Contra o pensamento túzaro

Episodios galegos. Tempos de esperpento
Manuel Rivas
Xerais, Vigo, 2009. 252 páxs., 17,60 €

Rivas reúne neste novo libro os artigos que publicou durante un ano na edición galega do xornal El País. O atractivo destes artigos é que non son só, a maior partes deles, de opinión, senón ao mesmo tempo literarios, pois o comentario da actualidade galega faise empregando técnicas propias da escrita literaria como a metáfora, a ironía ou, especialmente, o esperpento, para dar unha radiografía do que o autor chama o pensamento túzaro.

Ao xeito de Valle, no sintagma pensamento túzaro Rivas xunta dúas palabras que nunca antes se xuntaran e que ademais parece imposible xuntar. O pensamento é a capacidade de razoar e someter todo á luz da razón. O túzaro é quen nunca razoa, quen parte das súas ideas e non as analiza nin discute e ata, se alguén llas somete a crítica, reacciona de forma bruta e sen educación.

Os artigos de Rivas van presentando, con grande ironía e sentido do humor, as claves e persoeiros do pensamento túzaro, que xermolaron especialmente na campaña electoral das eleccións do 11 de marzo de 2009 e despois delas. Segundo o autor grandes ideas deste tuzarismo, que non analiza a realidade senón que berra tópicos e descualificacións gratuítas, son a mentira da imposición do galego e expulsión do castelán, a subvención da cultura galega (coma se o Estado non subvencionase bastante máis o Instituto Cervantes, as fábricas de coches ou a Banca), a falacia de que os defensores do galego son xente oposta ao progreso, o estereotipo de que as persoas que procuran a recuperación da memoria histórica son uns frustrados que só buscan un desquite político… Xa que logo, quen queira entrar en contacto coas ideas básicas do tuzarismo (neoloxismo acertado que inventa Rivas para este non-pensamento) ten que ler este feixe de artigos.

Mais, como xa dixemos, o libro non só analiza o tuzarismo senón que aparecen tamén os seus persoeiros: Corina Porro, Feijoo, Francisco Vázquez… Espazo á parte merecen voceiros do tuzarismo como Jiménez Losantos, Pedro J. Ramírez ou os medios que dirixen e lles dan acollida, cuxa opinión tanto preocupa ao actual presidente da Xunta. Tamén entran neste tuzarismo medios galegos, que o autor non cita polo seu nome, pero todos pensamos en La Voz de Galicia ou no Faro de Vigo, coas súas políticas claramente contrarias á normalización do galego.

Como xa dixemos, o libro engaiola o lector non só polo que di, senón por como o di. Acerta no emprego da caricatura esperpéntica e na sátira humorística. Ademais Rivas dá no albo ao empregar neoloxismos para caracterizar este tuzarismo: a non-Galicia, a Neo-Galicia, o decremento sostible/sustentable do galego que propón o goberno galego actual, a deconstrución de Galicia, a decota de Galicia… Son todos eles achados neolóxicos que atraen o lector e que provocan nel un sorriso, mais un sorriso agre e crítico.

Polo libro pasa ademais gran parte da vida da Galicia destes dous últimos anos: a súa cultura, a figura de Piñeiro despois do ano a el dedicado, libros que impresionaron ao xornalista…, en fin, a Galicia verdadeira e que nada ten que ver coa Galicia túzara.

Cómpre ler este libro para entenderemos mellor as declaracións que non deixan de aparecer na prensa nos últimos días, como a do conselleiro que di que a cultura galega vive ensimesmeda (se algo ten a cultura galega é a apertura cara ao exterior e debe lembrar o conselleiro en que lingua peninsular se fixo a primeira tradución do Ulises, por exemplo, ou comparar, estes días en que saíu Ferrín presidente da RAG, o que escribían os novelistas casteláns nos cincuenta e a xeración de Ferrín por estes mesmos anos), ou do Conselleiro de Eduación, que afirma que coñecer o galego é desprezar o resto de linguas… En fin, tuzarismo puro e duro, como o das reaccións da prensa madrileña perante a manifestación do xoves 21 de xaneiro.

Manuel Rodríguez Alonso

Feb 25th, 2010
Comments are closed.