Penélope reinterpretada

Circe ou o pracer do azul
Begoña Caamaño
Galaxia, Vigo, 2009. 309 páxs., 19 €
imaxe

Malia o título, onde aparece Circe, nesta novela epistolar e psicolóxica a protagonista é Penélope, a heroína grega, reinterpetada dun xeito moi atractivo por Caamaño, que consegue, malia que o lector xa sabe cal é o desenlace desde o primeiro momento, mantelo engaiolado ata a derradeira páxina da historia.

Caamaño retoma o mito helénico de Penélope, tópico tan ben tratado pola poesía galega contemporánea, e ofrécenos a partir del unha novela psicolóxica, mais tamén intelectual ou novela ensaio. Circe, por medio dun fabuloso paxaro mensaxeiro que ata fala, envíalle cartas a Penélope para darlle novas do seu home Ulises, co que mantén unha relación amorosa na illa de Eea. O que nas cartas iniciais é unha novela eminentemente psicolóxica (a reacción de Penélope ao coñecer os amores extramatrimoniais do seu marido Ulises), vai evolucionando cara a unha reflexión de tipo ensaístico sobre os valores machistas en que son educados os cativos e que marcarán as relacións home-muller e a súa substitución por outros que potencien a igualdade home-muller.

Deste xeito na correspondencia Circe-Penélope oponse o sistema de valores que podemos chamar masculino (do Ulises mozo, do seu fillo Telémaco) que consiste en conseguir o poder e mandar ou dominar sobre os demais, incluída obviamente a muller. A relación amorosa, mesmo a sexual, dentro deste sistema nunca é gozo nin complicidade, nin sequera sensualidade, senón posesión, dominio, conquista. Fronte a isto, Circe propón un mundo en que non domine a competitividade nin o espírito de conquista, senón a sensualidade, o lecer, a igualdade e a liberdade na relación home-muller, a sabedoría e a meditación tranquila sobre un mesmo.

Penélope, educada no sentido do deber de ser princesa ou raíña, irá evolucionando cara a este novo sistema de valores e desexará no futuro poder acceder a esta vida tranquila de meditación, autonomía e mesmo soidade, para atoparse consigo mesma e lonxe das angueiras do poder.

Axeitada é así mesmo a estrutura de contrapunto que usa a autora para presentarnos a vida de Circe con Ulises en Eea e a que leva Penélope en Ítaca, conservando o reino de Ulises, loitando contra os pretendentes ou mesmo educando o fillo Telémaco. Vemos deste xeito como Penélope é realmente unha viúva de vivo, pois canga con todo, especialmente coa educación do fillo, como adoito acontece na nosa sociedade.

Igual que fixo Lorca en La casa de Bernarda Alba, o personaxe que mellor asume o sistema de valores masculinos de triunfo, conquista e poder é, paradoxalmente, unha muller, Anticlea, a nai de Ulises. É a alineación que sofre a propia muller ao asumir os valores masculinos. Pola contra, o seu esposo Laertes simboliza en certo xeito o ideal masculino de Circe e Penélope, o rei que foxe ao monte cos seus rabaños e que non quere o poder nin a conquista.

A novela afonda así mesmo no tema existencial da evolución das persoas. O tempo e as experiencias vividas cambian a forma de ser das persoas. Non é o mesmo o Ulises ambicioso e conquistador que parte para Troia ou que actúa como un conquistador brutal na noite de vodas con Penélope ca o Ulises curtido pola guerra, a morte ou os fracasos que chega xunta Circe. Tampouco é a mesma a tímida e apoucada Penélope adolescente que chega para casar con Ulises ca a Penélope do remate da novela, expresión máxima da sabedoría e da prudencia. Por certo, se nos poemas homéricos Ulises é a personificación da sagacidade e da prudencia, na novela quen personifica estas virtudes é Penélope.

En canto á lingua, a sintaxe lenta e ás veces un tanto complexa do texto reproduce en certo sentido o estilo dos poemas homéricos, como as perífrases mitolóxicas, os epítetos épicos ou as construcións de participio absoluto. Todos os que tivemos a sorte de traducir nos nosos anos preuniversitarios os poemas homéricos gozamos lembrando ese estilo e traducións a través desta lectura. A lingua, pois, resulta moi acaída para o tema e propósitos da narración.

A autora busca así mesmo un galego enxebre e potencia as estruturas que non coinciden co castelán, como a anteposición do pronome átono ás formas amodotemporais cando van introducidas por preposición, o emprego do sufixo -bel ou a construción do CD sen a cos nomes propios de persoa. Non obstante, en ocasións cae en hiperenxebrismos sintácticos, como o emprego do infinitivo conxugado inmediatamente despois do verbo modotemporal co mesmo suxeito (“afirman seren portadores”, páx. 12) ou mesmo en perífrase verbal (“non deben sentírense”, páx. 50). Do mesmo xeito úsase canda en lugar de xunta (“retorne canda nós” –27–, expresando dirección e non simultaneidade ou compaña, como é o correcto). Atopamos o cheísmo en “en quen che fai máis neno” (páx. 279) ou mesmo o uso incorrecto da reflexión (“amputarse un membro, páx. 176). No léxico aparece colmar por encher (“colmase as súas ansias“, páx. 202), cando en galego colmar é ‘cubrir un teito con colmo ou palla’. Tampouco debe empregarse varón por home.

Cómpre ler esta novela, mesmo nos nosos centros de ensino de secundaria e bacharelato, para vacinar contra o machismo, non só na clase de galego, senón tamén en materias como filosofía, historia ou educación cívica. A tese do remate en que se propón unha educación nuns valores diferentes aos tradicionalmente masculinos –de conquista, ambición e poder– e que potencien a tolerancia, o respecto cara aos demais, a paz, o espírito lúdico, a sabedoría, a introspección sobre quen somos, o respecto pola liberdade e a autonomía do outro, non é para botar en saco roto.

Manuel Rodríguez Alonso

Feb 24th, 2010
Comments are closed.