Powered by WordPress | Theme by mg12 | Valid XHTML 1.1 and CSS 3
  • Moi boa música

    Settecento
    Marcos Calveiro
    Xerais, Vigo, 2010, 185 páxs.

    Marcos Calveiro reincide no eido da novela histórica e reconstrúe agora a peripecia vital de Vivaldi na Venecia do século XVIII, mais tamén cun salto ao Santiago do mesmo século, nun contrapunto moi ben logrado. A novela, culturalista e ás veces dunha linguaxe altamente poética, entretén a calquera lector e Calveiro consegue nesta obra que gocen coa lectura todo tipo de lectores, tanto os que só buscan un pasatempo coma aqueles que procuran o culturalismo ou mesmo as excelencias dunha linguaxe preciosista de gran forza poética.

    O corpo central da novela é a reconstrución da vida de Vivaldi na Venecia do século XVIII. O relato principia cunha descrición poética da cidade que está perfectamente conseguida. Nesta cidade vitalista e proxectada cara á arte e á música, mais así mesmo á intriga, o proveito económico e ata o crime, vive Vivaldi na súa gloria, mais tamén no comezo da súa decadencia. Como é xa un tópico no mundo da música –lembremos a película sobre Mozart–, Vivaldi ten tamén en Venecia o seu envexoso que loita por destruílo: Benedetto Ricotta. Malia ser un tópico o tema da envexa do mediocre cara ao xenio, Calveiro sae moi airoso neste asunto, máxime cando a vinganza de Ricotta se acabará volvendo contra el e entra dentro da mellor tradición do que un lector con formación coida que ten que ser unha vinganza veneciana chea de intriga.

    A figura que de Vivaldi traza o novelista engaiola o lector. Ese contraste entre o músico excelso, mais ao mesmo tempo obsesionado por obter cartos para poder sufragar os seus moitos gastos e o gusto pola boa vida ou a obsesión sexual ofrecen unha visión poliédrica do personaxe que resulta moi suxestiva. A galería das mulleres relacionadas dun xeito ou doutro con Vivaldi tamén é moi positiva, desde a malvada Caterina á sacrificada Paolinna. As descricións dos paseos e marchas nocturnas de Vivaldi e doutros personaxes por Venecia teñen unha plasticidade propia do cine. O elemento fantástico da estatua do león que os vixía eu creo, non obstante, que resulta innecesaria e prescindible.

    Manexa ben Calveiro a estrutura da novela con anticipacións ou prolepses de feitos (como o episodio da presenza e morte de Aldo en Santiago), que converten o lector nun colaborador activo do narrador, de xeito que este lector se sente compracido ao ir atando cabos e recompoñendo a historia pola súa conta. As relacións humanas, especialmente as amorosas, son tratadas así mesmo dun xeito acaído, con esa mestura de amores-desamores entre Aldo-Caterina-Casanova, Anna-Vivaldi-Carlo… A historia da morte de Graziella e os seus antecedentes caen dentro do tópico sobre a intriga que o lector con certa formación cre propia de Venecia, mais o novelista resólvea sen caer no tópico.

    Destaca na novela o anaco que dedica á descrición da fame en Santiago, cos exércitos de aldeáns famentos que invaden as rúas da cidade pedindo esmola. Parécenos unha homenaxe ao célebre anaco que Murguía dedica á descrición da fame de 1853 en Los Precursores. Se en Venecia gozabamos coa súa beleza decadentista, aquí o novelista vese que domina a chamada estética da fealdade.

    Xa que logo, novela histórica, culturalista, cunha linguaxe moitas veces altamente poética especialmente rica é na transmisión das sensacións –olores, ruídos, mesmo sensacións táctiles–, na descrición das cidades e lugares onde se desenvolve o relato, entretida e que, malia utilizar tópicos, como poidan parecer os da bela e a besta (a relación Vivaldi e Anna, por exemplo), a envexa perante o xenio (Ricotta-Vivaldi), a decadencia na vellez de quen de novo foi rico e famoso (Vivaldi), a muller anegada (Paolinna) fronte á muller perversa (Caterina), os personaxes intrigantes de Venecia, o contraste entre a Venecia amante da arte e a Venecia obsesionada polo negocio ou o Santiago aferrollado polo clero e a Inquisición produce no lector unha sensación positiva e anovadora do tópico.

    Xa sinalamos a calidade poética da linguaxe desta novela. Por outra banda, Calveiro amosa un verdadeiro interese por construír un galego rico, cun vocabulario variado e enxebre. Con todo, cremos que, ás veces, o autor abusa da anteposición do adxectivo, pois soan mal cando aparecen en posición anteposta adxectivos claramente caracterizadores ou clasificadores (venial blasfemia, páx. 91;  a barroca representación dun melodrama, páx. 89). Tamén nos resulta rechamante nun escritor con tanta preocupación lingüística os erros no emprego de che/te: o teu silencio delátache, páx. 125; ese rapaz non te convén, páx. 125; atareiche a min cun cabo, páx. 139; trateiche coma a un fillo, páx. 140. Así mesmo, por ultracorrección, utiliza como intransitivos e non como pronominais os verbos escapulir e esvaecer. Usa inadecuadamente quecer como transitivo, cando sempre é intransitivo, no canto de quentar: para quecelo (o pote), páx. 43. Son erros que afean a calidade lingüística da novela e que coidamos que o autor, tras unha relectura do texto, corrixirá en futuras edicións.

    Polo tanto, novela histórica sobre Vivaldi que nos achega á figura poliédrica do gran compositor, mais tamén que reproduce con acerto, entre outros lugares, a Venecia e o Santiago do século XVIII. É un libro que os afeccionados á lectura deben meter no saco de lecturas que facer este verán.

    Manuel Rodríguez Alonso

    Mércores, Maio 26th, 2010 ás 19:57
Os comentarios están pechados.
Olark Livehelp
TOP