A memoria que non cesa

O cabo do mundo
Xabier Quiroga
Xerais, Vigo, 2009, 325 páxs., 19 €

Dentro da novela galega contemporánea podemos establecer un subxénero que foi definido hai pouco de forma certeira polo profesor estadounidense John Thomson como novelas da memoria, é dicir, novelas que tentan reconstruír a sublevación franquista e a represión que orixinou, mais que non quedan na pura análise da sublevación do 36, senón que se mergullan tamén nos anos da República e na análise dos corenta anos de represión do franquismo. Esta nova achega narrativa de Xabier Quiroga é un exemplo acaído deste subxénero de novela, tan vital hoxe na literatura galega.

O novelista, sabémolo pola nota final, opta polo recurso do manuscrito encontrado, pois o texto novelesco é a narración en primeira persoa do protagonista, que tenta reconstruír o pasado do seu pai –posiblemente un membro das patrullas do mencer, que paseaban republicanos– e que edita o seu amigo e axudante nesta pescuda Xosé Manuel Reina.

A investigación do protagonista-narrador é suscitada porque, no enterro do seu pai, “un velliño moi vello” lle berra ao cadáver do pai: “Adeus, asasino”. O protagonista, un profesor e novelista, na mellor liña do personaxe intelectual rico e conflitivo, tentará descubrir o significado destas palabras. Por outra banda, emprende esta pescuda desde unha situación límite, pois padece un cancro, que será causa da sua morte. Mais, antes de morrer e por consello-imposición do seu amigo e axudante Reina, escribirá a xeito de narración en primeira persoa o proceso desta investigación sobre o pai.

Xa que logo, estamos perante unha novela da memoria histórica. O autor utiliza fontes históricas, mesmo fala con historiadores reais que escribiron libros e artigos sobre a represión franquista, especialmente no concello do Saviñao, lugar onde actuou o pai. Por todas as partes atopa con muros de silencio, mesmo nas institucións. A novela é deste xeito unha boa reflexión sobre os atrancos que sofre a recuperación desta memoria histórica entre as que cómpre citar a actitude negativa das propias autoridades, o pacto que se fixo na Transición de evitar estes temas, a posición dos propios historiadores afectos ao poder que non queren tocar o asunto ou mesmo que na Transición e na actualidade os represores e os seus fillos seguen a ocupar postos de importancia na política, na economía ou na sociedade. Neste sentido a investigación sobre a figura do xefe da patrulla do mencer, o alcalde perpetuo do Saviñao D. Evaristo Moreiras, na ficción, así como sobre o seu fillo, importante empresario na actualidade, atopa todo tipo de obstáculos que o protagonista, coa axuda de Reina, irá superando.

A novela pode entenderse deste xeito como unha novela ensaio sobre as dificultades que se achan na recuperación da memoria histórica. Ás aludidas no parágrafo anterior hai que unir principalmente o medo que o franquismo meteu no corpo das propias vítimas da represión e nas súas familias. Cómpre calar para non ter novos problemas e ata na actualidade os netos teñen que gardar silencio, pois os herdeiros dos represores son, ás veces, poderosos abondo e non se sabe nunca como se poden vingar.

Como adoita acontecer nestas novelas da memoria, a falta de datos fai que o novelista teña que imaxinar moitas veces como foron os feitos, de tal xeito que se mesturan realidade e ficción. Tamén o mesmo proceso de pescuda se converte nunha aventura persoal e mesmo enfronta o investigador coa súa propia realidade persoal. Desta forma o narrador-protagonista Carlos Pereiro, a partir da investigación da vida do pai, enfróntanse coa súa propia vida, a súa infancia, a súa adolescencia, o seu fracaso matrimonial ou a súa derradeira relación amorosa cunha antiga alumna brasileira.

A novela, como adoita acontecer con outras deste subxénero, convértese en sucedáneo da historia. Entra onde os historiadores non se atreven a entrar: as figuras dos represores e non dos reprimidos. Nas investigacións históricas adoita falarse dos reprimidos e asasinados con nomes e apelidos, mais cálanse moitas veces, polos motivos devanditos, os nomes, actividades e cargos dos represores.

