegar… (páx. 18); aparece o lleísmo en lle irritaban os agarimos (páx. 34); aparece usado incorrectamente o infinitivo conxugado nunha perífrase: comezan a avanzaren (páx. 39); ás veces o réxime pronominal dos verbos reproduce o do mal castelán: que a telefonaría (páx. 54); rexístranse castelanismos como angarella en singular, lentes en masculino, empuxe, chuletas, antiface… Debe corrixirse o significado que se lle outorga a arrebolar que en galego e ´lanzar algo contra alguén´e non ´quitarlle con forza algo a alguén´ e evidentemente non se pode arrebolar unha coroa para roubala, como se di na páxina 59. Así mesmo habería que ser un chisquiño máis coidadoso con algunha expresión e evitar traducións castelanistas como derradeira volta de porca (páx. 115).

    En canto á portada do libro e ás ilustracións son moi apropiadas para o tipo de lector ao que se dirixe o relato. Xa que logo, malia as tachas que sempre hai en toda obra, este relato é especialmente acaído para ser proposto como lectura na materia de Lingua e Literatura Galega no primeiro ciclo da ESO. Sen dúbida ningunha entreterá os lectores desta franxa de idade e servirá tamén para incitar á lectura. Estamos ante unha serie que vai ter futuro. Augurámoslle a Tintimán longa vida e novas saídas. No remate deste número 2 xa promete unha investigación sobre a muralla de Lugo, que esperamos ler pronto.

    Manuel Rodríguez Alonso

Os comentarios están pechados.
Olark Livehelp
TOP