Esta novela afonda non nos reprimidos, aínda que tamén o fai, senón nos represores. Aí reside outro acerto. Na figura do alcalde asasino e xefe das patrullas do mencer moitos dos que xa temos algúns anos estamos a ver persoeiros dos franquismo da nosa infancia e das nosas bisbarras, dos que todos sospeitabamos que fixeran cousas horribles, mais ninguén falaba diso porque o medo non deixaba abrir a boca. E hoxe, o que tenta recuperar esta memoria da infamia, segundo moitos medios de comunicación, é alguén que busca o desquite, quere vinganza e ata os herdeiros dos represores poden levalos aos tribunais. De aí o acerto da novela ao centrarse fundamentalmente nos represores.

O desenlace é un tanto folletinesco, mais é posible que ata na realidade acontecesen cousas así, pois a represión na Arxentina xa nos afixo a ver como os asasinos quedaban cos fillos cativos dos asasinados. Na novela, dous da patrulla que asasinan o matrimonio Pepe-Estrela acaban recollendo as súas fillas, cóidanas e ata rematan casando con elas. Soa a folletín, mais todo é posible e verosímil despois das terribles experiencias históricas vistas na Guerra Civil española, en Chile ou na Arxentina das ditaduras militares. O lector, no final da novela, non sabe distinguir, xa que logo, que hai de ficción e realidade nestes casos, pois a realidade, por dura que sexa, supera ás veces a ficción. É outro dos méritos da novela.

Outro aspecto engaiolante desta obra é o personaxe Gumersindo, o home que vive coma un Robinson, só na natureza, ao xeito dun home prehistórico, que practicamente se sustenta co que el mesmo caza ou recolle. Na mesma liña, dentro neste caso da ironía, hai que salientar a figura do xefe de estudos do instituto onde traballa o protagonista, así como a presentación acertada do ambiente de moitos dos nosos centros de ensino secundario, que tamén ofrece a novela a partir da descrición do devandito instituto.

Así mesmo, como acontece noutras novelas da memoria, e como ben salientou o estudoso estadounidense John Thompson, hai unha valoración altamente positiva do período da II República como un espazo de liberdade, federalismo e xustiza, como comprende mesmo alguén tan primario e afastado da política como o propio Gumersindo. Cómpre subliñar igualmente a presentación da Galicia rural e dos campesiños como persoas solidarias, embarcadas en proxectos sindicalistas e progresistas, que desbotan o tópico dereitista do mundo rural conservador, antimoderno e individualista, que é outro dos tópicos forxados polo franquismo e que segue aínda vixente hoxe na dereita galega e asimilados.

En canto á lingua, Quiroga é posiblemente un dos novelistas actuais que mellor manexa o galego. Así manifesta un bo uso do infinitivo conxugado, emprega o artigo diante dos nomes propios de persoa (como é habitual na lingua falada da maior parte de Galicia) ou usa formas de superlativo como “un velliño moi vello” (páx. 15), que remiten á enxebreza da súa sintaxe. Non obstante, advertimos algúns erros como o emprego do comparativo que diante de min no canto de ca (“Mellor que a min”, páx. 193), o emprego de rir sen pronominalizar con complemento de réxime (“rían da propia miseria –páx. 145–, cando tanto o DRAG como o recente Gran Xerais establecen a pronominalización obrigada nesta acepción) ou a eliminación da preposición a, ao xeito castelanista, ante os adverbios comezados por a (“de arriba abaixo”, páx. 259; nestes casos, os DRAG, a partir da chamada información agochada dun dicionario, impón o emprego de a).

Achamos erros léxicos, que máis ca ao autor, hai que atribuír á falta de lectura dos textos por correctores profesionais, como o emprego de “lentes” como masculino, o castelanismo “finca” (páx. 191), “mimos” (por mecos, páx. 20), “apartado” (como substantivo, por sección ou outro substantivo sinónimo), “modais” (páx. 56) por modos ou educación.

Como conclusión, aconsellamos a lectura desta novela para así comprendermos o noso pasado recente, así como os atrancos que atopa a recuperación da memoria histórica, máxime nestes tempos en que o goberno autonómico lle retira as axudas e subvencións á recuperación desta memoria.

Manuel Rodríguez Alonso

Feb 27th, 2010
Comments are closed.